sábado, 25 de janeiro de 2014

CÁNTIGAS POPULARES DA AROUSA



CÁNTIGAS POPULARES DA AROUSA (Primeira Serie) / Bouza Brey, Fermín
Marzo de 1931
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Linares Rivas, 50. A Cruña
56 p ; 24 cm.

As Cántigas populares da Arousa, de Fermín Bouza Brey, foron impresas por Nós en 1931 no obradoiro da avenida Linares Rivas da Coruña.

Esta separata exenta tamén foi incluída no terceiro volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, editado por Nós en 1930.

Bouza Brey, escritor versátil e non obstante especializado nos estudos etnográficos e arqueolóxicos, defende na introdución desta obra a necesidade de recompilar a poesía popular de Galiza atendendo a clasificacións específicas, pois “tan sô facendo a recolleita por localidades ou bisbarras pódese chegar a un coñecemento aproisimado do que a i-alma nosa a se deitar en cántigas n-un intre dado pode proporcioar”.

O autor deixou tamén exemplos destas pescudas locais no Cancioeiro das ribeiras do Tea, traballo de ingreso no Seminario de Estudos Galegos lido por Bouza o 2 de outubro de 1928 (2) ou no Folklore de San Andrés de Somoza, concello da Estrada, en Terra de Tabeirós (3), entre outras.

Revista Nós nº 93 / Suplemento Nós nº 4
Outros notarios da cultura popular como por exemplo Eduardo Torner e Xesús Bal e Gay coa obra Folklore musical (Terra de Melide. Nós, 1933) ou Xaquín Lorenzo no Cantigueiro popular da Limia Baixa (Galaxia, 1973), partillaron o mesmo degoxo por deixar constancia do folclore local.

De feito, na sección periódica: Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza incluída na revista Nós desde 1921, participaron diferentes autores e serviu para documentar estas pescudas.

Todas estas recompilacións conservan a espontaneidade da fala e lévannos a través do tempo até un mundo desaparecido, que aínda podemos atinxir grazas ao labor destes investigadores. Ramón Cabanillas expresou o mesmo devezo na súa Antífona da Cantiga (Galaxia, 1951):

Conservóunos a copla as verbas máis fermosas e os xiros máis enxebres e espresivos. Son coadros en vivenza, en ela atopamos os costumes vernáculos tan dóces ó noso corazón, ademiramos con ledicia e saudade os paisaxe amados e vemos rebulir os tipos representativos da raza.

Escolma

A Arousa é unha rexión de fortes vivires, mariñeira e labrega a un tempo, constituída non somente pol-as terras que veirean a Ría do seu nome senón tamén pol-as ínsuas poboadas, rexión na que o folklore presenta unha variedade de temas e unha rápida sucesión de motivos dificultosos de topar n-outras bisbarras do noso chan.

Bouza agrupa as cantigas por temas. Ademais, o texto inclúe o lugar da colleita.

AMEAZA                                         AMOR       
Anque me poñan ô frente            Unha vez caín no río
artillería volante                         outra vez caín no mar
e a teu pai de artilleiro                outra caín nos teus brazos
teño de seguir adiante.               non me puiden levantar.
(Vilagarcía)                                (Vilagarcía)

ANIMALES E PRANTAS                CANTAR E BEILAR
O paxaro de María                      Deprendéronme a cantar
anda nas miñas cireixas:             as neniñas de Rianxo,
Come, paxariño, come                deprendéronme a cantar
veremos as que me deixas.         indo pol-o mar abaixo.
(Taragoña)                                (Rianxo)

CASAMENTO                                  COALIDADES
Eu caseime por un ano                Zapatiño de unha sol
por saber que vida tiña;              logo lle cai a biqueira.
o ano vai acabando                     Ten coidado miña nena,
quen me dera solteiriña!              non caer a vez primeira.
(Vilagarcía)                                (Taragoña)

CONSOLOS                                    COSTUMES
Anque miña nai é probe,             De onde vés, Carmela
- viva el sol viva la luna -            Veño do regueiro
anque miña nai é probe              de laval-a roupa
non é deshonra ningunha.          do meu mariñeiro.
(Godos)                                    (Vilagarcía)

DESAFÍO                                        DESPEDIDAS
Ofrecécheme unha tunda            Vámonos de aquí que é hora
choqueira de Redondela;            que o camiño das estrelas
ofrecécheme unha tunda            vai guiando â feira nova.
agora veño por ela.                   (Boiro)
(Sta. Euxía de Ribeira)

DESPREZOS E DESDÉNS              DEVOZÓNS
O cariño que che teño                  Nosa Virxen da Lanzada
cabe n-unha mau cerrada;           que altiña que se foi pôr;
nin é pouco nin é moito               dalle o aire, dalle o vento,
tanto é que non é nada.              dalle o mar pol-o arredor.
(Cespón)                                   (Noalla)

HUMORISMO E BULRA                MALQUERENZA
O crego que che casou                Non faledes mal dos homes
debía de estar borracho              que eu tamén lles quero ben,
porque non che preguntou          ¡quén mos dera ver a todos
si eras femia ou eras macho.        n-unha pipa de alquitrén!
(Vilagarcía)                                (Palmeira)

