sábado, 25 de maio de 2013

OS CAMIÑOS DA VIDA III. O ESTUDANTE



OS CAMIÑOS DA VIDA – O ESTUDANTE / Otero Pedrayo, Ramón
27 de xuño de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
134 p ; 17,5 cm.

O Estudante, terceira e última parte d’Os camiños da vida, foi impresa por Nós en xuño de 1928.

Os Señores da Terra e A Maorazga son novelas nas que Ramón Otero Pedrayo recrea un mundo que coñece por referencia dos máis vellos. O Estudante, en cambio, é unha narración contemporánea. Os sucesos transformadores da sociedade rural son os mesmos que acompañaron a mocidade de Otero. Mesmo os trazos psicolóxicos característicos de Paio Soutelo son reflexos autobiográficos do propio escritor.

Entre estes trazos cómpre citar o amor polo lugar onde naceu, a fascinación espiritual que lle inspira Compostela e o descubrimento dunha Galiza sempre presente, pero que non acabou de revelarse até ben entrada a mocidade.

Os ollos enchíanselle de bágoas, e o nome de Galiza púñalle nos beizos un infindo feitiño dooroso e espranzado. Para domiñar a emoción apegaba a faciana â vidreira pequeniña e ollaba pr’a rúa estreita de Mazarelos c’o seu farol tristeiro. (2)

A épica dos primeiros volumes deixa paso agora a outro ritmo narrativo máis vagaroso e mesmo intimista por momentos, gañando peso as descricións do universo interior do protagonista.

Nos libros precedentes, Os señores da terra e A Maorazga, Otero establece o ocaso da fidalguía rural; proceso imparable que conclúe n’O Estudante, onde narra a descomposición das vellas familias dirixentes, empobrecidas e sen o xenio que fixo posible a anterior hexemonía. Froito desta creba ha xurdir a nova caste dirixente, que xa non asenta o seu poder na autoridade que dan a tradición e a propiedade da terra, senón na facilidade para amasar os cartos.

Frente á pobreza de matices da novela social que hoxe se nos brinda, esta epopeia en prosa dános unha idea moi ricaz das tensións e relacións sociáis na Galicia das revolucións, do estabelecimento dos comerciantes casteláns nas aldeas e as construccións das novas estradas. (3)

Probablemente Os camiños da vida sexa no seu conxunto non só a novela máis ambiciosa de todas cantas escribiu Otero, senón tamén a de maior calidade.

Sinopse da obra

Paio, o fillo do capitán Soutelo e Rosalía, a segunda filla de Xosé María de Puga, rematou o bacharelato. Na casa administrada pola morgada minguan as rendas

O Paio sentía un desacougo de cousas pequenas, urxentes. Tratos c’os labregos, a cama deixada de boa hora pra vixilar as labouras dos eidos. Maxinaba â tía Ramoniña, d’acabalo, c’un espolique camiño de Ribadavia pra gastar as horas mortas nos despachos dos procuradores, comendo mal pra non gastar dabondo.

Paio quere estudar para coidar da nai e a tía. “Pois sería médico, e o médico ten forzas pra se impôr”. Ao cabo trasládase a Compostela.

Nos mais días foi realizando a descoberta da cidade. Aixiña se díu da complexidade de vida, de paixós, de castes, de intreses, que s’afondía na grande vila de pedra orcelada pol-as invernías.

Otero narra a emoción que producen en Paio o descubrimento da cidade e os primeiros estudos, adubados polas trasnadas algareiras dos estudantes.

Entre tanto, Ramona goberna a casa da Pedreira con man firme, botando en falta o sobriño.

Cando o afillado fôra home xa poría as cousas en regra (…) Estaban ben desamparados sin médico e co’a botica desviada duas horas largas de camiño. ¿Quén se puña a il n’unha noite perra! Moita falla facía o sobriño. Xa lle tiña todo pensado pra cando viñera recibido de Sant-Iago. O despacho pr’as consultas, no corredor un grande banco pra a xente que agardaba.

Tamén asistimos ao afundimento definitivo dos Doncos e a salvación dos Puga da man de Ramona, quen dirixe con esforzo a casa nun tempo de mudanzas.

