sábado, 25 de janeiro de 2014

CÁNTIGAS POPULARES DA AROUSA



CÁNTIGAS POPULARES DA AROUSA (Primeira Serie) / Bouza Brey, Fermín
Marzo de 1931
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Linares Rivas, 50. A Cruña
56 p ; 24 cm.

As Cántigas populares da Arousa, de Fermín Bouza Brey, foron impresas por Nós en 1931 no obradoiro da avenida Linares Rivas da Coruña.

Esta separata exenta tamén foi incluída no terceiro volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, editado por Nós en 1930.

Bouza Brey, escritor versátil e non obstante especializado nos estudos etnográficos e arqueolóxicos, defende na introdución desta obra a necesidade de recompilar a poesía popular de Galiza atendendo a clasificacións específicas, pois “tan sô facendo a recolleita por localidades ou bisbarras pódese chegar a un coñecemento aproisimado do que a i-alma nosa a se deitar en cántigas n-un intre dado pode proporcioar”.

O autor deixou tamén exemplos destas pescudas locais no Cancioeiro das ribeiras do Tea, traballo de ingreso no Seminario de Estudos Galegos lido por Bouza o 2 de outubro de 1928 (2) ou no Folklore de San Andrés de Somoza, concello da Estrada, en Terra de Tabeirós (3), entre outras.

Revista Nós nº 93 / Suplemento Nós nº 4
Outros notarios da cultura popular como por exemplo Eduardo Torner e Xesús Bal e Gay coa obra Folklore musical (Terra de Melide. Nós, 1933) ou Xaquín Lorenzo no Cantigueiro popular da Limia Baixa (Galaxia, 1973), partillaron o mesmo degoxo por deixar constancia do folclore local.

De feito, na sección periódica: Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza incluída na revista Nós desde 1921, participaron diferentes autores e serviu para documentar estas pescudas.

Todas estas recompilacións conservan a espontaneidade da fala e lévannos a través do tempo até un mundo desaparecido, que aínda podemos atinxir grazas ao labor destes investigadores. Ramón Cabanillas expresou o mesmo devezo na súa Antífona da Cantiga (Galaxia, 1951):

Conservóunos a copla as verbas máis fermosas e os xiros máis enxebres e espresivos. Son coadros en vivenza, en ela atopamos os costumes vernáculos tan dóces ó noso corazón, ademiramos con ledicia e saudade os paisaxe amados e vemos rebulir os tipos representativos da raza.

Escolma

A Arousa é unha rexión de fortes vivires, mariñeira e labrega a un tempo, constituída non somente pol-as terras que veirean a Ría do seu nome senón tamén pol-as ínsuas poboadas, rexión na que o folklore presenta unha variedade de temas e unha rápida sucesión de motivos dificultosos de topar n-outras bisbarras do noso chan.

Bouza agrupa as cantigas por temas. Ademais, o texto inclúe o lugar da colleita.

AMEAZA                                         AMOR       
Anque me poñan ô frente            Unha vez caín no río
artillería volante                         outra vez caín no mar
e a teu pai de artilleiro                outra caín nos teus brazos
teño de seguir adiante.               non me puiden levantar.
(Vilagarcía)                                (Vilagarcía)

ANIMALES E PRANTAS                CANTAR E BEILAR
O paxaro de María                      Deprendéronme a cantar
anda nas miñas cireixas:             as neniñas de Rianxo,
Come, paxariño, come                deprendéronme a cantar
veremos as que me deixas.         indo pol-o mar abaixo.
(Taragoña)                                (Rianxo)

CASAMENTO                                  COALIDADES
Eu caseime por un ano                Zapatiño de unha sol
por saber que vida tiña;              logo lle cai a biqueira.
o ano vai acabando                     Ten coidado miña nena,
quen me dera solteiriña!              non caer a vez primeira.
(Vilagarcía)                                (Taragoña)

CONSOLOS                                    COSTUMES
Anque miña nai é probe,             De onde vés, Carmela
- viva el sol viva la luna -            Veño do regueiro
anque miña nai é probe              de laval-a roupa
non é deshonra ningunha.          do meu mariñeiro.
(Godos)                                    (Vilagarcía)

