sábado, 12 de julho de 2014

ARREDOR DE SÍ



ARREDOR DE SÍ / Otero Pedrayo, Ramón
12 de xullo de 1930
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña.
153 p ; 18,5 cm.

A novela Arredor de sí foi escrita por Ramón Otero Pedrayo e impresa pola editorial Nós na avenida de Linares Rivas da Coruña en xullo de 1930.

Ánxel Casal utilizou os restos de papel sobrantes da edición do xornal El Momento para imprimir o libro, e por este motivo a presentación da obra resultou de moi pouca calidade.

Arredor de si é considerada como a novela máis intima, máis persoal de todas cantas escribiu Otero, quen por outra parte foi o grande novelista da Xeración Nós.

En Arredor de si fai o retrato da súa xeración literaria. Na figura de Adrián Solovio, o protagonista da novela, reúne as características que lle son comúns aos homes do “Grupo Nós” na evolución cara ao galeguismo e sobre todo retrátase a si mesmo nesa loita por conseguir unha personalidade definida. (2)

Non sería esta a primeira vez que Otero utilizase a figura de Adrián Solovio, quen por outra parte é un álter ego do autor. En 1927 fálanos do mesmo Solobio – neste caso escrito con b – na novela breve Escrito na néboa (3), nun primeiro bosquexo do personaxe que anticipa o devezo de Otero por se comprometer co país.

Adrián albiscando unha eirexa románeca traballaba com’un buxo campesío. Lembróuse do seu apelido románeco: Solovio. Sub Lovium, a primeira cultura do meio eva arando a terra dinantes a bravo, nome d’unha eirexa de Compostela (Arredor de si).

Xa que logo, podemos interpretar Arredor de si como unha narración autobiográfica desde o punto de vista da evolución espiritual do autor.

A novela, dividida en XV capítulos, ten unha estrutura alterna nos feitos argumentais, porque se ben pretende presentarnos a vida interior de Adrián Solovio, vai facelo desde dous focos espaciais: Galicia, a aldea miñota na que vive a familia de Adrián, e as cidades e lugares polos que pasa na procura de afirmación da súa personalidade. (4)

Para sermos precisos, máis que unha novela Arredor de si é unha sucesión de imaxes que dan forma aos pensamentos do protagonista, e de feito a obra puido ter sido concibida como un ensaio.

Otero Pedrayo compuxo, a mantenta, unha novela culta. O cosmopolitismo e o aristocratismo de antreguerras embeben as súas páxinas. O escritor, así, está a seleccionar o seu público, inda que non fose súa intención, reducindo o número dos posibles lectores pola acuguladura destes elementos. (5)

A novela ten un ritmo narrativo vagaroso e a narración dos feitos adquire un papel secundario respecto da revelación do mundo interior de Adrián Solovio. O mozo é un romántico, o derradeiro da súa caste de fidalgos rurais e vive ancorado nun tempo que xa pasou, prolongado a través dun soño de libros e latíns que agochan o mundo real.

Xacobe, o irmán de Adrián, representa a antítese do mozo reflexivo. El está no mundo para gozar e trunfar, e non pretende contradicir as normas aceptadas pola sociedade. Adrián, en cambio, romperá co pasado revelándose como un revolucionario e fará de Galiza a súa bandeira, enfrontado ao pensamento dominante.

Sinopse da obra

A peregrinación de Adrián comeza en Madrid. Os galegos procuran a modernidade e foxen da terra. O mozo ten agora trinta e tantos anos e visita de novo a vila onde estudou hai tempo.

Ficaba lonxe a verde soedá d’aldea. Non’a entendía. Non’a entendería nunca. Algunha ves quixo vivir n’ela c’o espírito pôsto na Europa. Libros. Revistas. Fôra, indefrente a tod’a novidade do artigo ou do libro, debruzábase un longo sôlpor d’outoniza.

Otero/Solovio ten medo a baleirar na aldea unha vida disposta para cousas máis importantes que asistir ás xeiras do campo.

E de novo Galiza, a aldea; son relatos superpostos que o autor entrecruza e alterna. Logo da narración cosmopolita outro capítulo trae de volta a aldea: dona María, a nai de Adrián, afíxose a vivir nela e agora coida da avoa tolleita no leito.

A ela, a áboa, chámanlle a señora, e a doña María a señorita. Doña María ten pr’a sogra moita bondade e consideraceón. Máis ás veces dí que a xente d’aldea e xente roín. Desagradecida, marmuradora, contilleira, avarenta, mentireira. Terá ou non terá razón.

Adrián está en Madrid para aprobar a oposición que lle permita exercer como catedrático de filosofía nun instituto de provincia. Cando pensa na universidade evoca os anos de estudante e os profesores, e teoriza sobre os galegos en Madrid.

Os galegos son listos, traballadores, dados. Bulen moito na España. Non maordomos nas casas grandes deixadas pol’os señores. Sempre subalternos con mando. Os señores vellos (…) non gobernan porque non queren. Viven nun soño estático de señores e deixan mandar ôs homes listos, de negociado, de antesala, criados nos auntamentos da Galiza.

Durante dous días visita Burgos e Santo Domingo de Silos e logo volve a Madrid.

