mércores, 5 de agosto de 2020

LEMBRANZA DE GOETHE


LEMBRANZA DE GOETHE / Ramón Otero Pedrayo
NÓS, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
1932
40 pp ; 18 Cm.

O folleto Lembranza de Goethe foi escrito por Ramón Otero Pedrayo e editado por Nós en Compostela en 1932.

Este pequeno caderno recolle unha conferencia ditada por Otero na Asociación de Alumnos do Instituto de Ourense o 6 de marzo de 1932 en conmemoración do centenario da morte de Johann Wolfgang von Goethe, ocorrida o 22 de marzo de 1832.

O texto vai seguido da tradución ao galego do diálogo entre Fausto e o centauro Quirón extraído da segunda parte de Fausto, escrita por Goethe no ano da súa morte.

O número 100 da revista Nós publicada en abril de 1932 inclúe outra homenaxe baixo o mesmo título da conferencia, subtitulada agora: “A ronda dos amigos”, onde Otero repasa a vida de Goethe entre o Barroco e o Romanticismo, dous séculos evocados a miúdo na súa obra, a través dos amigos e lugares que influíron nel.

Goethe non sentía a Prusia como tampouco Hoffmann, sentía Berlín. Goethe renano sentíase superior como encarnación d’unha Europa que logo ninguen tivo na man.

Dicía Ramón Piñeiro que Otero é antes que nada un orador dotado dunha característica que o singulariza, ao non procurar establecer un diálogo co auditorio coa intención de influír nel por medio dunha tensión comunicativa, senón que a súa palabra adoita expresar en voz alta o mundo de seu.

Cando fala, entrégase moito máis ao tema que ao auditorio; segue, despreocupadamente, o curso espontáneo e libre das asociacións que van xurdindo na súa mente. E ségueo en voz alta, engaiolando a quen o escoita coa maxia do seu lirismo inesgotable. (2)

Esta característica pode estenderse tamén a boa parte da obra escrita por Otero, que evoca un denso monólogo atravesado por metáforas líricas, onde agroma a libre asociación de ideas.

A falta de equilibrio entre o caudal expresivo, sempre abondoso, e a súa estruturación formal, sempre feble, orixinan ese barroquismo literario do que tanto se ten falado e que non é máis que submisión expresiva do escritor ás características expresivas do orador que Otero Pedrayo é antes e por enriba de cousa ningunha. (3)

Lembranza de Goethe é un exemplo das impresións de Piñeiro. Otero comeza a conferencia evocando o día da morte do alemán.

O día 22 de Marzal do 1832, en Weimar, afondido na sua cadeira de patriarca lexendario, Xohán Wolfgang Goethe, pouco dinantes do mediodía, morría docemente. A Primadeira viña frolecer outravolta os cotos e as chairas da Xermania; poucos días dinantes o grorioso vello fixera seu derradeiro paseio pol-o bosque agromado, e pol-a silva da lembranza vagaba, sereo e curioso, o esprito atento, creador, optimista.

Goethe representa unha dimensión particular da cultura occidental no século XVIII encarnada anos máis tarde na república de Weimar, sucesora do antigo Sacro Imperio Romano Xermánico. Otero, como outros membros da Xeración Nós neste tempo de entre guerras, admira o que el chama estilo alemán e que evocará particularmente en Fra Vernero, publicado por Nós en 1934.

Iste sentido do Imperio estaba vivo no pai de Goethe, o grave doutor Xohán Gaspar, conselleiro privado, home de lei, pousado patricio.

Goethe herdaría do pai o sentido común e a seriedade. Da nai, a fantasía e o gusto por fabular.

Fiel ao seu estilo, Otero evoca acontecementos e persoas superpostas na traxectoria de Goethe como peteiradas na súa vida, sen desenvolver as suxestións dando por feito que o público sabe de que fala e xa que logo abonda con sementar as ideas no aire.

