sábado, 11 de maio de 2013

OS CAMIÑOS DA VIDA I. OS SEÑORES DA TERRA

OS CAMIÑOS DA VIDA – OS SEÑORES DA TERRA / Otero Pedrayo, Ramón
29 de marzo de 1928
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
150 p ; 17,5 cm.

Os camiños da vida, novela publicada en tres partes entre marzo e xuño de 1928, foi a primeira obra de Ramón Otero Pedrayo editada por Nós.

Os señores da terra, obra que inicia a triloxía, saíu do prelo da editorial Nós o vinte e nove de marzo de 1928

A novela trata un dos temas recorrentes na literatura de Otero: a decadencia da fidalguía rural procedente do século XIX e a progresiva substitución da antiga clase dirixente por unha nova caste comercial de burgueses forasteiros, que ignoran e desprezan os costumes da terra de acollida.

A caída do poder da Igrexa, o derrumbe da sociedade do Antigo Réxime, a ruina da pequena aristocracia agraria, o ascenso da burguesía vilega, e a alteración fonda dos modos tradicionais de vida, forman as grandes liñas do deseño Oterián. (2)

O relato está impregnado das historias escoitadas polo mozo Otero arredor da lareira de Trasalba e no salón da ourensá rúa da Paz, poboadas por monxes exclaustrados, gavelas carlistas, fatos de bandoleiros que acosan as noites do pazo e tamén da visión romántica inspirada polos graves morgados fidalgos nas casas que ameazan ruína, rodeados de gloriosos recordos gravados na pedra dos brasóns. E sobre todos eles pairan inalterables, como un fío que une e dá sentido a tantas vidas, os ciclos ensarillados que rexen a vida no campo.

Os froitos chegaban ô seu tempo, mainamente, en cicros litúrxicos seguindo o decorrer das sazóns. (3)

Sobre este universo decadente, Otero evoca con pinceladas lenes – mesmo, ás veces, inintelixibles – unha época que xa non existe fóra da súa imaxinación, transportando o lector coa súa prosa barroca e inzada de reflexións temperamentais que caracteriza o estilo literario con trazos únicos.

Non obstante e malia as insercións poéticas propias da narrativa de Otero, Os camiños da vida encádranse entre as novelas realistas do autor.

Sinopse da obra

Figura que todol-os pazos d’istas terras foron trazados â mesma ideia; todos eles miran pr’á posta do sol» dixo o monxe póndose de peitos no grande balcón de ferros traballados.

«Considere vosa Paternidade qu’os maorazgos non temos gran cousa que facer e eiquí, n’aldea, precisamos de boas vistas pra esparexer o ánemo, e de camiño vixilar as idas e voltas dos paisanos» respondéulle Don Caetano de Doncos ô tempo d’ofrecere ô ecresiásteco unha toma de rapé.

O abade de Oseira, Xacobo de Castro, visita o pazo da Seara onde vive don Caetano, o morgado da estirpe dos Doncos.

D. Caetano era pol-o d’entôn un home d’edade indefinibre. Sempre fora un nugallán amorriñado. O qu’il dicía «Pra iso son maorazgo» cando de neno teimaban de lle facer debullar o latín.

O decreto da desamortización puxo en venda os bens dos conventos e suprimiu as congregacións regulares, esborrallando cun trazo no papel aquel mundo certo e inmutable.

Os labregos mestúranse cos señores na vida do pazo. Así sabemos do señor Vicente o Zaparín, do tío Antón do Rego o Papeleiro, do Perico, do señor Tenacio o cachicán das viñas da Seara… inocentes e raposeiros a un tempo.

Tamén albiscamos as sombras que asexan a estirpe dos Doncos na figura do herdeiro de don Caetano:

Hoxe crucei duas carballeiras da casa. Boas trabes, ira de Dios! Logo fun pol-as nabeiras. Mais de meia legoa de terra da casa ¡miña! pois son o maorazgo ¡valente riqueza! sin unha peza d’ouro no bolso. ¿Quen come os cartos?

O mozo é feble e ten malos sentimentos. Un asunto de mulleres enfróntao con don Xosé María, o veciño da estirpe dos Puga, señor do pazo da Pedreira e inimigo declarado de don Caetano. A través das desavinzas entre Doncos e Pugas, Otero evoca as loitas entre conservadores e liberais que ocuparon boa parte do século XIX.

Don Xosé María era liberal por nacencia, pol-o gosto de rir vendo cair esborralladas tantas cousas graves, impoñentes.

Os dous señores míranse con desconfianza e desprezo. Mentres o Doncos arma as partidas carlistas, o Puga sostén as milicias liberais.

O herdeiro e algúns membros da gavela carlista asaltan o priorado da Granxa para roubar os cartos da revolución, pero no acto morre un frade e o mozo foxe.

Aquila noite o herdeiro disfrazado de labrego con cirígolas e monteira, guedella e teas da casa, foi pra Portugal (…) A casa de Doncos perdeu o maorazgo. Non se soupo mais d’il na vida dos nados.

Anos máis tarde asistimos ao declive do pazo da Pedreira. Con el esmorecen o dono e o tempo dos señores. Ramoniña, a filla de don Xosé María, soporta as privacións desta nova época onde o poder representado por monxes, cregos e fidalgos rendeiros toca ao seu fin.

(1)     Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)     Otero Pedrayo. Conciencia de Galicia. Carlos Casares. Galaxia. Vigo. 1981. p. 96.
(3)   Os señores da terra. Ramón Otero Pedrayo.

Sem comentários:

Enviar um comentário