quinta-feira, 3 de março de 2016

O PORCO DE PÉ



O PORCO DE PÉ / Vicente Risco
6 de xullo de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real 36-1º. A Cruña
200 p ; 17,5 cm.

A novela O porco de pé foi escrita por Vicente Martínez-Risco e Agüero e publicada por Nós na Coruña en 1928.
No mes de outubro deste mesmo ano, Antón Villar loa a poliédrica figura de Vicente Risco no número 58 da revista Nós e láiase da indiferenza dos galegos, enfermos de provincianismo e incapaces de admirar os méritos dos seus artistas, pero sempre atentos ao xenio chegado de fóra.
No xuízo de Villar, realismo, idealismo e humorismo andan da man ao longo das páxinas da novela.

O Porco de Pé non é un libro máis, senón un bó libro galego, onde hai unha cousa céntrica: o humorismo racial deitado dondamente pol-a campía da sensibilidade moderna, com’a i-auga dos regatos pol-as leiras multiformes das nosas terras de minifundio. (2)

O suplemento gratuíto número dous da revista Nós, publicado en xaneiro de 1929, escolma algúns parágrafos da obra e inclúe unha breve recensión publicitaria da novela, xunto cunhas liñas do editor:
A continuación pubricamos uns anacos da derradeira novela de Risco, para que os nosos lêtores, que a non conozan, se decaten do seu grande mérito, que xustifica o eisito de venda que acadou ista obra que debe lêr todo bó galego.

O porco de pé é unha sátira protagonizada por don Celidonio, antítese do doutor Alveiros, personaxe recuperado por Risco logo da súa aparición en 1919 na novela curta Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros. (3)
Don Celidonio é a caricatura do comerciante castelán que medrou mesturando a astucia coa inmoralidade, para gobernar o lugar onde chegou sen un can na faldriqueira. Todo nel é graxa e manteiga, por dentro e por fóra.
Don Celidoneo é gordo e artríteco. O carrolo saille pra fora; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cór do magro do xamón, e tan lustrosas, que semella que botan unto derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un pouco pra baixo.
Risco traza unha radiografía do caciquismo a comezos do século XX e do ascenso na orde social das chamadas Forzas Vivas, que operan decote xuntas como divindades corporativas, guiadas por intereses, que non principios. Segundo as circunstancias, o cacique abeira tanto cos liberais como cos agrarios, procurando o seu único beneficio.
A narración, aceda e certeira, expón as causas da corrupción e o caciquismo empregando o humor como nun baile choqueiro, onde as máscaras reproducen deseguido os predicibles movementos que caracterizan as personaxes.
Sinopse da obra
Na post-guerra, Don Celidonio ascendeu de porco á marrán e chegou á Alcalde. A parenta inflou com’o o fol da gaita.
Don Celidonio veu de Castela para servir de mancebo no negocio do futuro sogro, Baldomero García, tamén castelán, quen fixo fortuna vendendo queixo polas portas e que a forza de aforrar e non gastar un peso, fíxose en propiedade coa tenda, que logo trasladou á Praza Maior, e trouxo da súa terra a dona Emerenciana e a filla, Nicasia.

Cando os comerciantes de vello da vila morreron ou crebaron, Baldomero comprou por catro cadelas as tendas e os clientes.

Celidonio chegou ao establecemento pouco antes da morte de dona Emerenciana, dun ataque de mal xenio. Aquel espírito lardeiro medrou ao abeiro do sogro, casando coa Nicasia e entrou a formar parte do negocio familiar antes da morte de Baldomero, quen morreu como viviu: aforrando.

O xastre fíxolle entón varios traxes e “de que meteu os miolos na chistera, don Celidonio fíxose outro. Cando come, aínda fai clape, clape, com’os porcos na maseira, mais xa non come cos dedos, nin lambe o prato nos convites”. E aquela chistera abriulle as portas da representación pública, comezando a carreira en calidade de “Forza Viva”.