DESAFÍO                                        DESPEDIDAS
Ofrecécheme unha tunda            Vámonos de aquí que é hora
choqueira de Redondela;            que o camiño das estrelas
ofrecécheme unha tunda            vai guiando â feira nova.
agora veño por ela.                   (Boiro)
(Sta. Euxía de Ribeira)

DESPREZOS E DESDÉNS              DEVOZÓNS
O cariño que che teño                  Nosa Virxen da Lanzada
cabe n-unha mau cerrada;           que altiña que se foi pôr;
nin é pouco nin é moito               dalle o aire, dalle o vento,
tanto é que non é nada.              dalle o mar pol-o arredor.
(Cespón)                                   (Noalla)

HUMORISMO E BULRA                MALQUERENZA
O crego que che casou                Non faledes mal dos homes
debía de estar borracho              que eu tamén lles quero ben,
porque non che preguntou          ¡quén mos dera ver a todos
si eras femia ou eras macho.        n-unha pipa de alquitrén!
(Vilagarcía)                                (Palmeira)

MORMURAZÓN                            OFICIOS
O río cando vai cheo                 Teño lanchas, teño redes
leva carballos e follas                e teño peixe no mar,
tamén debía levar                     teño unha moza bonita,
as língoas mormuradoras          xa non quero traballar.
(Vilagarcía)                              (Rianxo)

PETITORIOS                                 PICARDÍA E SÁTIRA
Dáma, miña prima, dáma,           O cura de San Martiño
dáma que non é pecado,             éche moi bô confesor
dame unha hachiña de lume        que confesou â criada
para encender o cigarro.             debaixo do cobertor.
(Vilagarcía)                               (Palmeira)

PORCAS                                   PROMESAS
Unha vella nun corral                  Heicho de dar, queridiña,
bota un peido mata un porco      heicho de dar que o teño,
si non chegan a acudir                heicho de dar, queridiña,
mata galiñas e todo.                   o anelo para o dedo.
(Vilagarcía)                                (Vilagarcía)

QUEIXAS                                 REFLEISIÓNS
Dios che me dea pacencia           Púxenme a considerar
con esta miña muller                  que poucos amigos ten
que non fai o que eu lle mando    o que nada ten que dar.
e que fai o que ela quer.             (Palmeira)
(Vilagarcía)

RONDADORES                               XEOGRAFÍA
Si queres que vaia e veña           Aldeíña de Loimar
meniña ô teu lugar                     toda ela é costas arriba,
has de prender â cadela              a i-auga que nela nace
que non fai senón ladrar.             que boas rapazas cría!
(Carril)                                      (Bealo)

(1)  Fonte da imaxe de Fermín Bouza Brey: www.carloscallon.com
(2)  Cancioeiro das ribeiras do Tea. Fermín Bouza Brey e Luís Brey Bouza. Seminario de Estudos Galegos, Seizón Folk-lórika. Editorial Nós, 23 de marzo de 1929. A Coruña. Cancioeiro das ribeiras do Tea. Revista Nós nº 63. Editorial Nós, 15 de marzo de 1929 / Suplemento nº 4 da revista Nós. Editorial Nós, marzo de 1929. A Coruña.
(3)  Arquivo filolóxico e etnográfico da Galiza. Revista Nós, nº 93. 15 de setembro de 1931.



sábado, 18 de janeiro de 2014

BLANCAS



BLANCAS / Pubul Cartelle, José
7 de Nadal de 1931
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20 – Santiago
97 p ; 16 cm.

O libro Blancas, de José Pubul Cartelle, saíu do obradoiro de Nós na rúa das Hortas en Santiago de Compostela en decembro de 1931.

Esta edición do autor escrita en castelán e ilustrada por un debuxo do propio Pubul, é probablemente o libro máis estraño de cantos saíron do prelo de Nós.

José Pubul foi médico e membro da Unión Republicana. En xullo de 1935 participou na creación do Ateneo de Sada, entidade presidida por Ramón Suárez Picallo e destinada a promover a cultura entre as clases populares. En xaneiro de 1936 o mestre Rafael Fernández Casas foi designado presidente e Pubul ocupou o cargo de vicepresidente. (1)

Os membros do Ateneo foron perseguidos polos golpistas logo de xullo do 36; algúns deles asasinados e outros, como sucedeu con Pubul, represaliados. (2)

Deste mesmo autor coñécense algunhas publicacións en revistas médicas na década dos anos 30, desaparecendo toda referencia posterior a 1937 sobre a súa vida e obra. (3)

Blancas é un opúsculo filosófico de inspiración social, onde Pubul pescuda os principios que rexen o progreso social. Trátase dunha análise humanista ben intencionada, malia resultar superficial e simple, próxima aos postulados do socialismo utópico; e máis concretamente ao industrialismo de Saint-Simon.

