sábado, 26 de julho de 2014

OS EVANXEOS DA RISA ABSOLUTA



OS EVANXEOS DA RISA ABSOLUTA / Vilar Ponte, Antón
25 de xullo de 1934
Editorial Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume LXIV
185 p ; 19 cm.

A peza teatral Os evanxeos da risa absoluta foi escrita por Antón Villar Ponte e impresa pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en xullo de 1934.

A obra vai precedida dun longo subtítulo:

OS EVANXEOS DA RISA ABSOLUTA
(Anunciación do Antiquixote)

Folk-drama da sinxeleza campesina que enfeitan mapoulas de sangue, felgos de terras irtas e orballo d’ollos cegos.

C’un abrente de sábado lavandeiro no río, un intermezo dominical de roupa branca no tendal e un tolo epílogo báquico na compaña de Caín, entre sombras de velorio, cantigas d’arrieiro e renxer de carro aldeán.

Escribiuno Antón Vilar Ponte no marzo ventoso e no abril chuvoso do 1934, na Cruña.

Tamén inclúe unha dedicatoria do autor.

Na lembranza d’aqueles belidos ollos de doce fitar sereo – fiestras d’un alma nídia como auga de relanzo onde beben as estrelas – nos que vin o amor da que foi miña compañeira na vida e que cegaron sen paresceren cegos, por agasallo de Deus á sua bondade, moito antes de que a morte co’a sua póutega de xio llos choese para sempre.
O Autor (Ego ipsisimus)

O número 130 da revista Nós aporta unha breve crítica sobre o libro escrita por Vicente Risco onde alude á dobre intención artística e política do autor ao dar ao prelo a obra.

Unhas veces, iste folk-drama semella diáfano; outras veces, enigmático. A razón d’elo é que Villar Ponte, un dos espritos máis amplios e comprensivos que hoxe tén Galiza, tén o esprito compartido por arelas opostas, e adentro d’il, rifan o políteco e o artista. Íntema tensión dialéctica que levan consigo moitos galegos de hoxe. (2)

Antón Villar foi un dos impulsores do teatro galego durante as primeiras décadas do século XX, instrumento utilizado polas Irmandades da Fala das que foi fundador para achegar a creación artística en idioma galego ao público urbano.

O autor preséntanos nesta peza un drama rural tecido arredor da cega Sabela, pretendida polos irmáns xemelgos Pedro e Xan. Darredor do trío rolda un grupo de eivados acollidos pola Ciprianilla, valedora dos desfavorecidos e tamén o tolo Electus, quen perdeu o sentido cando estudaba para crego no seminario e agora ten bula para dicir o que outros calan.

Electus: Durmo pouco âs noites, pensando pol-os que nunca pensades.

Os discursos de Electus mestúranse co drama pretendendo establecer profundas teses definitivas, a miúdo incomprensibles. O tolo adquire así o papel do Antiquixote; reverso bufo do fidalgo manchego.

O drama (...) está desenvolto con abelencia, apesares do númaro de persoages que se moven na escea, tén realidade humán, e tén unha cousa que sole faltar en moitas obras modernas: intrés. Está escrito singelamente, en lingoage usual e craro, coma tén que ser o teatro, que pensa de cote n-un gran púbrico heterogéneo. Pois iste é un drama perfeitamente representábele, o que fai o teatro pra lêr son precisamente os comentarios es as acotaciós, todas elas moi literarias. (3)

Sinopse da obra

Primeiro tempo
Serán de Sábado

As lavandeiras enguedellan os contos coa bogada cando chega deica o río a cega Sabela.

Sabela: ¡Santa Lucía vos conserve a vista, lavandeiriñas que lavais cantando e rindo!

Ciprianilla, a curandeira, acolleuna logo dela enfermar e ficar cega ao pouco de morrer a avoa.

Lavandeira: A Ciprianilla cobrálle o favor meténdolle pol-os ollos a Xan o gardabosque para que este lle deixe apañar leña e molime de balde.

Tamén aparece Pedro, o irmán xemelgo de Xan, afiador durante o inverno e gaiteiro no verán. El foi mozo de Sabela antes dela enfermar. Canda el ven Electus, o fillo tolo do muiñeiro: contan as lavandeiras que o pai malgastou os aforros enviándoo ao seminario e alí entoleceu. O tolo ensarilla parlamentos poéticos sen sentido aparente.

