sábado, 25 de xullo de 2015

DE CATRO A CATRO



DE CATRO A CATRO / Manuel Antonio
27 de marzal do 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña.
46 p ; 17 Cm.

A editorial Nós imprimiu en 1928 o libro de poemas De catro a catro. Follas sin data d’un diario d’abordo escrito por Manuel Antonio Pérez Sánchez.

Se hai un día sinalado na literatura galega do século XX este é o 27 de marzo de 1928, cando saíron do prelo por vez primeira os dezanove poemas escritos por Manuel Antonio a bordo do pailebote Constantino Candeira como agregado do capitán Augusto Lustres Rivas, a quen dedicou o libro: “C’a lembranza d’as navegacións feitas ao par”. O poeta deixou constancia desta xeira no manuscrito orixinal da obra:

Manoel-Antonio, navegante
compuxo iste libro a bordo
Atlántico - Mediterráneo, 1926-1927 (2)

As viaxes tiveron lugar entre o 27 de febreiro e o 18 de outubro de 1926; e o 26 de abril até o 28 de setembro de 1927, percorrendo varios portos do Cantábrico, Atlántico e Mediterráneo.

Pailebote Peregrín Fos, renomeado; antes Constantino Candeira (3)
A primeira información sobre os poemas atopámola nunha carta dirixida por Manuel Antonio a Antón Villar o 20 de outubro de 1927, pouco despois de rematar a segunda destas viaxes.

Quixera pedir-lle un pequeno favor: ¿non podería averigoar a direición de D. Xacobo Casal (Trátase dun erro. Manuel Antonio troca o nome de Ánxel polo de Xacobo), editor galego, c’o ouxeto de que eu pudese pôr-me á fala con él, pra tratar d’a edición d’un libro meu? (...) Agardo a sua contesta, e si chega axiña, mellor; porque podera dar-se o caso de que volva a embarcar logo, e quixera deixar arranxado ese asunto d’o libro. (4)

Sabemos que Villar cumpriu a encomenda por unha carta dirixida por Casal ao poeta. Outro envío posterior remitido por Manuel Antonio a Augusto Lustres o 28 de novembro de 1927 inclúe novas referencias ao manuscrito.

Vou a ver si preparo un libro de poemas, que ao fin xa vai sendo tempo de xustificar d’algún xeito ese título de poeta que me adxudican algunha vez.

E de novo o día 3 de xaneiro de 1928 Manuel Antonio dá conta do proceso ao seu amigo Rafael Dieste.

Roberto (Roberto Blanco Torres) quedou en que iría á Cruña e falaría d’o meu libro c’os de “Nós”, pero eu non sei nada e supoño que nada falaría tampouco. Coido que si falou e eles se negaron non sería ese motivo pra non m’o decir a mín.

Decidido a non atrasar a encomenda, o propio autor contacta con Ánxel Casal días máis tarde.

Sr. D. Anxel Casal. A Cruña.
Moi distinguido señor:
Fai algún tempo que tiña pensado pubricar un pequeno libro de poemas, e lembrei-me de que a Editorial “Nós” podería encarregarse de o editar.
Sabendo que Rafael Dieste debía escrebir-lle a Ud. por asuntos seus, preguei-lle que de paso lle informase d’o meu propósito e averigoase as condicións en que “Nós” edita (5). Conocidas esas condicións e parecéndome inmellorabres, non agardo mais que as suas ordes pra lle remitir o manuscrito e a portada que dibuxará Maside. O libro – plaquette, mellor – constará de poucos poemas e pol-o tanto de escasas páxinas: 50 todo o mais.
Esperando a sua resposta, saúdao afmte.
Manoel-Antonio

A distancia entre Rianxo e A Coruña impediu que Casal e Manuel Antonio tratasen estes asuntos persoalmente e agora podemos seguir o proceso de impresión por medio das cartas cruzadas entre eles. A resposta de Casal chegou a Rianxo o 19 de xaneiro.

Sr. D. Manoel Antonio Peres. Asados.
Distinto señor:
Recebín a sua na que me fala dos seus desexos de imprentar un libro de versos e de me mandar os orixinaes en vista das condizóns que lle comuniquei ô irmán Dieste e non dubidando que o seu libro ha merecer os honores da pubricidade, pode dende logo enviarnos, cando queira, o manuscrito pra ver de dalo âs caixas na primeira oportunidade.