Sempre desexara facer aquil viaxe. Agora sería com’unha overtura. Quizáis fora seu grande erro non alancar pol’a España en logar de perderse nas clases e despoixa nos valeiros anos – dos vinte ôs trinta – d’inteleitoal aficionado a todo. Ainda tiña tempo pra se vertebrare.

A ollos de dona María, na aldea Adrián é un ser estraño e sufrinte: “Non sabía falar c’os labregos: sempre diant’eles sofría d’unha timideza invencibre. Como si tivera vergonza da propia superioridade inteleitual”. Seu irmán Xacobe, en cambio, ten os pés na realidade. El é deportista e capitanea os mozos.

Non obstante, e a pesar da timidez, Adrián pensa que non é pecado deixarse levar pola vida e necesita comprender o pensamento do seu tempo antes de pecharse de novo a estudar.

E o Adrián por dinidade espirtoal, por non desfaguer seu ensono interior, por eleganza, non quixo concurrire ô primeiro exercicio das oposicións.

A viaxe iniciática do mozo comeza en Toledo. Quere forxar a súa personalidade: vertebrar con óso e miolo español a mol materia galega e pensa procurar alí a esencia española. Entón recibe carta da nai: Bernaldo, o tío crego que ten predilección por Adrián, está a piques de morrer.

Otero describe a emotiva despedida do crego acompañado por Adrián diante do mapa de Galiza de Fontán.

A continuación o autor insire o argumento da novela romántica concibida na viaxe a Burgos, intitulada Nosa señora das lavercas.

Adrián emprende a viaxe con destino a Europa logo da morte do tío. En tren atravesa Castela, Euskadi e fai escala en varias cidades francesas antes de chegar a París.

Pisando o chán de Paris un estremezemento de pracer: as pernas e os cartos levaríano a tantos logares, todal’as horas ocupadas e longas de lembranza.

París ten as raíces na Illa de Francia e medrou máis que Francia porque recolle os aires de Europa. Unha noite Adrián atopa a Florinda, marquesa de Portocelos, viúva do vello marqués e con pazo na súa aldea.

Entraba na Europa con bô pé. Franqueáballe as portas a Venus cosmopolita, olente a estrautos de cultura, madura e sabia como correspondía a unha plenitú de vida.

Xuntos emprenderon unha fuga liberadora que os levou a Colonia, Leipzig, Nuremberg, Postdam e, por fin, Berlín.

Adrián comparaba os destiños en grande parte paralelos de Berlín e de Madrí. As duas cibdades novas, adeministrativas, de chanura. Mataron ôs vellos centros orgánecos. Recolleron en Museos os restos do saqueo. A difrenza estaba no volumen de forza. Berlín obra d’unha enérxica monarquía nova podía espertar novidás e endexamais chegóu a matar o pulo tradizoal dos antigos centros. Madrí, creación d’unha monarquía xa vella e seguramente coscente do fracaso, enxoitóu a fonte de Toledo, de Medina, de Segovia, de Salamanca.

Xa sen a marquesa, Adrián viaxa en tren deica Amberes e no porto embarca para A Coruña, pero antes escoita os cantos dos mariñeiros galeses no dique e por vez primeira sente a chamada de Galiza.

Ainda o sol non baixara o val cando Adrián petaba na porta da casiña da Ribeira. Apertas, bicos, choros. Alí estaba seu coartiño curioso, agardandoo sin un remordemento, c’os seus libros e as ilusiós e os desesperos dos primeiros estudos.

Adrián decide vivir un ano enteiro na aldea, desentendéndose da carreira pero salvando a ánima. Durante ese tempo deixa da man os libros, revistas e xornais para andar a terra e afacerse a ela, recuperando o idioma e descubrindo outras persoas que coma el tamén renunciaron ás glorias da moda para procurar a dignificación de Galiza.

O mozo aprecia un símbolo nas ruínas do pazo abandonado de Portocelos:

Por culpa dos galegos tod’a Galiza estivera a piques de ser un xardín a bravo ou, que de fixo sería pior, un parque moderno de vila imitadora.

Por Galiza e na Galiza Adrián séntese europeo e planetario.

Eiquí remata o primeiro, longo e tráxico estadio do vivir d’Adrián Solovio. A sua vida dend’agora identifícase c’a vida da Galiza; xa non e novela, nin esprencia psicolóxica. Xa é hestoria. Pois a Galiza tamén comenza a ser outravolta hestoreca desque adeprendeu os camiños pr’atopar a sua concencia e deixóu de andar, com’unha cega, arredor de sí.

(1)    Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Luciano Rodríguez Gómez. Introdución á quinta edición de Arredor de si. Editorial Galaxia. Vigo. 1985.
(3)    Escrito na néboa. Ramón Otero Pedrayo. Lar, revista mensual. Ano 4; número 32. A Coruña. Abril de 1927.
(4)    Ibidem nota 2.
(5)    Algunhas anotacións pra un estudo crítico de “Arredor de sí”. X. A. Fernández Roca. Grial nº 52, abril-xuño de 1976. Editorial Galaxia. Vigo.



Sem comentários:

Enviar um comentário