E moito cambia neses anos o val: mudan as vellas castes, morren as videiras, desaparecen aos poucos as casas fidalgas… tamén chega o Castelán para poñer unha tenda.

Puxo na tenda un bó mostrador pra despachar viño, bacallau, arroce, pemento, pan, pólvora, aceite, e todal-as cousas qu’aixiña foronse precisando (…) Non tardaría en abrir un forno de pan. O home era aproveitado, de poucas verbas, sempre precurando e cavilando en negocios.

O castelán emprende negocios decontino e tamén compra as rendas dos señoríos. Logo comeza a prestar cartos. Aquelas débedas enguedéllanse na prosa do escribán e nunca acaban por saldarse.

O castellano e os seus fillos (…) foron inzándose polo país, mais sempre isolados como unha colonia estranxeira e espallando os circos de abutre dos negocios hastra abranguer a mais d’aldeas as vilas espranzadas no seu primeiro pulo de desenrolo (…) Era unha forza sotil, maina, temerosa, oposta ô aparato de valentía e maxeza, de tradición e autoridade qu’hastra d’aquela mandaban na aldea. O mostrador impuña un respeito que non conseguira a solaina nin o brasoado portal.

Paio volve a Trasouto licenciado como médico para exercer no val, cumprindo así o devezo da tía.

A barba rizosa facía resaltar a gravidade do médico novo. Mais, que boa man tiña pr’os enfermos! Sentábase â cabeceira d’un probe leito, sin coidarse da miseria qu’as vegadas lle choutaba pol-as mans finas, e contaba contos pra animar o enfermo. Sempre recetaba meiciñas baratas feitas de herbas e cousas da casa e apontaba n’un libriño pequeno que levaba no bolsillo.

O médico e o seu cabalo danse a coñecer polas as corredoiras da contorna. Ao pazo chegan decontino os doentes.

«Vai a ser o dono do país» dicían os vellos ouvindo trepar o cabalo pol-as congostras ou vendo o médico embobando c’as suas falas á un fato d’homes. «Qu’importan os señorotes lacazás d’outrotempo que soilo servían pra andar de farra, procurando os tocos das boas mozas».

(1)    Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Os camiños da vida. O Estudante.
(3)    Os camiños da vida. Ricardo Carvalho Calero. Grial nº 52. Homenaxe a Otero Pedrayo. Vigo, abril-xuño 1976. p. 259.


domingo, 19 de maio de 2013

OS CAMIÑOS DA VIDA II. A MAORAZGA



OS CAMIÑOS DA VIDA – A MAORAZGA / Otero Pedrayo, Ramón
27 de abril de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
108 p ; 17,5 cm.

A Maorazga, segunda parte da triloxía Os camiños da vida, saíu do prelo de Nós o vinte e sete de abril de 1928.

Ramón Otero Pedrayo continúa neste libro a narración das vidas cruzadas dos Puga e máis os Doncos; representación das loitas entre liberais e conservadores que ocuparon boa parte século XIX. Otero sitúa os primeiros capítulos da novela arredor da revolución de 1846, outro dos escenarios onde enfrontarían unha vez máis aqueles dous mundos irreconciliables.

Se Os señores da terra sérvelle a Otero para establecer o ocaso da fidalguía rural, A Maorazga narra o proceso de descomposición das vellas familias dirixentes, empobrecidas e sen o xenio que fixo posible a anterior hexemonía.

As descricións prolongadas da primeira parte da triloxía, nas que Otero caracteriza as vidas dos protagonistas e a paisaxe do val, deixan lugar n’A Maorazga a unha sucesión áxil de cadros onde o autor relata a vida decadente dos Doncos e as miserias vilegas nas que se ven envoltos os últimos descendentes desta familia.

Sinopse da obra

Antonio de Soutelo chega ao val do Barbantiño despois de loitar nas guerras Carlistas. As intrigas dos militares de salón valéronlle un consello de guerra e teríano fusilado de non interceder por el Espartero.