Mañán da batalla de Walmy, centileantes alboradas nos neveiros alpinos, lus vaporosa dos ermos do Latium, sonata de Beethoven, fuxitiva, angustia de creación, - revelación dos mármores de Egina, anatomía trascendental, paixón do Werther, síntesis do derradeiro Fausto... - ¿qué infinda estadea farían as somas na ialma do vello, cando aínda nas verbas da agunía demandaba: máis lus?

Antes de se establecer en Weimar, Goethe lidera o movemento romántico. Despois viaxa a Italia, interésase pola ciencia e vive entre a Revolución e o Imperio.

Waterloo: 18 Xulio 1815. A Europa, por fora, vólvese refuxiar no século XVIII. Goethe sigue seu rumbo seguro. Ainda falla o segundo Fausto.

Goethe ten sesenta e seis anos. Había vivir dezasete máis e todos os grandes enxeños do século manteñen correspondencia con el.

O 14 Marzal, dá un paseio. Morre o 22, docemente, o meirande piñeiro do bosque boreal da Europa.

Otero non afonda durante a conferencia na obra de Goethe, senón que traza mediante a relación instantánea de nomes e feitos o decorrer do tempo, insistindo en que boa parte da cultura europea deses anos foi inspirada por el.

Caso que se non volta a repetire. A pesares de certas aparenzas non hai dereito á falar d’unha Europa wagneriana, nin nitzcheana, nin renaniana.

Por último, Otero glosa a influencia do Fausto onde Goethe establece a simboloxía popular do mito e despide a conferencia celebrando a primeira homenaxe tributada ao autor.

É pra todos nós gasalleiro o feito de que cecáis o primeiro – dende logo na Galiza – homaxe adicado en Hespaña ô Mestre de Weimar, seña realizado n-ista xuntanza de mozos galeguistas. Pra eles todo o meu amor e confianza. As miñas palabras non son nada. A nosa cordial asistenza, sono todo n-ista festa do Esprito.

(1)   Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)   Ramón Piñeiro. Olladas no futuro. Otero Pedrayo orador. PP. 148-151. Editorial Galaxia. 1974
(3)   Idem nota 2.


sábado, 20 de xuño de 2020

NOUTURNIO DE MEDO E MORTE


NOUTURNIO DE MEDO E MORTE / Antón Vilar Ponte
21 de maio de 1935
Edición Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume LXXI
30 p ; 17 Cm.

A peza teatral Nouturnio de medo e morte foi escrita por Antón Vilar Ponte e impresa por Nós en Compostela en maio de 1935.

Nouturnio de medo e morte. Bárbara anécdota realista en dous tempos (sin literatura) que puido andar nos romances dos cegos. É unha peza curta en dous actos escrita para ser representada por cinco actores e que trata sobre a cobiza e a miseria, presentadas no ambiente naturalista e simbólico de tendencia universal que Antón Vilar procurou para o teatro galego, tomando como modelo o movemento dramático irlandés.

A mobilización galeguista propiciada polas Irmandades promoveu o desenvolvemento do teatro como elemento normalizador do idioma galego. Desde entón e até xullo de 1936 os autores teatrais tomaron dúas direccións: dunha parte as obras costumistas, de carácter cómico e moralizante, e da outra as comedias urbanas que procuraban establecer un canon culto para o idioma, evitando os vulgarismos e enxebrismos da etapa anterior.

O teatro galego, do mesmo xeito que a loita ideolóxica que se deu no interior das Irmandades, viviu durante tempo a confrontación entre as tendencias tradicionais e a renovación estética comandada de xeito singular por Antón Vilar, coa arela de crear un teatro nacional.

Desgraciadamente, a ausencia dun público urbano interesado na primeira metade dos anos 30 e unha vez rematada a ditadura de Primo de Rivera, limitou o alcance da iniciativa.

