domingo, 1 de xullo de 2018

ESCUDOS DE RIANXO


ESCUDOS DE RIANXO / Alfonso Daniel Rodríguez Castelao – Fermín Bouza-Brey Trillo
Seminario de Estudos Galegos
Nós, Santiago. 1933
10 pp ; 28 cm.

A separata Escudos de Rianxo, elaborada conxuntamente por Castelao e Fermín Bouza- Brey, foi publicada por Nós en Santiago de Compostela en 1933.

O traballo escrito para o Seminario de Estudos Galegos apareceu publicado previamente no número 113 do boletín Nós, correspondente ao 17 de maio de 1933, número especial dedicado a Manuel Murguía no centenario do seu nacemento.

O texto desta separata corresponde a Bouza-Brey, mentres que foi Castelao quen fixo os debuxos anos antes da publicación.

Rianxo, vila mariñeira inzada de pazos, criada â soma do Señorío do grande poeta “Almirante do Mar”, viu un día de diviño agoiro abrir no seu seo a fror verdegada dos ollos de Castelao.
O artista cheo de ilusión diante de todo o enigmático e xeroglífico, foi no vagar das craras seráns arousanas apañando no seu lápis, como biobardos n-un meio mundo, os blasóns comestos pol-o âr salgado das casas fidalgas e gardóu na gaveta o deseño das vellas pedras, algunhas perdidas xa dende aquela.
O artista oferecéu a sua obra ô “Seminario de Estudos Galegos” pra ilustrar no futuro as investigacións heráldicas e xenealóxicas e hoxe aparecen eiquí en homenaxe ao Petrucio que soerguéu os dereitos de Galiza ao longo dos camiños históricos.

O texto que acompaña os debuxos comeza loando a figura de Castelao, poñendo en contexto a curiosidade que o levou a recoller no caderno as labras de pedra do seu pobo coa obra literaria e artística.

Bouza- Brey tamén efectúa un breve percorrido pola historia nobiliaria de Galiza a través das pedras de armas.

O poeta Paio Gómes Chariño, señor de Rianxo, mostra no solar do Señorío os escudos que os que de él veñen puxeron cas armas dos Chariños, Aldaos ou Maldoados que así se fundiron n-unha común simboloxía de cinco lises, que eliminaron ao león dos primeiros. Os Marqueses de Almeiras e Vizcondes de Andeiros que herdaron os blasóns do Almirante, trouxeron sangue dos Figueiroas, Andrades e Faxardos que os escudos rianxeiros representan unidos ôs Soutomaores gravurados n-unha almea, no Campo das Cartas.

Revista Nós 113 - 17 de maio de 1933
As pedras evocan os vellos señores feudais que gobernaron vilas e terras deica o século XVIII, entre os que cita os Aldao, Soutomaior, Figueiroa, Andrade, Moscoso, Faxardo, Mariño, Pimentel e Ponte, entre outros.

Especialmente evocadora resulta a figura que representa unha serea termando dun brasón situado na capela do Patrocinio de Rianxo, e inevitablemente recorda o escudo de Galiza deseñado por Castelao, ademais de decorar a capa de Sempre en Galiza.

Segundo Bouza-Brey, este escudo mestura as liñaxes dos Moscoso e os Soutomaior, presentando tamén a curiosa figura dun can encadeado, que podería representar as armas dos Oca.


Outros moitos foron esnaquizados ou por incuria dos homes perdéronse pra sempre. Lembremos aqueles que formaban parte do antigo castelo de Rianxo, desaparecido ao presente, cas armas dos Soutomaores, Aldaos, Castros e Mendozas, e aqueles outros que voltados do revés enlousan as rúas da vila mariñeira.


(1)   Imaxe de Daniel Castelao: realacademiagalega.org
(2)   Imaxe de Fermín Bouz-Brey: carloscallon.com

domingo, 17 de xuño de 2018

PRA VIVIR BEN DE CASADOS...


PRA VIVIR BEN DE CASADOS... / Leandro Carré Alvarellos
Biblioteca Teatral Lar
Lar. Rúa da Franxa, 34. A Cruña, 1928
24 pp ; 17,5 cm.

A peza Pra vivir ben de casados... Pasatempo nun acto, escrita por Leandro Carré Alvarellos, foi a última obra literaria editada por Lar antes de dar ao prelo o Dicionario Galego do mesmo autor, derradeiro volume impreso na editorial.

Esta é a terceira edición do libro impreso orixinalmente na Tipografía do xornal El Noroeste en novembro de 1919, cun formato máis grande que o actual e forma parte da Biblioteca Teatral Lar como segundo el último volume da colección inaugurada en 1925 por outra obra de Leandro Carré: O corazón d’un Pedaneo. (2)

Carré foi un dos continuadores da tradición teatral galega impulsada contra a fin do século XIX por algúns rexionalistas como Galo Salinas e dirixiu entre 1922 e 1926 a Escola Dramática Galega xurdida na Irmandade da Fala da Coruña, coa intención de formar os cadros de actores espallados por todo o país e fornecelos de textos modernos para normalizar o uso teatral do galego entre a sociedade urbana, rachando co rexistro chocalleiro onde ficara arrombado.