Non obstante o traballo adiouse debido ao atraso de Maside, quen debía entregar os debuxos da capa e o reverso, e non chegaron a Rianxo até o 7 de marzo. Manuel Antonio recibiu ao mesmo tempo as galeradas enviadas por Casal e o día 11 devolveullas corrixidas xunto cos debuxos e as indicacións do pintor.

A viñeta da portada pode ir no mesmo tamaño ou un pouquiño mais reducida; moi pouco pra que o dibuxo non perda as suas calidades. O letreiro faría ben en letras semellantes ás que che tracei con lapiz en azul ou castaño, coa viñeta en negro. O caracol pódelo pór no reverso do libro; no sitio do ex-libris, por exemplo; o peixe, o fin, na derradeira folla, (ou prescindir del) reducidos ambos nas mesmas proporcións en que reduzas a viñeta da portada. O resto das viñetas, si che gusta algunha pra utilizar, conven que queden moi pequeniñas; como unha moeda de dous reás farán moito millor. (Carta de Maside a Manuel Antonio coas indicacións para a impresión do libro)

Manuel Antonio transmítelle a Casal a intención de empregar os debuxos adicionais preparados por Maside.

Non pensaba, como xa lle dixera, que o libro levase ornamentación algunha; pero unha vez que Maside fixo unhas cantas tan axeitadas á sua sinificación, troquei de pensamento.

Non obstante, o 12 de marzo Casal respóndelle desbotando o uso das pequenas ilustracións destinadas a decorar o interior do libro.

Coido que o libro fará mellor sin as viñetas finaes xa que sería feo que uns poemas as levasen i-outros non, pol-o tanto encarreguei xa o cliché d’a portada mail-o da buguina. Tan axiña reciba os clichés mandarei novas probas montadas por planas definitivas. Sería ben que dixese ô seu amigo Bal (Xesús Bal e Gay) que anunciase a proisima aparizón do libro, facendolle ver que mellor que falar dos que fan é facer tamén – seguindo o exempro de vostede que non se mete con ninguén e traballa – compre cordialidade e produzón. Pode decirlles ademais que NÓS non é de ningunha das escolas sinon de todol-os escritores galegos en galego. Para proba abonda a edizón do seu libro cuio estilo en nada se somella ô de outros escritores que en NÓS colaboran. Apertas do seu decote.
A. Casal.

Manuel Antonio acepta as indicacións de Casal e envía a tarxeta do editor a Maside para que lla ensine a Bal, a quen non coñece.

A última comunicación prodúcese o 10 de xuño de 1928, co libro xa impreso. Casal envía por correo os exemplares do autor xunto cunha nota dándolle azos para que non deixe de escribir.

Querido irmán,
Doenzas na miña xente e o moito trafego, impedíronme mandal-o libro antes d’agora, mais por fin, velahí 10 exemprares que coido han ser do seu agrado, como o foron de cantos o viron.
Agora que xa deu â pubricidade o seu primeiro libro compre que non sexa o derradeiro e traballar de cote para ben do rexurdir das letras patrias.
¡Terra a Nosa!

A publicación destes poemas excepcionais foi acollida co silencio habitual que acompaña a edición dos libros galegos. Non obstante as vendas foron un pequeno éxito segundo informa Enrique Fernández Sendón a Manuel Antonio.

A venda pol-o visto foi grande. En Santiago estaba esgotado istes días. As de ter que facer outra edición.

A revista Nós celebrou a publicación de De catro a catro no número 55 de xullo de 1928, nun texto a medio camiño entre a loa e a incomprensión que produce a modernidade dos versos, quizais escrito por Augusto María Casas.

(...) Anqu’algunhas das belezas dos poemas de Manuel-Antonio non poidan ser gustadas inteiramente pol-os que seian alleos â estética qu’os norma, ninguén pode deixar de ver n-il o poeta do mar, o mais escrusivos dos nosos poetas mariños.

Aqueles versos resultaban estraños para moitos lectores afeitos á poesía anterior á vangarda, principalmente costumista ou ben vindicadora respecto da situación de opresión do pobo galego, e que agora descubrían os mozos chegados para cuestionar o ruralismo e o sentimentalismo romántico ao tempo de universalizar a poesía galega, por vez primeira asociada a un movemento europeo que non sabía de fronteiras.