Non debía morrer o capitán Soutelo. Privación e desterro. En Galiza, mais lonxe de Lugo, n’un burato dos vals ourensás.

No val coñece a don Xosé María de Puga e a súa filla Rosalía. Os mozos casan e teñen un fillo chamado Paio.

A estirpe dos Puga colle así novo pulo. Mentres, os Doncos esmorecen. Arredor deles medran os escribáns, expertos en entrambilicar as fortunas dos fidalgos na raposeira letra procesual.

Antonio de Soutelo morre na revolución de 1846. O seu irmán Adrián chega fuxido ao pazo da Pedreira. A través del coñecemos os feitos máis importantes da revolta.

Didiante do perigo, Compostela tiña un aspeuto de París na grande Revoluzón. Os homes corrían pol-as rúas pra ergueren parapetos, nas equinas verbas aloumiñantes das procramas mantiñan o entusiasmo. Orgaizáronse sabiamente os tres recintos da defensa. Os artigos de Faraldo na «Revolución» tiñan o acerto de ferir no meio dos curazós.

Por aquel tempo entra na casa dos Doncos un argalleiro chamado o Tutano. Entre el e a súa muller, a Tutana, sórbenlle o sentido a don Caetano de Doncos, quen acabará malvendendo as terras e propiedades. Xa parvo e afundido, o goberno do pazo da Seara pasa ás mans dos Tutanos.

Entre tanto, a morgada dos Puga toma as rendas da casa da Pedreira.

Non’o que qu’é muller tan gobernante como Dª Ramona. Nas suas maus frolecían os eidos, medraban as fazendas, arranxábanse todal-as custiós. Pr’os peisanos era a verdadeira Señora. Ademais de impôrse pol-o superior talento era de nacencia a maorazga, a dona. Tiña a franqueza do pai e por riba un fino senso das cousas. Con ela non había chafallada que valese. Sabía lêr na frente dos labregos.

Pecha a novela o crime de Farruco, o segundo morgado dos Doncos.

Deitada tral-o mostrador, afogada pol-as mans finiñas, o branco colo de cisne lixado e sanguento de mordedelas, soilo vivían as loiras trenzas desfiadas no chán.

(1)     Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org


sábado, 11 de maio de 2013

OS CAMIÑOS DA VIDA I. OS SEÑORES DA TERRA

OS CAMIÑOS DA VIDA – OS SEÑORES DA TERRA / Otero Pedrayo, Ramón
29 de marzo de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
150 p ; 17,5 cm.

Os camiños da vida, novela publicada en tres partes entre marzo e xuño de 1928, foi a primeira obra de Ramón Otero Pedrayo editada por Nós.

Os señores da terra, obra que inicia a triloxía, saíu do prelo da editorial Nós o vinte e nove de marzo de 1928

A novela trata un dos temas recorrentes na literatura de Otero: a decadencia da fidalguía rural procedente do século XIX e a progresiva substitución da antiga clase dirixente por unha nova caste comercial de burgueses forasteiros, que ignoran e desprezan os costumes da terra de acollida.

A caída do poder da Igrexa, o derrumbe da sociedade do Antigo Réxime, a ruina da pequena aristocracia agraria, o ascenso da burguesía vilega, e a alteración fonda dos modos tradicionais de vida, forman as grandes liñas do deseño Oterián. (2)

O relato está impregnado das historias escoitadas polo mozo Otero arredor da lareira de Trasalba e no salón da ourensá rúa da Paz, poboadas por monxes exclaustrados, gavelas carlistas, fatos de bandoleiros que acosan as noites do pazo e tamén da visión romántica inspirada polos graves morgados fidalgos nas casas que ameazan ruína, rodeados de gloriosos recordos gravados na pedra dos brasóns. E sobre todos eles pairan inalterables, como un fío que une e dá sentido a tantas vidas, os ciclos ensarillados que rexen a vida no campo.

Os froitos chegaban ô seu tempo, mainamente, en cicros litúrxicos seguindo o decorrer das sazóns. (3)

Sobre este universo decadente, Otero evoca con pinceladas lenes – mesmo, ás veces, inintelixibles – unha época que xa non existe fóra da súa imaxinación, transportando o lector coa súa prosa barroca e inzada de reflexións temperamentais que caracteriza o estilo literario con trazos únicos.

