sábado, 25 de maio de 2013

OS CAMIÑOS DA VIDA III. O ESTUDANTE



OS CAMIÑOS DA VIDA – O ESTUDANTE / Otero Pedrayo, Ramón
27 de xuño de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
134 p ; 17,5 cm.

O Estudante, terceira e última parte d’Os camiños da vida, foi impresa por Nós en xuño de 1928.

Os Señores da Terra e A Maorazga son novelas nas que Ramón Otero Pedrayo recrea un mundo que coñece por referencia dos máis vellos. O Estudante, en cambio, é unha narración contemporánea. Os sucesos transformadores da sociedade rural son os mesmos que acompañaron a mocidade de Otero. Mesmo os trazos psicolóxicos característicos de Paio Soutelo son reflexos autobiográficos do propio escritor.

Entre estes trazos cómpre citar o amor polo lugar onde naceu, a fascinación espiritual que lle inspira Compostela e o descubrimento dunha Galiza sempre presente, pero que non acabou de revelarse até ben entrada a mocidade.

Os ollos enchíanselle de bágoas, e o nome de Galiza púñalle nos beizos un infindo feitiño dooroso e espranzado. Para domiñar a emoción apegaba a faciana â vidreira pequeniña e ollaba pr’a rúa estreita de Mazarelos c’o seu farol tristeiro. (2)

A épica dos primeiros volumes deixa paso agora a outro ritmo narrativo máis vagaroso e mesmo intimista por momentos, gañando peso as descricións do universo interior do protagonista.

Nos libros precedentes, Os señores da terra e A Maorazga, Otero establece o ocaso da fidalguía rural; proceso imparable que conclúe n’O Estudante, onde narra a descomposición das vellas familias dirixentes, empobrecidas e sen o xenio que fixo posible a anterior hexemonía. Froito desta creba ha xurdir a nova caste dirixente, que xa non asenta o seu poder na autoridade que dan a tradición e a propiedade da terra, senón na facilidade para amasar os cartos.

Frente á pobreza de matices da novela social que hoxe se nos brinda, esta epopeia en prosa dános unha idea moi ricaz das tensións e relacións sociáis na Galicia das revolucións, do estabelecimento dos comerciantes casteláns nas aldeas e as construccións das novas estradas. (3)

Probablemente Os camiños da vida sexa no seu conxunto non só a novela máis ambiciosa de todas cantas escribiu Otero, senón tamén a de maior calidade.

Sinopse da obra

Paio, o fillo do capitán Soutelo e Rosalía, a segunda filla de Xosé María de Puga, rematou o bacharelato. Na casa administrada pola morgada minguan as rendas

O Paio sentía un desacougo de cousas pequenas, urxentes. Tratos c’os labregos, a cama deixada de boa hora pra vixilar as labouras dos eidos. Maxinaba â tía Ramoniña, d’acabalo, c’un espolique camiño de Ribadavia pra gastar as horas mortas nos despachos dos procuradores, comendo mal pra non gastar dabondo.

Paio quere estudar para coidar da nai e a tía. “Pois sería médico, e o médico ten forzas pra se impôr”. Ao cabo trasládase a Compostela.

Nos mais días foi realizando a descoberta da cidade. Aixiña se díu da complexidade de vida, de paixós, de castes, de intreses, que s’afondía na grande vila de pedra orcelada pol-as invernías.

Otero narra a emoción que producen en Paio o descubrimento da cidade e os primeiros estudos, adubados polas trasnadas algareiras dos estudantes.

Entre tanto, Ramona goberna a casa da Pedreira con man firme, botando en falta o sobriño.

Cando o afillado fôra home xa poría as cousas en regra (…) Estaban ben desamparados sin médico e co’a botica desviada duas horas largas de camiño. ¿Quén se puña a il n’unha noite perra! Moita falla facía o sobriño. Xa lle tiña todo pensado pra cando viñera recibido de Sant-Iago. O despacho pr’as consultas, no corredor un grande banco pra a xente que agardaba.

Tamén asistimos ao afundimento definitivo dos Doncos e a salvación dos Puga da man de Ramona, quen dirixe con esforzo a casa nun tempo de mudanzas.

E moito cambia neses anos o val: mudan as vellas castes, morren as videiras, desaparecen aos poucos as casas fidalgas… tamén chega o Castelán para poñer unha tenda.

Puxo na tenda un bó mostrador pra despachar viño, bacallau, arroce, pemento, pan, pólvora, aceite, e todal-as cousas qu’aixiña foronse precisando (…) Non tardaría en abrir un forno de pan. O home era aproveitado, de poucas verbas, sempre precurando e cavilando en negocios.

O castelán emprende negocios decontino e tamén compra as rendas dos señoríos. Logo comeza a prestar cartos. Aquelas débedas enguedéllanse na prosa do escribán e nunca acaban por saldarse.

O castellano e os seus fillos (…) foron inzándose polo país, mais sempre isolados como unha colonia estranxeira e espallando os circos de abutre dos negocios hastra abranguer a mais d’aldeas as vilas espranzadas no seu primeiro pulo de desenrolo (…) Era unha forza sotil, maina, temerosa, oposta ô aparato de valentía e maxeza, de tradición e autoridade qu’hastra d’aquela mandaban na aldea. O mostrador impuña un respeito que non conseguira a solaina nin o brasoado portal.

Paio volve a Trasouto licenciado como médico para exercer no val, cumprindo así o devezo da tía.

A barba rizosa facía resaltar a gravidade do médico novo. Mais, que boa man tiña pr’os enfermos! Sentábase â cabeceira d’un probe leito, sin coidarse da miseria qu’as vegadas lle choutaba pol-as mans finas, e contaba contos pra animar o enfermo. Sempre recetaba meiciñas baratas feitas de herbas e cousas da casa e apontaba n’un libriño pequeno que levaba no bolsillo.

O médico e o seu cabalo danse a coñecer polas as corredoiras da contorna. Ao pazo chegan decontino os doentes.

«Vai a ser o dono do país» dicían os vellos ouvindo trepar o cabalo pol-as congostras ou vendo o médico embobando c’as suas falas á un fato d’homes. «Qu’importan os señorotes lacazás d’outrotempo que soilo servían pra andar de farra, procurando os tocos das boas mozas».

(1)    Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Os camiños da vida. O Estudante.
(3)    Os camiños da vida. Ricardo Carvalho Calero. Grial nº 52. Homenaxe a Otero Pedrayo. Vigo, abril-xuño 1976. p. 259.


Sem comentários:

Enviar um comentário