Os dous representantes principais desta renovación poética foron Luís Amado Carballo e Manuel Antonio. A publicación sucesiva entre 1927 e 1928 das obras de Amado Carballo: Proel e O Galo (6) (obra póstuma preparada por Rafael Dieste e Manuel Antonio) e De catro a catro, rompe co pasado para situar a poesía galega na modernidade. (7)


Formalmente, Manuel Antonio tomou prestados da vangarda os versos libres e a ausencia de ritmo, pero lonxe da deshumanización característica da corrente máis pura, presentounos esta proposta arriscada onde os versos forman unha unidade temática e narrativa asociada á xeira do Constantino Candeira, metáfora do propio poeta, para descubrimos a súa ánima enrolados canda el na singradura do veleiro.

Estrutura do libro

O libro comeza coas INTENCIONS previas ao embarque do mariñeiro que goza por anticipado a ilusión da viaxe futura.

Encheremol-as velas
c’a luz náufraga d’a madrugada
  Pendurando en dous puntos cardinaes
a randeeira esguía
d’o pailebote branco

Deseguida o piloto fala d’A FRAGATA VELLA, imaxe do mesmo poeta, expresando a fatiga producida polo paso do tempo, simbolizada no desencanto suxerido polos obxectos avellentados.

Tel-os ollos distantes
decorados de rostros xoviaes
  que os vellos mariñeiros
permutaron pol-os climas antípodas

TRAVESÍA describe a rutina dos mariñeiros que navegan “cronometrando monotonías”, como transcorren as vidas ao encadear travesías idénticas, nunha imaxe recorrente ao longo do libro que fala do fastío producido pola repetición.

Troqueles reiterados
  o reloxe e o Sol
alcuñaron moedas efímeras
que repetían todas
a mesma cara e a mesma cruz

OS COBADOS N-O BARANDAL expresa o concepto de inmensidade.

Atopamos esta madrugada
n-a gayola d’o Mar
unha illa perdida
(1)

(1) O mar adentro é unha illa d’auga
     rodeada de ceo por todas partes

E a palabra máxica e sonora xorde nos versos de SÓS para describir a soidade do poeta lonxe dos seres queridos. Ninguén coma el é quen de definir a saudade con tan poucas palabras.

  Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós


A morte visita os versos dedicados ...AO AFOGADO, que Manuel Antonio identifica coa perda dos que navegan/viven xuntando soidades.

  Xa che levaran os ollos
relingadores de lonxanías
e pescadores de profondidades

GUARDA DE 12 A 4 describe a intimidade entre o piloto e o barco, cando todos dormen mentres a vixía esculca o ronsel desaparecendo pola popa. Barco e piloto comparten destino e forman parte indisociable o un do outro.

Estraviaron-se os pasos do Mar
n-os vieiros do vento desertor
  E perdeu-se pol-a popa
  desamarrado
  o ronsel

E logo da travesía o pailebote arriba a porto no poema RECALADA. Unhas horas artificiais en que os mariñeiros beben e confrontan a hostilidade da vida en terra, dando solta aos soños que os acompañan.

Atoparemos n-o peirán
as follas evadidas
d’o almanaque d’os nosos soños

Aínda en terra, NAVY BAR introduce os anglicismos no libro como corresponde ao cosmopolitismo da vangarda.

Encheron-nos o vaso
con toda a auga d’o Mar
pra compor un cock-tail de horizontes

A BALADA D’O PAILEBOTE BRANCO fala da saudade simbolizada nas cicatrices sentimentais que deixaron no barco os vellos navegantes e dos misterios que agochan as vidas, mesmo as máis evidentes. O veleiro coñece os relatos dos tripulantes, pero eles ignoran a súa historia e para contala deberían falar todos os que algún día viaxaron enrolados.

Pero a hestoria d’o pailebote branco
non-a sabía o piloto
  nin o gavieiro
  nin o rapaz

Baixo o sol, o pailebote sen velas fai equilibrios n’O CARTAFOL D’O VENTO. O barco inmóbil soporta as acometidas dos elementos sen poder fuxir. Outro tanto sucede co poeta, preso da súa vida.

O vento perdeu as follas
d’o seu cartafol
  - Esas que os chuvascos
                                  mecanógrafos
        tecolean n-o manual d’os mastros?

LIED OHNE WORTE é unha expresión alemá que identifica o poema onde Manuel Antonio fala da saudade que produce nel o paso do tempo, mentres fuma en pipa na noite sen lúa.