Comisionado polas outras Forzas Vivas do pobo, viaxou a Madrid e alí visitou o Ministerio e coñeceu o Conde, quen faría del concelleiro. Tamén enfermou, poñéndose nas mans do doutor Alveiros, quen descubriu a afinidade física e psicolóxica entre o comerciante e o porco, animal totémico que galgaba no seu interior, e salvouno co único remedio de afastalo do mundo moderno para que o porco ocupase de novo o seu lugar.

Cando D. Celidonio chegou a Alcalde, quixo facer ô Dr. Alveiros médico do Auntamento.

Na cidade rural había tempo que desapareceran os señores e o seu posto ocupábano os políticos e os tendeiros, remudando a liñaxe pola Razón Social. Alveiros era un espírito cínico e lúcido, que desprezaba tanto o pragmatismo dos poderosos como o idealismo dos mozos.

Os ventres fartos vencidos pol-os ventres famentos, e sempr’os ventres.

Un día o demo visitou a casa do doutor Alveiros para tentalo e propúxolle casar coa filla do alcalde. Mais o demo tamén soprou na casa do Conde e este pediu a Celidonia para seu fillo, porque o distrito de Solveira resultaba chave para obter os deputados provinciais e quixo poñelo baixo a influencia do herdeiro. Alveiros xurou vinganza e presentouse como candidato dos agrarios polo distrito.

Con todo, as eleccións non chegaron a producirse, porque entón proclamouse a revolución e todos os distritos declaráronse agrarios.

Don Celidonio aforrou así os gastos da campaña do fillo do Conde e as autoridades, en lugar de perseguilo, convidárono a participar na nova Xuntanza Cidadá. Don Celidonio aceptou de novo o cargo de alcalde, porque os seus cartos mereceron a unánime aprobación dos antigos rebeldes, pero antes manifestou por carta a súa adhesión ao conde por se volvían os liberais.

Non contentos con telo restituído no posto, as novas autoridades proclamárono cidadán exemplar.

Iniciouse unha suscrición pra lle regalar o uniforme de Xefe Superior d’Administración, as insiñas da Cruz d’Alfonso XII e un bastón de mando, e constituíuse unha Comisión pra lle faguer unha homaxe popular.

A homenaxe virou nunha apoteose alegórica, onde participou toda a sociedade da vila e aquela cidade que antes existía por existir, agora atopou por fin un sentido, pois alí foi onde viviu, enriqueceuse e fixo a súa carreira política don Celidonio.

O único veciño que non asistiu á homenaxe foi o doutor Alveiros, refuxiado baixo chave na casa. Pero aquela noite aparecéuselle de novo o demo e recomendoulle ir manifestar a súa amizade á casa do alcalde. Con iso non perdía nada e aínda máis, gañaba un valedor.

E alá foi, vestido coa súa mellor roupa, para afundirse nunha aperta agarimosa con don Celidonio. Logo chegou de novo o balbordo, as carreiras, o estrondo dos coches de bombeiros:

Alguén entrou no salón de D. Celidonio e dixo:
- A Bibrioteca Municipal está ardendo.
A música emprincipiou outra tocata.

(1)    Fonte da imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(2)    O porco de pé. Antón Villar Ponte. Os homes, os feitos, as verbas. Revista Nós, nº 58. 15 de outono de 1928.
(3)    Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros. Vicente Risco. ¡Terra a Nosa! Suplemento de El Noroeste, nº 7. A Coruña. 10 de abril de 1919. A primeira edición d’O porco de pé informa que entre as obras en preparación de Vicente Risco está a novela: Aventuras do Dr. Alveiros en Brasil. Este texto nunca chegou a editarse, por máis que Risco aludise a el n’O porco de pé, situando estas aventuras entre os textos de 1919 e 1928, onde atopamos un Alveiros avellentado e empobrecido.