Sinopse da obra

INICIAL

Os instintos bélicos e sexuais non poder ser anulados porque mutilan a integridade do home. Son excepcionais os individuos que someten a esfera instintiva á cerebral. Os instintos son precisos para manter o progreso da humanidade.

O individualismo egoísta prevalece sobre o individualismo altruísta co obxecto de mellorar a civilización.

INTEGRIDADE VITAL

La especialización como consecuencia de la lucha por la vida, es la causa mayor del desequilibrio individual y social.

Os homes instintivos guíanse polo instinto de conservación. Obran impulsados polas súas necesidades materiais e tanto poden orixinar o caos como manter a orde e o progreso. Predominaron nas primeiras épocas da humanidade e hoxe son restos atávicos destinados a eliminarse mutuamente.

Os homes sentimentais foxen da dor por instinto de conservación. Non saben crear e limítanse a sentir. Manifestáronse cando a humanidade domeou a natureza.

Os homes cerebrais utilizan os anteriores como instrumento para acadar os seus obxectivos. Só pode frealos o medo a ser derrotados. Predominan na época actual e non teñen máis inimigos ca outros cerebrais. Dominan os instintivos infundindo neles ideais e desprezan os sentimentais.

A vida instintiva e a integridade vital

Considerando imposible a anulación dos instintivos, cómpre inculcar neles un ideal beneficioso; un medio que lles permita loitar e triunfar sen destruír.

El deporte es disciplina poderosa de la realidad instintiva, el censor más humano e imparcial de su conducta, el dique que impide su desbordamiento.

A vida sentimental na futura sociedade

Tanto instintivos como sentimentais e cerebrais inclínanse maioritariamente polo ben. Esta tendencia ten como consecuencia o progreso da humanidade.

As futuras cerebracións

O autor distingue o traballo imposto, que implica sometemento e o traballo ceibe, que non mutila a vida.

La máquina parece presentarse como una posibilidad de liberación de la vida sometida, no solo humana sino animal.

O traballo imposto ficará reducido ao mínimo e deixará espazo para o traballo ceibe. A muller acadará a independencia económica e material; a mocidade, ceibe por fin da escravitude, poderá concentrarse na súa educación; os vellos atoparán a liberación do descanso.

(1)  O Ateneo de Cultura Política y Social. Unha experiencia societaria na Sada da II República. Manuel Pérez Lorenzo. A.C. Irmáns Suárez Picallo. Cadernos de Estudos Locais. Nº 1. Xullo de 2010.
(2)  Nomes e voces. José Pubul Cartelle. Home de 28 anos. Veciñanza: Sada. Natural de Ferrol. Xulgado en A Coruña por rebelión co resultado sentencia absolución.
(3)  Algo sobre sinfiosiotomía. Galicia Clínica (1932). Alumbramiento manual e infección puerperal. Galicia Clínica (1933). El intervencionismo en los accidentes de legrado uterino. Galicia Clínica (1933). La previsión de los accidentes de trabajo en las faenas de la pesca (1937).


domingo, 12 de janeiro de 2014

ENSAYOS Y POESÍAS



ENSAYOS Y POESÍAS / Viqueira, Johán Vicente
6 de agosto de 1931
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20 – Santiago
268 p ; 18 cm.

Ensayos y Poesías, libro póstumo de homenaxe dedicado á memoria de Johán Vicente Viqueira Cortón, foi impreso por Nós no obradoiro das Hortas en Santiago de Compostela en agosto de 1931.

Non obstante, o libro foi confeccionado dacabalo entre A Coruña e Compostela, pois se ben na presentación consta o enderezo de Linares Rivas, nº 50 na Coruña; o colofón indica que o libro saíu do prelo na rúa das Hortas, nº 20 en Compostela.
As cubertas, feitas con cartón duro, levan a inscrición de  Encuadernación Calleja, na rúa Campomanes, nº 3, en Madrid. Con toda seguridade, o texto impreso por Nós foi encadernado posteriormente polos patrocinadores da obra.

