mércores, 15 de febreiro de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 4



Ramón Cabanillas diríxese de novo a Enrique Peinador en febreiro de 1921:

27 de febreiro de 1921

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique: Os de Vigo queren que ti e Ceferino Maestú tomedes a parte principal na seución do Ateneo que se terá de ocupar da Editorial galega: como él está faguendo de Alcalde e sen maneira de botar man do “presuposto do Concello” para abrir o “capital inicial” do choyo, farano presidente e préganme che pida con toda alma que prestes asentimento a que te nomeen vice-presidente.

O meu sentir ê que chegóu a hora de poñelo lombo e empurrar. ¿Quen sabe? Poida que d-esta demos no cravo e o Ateneo sexa a primeira pedra do noso resurximento.

Sempre teu, de todo corazón,

Ramón Cabanillas

¡TERRA A NOSA!
27 febº. 1921.

Teño no (ilexible) unha cousiña moi bonitiña: unha cousa do Rei Arthur relacionada co Cebreiro y-o Sant Graal: será, como ti querías, unha cousa relixiosa: inda non sei o que sairá mais o asunto e moi fermoso.


Ceferino Maestú Novoa (1) foi un avogado e político progresista, membro de Izquierda Republicana, que exerceu como alcalde de Vigo entre 1920 e 1921.

Por unha carta dirixida a Enrique Peinador pola Xunta Organizadora do Ateneo de Vigo o 8 de marzo de 1921, sabemos que este aceptou decontado o cargo de vicepresidente, tal e como lle pediu Ramón Cabanillas.

Con el fin de dar a V. Posesión del cargo para que ha sido aclamado, esta Junta le invita a concurrir al acto que en el salón de la sociedad “LA OLIVA”, se celebrará el próximo Jueves, a las siete y media de la tarde.

Meses máis tarde, en maio, Cabanillas foi nomeado presidente da sección de Literatura e Historia do Ateneo, creado ese mesmo ano.

Finalmente, a Editorial galega dependente da institución da que fala Cabanillas non chegou a constituírse.

Si apareceu publicado, en cambio, o texto sobre o Santo Graal, escrito a instancias de Vicente Risco, quen nunha carta dirixida a Antón Losada Diéguez – datada por Joaquim Ventura en xaneiro de 1922 – revela a xénese do proxecto:

Eu fixen o seguinte: comprometín ó Cabanillas para que me fixera un poema sobre cada unha destas 4 cousas: o Corno de Breogán, a Estrela do Apóstolo, A Espada del Rei Artur e a Copa do Sant Graal, sobre as lendas que eu fixen e que el adornará ó seu xeito. Logo eu escribirei uns comentarios longos co obxecto de adoptarmos estas lendas e facer con elas definitivamente o noso ciclo épico relixioso. (2)

Ao cabo, o ciclo épico-relixioso concibido por Vicente Risco e que había contribuír á “creación dun marco simbólico que axudase ao labor do apostolado nacionalista” (3) foi interpretado libremente por Cabanillas, situando as lendas do ciclo artúrico en territorio galego. Lugares como a illa de Sálvora e o Cebreiro ficaron así asociados ao descubrimento da espada Escalibor e á lenda do Santo Graal.

O Cabaleiro do Sant-Grial, primeiro poema das sagas, apareceu en A Nosa Terra, nº 145 (01.08.1921), poucos meses despois da data en que Cabanillas redactou a carta. O texto editouse de novo no primeiro volume da revista Alborada en maio de 1922 e nas revistas La Temporada e Terra, en 1923.

Anos máis tarde, os versos foron recollidos xunto con dúas novas sagas  - A espada Escalibor e O sono do rei Artur – no volume Na noite estrelecida, editado por Lar en 1926 na imprenta do balneario de Mondariz.

(1)    En xuño de 1936 aceptou o cargo de gobernador civil de Huelva e malia ter renunciado ao posto antes do golpe de estado, foi fusilado ao comezo da sublevación polas tropas de Regulares chegadas do Rif.
(2)    Doutrina e ritual da Moi Nobre Orde Galega do Sancto Graal. Vicente Risco. (Ed. Joaquim Ventura). Xunta de Galicia. Santiago de Compostela. 1999.
(3)    Xosé María Millán Otero. Citado a partir de Historia da Literatura Galega III. Xosé Ramón Pena. Xerais. Vigo. 2016.

mércores, 1 de febreiro de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 3



Esta nova carta de Ramón Cabanillas non leva data, pero tanto polo contido como polo papel empregado podemos situala entre novembro e decembro de 1920.

O texto di o seguinte:

R. CABANILLAS

Querido Enrique:

Estou tolo c-o rayo das eleuciós. Con todo, intresame mais o noso choyo que os votos.

Mandoche as probas: troca o que ti vexas que gusto e sentido para elo tes abondo, e esto xa ê unha cousa tan túa com-o miña.

Unha forte aperta

Ramón

TERRA A NOSA


Cabanillas está a falar con toda probabilidade das eleccións xerais celebradas o 13 de decembro de 1920, onde foi elixido Presidente do Goberno Eduardo Dato, líder do Partido Conservador, quen había ser asasinado nun atentado anarquista en marzo de 1921.

En 1909, Cabanillas amagou con presentarse como candidato a concelleiro en Cambados e as forzas caciquís fixérono desistir. Desde entón seguiu sen moito entusiasmo as sucesivas eleccións (1). Esta actitude estremouse cando pasou a ostentar o posto de secretario no concello de Mos, tempo en que escribiu esta carta, porque a súa ideoloxía nacionalista, ademais de resultar minoritaria, non estaba ben vista entre os representantes da política tradicional.

Orixinal manuscrito de
A man de Santiña
Un dos poucos actos políticos protagonizados por Cabanillas foi a conferencia ditada o 8 de febreiro de 1919 no Círculo de Artesanos de Pontevedra baixo o título “Nacionalismo Galego”, onde fixo un repaso da historia de Galiza desde o tempo dos romanos e defendeu o uso do idioma, tanto por razóns prácticas, de utilidade, como por tributo á beleza. (2)

Xa que logo, non resulta estraño o comentario que dá inicio á nota, confesándolle a Enrique Peinador que está menos interesado nos votos ca na edición da peza dramática A man de Santiña, editada na imprenta do balneario de Mondariz o 15 de xaneiro de 1921.

Enrique Peinador gardou no seu arquivo persoal o orixinal manuscrito da peza e por medio desta carta sabemos da súa implicación persoal na edición do libro.

(1)    En 1931, non obstante, formou parte da candidatura galeguista ao congreso pola provincia de Pontevedra, malia non obter a designación como deputado.
(2)    Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.