Non obstante e malia as insercións poéticas propias da narrativa de Otero, Os camiños da vida encádranse entre as novelas realistas do autor.

Sinopse da obra

Figura que todol-os pazos d’istas terras foron trazados â mesma ideia; todos eles miran pr’á posta do sol» dixo o monxe póndose de peitos no grande balcón de ferros traballados.

«Considere vosa Paternidade qu’os maorazgos non temos gran cousa que facer e eiquí, n’aldea, precisamos de boas vistas pra esparexer o ánemo, e de camiño vixilar as idas e voltas dos paisanos» respondéulle Don Caetano de Doncos ô tempo d’ofrecere ô ecresiásteco unha toma de rapé.

O abade de Oseira, Xacobo de Castro, visita o pazo da Seara onde vive don Caetano, o morgado da estirpe dos Doncos.

D. Caetano era pol-o d’entôn un home d’edade indefinibre. Sempre fora un nugallán amorriñado. O qu’il dicía «Pra iso son maorazgo» cando de neno teimaban de lle facer debullar o latín.

O decreto da desamortización puxo en venda os bens dos conventos e suprimiu as congregacións regulares, esborrallando cun trazo no papel aquel mundo certo e inmutable.

Os labregos mestúranse cos señores na vida do pazo. Así sabemos do señor Vicente o Zaparín, do tío Antón do Rego o Papeleiro, do Perico, do señor Tenacio o cachicán das viñas da Seara… inocentes e raposeiros a un tempo.

Tamén albiscamos as sombras que asexan a estirpe dos Doncos na figura do herdeiro de don Caetano:

Hoxe crucei duas carballeiras da casa. Boas trabes, ira de Dios! Logo fun pol-as nabeiras. Mais de meia legoa de terra da casa ¡miña! pois son o maorazgo ¡valente riqueza! sin unha peza d’ouro no bolso. ¿Quen come os cartos?

O mozo é feble e ten malos sentimentos. Un asunto de mulleres enfróntao con don Xosé María, o veciño da estirpe dos Puga, señor do pazo da Pedreira e inimigo declarado de don Caetano. A través das desavinzas entre Doncos e Pugas, Otero evoca as loitas entre conservadores e liberais que ocuparon boa parte do século XIX.

Don Xosé María era liberal por nacencia, pol-o gosto de rir vendo cair esborralladas tantas cousas graves, impoñentes.

Os dous señores míranse con desconfianza e desprezo. Mentres o Doncos arma as partidas carlistas, o Puga sostén as milicias liberais.

O herdeiro e algúns membros da gavela carlista asaltan o priorado da Granxa para roubar os cartos da revolución, pero no acto morre un frade e o mozo foxe.

Aquila noite o herdeiro disfrazado de labrego con cirígolas e monteira, guedella e teas da casa, foi pra Portugal (…) A casa de Doncos perdeu o maorazgo. Non se soupo mais d’il na vida dos nados.

Anos máis tarde asistimos ao declive do pazo da Pedreira. Con el esmorecen o dono e o tempo dos señores. Ramoniña, a filla de don Xosé María, soporta as privacións desta nova época onde o poder representado por monxes, cregos e fidalgos rendeiros toca ao seu fin.

(1)     Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)     Otero Pedrayo. Conciencia de Galicia. Carlos Casares. Galaxia. Vigo. 1981. p. 96.
(3)   Os señores da terra. Ramón Otero Pedrayo.

quarta-feira, 1 de maio de 2013

ARQUIVOS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS I

ARQUIVOS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS I / Varios autores
1927
Editorial Lar. A Cruña
271 p ; 23,5 cm.

Conta Fernández del Riego que a carta fundacional do Seminario de Estudos Galegos datouse o 12 de outubro de 1923 na casa do Castro de Ortoño onde Rosalía de Castro pasou os anos da súa nenez. Daquela, un grupo de estudantes universitarios decidiron unir os seus esforzos para constituír un ente colectivo coa intención de dignificar a cultura galega.