Electus: Anda a lle decir ô Abade que veña confesal-o o río. Río de lavandeiras sempre está en pecado mortal. Mirai que o confese o Abade para que logo o vello Deus, velliño de longa barba, enfeitado co’a casulla de noite de mouro tisú d’estrelas, lle dea a comungar a lua…

Xa marcharon as lavandeiras e Sabela cóntalle a Pedro que Xan sente celos cando pensa que namorou del por asemellarse ao irmán.

Sabela: Outra i-alma en semellante corpo, con igoal acento e igoales xestos.

Pero Sabela quéreo. Tenlle lei porque mirou por ela logo de ficar soa.

Sabela: E cando él sinte ciumes do que eu fun para tí e mos bota en cara, sofro moitísimo, padezo moito, porque non comprendo, como non comprende ningún home, que si a virxinidade do corpo non volve, a da i-alma si.

Ferido no orgullo, Pedro non acepta a indiferenza da moza.

Segundo tempo
Mañán de Domingo

Electus, a Ciprianilla, e os esmoleiros residentes na pousada: Abráquico, Sin Pernas, o Vello Cego e o Xordomudo parolan con Rosa, o seu irmán Xurxo e a nai, a señora Mari Pepa. Cando Pedro chega onda eles, a Ciprianilla arrepónselle.

Ciprianilla: Leio en ti millor que nas cartas da baraxa. Por algo son naipeira e manciñeira. Pro non te fagas ilusións. Es mal irmán do teu irmán xemeo. Envenenóuchese o sangue. Pro mentres eu teña folgos e ela viva na miña casa, no meu agarimo, non cairá nos teus brazos, que a deixaron soíña despois de lle roubaren a inocencia. Amolas tixeiras e navallas, pro a mín inda non me amolas ti.

Pedro afirma querer a Sabela.

Electus: Eu sempre miro pr’o ceo.
Ciprianilla: Si miraras mais pr’a terra non che se amolecerían os miolos!

Daquela entra en escena Sabela e acordan xogar á pita cega, tocándolle apandar a ela. Cando logo chega Xan todos fanlle aceno para que non fale e ao apreixalo Sabela pensa que ten a Pedro entre as mans.

Xan: D’esta vez trabucáchete. Non son Pedro, que son Xan.
Sabela: ¿Quén sabía de tí? Xanciño, meu preferido, e preferido tamén da millor das pitas cegas.
Electus: Toma Xan e daca Pedro, como dí túa comadre a Ciprianilla.

Chove e todos marchan. No campo fican Electus e Pedro.

Electus: Escoita gaiteiro afiador que afías ciumes na roda do corazón, ciumes d’aceiro que ceiban muxicas de carraxe, escoita mentras a gaita famenta de folgos durme sobre o punteiro, soñando soños de sangue.

Terceiro Tempo
Noite de lúns e amancer de martes

A Ciprianilla marchou ao velorio do tío Andrés e os eivados están na casa. Pedro e Electus acompáñanos, ensarillando contos e filosofías da vida cotiá. Daquela aparece Xurxo cun pelello de viño comprado para o funeral e os dous invitados apáñano decontado.

Electus: ¡Viño mercado con aforros do morto por un heraldo da sorte, mascota de xugadores, coraceiro con armadura de gnomo, a bebelo nós! Xamón líquido con pelexa de boi, celme de uva. A celebrarmos con él este velorio de vivos.

A festa alóngase e nela tamén participa Xan antes de volver vixiar á fraga. Sabela, cansa, déixaos e vai durmir.

Xa contra o abrente, Pedro entra na casa vestido coa bandoleira do irmán e métese na cama de Sabela

Pedro: ¡Xa poderei contestarlle ledo ô galo, Sabeliña!
Sabela: ¡Ah! ¿Ti? ¿ouvín ben? ¿Ti… ladrón… ladrón do que lle pertenecía a teu irmán!! ¿Santa Lucía que non me deixaches ver este crime! ¡Mataríate, si poidese! Nunca pensei foses tan ruin, tan baixo, tan rastreiro… Deshonrada por ti duas veces…

Daquela entra Xan na peza e os irmáns relean coas facas na escuridade.

Xan: Deféndete e non fales. Un dos dous sobra no mundo. todos cegos; todos a cegas…

Os dous afunden as navallas nun corpo e cando Electus acende a candea comprenden que mataron o xordomudo.

