martes, 1 de xaneiro de 2013

O KARMA DE FARRUCO FILGUEIRA


O KARMA DE FARRUCO FILGUEIRA / Romero Cerdeiriña, Ánxel
Agosto de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 24. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
40 p ; 16 cm.


A novela breve O Karma de Farruco Filgueira, publicada por Lar en agosto de 1926 co número vinte e catro na súa colección mensual, é a única narración literaria do autor Ánxel Romero Cerdeiriña.

Ánxel Romero foi un dos mozos fundadores do Seminario de Estudos Galegos en 1923. Entre os escritos divulgados atopamos un texto publicado no número 31 da revista Nós en 1926 e que leva por título: Notas para un estudo da Urdiñeira. Trátase dun breve traballo descritivo sobre o lugar onde naceu o autor, que abrangue os eidos xeográfico, arqueolóxico e antropolóxico.

O relato titulado O Karma de Farruco Filgueira narra a historia dunha traxedia aprazada no tempo, por medio da descrición dos previsibles fracasos encadeados ao longo da vida de Farruco, que os amigos apoñen a unha certa inconstancia pracenteira, pero el vive como unha carga pesada e involuntaria. Non obstante, o desenlace non ten intención moralizante; recrea máis ben o fado inexorable da traxedia grega, onde o heroe loita arreo contra o capricho dos deuses e ao cabo sucumbe enfrontado a forzas superiores.

A novela está introducida por unha breve nota do autor dirixida aos membros do Seminario de Estudos Galegos:

N’esta noveliña percuramos recadar certos elementos fok-lóricos e algunhas verbas e modismos usados entre as xentes da nosa parroquia. Tamén quixemos apañar o noso grauciño prâ formación de un xénero literario que escomenza a dar xurdios froitos na nosa Patria; mais, por este lado, queremos confesar que o noso primeiro traballo non ten – non pode ter – pretensiós: con que non vos aborrecese daríase por moi contento.

O AUTOR

Sinopse da obra

Cando neno, Farruco Filgueira xogaba na forxa do pai, o tío Pedro, devecendo por medrar para poder emigrar a América.

Farruco era un rapaz aseriado e traballador, condición que, xunguida â sua dozura de caraiter e o seu trato franco e leal, facíano benquerido de cantos o conocían. Pro eu debo engadir, pra que o retrato sexa compreto e pra que poidades comprender millor esta historia do meu disgraciado amigo, que Farruco era un mozo barudo e lanzal (...) O mal estaba en que se afixera â maldizoada costume de «deixarse querer», adequirindo unha condizón namoradiza que lle dera sona de conqueridor.

Claro que a Farruco desgústalle aquela “abaladiza maneira de sentir”. O que lle sucede é que idealiza os amores e non soporta a realidade espida, e unha vez desvelado “o misterio tentador, acaba todo”.

Aínda era mozo cando coñeceu a Rosario, unha xitana de Sevilla. O engado durou pouco, coma sempre. Ela non culpou a Farruco. As cartas anticipáronlle todo canto había suceder.

Comprendo que ti fuches namais un instrumento do meu Fado. E non embargantes, mira si son ruín que non che podo, non che quero perdoar e, non soilo non che perdoo, senón que te maldigo (...) Halas de pagar todas xuntas.

Aquela mala fada había acompañalo para sempre: cada un recolle o que sementa e a iso Farruco chamouno o karma.

Morto o tío Pedro, Farruco deixa a nai baixo a protección dun parente rico: o señor Silverio, irmán de seu pai, mentres el emigra a Arxentina. Unha orfa chamada Margarida chega á aldea durante o tempo de ausencia e o señor Silverio acolle a moza na casa como criada.

Farruco volve un día de festa e namora decontado de Margarida. Pensa que aquela paixón ha cesar aos poucos, coma sempre. Pero o tempo pasa e non cede a cisma.

Na festa da matanza, Farruco entrégalle unha nota a Margarida confesándolle o seu amor e pídelle licenza para falar con ela aquela mesma noite.

A ledicia non lle deixou acougo para cavilar, e cando Farruco, xa d’acabalo, se despedía, (Margarida) asomouse â fenestra e díxolle, acenando coa cabeza, que sí, que esperaba.

Xa é noite cando Farruco visita de novo a casa.

Botou cara a aira do tío Silverio. Unha néboas esparexidas apagaban moito o luar, pro, có refrexo da neve inda se vía de abondo. Asexou, á modiño, dende a esquina do hórreo (...) Iba xa a alancar cando abesullou un bulto apegadiño â parede da palleira. Aquel bulto parecía o de un home que estivese esculcando algo (...) Margarida non saíu, como tencionaba, a avisar a Farruco (...) que alancaba xa cara a porta da tulla, cando ouvíu a voz do tío Silverio que berraba «¿quén anda ahí...?» Estonces decatouse e quixo brincar e fuxir. Mais xa non era tempo. Cando estaba montado na baranda ouvíuse un tiro, e Farruco, ferido nas pernas, abalou cara ao lado de afora (...) Cando o tío Silverio trouxo luz coidou entolecer de door. Farruco tiña o peito atravesado por un estadullo, que lle esgazara o corazón.


Ningún comentario:

Publicar un comentario