MORMURAZÓN                            OFICIOS
O río cando vai cheo                 Teño lanchas, teño redes
leva carballos e follas                e teño peixe no mar,
tamén debía levar                     teño unha moza bonita,
as língoas mormuradoras          xa non quero traballar.
(Vilagarcía)                              (Rianxo)

PETITORIOS                                 PICARDÍA E SÁTIRA
Dáma, miña prima, dáma,           O cura de San Martiño
dáma que non é pecado,             éche moi bô confesor
dame unha hachiña de lume        que confesou â criada
para encender o cigarro.             debaixo do cobertor.
(Vilagarcía)                               (Palmeira)

PORCAS                                   PROMESAS
Unha vella nun corral                  Heicho de dar, queridiña,
bota un peido mata un porco      heicho de dar que o teño,
si non chegan a acudir                heicho de dar, queridiña,
mata galiñas e todo.                   o anelo para o dedo.
(Vilagarcía)                                (Vilagarcía)

QUEIXAS                                 REFLEISIÓNS
Dios che me dea pacencia           Púxenme a considerar
con esta miña muller                  que poucos amigos ten
que non fai o que eu lle mando    o que nada ten que dar.
e que fai o que ela quer.             (Palmeira)
(Vilagarcía)

RONDADORES                               XEOGRAFÍA
Si queres que vaia e veña           Aldeíña de Loimar
meniña ô teu lugar                     toda ela é costas arriba,
has de prender â cadela              a i-auga que nela nace
que non fai senón ladrar.             que boas rapazas cría!
(Carril)                                      (Bealo)

(1)  Fonte da imaxe de Fermín Bouza Brey: www.carloscallon.com
(2)  Cancioeiro das ribeiras do Tea. Fermín Bouza Brey e Luís Brey Bouza. Seminario de Estudos Galegos, Seizón Folk-lórika. Editorial Nós, 23 de marzo de 1929. A Coruña. Cancioeiro das ribeiras do Tea. Revista Nós nº 63. Editorial Nós, 15 de marzo de 1929 / Suplemento nº 4 da revista Nós. Editorial Nós, marzo de 1929. A Coruña.
(3)  Arquivo filolóxico e etnográfico da Galiza. Revista Nós, nº 93. 15 de setembro de 1931.



7 comentários:

  1. Ola Xabier, preguntome se todas as separatas do Seminario de Estudos Galegos se atopan recollidas nos 6 volumen de Arquivos do seminario. Tamén me pregunto se é máis doado atopar as separatas soltas ou os 6 libros dos arquivos. Un saúdo. Marcos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Marcos, nin todas as separatas incluídas nos Arquivos foron publicadas como documentos exentos, nin tampouco os Arquivos reúnen todos os traballos do SEG. Os Arquivos eran un resume dos traballos do SEG durante o ano, pero tamén houbo moitos traballos publicados por diferentes editoriais non incluídos neles. Atopar todas as separatas é pouco menos ca imposible, porque tiñan tiraxes de entre 100 e 200 exemplares polo xeral, e non estaban destinadas á venda. Entregábanse algúnhas ao SEG e outras ao autor para cumprir cos seus compromisos. Xa que logo, trátase dun material moi disperso e pola súa morfoloxía, perecedoiro. A xente conserva os libros pero non as revistas e hoxe en día aparecen aos poucos.

      Con respecto aos volumes dos Arquivos, podes atopalos ocasionalmente en Internet. Os números I, III, IV e VI son relativamente doados. O número II difícil e o número V moi raro

      Saúdos. Xabier

      Eliminar
  2. Ola Xabier, dende a miña ignorancia parécenme moi pouco tirada só 100 ou 200 exemplares. Para qué me poida facer unha idea sabes cal era a tirada da revista Nós?
    En canto ós 6 libros de Arquivos do SEG eu nunca vin o volume V. O volumen I e VI son os que teño visto con máis frecuencia.
    Supoño que as separatas ó ter o formato folleto e tan pouco tirada non se atoparán con moita frecuencia. Eu teño visto moi poucas, e en non moi bo estado.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Desculpa as faltas, coa tablet o corrector non para de modificar o que escribo.

    ResponderEliminar
  4. Se non lembro mal, nalgún sitio lín. que por exemplo a Revista Lar, a ilustrada por Díaz Baliño, tiña unha tirada de 3000 exemplares. A min xa non me parecen moitos, 100 ou 200 non son nada. Case nin chegan para repartir entre a familia e os coñecidos.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola de novo, non teño o dato de Nós, pero Céltiga editaba arredor dos 3.000 exemplares e aínda así son difíciles de ver hoxe en día. As separatas dos SEG non procuraban a difusión dos contidos porque tampouco había un circuito comercial darredor delas, así que case poden considerarse edicións de autor. Polas cartas de Casal sabemos que non tiraba máis deses números salvo que llo pedise o autor fóra do acordo co Seminario. Daquela facíalle un prezo axeitado e tiraba cantas lle encargaban.
      Saúdos. Xabier

      Eliminar
  5. Grazas pola información. Coñecía a tirada da revista Lar pero non a de Celtiga. Esta última non é doado de ver. Eu só vin a obra de Castelao e a dos cisnes, que coido que é unha traducción do inglés. A revista Lar vese algo máis pero tamén é bastante escasa.

    Un saúdo. Marcos.

    ResponderEliminar