sábado, 27 de junho de 2015

VAOSILVEIRO



VAOSILVEIRO / Gonzalo López Abente
6 de marzal do 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña.
Volume XX
171 p ; 17 Cm.

A novela Vaosilveiro foi escrita por Gonzalo López Abente e impresa por Nós na Coruña en 1929.

López Abente publicou cinco relatos, principalmente narracións curtas, todos eles anteriores a 1936. (2) Tamén cultivou con intensidade a poesía e ocasionalmente o teatro e o ensaio.

Vaosilveiro é a única novela longa do autor. Todos os textos están ambientados nos pobos mariñeiros da Costa da Morte, tecendo ao longo da súa obra un único relato presentado desde diferentes perspectivas históricas, onde xorde o romanticismo característico da súa prosa, ás veces enmarcada nun escenario mítico e simbólico, outras contemporáneo, pero sempre situando as narracións na contorna da vila de Muxía onde viviu.

No número 66 da revista Nós de xuño de 1929 atopamos un comentario crítico sobre Vaosilveiro na sección: Os homes, os feitos, as verbas.

En Vaosilveiro, López Abente – que é sempre un clásico no senso en que o era Pondal, seu parente, clásico sen deixar de ser romántico – colle un tema coñecido e espallado na literatura universal: o do rapaz namorado da sua madrasta, coma se dixeramos, a mitade do complexo d’Edipo, e dalle un desenrolo persoal, resólveo no mundo do esprito, sen freudismo, sen lixar co-a mais pequena nódoa de baixa paixón, a pureza da paisaxe que sirve de fondo.

O autor utiliza como recurso literario o relato dun suposto narrador para dar a coñecer a traxedia dos fidalgos de Vaosilveiro, desaparecidos por causa da paixón que sente o mozo Fins pola súa madrasta Elvira. A novela confronta o amor imposible da parella fidalga coa relación entre os criados Alberte e Sabela, ofrecendo ao tempo unha visión da vida no campo galego a comezos do século XX dominada pola fe sinxela, mestura de inxenuidade e meiguería, e os costumes ancestrais dos labregos, submisos e dependentes dos amos. No texto destaca como outra personaxe máis a paisaxe esgrevia da costa.

O relato transmite desde as primeiras páxinas a saudade pola perda dun tempo pasado onde os señores guiaban as vidas dos labregos.

No comezo os actos de Fins están gobernados pola carraxe que sente pola súa madrasta, pero logo cede diante doutro sentimento máis complexo cando namora dela. A decisión do mozo de abandonar o pazo para non agraviar os pais determina a fin dos fidalgos de Vaosilveiro.

Obra narrativa de López Abente

Sinopse da obra

O abade de San Fins, Álvaro de Gondomar, cóntalle ao sobriño a historia dos últimos fidalgos do pazo de Vaosilveiro, agora derramado e cuberto por silvas e hedreiras.

Don Afonso casou logo de enviuvar con dona Elvira, unha moza corenta anos máis nova ca o fidalgo. O fillo, don Fins, recibiu a nova como unha aldraxe, resentido contra a muller que viña ocupar o lugar da nai morta.

Fins deixa Madrid para volver ao pazo e chega mollado a pingar pola tormenta. Os seus problemas de saúde agrávanse e na casa ventan a morte.

Derrubado nun sillón, D. Afonso bebía o fel acedo da dôr; co-a i-alma esnaquizada ollaba impotente pra o fillo amado i-escoitaba o ronco son d’aquel refolgo gurgullento que lle fería no mais sensibre.

O mozo enfermo delira e confesa diante de Afonso e Elvira o rancor que sente por ela, incapaz de perdoar a traizón do pai.

En paralelo á historia dos señores sabemos das coitas de Sabela e Alberte. A moza traballa no pazo e a nai teima en casala co vinculeiro de Vilachán. Ela rexéitao polo amor de Alberte, un mozo orfo acollido na casa cando neno.

Probe, fabricou unha dourada ilusión abrindo a i-alma de Sabela. Aquel amor era o tesouro que gardaba, a facenda que tiña, as searas que poseía; ¡i-o ladrón do vinculeiro inda aquela riqueza quería lle roubar!

Tres semanas máis tarde Fins deixa o leito e sabe polos criados que a nova señora respecta os costumes da casa, actuando en todo como unha continuación da nai. Daquela o mozo cambia o criterio e desbota os prexuízos que o acompañaron cando chegou ao pazo.

Unha vez que a paz volve a Vaosilveiro, Alberte pídelle consello a Fins sobre as coitas con Sabela. O mozo fidalgo promételle arranxar o conflito e, concertado con Elvira, dálle a Alberte en foro o lugar de Risamonde.

E así, feito un labrador, dono d’unhas terras, quizais mellores qu’as que han de seren c’o tempo do fillo do vinculeiro, poiderá convencere a ña Andrea; e vostedes libértanse dos coidados d’aquelas searas e non terán outros que os de cobraren a renda todol-os anos.

