venres, 25 de xaneiro de 2013

MORTA!


MORTA! / Noya, Celestino
Marzal de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 31. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A CruñA

20 p ; 16 cm.

A novela Morta! escrita por Celestino Noya Rodríguez e publicada en marzo de 1927, editouse co número trinta e un na colección de novela breve Lar.

Celestino Noya foi un profesor e tamén político, que durante a Segunda República dirixiu por curto espazo de tempo a Deputación de Lugo. Despois do golpe de estado de 1936 foi depurado e retido no castelo de Santa Bárbara, en Alacante.

A súa breve obra literaria, amais de artigos xornalísticos, comprende exclusivamente a novela Morta! Unha traxedia de costumes ambientada no mundo rural, onde os pais de Xila teiman en impedir a relación da moza con Andruco, un criado sen propiedades nin consideración social. Esta actitude desencadea as circunstancias que provocan a morte dos noivos.

Alén dos tópicos argumentais, a novela destaca pola acertada descrición que fai o autor da paisaxe e o mundo rural nos primeiros anos do século XX.

Sinopse da obra

Mingos e María Rosa viven coa súa filla Xila nunha aldea chantada na aba do monte. No mesmo rueiro, “semellando un castelo feudal, érguese unha casa que domina alteirosa o val”. Alí vive Hermóxenes, un castelán herdeiro da casa e as videiras que a rodean.

Andruco era criado do castelán. Cando pequeno estivera na casa d’un zuruxano onde deprendera a lêr e algunha cousa mais (...) Logo, na casa do castelán, fora moi estimado pol-a sua honradez e o seu amor ao traballo.

No verán, os habitantes da aldea aproveitan o lecer para visitar as vilas costeiras e bañarse no mar.

A xente da vila chámanlle a istas montanesas veraneantes «pouranas» e «mantidas» ou «canónigas» e frúslanse a cotío dos seus costumes, do seu xeito de vestir e de falar encol de todo do moito que comen.

Cando Xila xogaba con outras compañeiras na beira da praia, unha onda arrastrouna mar adentro. Andruco acudiuna, inesperado, e conseguiu sacala da auga.

Xila e Andruco fixéronse noivos meses máis tarde, no tempo da vendima. Pero a nai da moza prohibiulle falar cun rapaz tan humilde como o criado.

Despreciado, Andruco resolveu entón emigrar a América.

O sagreficio era feito por ela, pra algún día, ao voltar, poderlle dicir aos pais de Xila: xa son merecente da vosa filla.

Andruco embarcou, lamentándose da mala sorte: “se fora rico – cavilaba – non tiña necesidá de deixar â miña terra”. Pero o barco embarrancou logo de deixar o porto e o mozo morreu afogado.
Cando a nova chegou á aldea, “Xila perdeu a côr e caeu esmaiada”.

Pouco despois desapareceu. Pola mañá os veciños atopárona morta contra o fondo dun barranco.

Mingos e María Rosa, dende a morte da sua filla envelleceron rapidamentes. Sentironse os culpables da morte e non tiveron intre ledo en adiante. Dispreciados dos veciños pol-a sua cobiza, morreron esquecidos de todos sen ter unha man cariñenta que lles fechara os ollos.

A casa botou edras e silvas; cairon as portas e as fenestras e o tellado esborrallouse. Os paxaros aniñaron dentro d’ila e a eira encheuse de herba.


sábado, 19 de xaneiro de 2013

A PECADENTA SILENZOSA


A PECADENTA SILENZOSA / Bergueiro López, Manuel
Xaneiro de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 29. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
44 p ; 16 cm.


A pecadenta silenzosa, novela breve escrita por Manuel Bergueiro López e publicada co número vinte e nove na colección mensual de Lar, saíu do prelo en xaneiro de 1927 inaugurando o cuarto ano desta publicación.

Manuel Bergueiro foi mestre, xornalista e tamén escritor, e deixou dúas obras escritas en galego: A pecadenta silenzosa, editada por Lar en 1927, e a comedia teatral Ollo cos estudantes, publicada na Imprenta do seminario de Santiago, en 1930. Despois de 1936 había publicar tamén algúns pequenos opúsculos como por exemplo as Quintillas galegas.