O libro de Viqueira sería un dos primeiros en ver a luz no novo local de Nós en Compostela. (2)

O 16 de maio de 1931, asina Casal un substancioso contrato co SEG para imprentar unha das obras cume da institución compostelá, o monográfico dedicado a Melide.
O contrato seguro dos 500 exemplares, e a probabilidade de redondear uns ingresos precisos, coa impresión de separatas e outras obras do SEG, pesa indubidablemente na súa marcha a Compostela.
(3)

Xa que logo, a proximidade ao Seminario de Estudos Galegos, organismo que daquela era o principal cliente de Casal e con quen tiñan xurdido algunhas tensións debido ás dificultades para comunicarse a distancia, influíron de xeito decisivo na súa decisión de mudar a localización da editorial. Así recordaba Isaac Díaz Pardo a chegada de Nós á rúa das Hortas.

Coido que desde que nacín tiven contacto con Casal. O meu pai era íntimo de Casal; colaboraba con Casal desde os anos 20. O meu pai facíalle as portadas dos libros. Había unha intimidade e compenetración grande entre os dous. Logo, cando meu pai no ano 1931 se vai co Coro de Ruada para América, e volve despois de abril, logo de se proclamar a República … Ben, nós daquela viviamos na rúa das Hortas número 20. E, logo meu pai alugou unha casa pequena na rúa de Carretas e fomos vivir para alá e a nosa casa das Hortas deixoulla a Casal para montar a imprenta. (4)

O volume que recompila parte da obra de Joan V. Viqueira, saído deste novo obradoiro, foi encargado e sufragado polos amigos e admiradores do escritor. Os trescentos volumes desta edición non estaban destinados á venda e foron impresos nominalmente para cada un dos patróns. O libro utilizado para esta recensión leva o número oitenta e tres dos editados e pertenceu a Luis García Bilbao; intelectual do Madrid dos anos trinta.

Unos cuantos íntimos de Juan Vicente Viqueira, al recoger en un volumen algunas de sus obras inéditas con otras dispersas, nos proponemos dedicar esta ofrenda a su memoria y acercar, cuando el autor nos falta, sus últimas páginas, a un círculo reducido de lectores amigos. Con ellas en la mano hemos de ver destacar, en su labor interrumpida tan pronto, las dotes de aquel espíritu señero.

Viqueira morreu no verán de 1924, antes de facer os trinta e oito anos. Doutor en filosofía e catedrático de psicoloxía, formou parte da Irmandade da Fala da Coruña e colaborou con A Nosa Terra. A súa prosa galega manifestou o seu compromiso coa lingua e coa necesidade de artellar un sistema educativo galego. Tamén adoptou o galego como lingua lírica, escribindo en galego case todas as súas poesías.

Sinopse da obra

Recoge este libro diversos legados de la actividad espiritual de Vicente Viqueira. Algunos son conferencias pronunciadas en La Coruña sobre cuestiones pedagógicas o artísticas; otros artículos de variada índole aparecidos en A Nosa Terra, órgano coruñés del galleguismo; otros son versos íntimos, sólo destinados a personas queridísimas; otros semejan fragmentos y bosquejos de trabajos que en vano han de esperar eternamente su último perfeccionamiento.

REFLEXIONES SOBRE NUESTRA ÉPOCA. Reflexión filosófica sobre a posición do espírito humano diante da vida, que Viqueira resume en tres actitudes: acción, coñecemento e fuxida.

LA FILOSOFÍA DEL PRESENTE. Análise das correntes filosóficas modernas que conforman o substrato da filosofía actual caracterizada por ser crítica e metafísica.

El hombre capaz de vivir con valor nuestra época lo ha de formar la educación. Nuestra época ansía cambio, actividad, creación, ir más allá, vivir con fuego infinito. No puede desear una vieja educación mecánica y pobre, de libros; se aprende por la vida, es aquí la palabra. Giner de los Ríos creador.
Y en este cambio incesante vamos al infinito. Representantes de la inquietud: Ortega. Vivamos con orgullo el presente.

TRES NOTAS SOBRE LA RELIGIÓN.Para Viqueira a esencia da relixión é o rito: a acción que afirma a nosa comunicación coas potencias superiores.