Elvira cédelle a Sabela o muíño de Prado para equiparar a unión con Alberte e os señores concertan a voda dos mozos, onde Fins e Elvira son os padriños.

O autor presenta o contrapunto entre a felicidade dos novos caseiros e a angustia que senten Fins e Elvira cando descobren o seu amor imposible. Incapaces de conter a paixón que os une, Fins decide abandonar o pazo e foxe a América.

E cando, pasado o tempo, o negro corvo das cativas novas bateu as áas enriba do pazo, traguendo o fin do mozo fidalgo, xa D. Afonso acougaba baixo a sombra dos alciprestes do adro de Santa Leocadia de Figueiroa, e Dª Elvira, mucha e branca como unha folla d’outono, caeu guindada da albre da vida nos sendeiros iñorados do máis alá.

¡Así arremataron os fidalgos de Vaosilveiro!

(1)    Fonte da imaxe de Gonzalo López Abente: LaVozdeGalicia.es
(2)    López Abente publicou cinco relatos: O diputado por Veiramar. Imprenta Nova, A Coruña. 1919. O novo xuez. Céltiga nº 4, Ferrol. 1922. Buserana. Revista Lar nº 11, A Coruña. 1925. Fuxidos. Revista Lar nº 26, A Coruña. 1926. Vaosilveiro. Nós, A Coruña. 1929.
 

sábado, 13 de junho de 2015

A DATA DA INSCRIPCIÓN DA PORTA DAS PRATERÍAS



A DATA DA INSCRIPCIÓN DA PORTA DAS PRATERÍAS / Xesús Carro García
1932
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago.
15 p + 5 láminas; 24 Cm.

Xesús Carro García escribiu A data da inscripción da porta das Praterías, separata exenta dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos impresa por Nós en Compostela en 1932.

O texto tamén foi incluído no cuarto volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.

Xesús Carro, cóengo da catedral de Compostela e director da sección de Arqueoloxía e Historia da Arte do SEG, contribuíu ao catálogo da institución con distintos traballos relacionados todos eles coa catedral. (2)

O estudo onde Carro divulga as diferentes interpretacións sobre os signos inscritos nunha das xambas da porta das Praterías, comeza dando conta do enmarañado preito sobre a datación da obra e que os estudos coetáneos interpretan como 1112 ou 1117 (3). O autor establece o comezo das obras de edificación do templo moderno pouco antes, entre os anos 1072 e 1073 (4).

A razón desta discrepancia sobre a data de edificación da porta explícase porque a inscrición foi renovada coa intención de definir mellor os trazos, pero esta intervención é causa probable da polémica.

O autor compara a inscrición formada por números romanos e letras con outros símbolos medievais e dá conta das conclusións expostas por varios historiadores, citando entre outros a Villaamil e Castro, Murguía, López Ferreiro, Ánxel del Castillo e Kingsley Porter.

Mr Porter non desbota as tres leituras: a miña, Era MCXII; a máis corrente e xeneralizada, Era MCXVI; e a de Gómez Moreno, Era MCXLI.

Outros traballos datados entre os séculos XIV e XVIII atopados por Carro e Pérez Constanti (5) no arquivo da catedral, contribúen a estender a polémica tanto na interpretación da data como no texto, que pode entenderse como KALENDAS ou IDUS.

Non obstante e sen chegar a afirmalo categoricamente, Carro inclínase por interpretar a data como 1112.

A posibilidade de ser MCXII e que o rasgo da X fose engadido, como paresce. Si ansí foi, o fixeron denantes do século XVI. Xa co rasgo unido â X debemos téla como Era MCVII. As datas MCXVI e MCXLI perden preferencia. Esperemos algún dato novo que nos traiga máis craridade. Contentémonos pol-o de agora cos presentes achádegos. A inscripción da xamba da Porta das Praterías non pode esquencerse no arte románico.
 
(1)    Fonte da imaxe de Xesús Carro: realacademiagalega.org
(2)    O tímpano da capela de dona Leonor. Revista Nós nº 80; Arquivos do Seminario de Estudos Galegos V; Separata exenta dos Arquivos do SEG. (1930). O botafumeiro da catedral Compostelán. Revista Nós nº 109; Separata do SEG (na separata o traballo titúlase: O botafumeiro da catedral de Santiago) (1933).
(3)    Actualmente admítese que a construción da fachada das Praterías comezou no ano 1103.
(4)    As obras de construción da actual catedral románica comezaron no ano 1075.
(5)    Pablo Pérez Constanti (1857-1938). Arquiveiro do concello de Compostela. Autor de varios libros entre os que destacan Notas viejas galicianas (1925-1927) e Diccionario de artistas gallegos de los siglos XVI y XVII (1930).
(6)    Fonte da imaxe da xamba da porta das Praterías: wikipedia.org