A pecadenta silenzosa é un relato de carácter desigual que narra a desgraciada relación amorosa entre Maruxiña e Manoel Alfonso, adubada con escenas sacadas da vida dos estudantes universitarios; cadros que o autor había desenvolver monograficamente na comedia Ollo cos estudantes. O papel da muller, caracterizado no título da obra, non resulta favorecedor e responde ao estereotipo feminino vixente na época en que foi escrita a novela, asignándolle a condición de pecadenta a Maruxiña e exculpando o home.

O libro presenta evidentes defectos de impresión na súa portada, con toda seguridade provocados pola precariedade dos medios utilizados na imprenta Lar. O mesmo Ánxel Casal revélalle estas dificultades a Álvaro das Casas na entrevista que lle fixo para El Pueblo Gallego, en setembro de 1934, falándolle da maquinaria da imprenta: “una minerva de mala muerte que nos hacía sufrir lo indecible” (1).

A maquinaria que tiña Ánxel Casal era escasa pero moi aproveitada. Fundamentalmente tiña unha pequena Minerva Vitoria de dobre folio, diversas caixas de tipos case todas de segunda man, unha perforadora alemá, unha cosedora de man, si, manual nada de automática, e unha guillotina Krause, realmente boa. Este foi o material máis utilizado. (2)

Pese a precariedade dos medios e as dificultades para levar adiante o labor – registros frecuentes de la policía, letras que llegaban como balazos y que no había forma de pagar, la angustia de los libreros que no liquidaban ni a tiros (3) , Ánxel Casal teimou até os últimos días da súa vida en promover a literatura galega. E ninguén mellor ca el mesmo para explicarnos os motivos:

No olvidemos esta gran verdad: política aparte, una literatura hay que mantenerla, por decoro, por vergüenza, por propia estimación.

Sinopse da obra

A acción desenvólvese no val de Abeiro, nas terras que antes foron de don Xavier Feixóo de Castro e agora volvéronse cen mil leiras.

Por todo iste suxestivo val hai ciscadas unhas cantas dúceas de casiñas, albas coma pombas, que semellan ovellas d’un rebaño espallado por un lobo famento, e no meio da eisuberante chaura, érguese chea de ledicia a rexurdente vila de Conles.

Prácido Feixóo, médico e fillo de don Xavier, foi discípulo de Robert Koch en Berlín. Morto o pai, casou con Xenerosa, unha criada do pazo e logo habían nacer as dúas fillas, Maruxiña da Consolazón e Ampariño.

Tamén por aquel tempo naceu Manoel Alfonso, fillo do Petapouco, taberneiro de Conles.

Maruxiña da Consolazón e mais o fillo de Petapouco foron xuntos â escola do mestre de Montagudo, un escolante que insinaba a ler nun silabario de que era autor, nomeado “Carta de cristos”.

Manoel Alfonso era un rapaz espelido e o mestre aconsellou os pais darlle unha carreira. Ao cabo, o Petapouco, encirrado pola nai, levou o rapaz a Santiago para que estudase para crego. Claro que o rapaz non tiña vocación e anos máis tarde deixou o seminario, licenciándose como avogado.

Cando o fillo do Petapouco estudaba o primeiro ano de carreira maor emprincipiou a cortexar a Maruxiña da Consolazón.

Tres anos máis tarde, o mozo había obter unha praza na carreira diplomática, con destino na Habana. Daquela Maruxiña comezou a murchar “púxose fraca, desecorida”.

O gandulo de Manoel Alfonso logo iba faguer tres meses que se fora e ainda non lle escribira mais que unha carta.

Maruxiña agardaba un fillo de Manoel Alfonso e marchou na súa procura, deixando unha carta atrás dela.

fuxía porque quería sufrir soia o seu pecado, porque non quería ser aldraxada pol-a xente de Conles, porque iba en busca da honra perdida, do amor aldraxado.

En Cuba traballou como modista nunha tenda de roupa. Nese tempo non falaba con ninguén e as compañeiras alcumárona a “Silenzosa”.

Cando ao cabo atopou a Manoel Alfonso na rúa, o mozo non a recoñeceu. Ela tampouco deuse a coñecer.

O día en que a Pecadenta silenzosa tropezou na esquina de Monte a Eixido con aquel xoven que coidou fora o seu noivo, iste, voltaba a Conles dende Boenos-Aires.

Ao chegar a Conles preguntou por Maruxiña e soubo que desaparecera. Tempo despois obtivo a praza de rexistrador, primeiro en Conles e despois en Barcelona. Manoel Alfonso xa estaba en Cataluña cando Maruxiña volveu ao pobo, deixando na Habana un fillo de oito anos, adoptado polo dono da tenda onde traballou.