O grupo fundador estaba constituído por Fermín Bouza Brey, Wenceslao Requejo Bruet, Xosé Pena e Pena, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández, Ramón Martínez López, Manuel Magariños Negreira, Francisco Romero Lema e Alberto Vidán Freiría. (1)

Os estudantes contaron co apoio do catedrático Cotarelo Valledor para facer da Facultade de Letras o seu centro de reunión.

Decontado habían ingresar no Seminario outros mozos comprometidos coa difusión da cultura galega. Na foto de grupo que acompaña o texto podemos ver os membros da institución en 1928. (2)


De esquerda a dereita (Arriba) Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Vicente Risco, Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Sebastián García Paz, Pintos, Antón Fraguas, Bibiano Osorio Tafall. (Abaixo) Isidro Parga Pondal, Abelardo Moralejo Laso, Calvo, Salvador Cabeza de León, Xoaquín Arias Sanxurxo, Xerardo Álvarez Limeses, Novás.

Os traballos individuais dos socios íanse publicando na revista Nós, no boletín da Real Academia Galega, e mesmo en A Nosa Terra ou nas páxinas literarias e folletóns do Xornal de Galicia. Por último, o Seminario comezou a facer edicións propias. A primeira delas foi a titulada Os nenos (3) de Filgueira Valverde. (4)

Neste traballo de imprenta tiveron especial importancia a editorial Lar en primeiro lugar e posteriormente a editorial Nós.

Os Arquivos do Seminario pretendían ofrecer unha escolma do labor que viñan facendo os membros da agrupación. Son tamén un xeito de dar a coñecer o Seminario e recadar o apoio dos benfeitores, como expresa Salvador Cabeza de León, Presidente do Seminario, no prólogo ao primeiro tomo dos Arquivos:

Se a chamada que facemos non soa en corazós valdeiros; se consiguen nosos Arquivos agrillar a xenerosidá de cantos simpaticen coa laboría do Seminario, este fará de sí e coida saberá corresponder dinamente á proteición que lle otorguen os seus valedores.

O primeiro volume dos Arquivos do Seminario imprimiuno Leandro Carré no obradoiro da rúa da Franxa. Malia estar datado en 1927 sabemos que non saíu da imprenta até 1928.

O investigador Alfonso Mato ten achegado o contrato subscrito entre Leandro Carré e Salvador Cabeza de León, estipulando as condicións de impresión do libro. (5)

20 de marzo 1927
Don Salvador Cabeza de León pol-o Seminario de Estudos Galegos e Don Leandro Carré pol-a Editorial Lar estipulan o presente contrato de edición do Anuario da dita entidade nas seguintes condicións:
    Editorial Lar comprométese a editar nun prazo non mayor de catro meses o Anuario do Seminario en tamaño de 32 x 24, papel semellante o da revista Nós, tipo 9 interliñado, 240 páxinas e 6 fotograbados fora de texto en papel couché crema.
     O Seminario de Estudos Galegos facilitará a Editorial Lar o orixinal do anuario a partir do 25 de marzo de este ano.
     Editorial Lar tirará pol-o menos 500 exemplares do Anuario comprometéndose a reservar 175, 75 para enviar as revistas, periódicos e entidades con quen o Seminario ten intercambio cultural e 100 a gardar para necesidades futuras.
     Editorial Lar comprométese a suministrar a unha rebaixa non inferior o 30% os exemprares que soliciten os socios do Seminario.
     O S de E G comprometese a subensoar esta edizon do (? ) con 1300 – mil trescentas – pesetas e entregar os (?) que sexan precisos.
    Se a abundancia do orixinal exixise aumento de páxinas o Seminario subensoara proporcionalmente o establecido xa 1º - 3º para as primeiras 240 páxinas.
     Editorial Lar non fará a tirada das páxinas sin recibir as derradeiras probas os Vº Bº do autor e seguirá as indicacións do Consello Direitor do Seminario en todo o que a edizón respeita.
Leandro Carré
Salvador Cabeza