Nas cidades non se crearía un grupo teatral galego até logo da morte de Antón Villar Ponte (marzo de 1936). Tratouse do grupo Keltia, fundado na Coruña, dirixido polo actor Serafín Ferro, que se puxo a ensaiar tres obras: O país da saudade, de Yeats, Nocturno de medo e morte, de Antón Villar Ponte, e Matria, de Álvaro de las Casas. Desde logo, os acontecementos do mes de xullo daquel ano impediron por completo que estes proxectos se puidesen converter en realidade. (2)

A obra foi levada ás táboas en 1996 polo Centro Dramático Galego compartindo cartel coa peza Riders to the sea e baixo a dirección de Quico Cadaval, con Xosé Manuel Olveira “Pico” no papel de Fuco da Arnoia, Salvador del Río como Mingos e Lino Braxe como don Ramonciño.

Sinopse da obra

A primeira escena sucede na taberna de Mingos contra a noitiña, mentres o taberneiro bota contas da xornada amoreando as moedas sobre o mostrador.

Cata que tal. ¡Qué porcallada! ¡Qué miseria! Imos do goio par’a lama. ¡Lévem’o demo se asín se pode seguir un mes máis! Hoxe en tod’o día nin trece reás de venda.

O dono da casa e as terras teno ameazado co desafiuzamento e agora o negocio non rende porque abriron outras tabernas na parroquia. “Seique n’hai casa sen ramallo de loureiro â porta”.

Fuco da Arnoia chega á taberna cego da carraxe e conta como dous enmascarados detivérono no camiño e roubáronlle os cincuenta pesos que levaba, sen dar cos outros catrocentos que agocha no sombreiro.

Si mos chegan a uliren os bocoies que vou mercar a Enfesta ben caros me sairían.

Fuco pasa a noite na taberna e logo de se deitar chega o médico don Ramonciño cunha mensaxe do fidalgo ameazando a Mingos con levalo ao xulgado se non paga os dous anos de renda que debe.

¡Que lle pague ô Fidalgo! E ten razón. Pro ¿como ll’hei pagare? Teño máis débedas que dedos nas máns.

Cae o pano do primeiro tempo e a escena trasládase a un cuarto do sobrado na taberna.

Fuco escoita murmurios no baixo que lle recordan as voces dos salteadores do camiño parolando con Mingos. Son os fillos do taberneiro. Pola fiestra ve un deles sachar na horta.

Xa me decato: unha cova para enterrar n’ela o meu corpo despois de m’asesinaren. ¡Seino todo! ¡Valeime, Virxe Santa!

O arrieiro argalla un vulto coa roupa e déixao no leito co chapeu sobre a cabeza. Logo fica á espreita ao carón da porta por onde entra Mingos cun coitelo e dun pulo chouta sobre a cama para chantalo no vulto. Fuco bótase entón a el e esgánalle o pescozo coa navalla.

¡Eu que te matei, ladrón, antes de que ti me asesinaras a mín.

Despois foxe antes de chegaren os fillos de Mingos.

Por parvos nos perdemos. Coidamos que o outro non se decataría... X’o ves. Soupo máis que nós.
Cegounos a cobiza.

(1)   Fonte da imaxe de Antón Villar Ponte: Real Academia Galega
(2)   Historia da literatura galega III. De 1916 a 1936. Xosé Ramón Pena. P. 466. Citando a Laura Tato Fontaíña (1999).
  


domingo, 19 de abril de 2020

JOIAS ARCAICAS ENCONTRADAS EM PORTUGAL

JOIAS ARCAICAS ENCONTRADAS EM PORTUGAL / Mário Cardozo
2 de abril de 1930
NÓS, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
37 p ; 27 Cm.

A separata Joias arcaicas encontradas em Portugal escrita por Mário Augusto de Vasconcelos Cardozo foi impresa na rúa Real da Coruña en 1930.

Mário Cardozo foi un militar, etnógrafo, arqueólogo, historiador e editor de Guimarães especializado no estudo da ourivería castrexa e particularmente da citania de Briteiros, onde participou intensamente nas campañas de pescuda.