Dimpois que Nazario chegou a ser mozo entergo, aqueles siñores que o querían coma fillo mandaronno a ademenistrar unha sucursal que tiñan en Barcelona, onde por casualidade chegou a casar c’unha filla do Rexistrador de referenza.

Hoxe é o día que Nazario non sabe que está casado c’unha meia irmán; hoxe e o día que Manoel Alfonso non sabe que o seu xenro é o seu fillo.

(1)          Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. A Galiza de Ánxel Casal. Murguía, revista galega de historia. Nº 7/8, maio-decembro de 2005. p. 73.
(2)          Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 416. Entrevista realizada a Antón Mateo Pena, empregado de Ánxel Casal.
(3)          Ibidem, p. 347. Entrevista realizada por Álvaro das Casas a Ánxel Casal en 1934.
(4)          Ibidem anterior, p. 349.


venres, 11 de xaneiro de 2013

O XARDÍN DO CASTELO DE VIDRE


O XARDÍN DO CASTELO DE VIDRE / De las Casas, Álvaro María
Nadal de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 28. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
20 p ; 16 cm.


A peza dramática O xardín do castelo de Vidre, escrita por Álvaro das Casas e publicada en decembro de 1926, había facer o número vinte e oito da serie mensual de relatos editados por Lar.

Álvaro das Casas foi, principalmente, un autor dramático, que tamén cultivou o ensaio, a narrativa e a poesía. Case todos os seus libros foron publicados por Lar e Nós. Precisamente había ser Álvaro das Casas quen publicaría Mitin, último libro confeccionado pola editorial de Ánxel Casal en xuño de 1936 (1).

Ademais de autor teatral e colaborador e fundador de xornais e revistas, Álvaro das Casas foi tamén político – compartiu candidatura ás Cortes españolas en 1931 con Castelao, Paz-Andrade e Cabanillas – e dinamizador dos Ultreia, organización xuvenil do Partido Galeguista fundada en febreiro de 1932, onde militaron, entre outros, del Riego, Illa Couto ou Díaz Pardo (2).

O xardín do castelo de Vidre é a primeira das dúas obras publicadas por Álvaro das Casas na editorial Lar (3), e tamén será o primeiro texto dramático editado na colección dirixida a promover a novela galega.

Nós. Santiago, 23-06-1936
A peza está ambientada nos últimos anos do século XIX e narra o final dunha época, que o autor personifica na decadencia da fidalguía rural, reliquia do pasado. As árbores e outros elementos do xardín do castelo de Vidre cobran vida, para relear sobre o paso do tempo e a intranscendencia da gloria.

O texto, como sucede frecuentemente nesta colección, vai precedido dunha nota dos editores, a voltas coa ausencia dun canon léxico para o uso do idioma galego. A este respecto, cómpre recordar o importante labor desenvolto por Carré e Casal, como manifesta Lesta Meis desde as páxinas do Eco de Galicia en 1925:

(Lar) ha llegado a conseguir que escritores gallegos que escribían en gallego, pero con diferentes modos de emplear nuestro idioma se pusieran de acuerdo, llegando a la unificación precisa. Y eso que alguno pretendía fundar escuela. (4)

Deseguida reproduzo a nota dos editores, en resposta á carta dun lector anónimo:

Pouco a pouco a nosa labor constante vai dando froito posto que novos escritores contribuien â nosa literatura.

Din que LAR ten alguns enemigos: mais o non acreditamos. A labor de LAR que tende á crear prosa galega; que intenta tamén facer lêtores de libros galegos, non coidamos que poida dar nascimento á xenreiras ou enemistades.

Temos en troques grande confianza nos nosos amigos, nos nosos bôs amigos, que teñen atención e cariño para a nosa pubricación; que a miran con simpatía, que a propagan entre os seus conocidos, facendo así que LAR poida seguir adiante firmemente. Para eles o noso reconocimento.

Algunhas cartas dannos azos e estimúlannos. Outras aconséllannos. Unha recibimos tamén, anónima, que nos envía un lote de verbas para que purifiquemos no posíbele o léixico das novelas.