Orde dos traballos

O ídolo cilíndrico do museu arqueolóxico de Pontevedra e outros ídolos galegos
Florentino López Cuevillas
Direitor da seizón de Prehistoria
Pp. 12-20



Estazóns prehistóricas da ría de Arousa. Anta e penedo grabado de Oleiros
Fermín Bouza Brey
Direitor da seizón de Prehistoria
Pp. 23-29



Estampas de Ourense a mediados do século XVIII
Ramón Otero Pedrayo
Direitor da seizón de Xeografía
Pp. 33-52




O castro de Caldelas. Monografía xeográfica i-etnográfica d’unha vila da nosa terra
Vicente Risco
Direitor da seizón de Etnografía
Pp. 55-86



Aportazóns ó estudo da historia da pesca da balea nas costa da Galiza
Luís Tobío Fernández
Socio do Seminario de Estudos Galegos
Pp. 89-93



A insinanza do Direito Román na Universidá de Sant-Yago, hastra o plan de estudos de 1772
Salvador Cabeza de León
Presidente do Seminario de Estudos Galegos
Pp. 97-117



Colección de tapices y colgaduras de la catedral de Santiago
Salustiano P.P. de Probén
Presidente da seizón de Historia
Pp. 121-126



Sobre a localización xeográfica do Sant-Grial
Xoaquín Arias Sanxurxo
Pp. 129-138





A festa dos Maios
(Premio na festa da Lingua Galega de 1925)
Xosé Filgueira Valverde
Segredario Xéral do Seminario de Estudos Galegos
Pp. 141-203



Cotos y Jurisdicciones de Galicia
Antonio Taboada Roca
Pp. 207-232





Datos para la historia de Monforte
Pedro Boo Pita
Pp. 235-238





Sobre a preséncia da ilmenita nas areas de Galicia. Análisis da ilmenita de Balarés
Isidro Parga Pondal
Da seizón de Cencias
Pp. 241-247



Aves de Galicia
Luis Iglesias e Iglesias
Direitor da seizón de Cencias
Pp. 251-262

O primeiro volume dos Arquivos complétase coa listaxe dos membros do Seminario, indicando os seus traballos de entrada na institución e tamén inclúe a relación das persoas e Administracións que contribuíron á edición do libro.

(1)     Ánxel Casal e o libro galego. Francisco Fernández del Riego. Ediciós do Castro, Sada. A Coruña. 1983. p. 45
(2)     Fonte foto de grupo: fundacionoteropedrayo.org
(3)     Os Nenos. Xosé Filgueira Valverde. Debuxos de Luís Pintos Fonseca. Edición Lar, impreso en Antúnez, Pontevedra. 1925.
(4)     Ibidem nota 1. p 48.
(5)     Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. Apéndice gráfico. (Por xentileza de Alfonso Mato posuímos copia do contrato de impresión, en galego, dos Arquivos I, asinado a 20 de marzo de 1927. A fouce, o hórreo e o prelo. Ernesto Vázquez)
(6)     Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: La Voz de Galicia, 14 de maio de 2012
(7)     Fonte da imaxe de Fermín Bouza Brey: www.carloscallon.com
(8)     Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(9)     Fonte da imaxe de Vicente Risco: ourensebercedacultura.wordpress.com
(10)  Fonte da imaxe de Lois Tobío: www.igadi.org
(11)  Fonte da imaxe de Salvador Cabeza de León: Universidade Carlos III de Madrid
(12)  Fonte da imaxe de Salustiano Portela Pazos: Real Academia Galega
(13)  Fonte da imaxe de Xoaquín Arias Sanxurxo: fundacionoteropedrayo.org
(14)  Fonte da imaxe de Xosé Filgueira Valverde: filgueiravalverde.blogspot.com.es
(15)  Fonte da imaxe de Antonio Taboada Roca: www.farmacialopezrio.com
(16)  Fonte da imaxe de Pedro Boo Pita: www.jrcasan.com
(17)  Fonte da imaxe de Isidro Parga Pondal: www.concellodelaxe.com
(18)  Fonte da imaxe de Luís Iglesias Iglesias: www.culturagalega.org