O documento impreso pola editorial Nós por conta do Seminario de Estudos Galegos foi publicado previamente no boletín Nós entre decembro de 1929 e marzo de 1930 (Bol. Nós nº 72, Pp. 207-218; Bol. Nós nº 75, Pp. 43-63), dividido en tres apartados:

I – O tesouro inédito de Cabeceiras de Basto
II – Inventario dos achados portugueses
III – Bibliografía


O tesouro a que nos vamos referir tem-se conservado quási desconhecido, desde a data do seu aparecimento, há cêrca de vinte anos! Consta de três peças de ouro: um crescente, ou lunula, e dois pequenos discos. Está actualmente em poder do coleccionador, de Viana-do-Castelo, Sr. Serafim de Sousa Neves, o qual, em fins de 1911, comprou estas jóias a um ourives que, da cidade de Braga, costumava ir feirar na súa indústria a Cabeceiras de Basto.

O ourive Fonseca mercou na feira de Cabeceira de Bastos as xoias descubertas nun xacemento indeterminado coa intención de fundilas, pero antes pasaron polas mans do anticuario Neves, quen procurou adquirilas para conservalas deica o momento en que foron vendidas por unha das súas descendentes. Actualmente poden verse no Museo Arqueolóxico Nacional de Lisboa.

O tesouro consta dunha lúnula e dous círculos confeccionados cunha fina lámina de ouro. O crecente presenta dous furados nos extremos por onde pasar o fío para cumprir a función de colar e foi pregado en tres “pelo ignorante descobridor, para melhor a ocultar no bôlso ou na carteira, juntamente cos dois discos. A dobra inicial provocou mesmo um comêço de fractua na superficie anterior da lúnula”. A peza tamén foi fracturada nun dos extremos para achegar o fragmento aos ourives e determinar o valor do ouro sen amosar o conxunto.


Os discos son aínda máis finos que a lúnula, cun espesor de 1/3 a 1/4 mm, ornamentados con círculos concéntricos usuais das representacións solares e presentan pequenos furados no centro. É probable que os discos foran cosidos sobre as roupas e cubrindo os seos dunha muller soterrada, como teñen aparecido noutros enterramentos.

O culto do Sol, como o da Lua, foi praticado na Península Hispânica desde os tempos pre-históricos até á romanizaçao, pois em muitas lápidas sepulcrais hispano-romanas se vêem ainda insculpidos os correspondentes símbolos astrolátricos.

Porén non dispor da información sobre o xacemento onde se produciu o achado, Cardozo establece a súa antigüidade por analoxía con outras pezas coñecidas da idade do Bronce, anteriores ao primeiro milenio a.C. e dunha feitura semellante ás xoias arcaicas irlandesas previas ao desenvolvemento pleno da súa ourivería, novo indicio das relacións comerciais da rexión con Irlanda e o sur de Gran Bretaña.

As joias da espécie das de Cabeceira de Basto, praticadas em finas lâminas d’ouro, podiam muito bem ter, pela sua delicadeza, uma aplicaçao meramente funerária, e, pela sua forma astral, um sentido votivo religioso, tanto mais que na Ibéria existiam grandes relações entre a necrolatria e a astrolatria.

O traballo segue coa relación das xoias prerromanas atopadas en Portugal, laiándose o autor da ausencia por aqueles días dun manual arqueolóxico que sistematice e relacione os achados.

Cardozo establece tres zonas diferenciadas. A primeira ao norte do Douro, constituída polas rexións Entre-Douro e Miño, e Tras os Montes. A segunda Entre-Douro e o Tejo, e a terceira ao sur do Tejo e sistematiza os achados en grupos formados por colares, brazaletes, diademas, lúnulas, arracadas, aneis e outros obxectos de uso non determinado.

(1)   Fonte da imaxe de Mário Cardozo: www.patrimoniocultural.gov.pt/
(2)   Foto tesouro. Antónia Lobato