Agradécese a boa intención, mais debemos facerlle notar ao gallego do Ferrol, que moitas das verbas que indica empréganse xa nas obras pubricadas; algunha precisa d’unha comprobación, e outras por romate, veñen trabucadas, como a de Nadal que confunde con Xaneiro, Santos con Outono, espreguizar con estricar, moscar con fuxir, esparexer con ciscar, ceibar con encetar; alustro, tarima, guergullo, zume, carabela, aldraxar e algunhas mais veñen igualmente trabucadas.

Pode noustante o gallego do Ferrol nos enviare novas listas de verbas, como promete, na seguranza de que estimamos a sua axuda, posto que entre as parolas que envíe pode haber algunha aproveitabele.

En relación coa polémica anterior, os editores tamén dan conta da próxima publicación dun novo dicionario, obra de Leandro Carré, que acabaría editándose en dous tomos publicados en 1928 e 1931. Este dicionario reeditouse nun único volume en 1933 e sería o último libro editado pola Imprenta Lar:

Ante a necesidade, cada vez mais sentida nos tempos do actual florecimento das letras galegas, LAR quixo proporcionar aos seus lêtores un diccionario, e ten xa no prelo as primeiras páxinas.

Deste xeito non sômente compracemos aos moitos suscritores e amigos que adoito nos escriben e falan solicitando o sinificado de algunhas verbas pouco empregadas na conversa vulgar, senon que en xeneral faremos un grande servizo espallando o conocimento da fala galega.

O diccionario galego que LAR está á imprentar conta c’un grande número de verbas perfeitamente revisadas e comprobadas e algunhas outras particularidades interesantísimas das que oportunamente falaremos.
Noustante a cantidade de páxinas que levará o seu prezo ha ser moi baixo e estará polo tanto ao alcance de todos. (5)

Sinopse da obra

O castelo de Vidre ten, ao rente, unha arboreda inmensa, e un belo xardín. Na arboreda xemen arbres vellos de todol-os séculos; no xardín hai roseiras, xeranios, cravés, e toda clás de frores, qu’as criadas do castelo regan todal-as noitiñas.

Na noite de San Silvestre, don Carlos agarda as doce badaladas que poñan fin ao ano. O fidalgo aldeán ten oitenta anos e conversa co Mordomo e con Xosé, o fillo do Mordomo, quen está a lerlle as traducións de Ovidio.

As árbores do xardín parolan entre elas. O Alcipreste relea co Piñeiro:

O ALCIPRESTE
-      Teño algo de fermoso; os paxaros choran en min. Ti somentes tes pegas.

O PIÑEIRO
-      Si soupeses cantar como eu, serías dino d’unha arboreda com’esta. Téñente eiquí de caridade.

O ALCIPRESTE
-      Eu no quero saber de cantos: penso.

Tamén o Castiñeiro despreza o Alcipreste

O CASTIÑEIRO
-      Nós damos cousa boa e ti ruins pensamentos. Ao teu rente somente vese xente á chorar; non sei que cousas lles dis. A miña sombra teño sempre cazadores.

O Limoeiro, o Eucalipto e outros residentes animados e inanimados do xardín, toman parte na relea.

        O ALCIPRESTE
-      Eu estou risoño, eu non teño medo: estou preparado sempre pr’a adversidade. Ti, fonte veciña, vives no recordo dos bôs tempos, parécete que no castelo ainda ha duquesas noivas e condes vinculeiros; pensas qu’ainda virán a verte ollos lindos de raparigas novas. ¡Coitada de ti! Eu teño meus pés nas cinzas dos mais grandes homes, e conozo o seu podre. E sei que todo, é isto: nada.

Un lóstrego cae sobre a torre do castelo anunciando a morte. As árbores calan. O vento derrubou o Carballo, árbore vedraña do xardín e símbolo dos vellos tempos.

Xosé, don Carlos e o Mordomo espreitan desde o balcón.

-      ¿Non vedes? ¿Non vedes? O vento arrincou o carballo groso, o que plantou meu quinto abó o marqués de San Albán.

Rosa entra na peza, desconsolada. Un lóstrego matou a Puriña, unha moza que agardaba un fillo do fidalgo.

DON CARLOS
-      Eu fun quen os perdeu. Fillo da miña alma: antes que viñese pol-o mal camiño, foi mellor así:
Un lóstrego acendeu todo no seu lume, e deixa ver esta lenda en col do escudo qu’há na torre mais alta do castelo de Vidre.

Antes morir que manchar su sangre.