Electus: Está morto… sangra. C’o ouvido espiritoal que m’emprestou Hamlet, a través da brétema mesta que envolve â noite, como si presentira o crime ouvín o derradeiro berro d’este pobre felgo da probeza que ferido co’a queixada de Caín empuñada pol-os fillos de Rebeca florecen a morrer en mapolas de sangue. Non choreís. Cala, Sabela, que a brétema ê millor plañideira que ti. Xa está no ceo da risa absoluta levado pol-a miña de profeta do deus grego que nos brazos d’Amadis foi bautismado por Cristo con bó viño do Avia…

(1)    Imaxe de Antón Villar Ponte: Real Academia Galega
(2)    Os homes, os feitos, as verbas. Libros. Os evanxeos da risa absoluta. Vicente Risco. Revista Nós nº 130. Outubro de 1934.
(3)    Ibidem anterior.


sábado, 19 de julho de 2014

A ROMEIRÍA DE XELMÍREZ



A ROMEIRÍA DE XELMÍREZ / Otero Pedrayo, Ramón
25 de xullo de 1934
Editorial Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume XLII
295 p ; 19 cm.

A romeiría de Xelmírez foi escrita por Ramón Otero Pedrayo e impresa pola editorial Nós no número 15 da rúa do Vilar de Compostela en xullo de 1934.

O libro ten unha presentación coidadosa e as letras capitais que encabezan os capítulos son obra de Castelao e reproducen os anciáns da porta da Gloria.

Castelao deseñou pra iste libro unha riola d’iniciás románicas, nas que os Anciáns da Apocalipse xogan as súas cítaras e organistros n-un maravilloso abecedario litúrgico. Son dos deseños máis finos que teñen saído da penna do gran dibuxante, que n’iles, asimílase con enorme acerto o estilo do Mestre Mateo. (2)

A edición deste libro coincidiu coa impresión dos libros Os dous de sempre (Castelao), O silenzo axionllado (Ricardo Carballo Calero) e Os evanxeos da risa absoluta (Antón Villar), no que para Vicente Risco constitúe un feito decisivo:

Falouse moito pra o que s’adoita falar en Galiza dos libros galegos dos catro aparecidos o Día de Galiza, catro libros deitados â rua n-un soilo día, coma quen deita na mesa os catro reis n-unha xogada decisiva. (3)

Otero sempre estivo fascinado pola poderosa enerxía da Galiza medieval, responsable no seu xuízo do carácter galego moderno, e particularmente sentiuse atraído pola figura de Diego Xelmírez, como xa deixou constancia anteriormente no texto intitulado Xelmírez, orador, publicado na revista Nós en 1929.

Xentes alonxadas de nós pol-o tempo falaban e vivían, iban e viñan, atafegábanse por mil asuntos (...) Don Diego está presente en todal-as páxinas dinamizándoas. Síntese pisar rexamente pol-as rúas, pol-os camiños, pol-os salós dos pazos. Percíbese o encello enrugado pol-a vontade, o fino sorrir do político, as máscaras con que moitas veces recobre a sua labourada i-enérxica faciana galega, o pracer sportivo con que se mergulla nas compricaciós, os además apaixoados ou prudentes, e sobretodo a grande voz do prelado mandando, aconsellando, improrando. (4)

Este breve texto inclúe a esencia argumental da Romeiría de Xelmírez, onde Otero celebra a peregrinación do bispo na procura do palio arcebispal para Compostela, que ha convertela nunha nova Roma edificada con pedra de grao.

Xelmírez canaliza en certo sentido a historia da Galiza. Impón o ritmo da sua persoalidade. E n’ista laboura non tivo a menor parte a palabra de D. Diego, palabra forte e prudente, apostólica e finalmente política, en cuio estudo acabado ollaráse cando se faga, o locir d’unha das maneiras do esprito galego; un realismo vidal poderoso misturado c’un programa ideal, sempre presente e que ô igoal da misticidade galega non perde posto en contacto c’a vida. (5)

O número 123 da revista Nós, de 15 de marzo de 1934, inclúe un pequeno adianto da novela, como era habitual con moitos dos libros publicados pola editorial Nós.

A romeiría de Xelmírez narra a viaxe do bispo Diego Xelmírez a Roma para situar Compostela entre os lugares senlleiros da cristiandade, en competencia con Roma e Xerusalén. Alén diso, nesta novela onde predomina a reflexión sobre a acción, Otero teoriza sobre a dimensión cosmopolita de Galiza e Compostela, equiparadas cos centros da civilización europea medieval.

