sábado, 18 de janeiro de 2014

BLANCAS



BLANCAS / Pubul Cartelle, José
7 de Nadal de 1931
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20 – Santiago
97 p ; 16 cm.

O libro Blancas, de José Pubul Cartelle, saíu do obradoiro de Nós na rúa das Hortas en Santiago de Compostela en decembro de 1931.

Esta edición do autor escrita en castelán e ilustrada por un debuxo do propio Pubul, é probablemente o libro máis estraño de cantos saíron do prelo de Nós.

José Pubul foi médico e membro da Unión Republicana. En xullo de 1935 participou na creación do Ateneo de Sada, entidade presidida por Ramón Suárez Picallo e destinada a promover a cultura entre as clases populares. En xaneiro de 1936 o mestre Rafael Fernández Casas foi designado presidente e Pubul ocupou o cargo de vicepresidente. (1)

Os membros do Ateneo foron perseguidos polos golpistas logo de xullo do 36; algúns deles asasinados e outros, como sucedeu con Pubul, represaliados. (2)

Deste mesmo autor coñécense algunhas publicacións en revistas médicas na década dos anos 30, desaparecendo toda referencia posterior a 1937 sobre a súa vida e obra. (3)

Blancas é un opúsculo filosófico de inspiración social, onde Pubul pescuda os principios que rexen o progreso social. Trátase dunha análise humanista ben intencionada, malia resultar superficial e simple, próxima aos postulados do socialismo utópico; e máis concretamente ao industrialismo de Saint-Simon.

Sinopse da obra

INICIAL

Os instintos bélicos e sexuais non poder ser anulados porque mutilan a integridade do home. Son excepcionais os individuos que someten a esfera instintiva á cerebral. Os instintos son precisos para manter o progreso da humanidade.

O individualismo egoísta prevalece sobre o individualismo altruísta co obxecto de mellorar a civilización.

INTEGRIDADE VITAL

La especialización como consecuencia de la lucha por la vida, es la causa mayor del desequilibrio individual y social.

Os homes instintivos guíanse polo instinto de conservación. Obran impulsados polas súas necesidades materiais e tanto poden orixinar o caos como manter a orde e o progreso. Predominaron nas primeiras épocas da humanidade e hoxe son restos atávicos destinados a eliminarse mutuamente.

Os homes sentimentais foxen da dor por instinto de conservación. Non saben crear e limítanse a sentir. Manifestáronse cando a humanidade domeou a natureza.

Os homes cerebrais utilizan os anteriores como instrumento para acadar os seus obxectivos. Só pode frealos o medo a ser derrotados. Predominan na época actual e non teñen máis inimigos ca outros cerebrais. Dominan os instintivos infundindo neles ideais e desprezan os sentimentais.

A vida instintiva e a integridade vital

Considerando imposible a anulación dos instintivos, cómpre inculcar neles un ideal beneficioso; un medio que lles permita loitar e triunfar sen destruír.

El deporte es disciplina poderosa de la realidad instintiva, el censor más humano e imparcial de su conducta, el dique que impide su desbordamiento.

A vida sentimental na futura sociedade

Tanto instintivos como sentimentais e cerebrais inclínanse maioritariamente polo ben. Esta tendencia ten como consecuencia o progreso da humanidade.

As futuras cerebracións

O autor distingue o traballo imposto, que implica sometemento e o traballo ceibe, que non mutila a vida.

La máquina parece presentarse como una posibilidad de liberación de la vida sometida, no solo humana sino animal.

O traballo imposto ficará reducido ao mínimo e deixará espazo para o traballo ceibe. A muller acadará a independencia económica e material; a mocidade, ceibe por fin da escravitude, poderá concentrarse na súa educación; os vellos atoparán a liberación do descanso.

(1)  O Ateneo de Cultura Política y Social. Unha experiencia societaria na Sada da II República. Manuel Pérez Lorenzo. A.C. Irmáns Suárez Picallo. Cadernos de Estudos Locais. Nº 1. Xullo de 2010.
(2)  Nomes e voces. José Pubul Cartelle. Home de 28 anos. Veciñanza: Sada. Natural de Ferrol. Xulgado en A Coruña por rebelión co resultado sentencia absolución.
(3)  Algo sobre sinfiosiotomía. Galicia Clínica (1932). Alumbramiento manual e infección puerperal. Galicia Clínica (1933). El intervencionismo en los accidentes de legrado uterino. Galicia Clínica (1933). La previsión de los accidentes de trabajo en las faenas de la pesca (1937).


Sem comentários:

Enviar um comentário