(1)     Mitin. Das casas, Álvaro. Nós, Santiago. 23 de xuño de 1936.
(2)     "O centro editorial da rúa do Vilar (local da editorial Nós en Santiago de Compostela) non era só obradoiro de libros, de revistas e de periódicos. Naceron, asimesmo, alí, ideas e proxectos de organizacións culturais. Un deses proxectos foi o de Ultreya, concebido por Álvaro de las Casas, e discutido na tertulia que se reunía na imprenta (...). Xurdiu así unha agrupación de rapaces, de 10 a 20 anos, que se rexía por un decálogo. A finalidade era que concienciasen no sentimento e na comprensión de Galicia: na súa cultura, na súa lingua, na súa realidade xeográfica e histórica". O río do tempo. Unha historia vivida. Fernández del Riego, Francisco. Ediciós do Castro. 1990. pp. 56 e 57.
(3)     Álvaro das Casas publicaría tamén Ladaíña. Lar, revista mensual. A Coruña. Ano 4, xuño de 1927; número 34.
(4)  La editorial Lar. Lesta Meis, Jose. Eco de Galicia, 14 de xuño de 1925. Citado a partir de: A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto. Ediciós do Castro. 2003. p. 219 
(5)  Diccionario galego-castelán. Carré Alvarellos, Leandro. Lar. A Coruña. Volume I, xullo de 1928 (impreso en Lar). Volume II, xuño de 1931 (Imprenta Moret); cada un dos tomos vendeuse por catro pesetas. Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego. 2ª Ed. Lar. A Coruña, 1933 (Imprenta y papelería Zinke hermanos).


venres, 4 de xaneiro de 2013

A FILLA DA PATRONA


A FILLA DA PATRONA / González, Xuan Xesús
Setembro de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 25. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
21 p ; 16 cm.


A filla da patrona, novela escrita por Xoán Xesús González Fernández e segunda obra do autor publicada na editorial Lar (1), saíu do prelo en setembro de 1926, facendo o número vinte e cinco da colección de novela breve.

Xoán Xesús González foi un versátil avogado, xornalista e escritor, colaborador frecuente en xornais e revistas, e comprometido políticamente cos valores agraristas e republicanos, que espallou nos seus escritos. As novelas, en cambio, non participan deste obxectivo e seguen a tradición folletinesca dominante na literatura popular da época.

A filla da patrona é un folletín onde atopamos moitos dos elementos habituais no xénero: a nai abnegada que despois de morrer deixa a filla desvalida; a orfa rescatada polo cabaleiro; a rexouba dos veciños empecendo a relación dos namorados e, por último, o trunfo final da orfa para escarmento do melindroso cabaleiro.

Como xa indiquei en anteriores recensións sobre obras semellantes, a orixinalidade do texto radica exclusivamente no idioma empregado, e iso constitúe unha novidade importante para un público non afeito a ler en galego, como poñen de manifesto os editores na nota que acompaña a novela.

Amais dos problemas financeiros e as dificultades para atopar obras orixinais, a escasa difusión das novelas compromete a viabilidade da editorial Lar. A lectura da nota pon de manifesto o labor heroico emprendido por Casal e Carré, en loita contra a indiferenza dos lectores e o desleixo dos libreiros, movidos polo interese comercial e que, ao contrario ca eles, non interpretan a distribución dos libros como un labor patriótico.

Rogamos a vostede nos axude

Coa presente son 25 as novelas que levamos pubricado. Ninguén ata o de agora fixo un esforzo tan grande para arrequentar a prosa galega; un esforzo que vai dando o seu froito, pois non sômente algúns vellos escritores escribiron novas obras, senon que un númaro non pequeno de literatos mozos acodíu ao campo das letras cunha importante engadega de páxinas ben trazadas.

O noso esforzo, en troques, anúlase ante a indiferencia dos libreiros, salvo honrosas esceicións, que non atenden as nosas pubricazons nin as espoñen nas suas vidreiras, impedindo así que os lêtores poidan saber cando aparez un novo número das novelas LAR. Esto réstanos difusión; a difusión que por comenencia de todos convén que teñan as novelas galegas.

Por esto rogamos aos nosos lêtores, aos nosos amigos, que propaguen as pubricacions LAR antre as suas amistades e parentes, cô que farán unha obra de cultura e patriotismo contribuíndo ao espallamento e progreso da literatura galega.