Calificamos a obra de Otero d’evocación novelesca porque, en realidade, trátase d’un episodio inteiro da história de Galiza que o autor fai vivir de diante de nós c’unha potencialidade estraordinaria de plastificación vital (…) Toda a Europa contemporánea de Xelmírez é traguida a conto por vía anecdótica ou por vía sintética, pra facela girar arredor da Compostela sagrada e alumadora dún dos grandes séculos da cristiandade, a un tempo trufante e militante. (6)

O autor preséntanos a Xelmírez como un facho aceso de civilización e modernidade entre as forzas escuras que dominaron a Idade Media, abondando nas dimensións relixiosa e política do arcebispo, retratado como un home piadoso e un grande estadista.

Sinopse da obra

Sobor da Galiza decorría levián como unha fada a noite do derradeiro Agosto apenas vestida de vaporosas nubens, centileante do diálogo das estrelas, cruzada por a pelerinaxe da Galaxia anceiosa de se mollar na mar e no consolo da coba apostólica: dous marcos postos no Oicidente entre o mundo e o além-mundo.

Diego Xelmírez olla o camiño de Roma como unha galaxia situada ao revés, deitada rente do chan. Agora non basta que un santo abade ocupe o trono de Compostela; “o bispo ten de ser un político. Para adeministrare tanta riqueza dende a mariña brigantina â terra de Montes, pra domeare mílites sempre dispostos ao crime da soberbia e ambizón, pra tratarse cos Reis ou cos Emperadores, co Papa”. Xelmírez devece por ser príncipe da Igrexa.

O bispo pensa que non abonda posuir a estrela de Teodomiro e a Arca Marmórica, e quere dotar a Compostela da dignidade metropolitana. Compostela non pode ser unicamente hispánica. Por este motivo decide visitar Cluny e chegar a Roma para facer posible o soño imperial.

Compostela ê unha forza espirtoalmente imperial e como irmâ de Roma d’ela ha de têr a categoiría, non de Toledo nin de Braga. ¿Non fói consagrada por a pelerinaxe de Carlomagno? ¿Non ê un poder esencial na Catolicidade? Agora co ista viaxe madurará o albre cuia miragrosa nacencia miraron os ollos maravillados de Teudomiro Iriense.

Antes de saír camiño de Roma, Xelmírez convoca a xuntanza dos setenta e dous cóengos do cabido para avivar o devezo por acadar o palio.

N’unha das derradeiras luzadas de Agosto, despoixa da misa, con néboa silandeira do Ulla ao pé do Pico, c’un erguemento das nove terras da Basílica car’a lus crecedeira, D. Diego Gelmirez e sua locida compaña de crégos e homens de armas cabalgaba por a Vía Francígena, camiño de Roma.

A comitiva chega a Melide e logo segue polas terras de Palas de Rei. Xa con noite pecha entra en Portomarín e pola mañá cruzan Sarria camiño do mosteiro de Samos.

Voltaban a se xuntar os montes esmaltados de soutos de castiñeiros, de pobiños homildes de arrendodeadas chousas de colmo agarimando n’un oco pechado ao mundo e sóilo franqueado ao ceo, aquil antigo mosteiro de Sto. Xiao de Samos gardador como outros da Galiza da temperá primadeira cristiá da Terra.

Logo alcanzan O Cebreiro, refuxiándose no santuario. En Triacastela e no Bierzo atopan greas de peregrinos.

Chegando â vista de Villafranca miraron adiantare unha mesta tropa entr’as verdes sebes: o Conde de Galiza D. Ramón ca sua dona Urraca e acompañamento de cén lanzas camiño de Sant-Iago.

Rodeando Astorga, chegan deica León e desde alí viaxan a Toledo, onde o rei Afonso recibe a Xelmírez.

Logo os viaxeiros gañan o Douro e chegan a Ávila, antiga sé do bispo Prisciliano, e avanzan cara Burgos, San Domingos da Calzada e Logroño antes de se internar nas terras de Navarra.

Gelmirez tiña présa por crusar o Pireneu e asina faguendo dobres xornadas, fuxindo da fartura e beleza da Estella de novas e belidas eirexes, arrodeiando de lonxe a cerca de Iguña, aixiña petou no peito dos viaxeiros o vento épico de Roncesvales.

Neste punto da narración, Otero recrea a peregrinación de Carlomagno desde Aquisgram deica Compostela e a defensa de Roldán.

A Pelerinax de Calromagno fora apenas un curto ensoño. Ficoulle da Galiza a lembranza d’unha d’isas terras que o sôlpor figura na lonxanía da mar.

Na vila bispal de Auch unha grea de cabaleiros, cregos, cóengos e burgueses co bispo á fronte saen recibir a comitiva e xuntos celebran a festa da Natividade antes de coller o camiño de Tolosa.