Las religiones positivas pueden hacer sólo su misión reduciéndose al elemento propio religioso, a la comunicación con Dios (serían sólo diversos ritos) y abandonando toda preocupación extraña; por ejemplo, política…

INMORTALIDAD. Notas encol da historia do pensamento filosófico sobre a inmortalidade.

FILOSOFÍA Y VIDA. A filosofía como loita titánica por abranguer o Ser.
ACCIÓN. Invitación filosófica á loita diante das dificultades.

EXALTACIÓS (Prosas líricas). Baixo este apartado reúnense sete textos, algúns deles publicados en A Nosa Terra: Alma gallega, ¡Ser o no Ser!, A nosa Lingua, O campo e a cidade, Libertade, Autonomía, Esforzo.

Galegos, amade, cultivade o rico tesouro da nosa língua. So falando-a seredes libres, ja que o home sen raza é unha abstracción.

O QUE PRECISA A NOSA JUVENTUDE. O autor apela ás novas xeracións para que abracen o idealismo e tomen partido polo presente.

MIÑA GALICIA. “Miña Galicia non é a que foi, é a que será; non é a d’onte, é a de mañán”.

ALMA. Reivindicación da alma colectiva de Galiza.

DIÁLOGO TRASCENDENTAL. Serve a Galiza quen traballa pola súa prosperidade.

DIVAGACIÓS ENGEBRISTAS. Conferencia pronunciada durante a inauguración da exposición das obras de Castelao na Coruña en 1920.

PENSAMENTOS. Dedicado á memoria de Lois Porteiro Garea.

O NAZONALISMO JURDINDO. Proclama da morte do rexionalismo “d’orfeón e ripios”, que as Irmandades substitúen polo nacionalismo.

O DÍA DE MAÑÁN. O autor defende o federalismo republicano, afirmando que xa non cabe agardar nada do rexionalismo conservador.

NACIONALISMO E SOCIALISMO. O autor expresa o seu credo ideolóxico.

A NOSA ESCOLA. A escola debe ser o centro cultural galego e debe formar a base sobre a que asentar o progreso.

O GALEGO NA ESCOLA. Viqueira fala da necesidade de introducir o galego na escola. “O primeiro paso para que o galego apareza na escola ha de consistir en que o mestre non prohiba ôs rapaces ou rapazas a expresión do pensamento expontáneo”.

NOSOS PROBLEMAS EDUCATIVOS. Conferencia na Irmandade da Fala da Coruña en 1919.

POL-A REFORMA DA ORTOGRAFÍA. Viqueira defende o uso da ortografía que chama erudita, asemellando a escrita do galego á grafía portuguesa, para facer do galego unha lingua universal.

POESÍA

A poesía de Viqueira é intimista e a miúdo transcendental. Nela fálanos da natureza e dos seus degaros existenciais

De ouro e brilante pedrería / acugulado, / eu fixen un castelo, no que vivo / agachado (…) Non quero m’espertar. No meu castelo / misterioso e forte, / soñarei hastra que a min chegares / ou, negra morte!

A tristeza e a melancolía impregnan os versos apaixonados, nos que o poeta devece por transcenderse a si mesmo, sempre á procura dun destino superior.

E vagamente espertan os desejos / de loitar cal os héroes que foron. / Emergen do meu peito apaixonado / os enxamios d’os soños.

Por último, tamén hai poemas de amor cortés e ideal, e outros místicos.
DIEZ IDILIOS DE TEÓCRITO. O libro conclúe cunha tradución do grego efectuada por Viqueira.

(1)  Fonte da imaxe de Johán Vicente Viqueira: Real Academia Galega.
(2)  O traslado da editorial Nós a Compostela produciuse entre os meses de maio e xuño de 1931. O último libro impreso por completo na Coruña foi Vieiros, de Ricardo Carballo Calero (Vol. 44, 6 de maio de 1931). O primeiro que leva o enderezo da rúa das Hortas será O derradeiro amore, de Aurelio Ribalta (Vol. 45, 12 de xuño de 1931)
(3)  A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro. 2003. Pp. 306-307
(4)  Isaac Díaz Pardo recorda a seu pai, Camilo Díaz Baliño, nunha entrevisa concedida á revista Murguía no ano 2005. Murguía. Revista Galega de Historia. Nº 7/8 maio-decembro 2005.