As novelas de LAR póñense â venda o derradeiro sábado de cada mes.

Claro que para comprendermos mellor as dificultades que empeceron o traballo dos editores, debemos ter en conta tamén que desde setembro de 1923 goberna en España o ditador golpista Primo de Rivera, encabezando un goberno pouco compracente coas manifestacións culturais da periferia. Unha proba desta presión foi a orde de peche da editorial Céltiga en Ferrol ao pouco de chegar o ditador ao poder.

Un dos centros de conspiración contra a Ditadura na Coruña foi o domicilio de Casal, na rúa Real, 36, 1º, que funcionaba como sede da Irmandade coruñesa e das súas empresas editoriais, primeiro Lar, e a partir de 1927, Nós. A imprenta-editorial de Casal, que sufriu continuos rexistros (…), funcionou como un dos centros de distribución de panfletos e de reunión da oposición contra a Ditadura. (2)

Sinopse da obra

A señora Andrea, patroa da pensión da rúa Travesa, boura na súa filla Mercedes “pra que saira do leito no que se estomballaba âs oito da noite e do que non saía deica o día seguinte âs dés e meia da mañán despois do correspondente sermón da sua nai”.

¡Pelexa, lacoeirona, pulpón, cara labada, cara negra, sin vergoña! ¡Tés ben pouco senso lercha dos demos!

Mercedes ten pouca disposición para o traballo, e só despois de moita relea consente en obedecer a nai.

Na casa da señora Andrea da Rúa Travesa estaban de pousada cuase que xentes de todas as crases sociaes: obreiros, estudiantes, feirantes, guardias, renteiros de pouco pelo, mulleres que se curaban no hespital de distintas enfermedás, de todo había como en botica.

O certo era que a señora Andrea queríalle ben á filla, e traballaba sen parar. “Unha verdadeira máquina era aquela muller, sin descanso nin acougo. E decote contenta, satisfeita, boa, santa, cuase feliz”.

Certo día, os residentes dan en rexoubar coa moza ofrecéndose todos a casar con ela. A señora Andrea retrúcalles que a filla non necesita casar con ningún deles. Miguel de Barbantes ofrécese, moi serio:

Pois eu, señores, tan logo como fine a miña carreira de médico lévote de ama de chaves pra o partido onde vaia parar. Si non topo mellor comenencia cásome ademais contigo… A ver ¿quén ofrece mellor postura?

Vaia un favor que lle fas – dixo a sua nai ao mismo tempo que deixaba dibuxar na faciana unha íntima satisfaición.

Catro anos máis tarde, Miguel consegue praza de médico en Vilouchada. Alí sabe da morte da antiga pousadeira e tamén que a filla traballa onda a señora Farruca, na casa da Cachopa. Miguel pídelle a Mercedes que deixe a casa de comidas e axusta con ela un traballo na súa propia casa.

Vivo soilo. Non teño quen me faga de comer siquera no pobo onde estou. Xa me cansei de pagar pousada. Ti farasme de comer, arrombarasme a casa, poderei vivir así mais tranquilo e sosegado…

Voume contigo, pero coida de que non che pese logo…

Pero a convivencia resulta difícil e as rexoubas sobre a parella corren pola parroquia, facendo que Miguel bote a Mercedes da casa.

Unha mañán de abril cando o sol arrayaba sobor da paisaxe, saiu Mercedes da miña casa chorando, afogándose en saloucos e non voltou xa mais, xamais.

Pasan os anos, e un día en que Miguel pasea polas rúas da cidade de Montañela, sente “que unha voz branda e morna chamabame pol-a espalda. Volteime e ollei a unha dama señorilmente dreizada”.

Trátase de Mercedes, quen agora vive nunha das rúas principais da vila, rodeada de comodidades.

A milla vella amiga Mercedes, aquela muller, que, non cabe dúbida, estivera namorada de min, e eu de ela, estaba amancebada con un vello millonario que lle daba o que ela quería, que a dreizaba co-as millores xoias, e as millores regalías. Un vello que ao collela de sirventa namorárase de ela e a transformara en unha princesa.

(1)  Outra obra do autor publicada nesta mesma colección foi Ana María. Lar, revista mensual. Ano 2, setembro de 1925; número 13.
(2)  Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. A Galiza de Ánxel Casal. Murguía, revista galega de historia. Nº 7/8, maio-decembro de 2005. p. 73.