Tolosa: leda, farta, forte. Xuntanza de camiños, folgo, lediza da lingoa de Oc, metrópoli, rexo esprito monecipal.

Xelmírez infórmase sobre as intencións do vizconde de Narbonne, confabulado cos inimigos instalados na curia romana e que está disposto a atacalo no camiño de Cluny. O bispo envía os cóengos Munio e Gaufrido camiño de Roma, mentres el coa maior parte da expedición segue en dirección ao mosteiro.

O combate ocorre na beira do río Lot. Os besteiros galegos contiveron a carga dos cabaleiros, e cando máis dura era a loita apareceron en escena os arqueiros da milicia burguesa de Cahors, poñendo en fuga os inimigos. Logo a comitiva seguiu camiño de Limoges.

Ao coller novamente o camiño ían en dereitura os galegos pra Cluny, os Alpes, Roma.

A comitiva fixo noite no castelo de La Ferté e logo, descendo as costas de Charolais, descubriron os horizontes da Borgoña antes de entrar nas terras de Cluny o 28 de setembro.

Todos ficaron adimirados da beleza e dinidade do mosteiro, curazón do mundo católico, apoio do Pontificado, escola nái, intelixenza, vontade, exempro, guieiro.

O abade Hugo, rexente da familia cluniacense, agardaba por Xelmírez. Aquel monxe era quen tecía os fíos da política da igrexa e Cluny comparte a xustiza da causa de Compostela, mais Roma teme o orgullo da metrópole occidental anticipando o posible cisma.

Era doce o acougo de Cluny mais chamaba o camiño e as follas dos albres parescían acenar siñalando o roteiro de Roma.

A compañía cruzou o Ródano e logo afrontaron o paso dos Alpes: “os dentes disformes das cumes manxaban estrelas. Ceibaban os graciares centileos de concencias apenas espertas”. O duque Humberto de Saboia guiou os galegos polas súas terras e axudounos a pasar os montes.

Xa na Lombardía de novo son atacados polos sicarios do emperador Henrique de Xermania, perdendo tres homes. Os galegos refuxiáronse no mosteiro de Póntida. Alí deixaron os homes de armas e, disfrazados como burgueses, Xelmírez e os cregos colleron o camiño de Roma atravesando as terras da princesa Matilde.

Gelmírez cos seus coengos revistidos de brilantes dalmáticas, fixo a solene visita “ad Sacra Limina” comovedora pra un Bispo. O cortexo en valentes mulas, con garda de arqueiros de Letrán, cruzou precedido da crus da dinidade as ruas algueirantes de Roma, a ponte do Tiber e adiantou ao Sto. Pedro. Agardaba o Papa na bizantina cadeira antiga usada por Pedro, incrustada de ouros e marfíms, exornada ca repersentación dos traballos de Ercoles, arrodeiado do Cabidoo e dos Cardeals.

Xelmírez falou da súa demanda que o Papa acolleuno con silencios cheos de simpatías, e ao saír da audiencia o bispo tiña a case total convicción de ter conseguido o seu obxectivo. Mais tamén sabía como habían traballar os cardeais inimigos para torcer a vontade de Pascual II.

“E si Roma se negara” pensou Gelmirez “Si Roma se pechara na negación cal sería a obriga do Bispo de Iria e Compostela? Crebar o xugo. A lembranza de Sant-Iago non deixaría outro camiño. Crebare a discipriña, non o dogma… Queimase a fé de Nicea acotio en língoas eisaltantes en Compostela”.

Ao cabo, Roma aceptou a demanda do galego e o Papa dispuxo a cerimonia para o último día de outubro na basílica de San Lourenzo.

Conforme as rúbricas, feita por Gelmirez a petición do Palio, recadouno o Papa do altar e poñendoo riba dos hombreiros do Bispo de Iria Flavia e Compostela dixo: “Tradimus tibi Pallium de corpore Beati Petri sumptum, in quo est plenitudo pontificalis Officii” E fíxolle don da Bula “Jacobi Apostoli corpus”.

Convertido en arcebispo, Xelmírez volveu a Galiza coa boa nova, sentindo que na pequena igrexa de Compostela fluía agora a galaxia enteira.


(1)    Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Os homes, os feitos, as verbas. Libros. A romeiría de Xelmírez. Vicente Risco. Revista Nós nº 130, outubro de 1934.
(3)    Ibidem anterior.
(4)    Xelmírez, orador. Ramón Otero Pedrayo. Revista Nós nº 66, 15 de xuño de 1929.
(5)    Ibidem anterior.
(6)    Ibidem nota 2.