sábado, 1 de fevereiro de 2014

PETROGLIFOS DE SABROSO E A ARTE RUPESTRE EM PORTUGAL



PETROGLIFOS DE SABROSO E A ARTE RUPESTRE EM PORTUGAL / de Serpa Pinto, Rui
8 de febreiro de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36-1º. A Cruña
10 p ; 27,5 cm.

A separata das publicacións do Seminario de Estudos Galegos titulada Petroglifos de Sabroso e a arte rupestre em Portugal escrita por Rui Correia de Serpa Pinto foi editada por Nós en febreiro de 1929, no obradoiro da rúa Real da Coruña.

O folleto foi incluído entre as publicacións da Seizón de Arqueoloxía, dirixida desde 1926 polo arquitecto Constantino Candeira e que despois de 1930 pasou a dirixir o crego Xesús Carro García.

Sobre esta xeira do Seminario (1929-1930), podemos ler na memoria da institución: (2) 

Curso de máximo esforzo editorial. Mantendo as suas pubricacións ordinarias i-a edición de folletos e traballos illados, o Seminario escomenza a imprentar os resultados das suas xeiras de conxunto con “Villa de Calvos de Randín” (3) de Cuevillas e Lourenzo Fernandez. Neste mesmo curso pubrícase o estudo de Castelao encol das “Cruces de pedra na Bretaña” (4). Un esgotador traballo, en resposta de consultas de centros forasteiros pesan agora sobor do Seminario.

A separata tamén foi publicada no número 62 da revista Nós correspondente a febreiro de 1929. Fermín Bouza Brey ofrécenos información adicional sobre ela no número conmemorativo do cincuentenario da revista publicado pola Academia Galega en 1970.

O 7 de agosto de 1928 visitamos a citania de Sabroso o Cuevillas máis eu na compaña do mozo arqueólogo portugués Ruy da Serpa Pinto que tiña de morrer aos seus 25 anos frorecidos de profundos estudos. Eu tiven a sorte de descobrir novas gravuras rupestres que non tiñan sido catadas por outros ollos dende que o Martins Sarmento estudara o lugar. Pidéume o Serpa Pinto facer il o seu estudo, consentín, mandóumo e fixen sair no NÓS os Petroglyfos de Sabroso e a arte rupestre en Portugal.

Rui de Serpa foi un enxeñeiro, arqueólogo e antropólogo natural do Porto e membro de diversas sociedades científicas, entre as que estaba o Seminario de Estudos Galegos. Malia a súa morte temperá, deixou unha interesante obra sobre a arqueoloxía do Noroeste.

O texto comeza coa xustificación do autor sobre a orixe do traballo:

Numa visita arqueolóxica a Sabroso realizada em 7 de Agosto de 1928 na excelente companhia dos meus amigos e distintos arqueólogos Florentino L. Cuevillas e Dr. Fermín Bouza Brey, este último chamou-me a atenção para umas gravuras que se encontravam num penedo do cume do monte.

Debruçados sôbre elas e tendo limpo o musgo que cobria os seus traços delidos, apareceu uma composição inédita, representada na figura 1, notável pelo esquema antropomorfo do primeiro plano.

Em redor surgiram mais gravuras rupestres, de que apenas nos foi dado tomar um breve apontamento, por o sol entrar no ocaso.

Para levantar o esquecimento que pesa sôbre os petroglifos de Sabroso, e tornar conhecidos os novos achados, foram alinhadas estas notas, que à leal camaradagem e amizade dos meus companheiros são dedicadas.

A estación de Sabroso fica a media distancia entre Braga e Guimaraes. As inscricións coroan os penedos espallados polo monte, entre as que hai círculos concéntricos simples e tamén outros con suco radial, e coviñas gravadas ao chou ou ben dispostas xeometricamente.

Existen afinidades entre os gravados e outros atopados na Galiza e datados na idade do bronce.

Aparecem três e quatro circulos concêntricos com uma cóvinha central, e algumas vezes com um sulco radial, sendo o diametro máximo de 0,34 m. (…) Conhecem-se circulos concêntricos em San Martinho, Monte da Saia, Sta. Marta e na Pedra da Escrita. Na Galiza indica T. Cuevillas quatorze localidades, a que podemos acrescentar Santa Tecla e Oya. Fora da Península os circulos concêntricos, quer simples quer con sulco radial, encontram-se sobretudo na Irlanda.

As coviñas atópanse en moitos penedos, distinguíndose entre elas un grupo de cincuenta e cinco dispostas en semicírculo. O autor afirma que talvez teñan un carácter relixioso e estean relacionadas co culto aos mortos, como fai pensar a súa proximidade ou existencia nos megálitos atopados noutras zonas.

Por último, Rui de Serpa establece un inventario da arte rupestre en Portugal, diferenciando as Pinturas e os Gravados tanto megalíticos como rupestres.

As manifestações de arte rupestre galaico-portuguesa acompanham o florescimento da cultura do bronze no noroeste peninsular, como se vê comparando a sua área de expansão com a dos machados de bronze.

(1)  Fonte da imaxe de Rui de Serpa Pinto: Universidade do Porto.
(2)  Seminario de Estudos Galegos. Dez cursos de traballo. 1923-1934. Emprensa e libreiría E. Paredes Valdés. Pontevedra. 1934. Segunda edición.
(3)  Vila de Calvos de Randín. Xaquín Lorenzo Fernández e Florentino López Cuevillas. Santiago. 1930. Seminario de Estudos Galegos.
(4)  As cruces de pedra na Bretaña. Alfonso R. Castelao. Pontevedra. 1930. Imprenta de Antúnez. Seminario de Estudos Galegos.



Sem comentários:

Enviar um comentário