sábado, 24 de abril de 2021

ESTAMPAS DE OURENSE A MEDIADOS DO SÉCULO XVIII

 


ESTAMPAS DE OURENSE A MEDIADOS DO SÉCULO XVIII
/ Ramón Otero Pedrayo
Editorial Lar. A Cruña
1927
20 pp ; 23 Cm.

 

O texto Estampas de Ourense a mediados do século XVIII foi escrito por Ramón Otero Pedrayo e editado por Lar na Coruña en 1927.

Este traballo aparece publicado no primeiro tomo dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos e tamén foi editado como documento exento, pero non coñezo a edición da separata cunha capa confeccionada por Lar para a ocasión, como si sucede con outros traballos do mesmo volume.

O estudo describe a vida en Ourense no momento da transición entre o Antigo e o Novo Réxime, un dos temas favoritos de Otero.

Neste traballiño teimamos facer xurdir unhas miguiñas do vivir ourensan ô mediar o século XVIII. A nosa hestorea precisa moito do estudio das centurias que poidemos chamar de imperialismo, pois aparte d’outras razós é necesario coñecelas pra sentire a loita antre o antigo i-o novo réxime carauterística dos anos críticos do dazanove: 1808, 1837, 1850, 1868.

A diferencia do tempestuoso Ourense dos séculos XIV e XV, Otero relata no XVIII unha vida “calada, morna, vexetativa” e ademais das correntes humanas, o traballo abonda na descrición material da vila, comezando pola distribución polo miúdo de rúas e prazas.

O adro da catedral collía gran parte da Praza das Damas onde n-outro tempo tiñan os coengos o seu xardín ou patio de laranxeiros. O bocadiño que resta arredor da porta sur do cruceiro da basíleca, é debido a enerxía do deán Bedoya morto en 1850: sendo gobernador Sede vacante saíu da sua casa da rúa de S. Pedro pra estorbar ôs canteiros que rematasen a demoliceón do Patín.


As casas daquel Ourense estaban provistas de beirados, que non eran balcóns nin galerías senón o segundo corpo avanzado dos edificios sobre as rúas, de xeito que apenas deixaban aberta unha franxa estreita de ceo. No primeiro corpo situábanse cortes e bodegas e sobre elas a vivenda habitada polo xeral por unha única familia.

A cal foi ô igoal de todal-as partes unha manía: encalouse as eirexas, a catedral, as fachadas de pedra. Nos días abafantes do vran Ourense locía ô sol com’un pobo do mediodía.

A acumulación de lama, cheiros, escuridade e falta de hixiene facían da vila un lugar incómodo e os fidalgos escollían as aldeas para afastarse no vagantío dos pazos. Na cidade vivían artesáns, tendeiros e labregos domeados polas xentes da igrexa e da curia.

Otero describe en detalle os oficios da cidade, os soldos e tamén a estrutura de poder, encabezada polo corrixidor e o bispo.

Ourense era daquela un pobo de propietarios e labregos, inzado de bodegas, cortes, lagares e palleiras a miúdo propiedade de fidalgos e burgueses que non as atendían, cedidas nun entrambilicado sistema de foros, subforos, arrendos, censos e pensións.

De noite saían os señores co seu criado portador do farol. Mais a vila debía presentar un aspeuto cruzándose nas rúas estreitas os labregos folk-lóricos, a xente falandeira dos artesanos c’os curiales, c’os cabaleiros, c’os graves coengos. Os tendeiros vendían po-las ventás. Calquera que teimaba cambear de condición social estaba esposto ós apompeos dos veciños.