Aboya un esbardar de marusías
tentando os ceos sin atopar a Lua
Pero a Lua esta noite
desertou d’os almanaques

O poeta descubre A ESTRELA DESCOÑECIDA que vixía os cadáveres dos mariñeiros afogados “decote acobadada n-aquela fenestra - tan a trasmán! que penduraches d’unha constelación”, asistindo impasible ao devalar dos corpos perdidos.

Endexamais souberon os cadavres sin rumbo
que tí os amortallabas c’o teu ollar

CALMA DE 6 A 8 describe unha encalmada contra o solpor cando o serán vira cara a noite frieira, como varada e lenta está a súa vida.

N-a xerfa esbara o sol
tras d’os ausentes oleaxes
  As velas frouxas
  póstumo rompeolas d’os chuvascos
  cosen os farrapos con fíos de sol morno

O poema DESCOBERTA relata o desamparo do poeta, desorientado e orfo do sol, a imaxe do barco perdido na brétema.

Quen fechou esta noite
a fenestra azul d’o Mar?
  Este Mar fuxitivo
de todal-as riveiras
  Náufrago d’o neboeiro
que desviou o rumbo
d’os puntos cardinaes

LECER transmite a calma do mariñeiro fóra de servizo, lonxe de Vigo. As palabras inspiran quietude.

Pero as nosas velas encalmadas
espantan a bandazos
as horas como moscas

S.O.S. incorpora a linguaxe técnica e científica aos poemas, noutro trazo característico da vangarda. O poeta ceiba unha chamada de auxilio no medio da noite.

Todos presentíamos que a noite
preparaba algún sofisma
  E o faro estraviado
daba o S-O-S
n-o morse
        - clave Orión -
                        das estrelas

O cansazo atravesa o libro en AO REVERSO D’A NOITE, onde Manuel Antonio fala do abandono do barco no remate da xornada, como os corpos sen folgos que agardan a chegada da luz e con ela o final da travesía.

E o pano branco d’o novo día
enxugará os ollos do ceo

E a nosa viaxe a bordo do Constantino Candeira remata co poema ADEUS, deixando o poeta en terra coa saudade provocada pola ausencia do veleiro.

...alguén que chora dentro de mín
por aquel outro eu
que se vai n-o veleiro
                            pra sempre
                            coma un morto
c’o peso eterno de tódol-os adeuses

(1)    Fonte da imaxe de Manuel Antonio: De catro a catro e outros textos. Xerais, Vigo. 1990
(2)    Manoel-Antonio I Poesías. Galaxia, Vigo. 1972.
(3)    Pailebote Peregrin Fos, renomeado; antes Constantino Candeira, Foto Jesús Martínez Curto. vidamaritima.com > O pailebote branco
(4)    Manoel-Antonio III Correspondencia. Galaxia, Vigo. 1979. Esta mesma fonte serve para os seguintes anacos de cartas referidos.
(5)    Manuel Antonio está a falar dunha carta remitida por Ánxel Casal a Rafael Dieste con data 9 de xaneiro de 1928: “As condizóns que temos estabrecido na parte editorial son: imprentazón das obras anticipando toda ou parte do importe (segun as nosas posibilidades), entregando ôs autores o líquido que resulte de deducir da cantidade total o custe mail-o 35% de desconto que se fai para pago da comisión ôs libreiros, gastos de correio, propaganda etc. (...) Todo canto fica dito é extensivo ô irman Manuel Antonio de cuios desexos xa nos falara o noso Antón Villar Ponte”. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Xosé Mª Dobarro / Ernesto Vázquez. Ediciós do Castro, Sada. 2003.
(6)    Proel. Luís Amado Carballo. Editorial Alborada, Pontevedra. 1927. O Galo. Luís Amado Carballo. Editorial Nós, A Coruña. 1928.
(7)    Ademais destes textos en galego,
xunto aos que quizais tamén
podemos incluír o libro de poemas
de Xulio Sigüenza: Cantigas e
verbas ao ar
(Nós, A Coruña. 1928), cabe considerar tres libros de poetas galegos; os dous primeiros escritos en galego e castelán polo poeta lucense Miguel Mosteiro (Ancla, Tipografía Numancia, Madrid. 1926; Poemas sincopados. Imp. G. Hernández y Galo Sáez, Madrid. 1928), exemplo da vangarda ultraísta. E o terceiro, obra de Xoán Vidal Martínez e escrito en castelán, titúlase Alcor e foi editado en 1927 en Pontevedra pola editorial Alborada fundada polo autor xunto con Amado Carballo.