terça-feira, 5 de janeiro de 2016

CANCIOEIRO DAS RIBEIRAS DO TEA



CANCIOEIRO DAS RIBEIRAS DO TEA / Fermín Bouza Brey e Luís Brey Bouza
23 de marzo de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36–1º. A Cruña
38 p ; 21 Cm.

O Cancioeiro das ribeiras do Tea recollido conxuntamente por Fermín Bouza-Brey Trillo e o seu curmán Luís Brey Bouza e presentado polos dous como traballo de ingreso no Seminario de Estudos Galegos o día 2 de outubro de 1928, foi impreso por Nós na Coruña en 1929.

Este mesmo texto tamén apareceu no número 63 do Boletín Nós, de marzo de 1929 e no Suplemento Nós número 4, distribuído de balde para promover a revista, e onde o editor escolmou algunhas das cantigas.

A diferenza dos Arquivos do SEG, non era habitual que estes traballos de escasa tiraxe estivesen destinados á venda, e Nós enviaba os exemplares impresos á institución e aos autores para que atendesen os seus compromisos, como sucede coa separata utilizada nesta recensión e que foi dedicada por Fermín Bouza ao doutor Mendes Correia, durante o tempo en que Bouza exerceu como xuíz de primeira instancia en Viella.

Ao Dr. A. A. Mendes Correia o gran investigador lusitano cordialmente
Fermín Bouza Brey
Viella 8-04-929
Valle de Arán - Lérida

Como tamén fixeron outros investigadores do SEG adscritos á sección de Etnografía, Fermín Bouza defendeu a necesidade de preservar a cultura popular expresada nas cantigas, escolmando os cantos por localidades. Neste traballo os dous autores recollen as cuadras ou cantos de Alalá na denominación de Murguía.

Escollimos a rexión das ribeiras do Tea pra encaixar as cántigas presentes xa que elas foron percuradas nas parroquias de Fornelos da Ribeira, Salvaterra de Miño, Pesqueiras e Pontareas principalmente, todas emprazadas n-unha zona caraiterística que leva na nosa xeografía económico-rural o calificativo de terras do Condado
Separata do SEG, revista Nós nº 63 e Suplemento Nós nº 4
Non obstante os autores eliminan do traballo os cantos abertamente obscenos “que deben recollerse e pubricarse, non en revista, que pasa por todal-as mans, senón, debidamente comentadas, en lugar aparte pois son tamén fonte leisicográfica e de análisis temperamental e íntemo do pobo”.

As cantigas clasifícanse por contidos, como propón Vicente Risco, e nelas predominan as de desprezo e desdén, seguidas das amorosas e burleiras.


AMOROSAS 
                             
O loureiro raís de ouro
bota folliñas de prata...
Coller amores non custa
olvidalos si que mata.

Atrévete, queridiño,
atrévete venme a ver.
As cartas son escusadas
para quen non sabe lêr.

Fuches falar mal de mín
a xunta dos meus amores,
fai de conta que botache
auga por riba de frores.

ANIMAES E PRANTAS

O paxaro de María
anda nas miñas cereixas
come paxariño, come
que éi de ver as que me deixas.

Este é o tempo do tróupele, tróupele,
este é o tempo de troupelear,
este é o tempo de mazal-o liño,
este é o tempo do liño mazar. 

CANTAR E BEILAR

Si queres que o carro cante
móllalle o eixo no río,
despois do eixo mollado
canta como un asubío.

CASAMENTO

San Antonio de Canedo,
casamenteiro das vellas,
porque non casas as novas
que mal che fixeron elas.

DESDÉNS E DESPRECIOS

Cando quixen non quixeche,
ora queres i-eu non quero,
levarás á vida triste
que eu ben alegre cha levo.

Cálate, vaite calando,
cara de caracandil,
fociño de porco bravo,
barriga de tamboril.

Gastas muita fantasía
co a tua gorra de lado;
de piollos unha cunca,
de lendias medio ferrado.

HUMORÍSTICAS

Alá arriba non sei donde
había non sei que santo,
que rezando no sei qué
gañábase non sei canto.

Os homiños que hai agora
son poucos e valen menos,
vai o cento a catro cartos
como os xurelos pequenos.

Meu amor é tartamudo
i-ô falar tartamudea
e pra decir, que me quer
tarda tres horas e media.

PICARESCAS E SATÍRICAS

No convento de Canedo
hai vintacinco escaleiras,
por unha van as casadas
por outra van as solteiras.

Tua nai, tua nai ten a fama
de levar ôs amigos pra a cama.
E teu pai e teu pai tamén tén
de levar âs amigas tamén.

O abade de Pesqueiras
ten de fillos un ferrado
cando teña unha maquía
xa merece un obispado.

(1)  Fonte da imaxe de Fermín Bouza-Brey: www.carloscallon.com.