A sección de declamación do coro Cántigas da Terra, tamén dirixida por Carré desde 1917, representou por vez primeira este pasatempo o 10 de novembro dese mesmo ano no teatro Rosalía de Castro da Coruña.

A función acadou un grande éxito segundo informa a prensa da época. (3)

Actores y autor oyeron muchos aplausos siendo llamado a escena varias veces al final de la representación, el joven Sr. Carré. La Voz de Galicia, 11 de novembro de 1917 (4)

Satisfeito coa representación, Manuel Murguía, presente entre o público, propuxo o nomeamento de Carré como membro da Academia Galega.

O coro Queixumes dos Pinos levouna tamén a escena no local  de Lavadores, en Vigo, o 19 de marzo de 1921 esgotando as entradas e programando unha nova sesión para o seguinte día.

Como o mesmo Carré recoñeceu anos máis tarde, esta obra foi o seu primeiro éxito literario.

Despois da representación de Pra vivir ben de casados escribín outras, que me eran solicitadas polas varias agrupazóns que naqueles tempos encomenzaron a actuar por toda Galiza: Ferrol, Betanzos, Vigo, Orense, Pontevedra, etc, etc. (5)

A obra recrea o ambiente rural, costumista e popular, para agrado do público e tamén dos antigos rexionalistas, amantes do teatro enxebre. Non obstante, os textos de sabor tradicional foron contestados por algúns dos novos escritores, e particularmente polo grupo lugués encabezado por Evaristo Correa Calderón e Xesús Bal e Gay.

Querer hacer patria a base de representaciones de “O zoqueiro de Vilaboa” o de “O corazón d’un pedáneo” sería pueril. No conseguiríamos más que reirnos de nosotros mismos, de lo que hay en nuestras costumbres de grotesca animalidad. (6)

E se ben é certo que Leandro Carré foi criticado polos vangardistas por consideralo un continuador dos novecentistas, o seu labor inxente contribuíu a revitalizar o teatro galego e particularmente os cadros de declamación das agrupacións corais, espallando as representacións por lugares onde nunca antes tiñan chegado.

Sinopse da obra

A acción desenvólvese nun acto único na cociña da casa de Chinto e máis Xila, pais de Rosa, onde Roque acorda coa rapaza casar antes do Entroido, sen revelar aínda o secreto que garda.

Pouco despois entran na cociña Chinto e Bras, tío de Roque. Rosa escoita a conversa desde un agocho.

Bras. Estou convencido de que na miña casa fai falla unha muller; e, naturalmente, tén que ser unha muller que estando na miña casa estea na sua, pra que ninguén teña que falar.

Ao saír, Bras fala con Rosa gabando nela, dándolle a entender que pode haber unha voda decontado. A nai teima en convencela de que Bras, malia ser vello, é mellor partido que Roque.

Rosa. Mire; non falemos mais d’eso. Eu deille palabra de casamento a Roque...

Chinto e Bras volven xuntos e agora o pai tamén ve cos bos ollos o casamento de Rosa e, temendo a decisión dos pais, a rapaza informa a Roque. O mozo acode falar con Chinto.

Chinto. De Rosa excusamos de falar; fai un pouco fixen trato pra o seu casamento c’un home de ben e de bês.
Roque. Pro, vosté dispón así d’unha filla... sen contar co’ela, como se fora...

Bras ten unha boa casa, leiras, montes e gando, mentres que Roque é un bo rapaz sen outro ben que a forza da xuventude.

Bras. Pro, decídeme unha cousa. ¿Estades tolos, ou coidades qu’eu perdín o xuicio? (...) ¡Maxinar qu’eu iba casar, â miña edá, e c’oa vosa pombiña pra mais! (...) Quero unha muller na miña casa... pro tamén quero un home. ¡Eu xa traballei d’abondo, e teño ben ganada a folganza pra o pouco tempo que me resta!

O tío mediaba no trato en favor do sobriño sen saber que os pais de Rosa non estaban ao tanto das súas intencións.

Bras. Eles irán vivir e gobernal-a miña casa, e en morrendo eu...
Xila. (A Rosa e a Roque) E vosoutros querédevos, que para vivir ben de casados, como haxa cariño.
Rosa. ¿Agora di eso? (rindo)
Xila. E tendo unhas vaquiñas na corte, uns cochos no cortello e unhas milleiras que dean pan e fartura ¡é escusado pedir mais!

(1)   Imaxe de Leandro Carré Alvarellos: portada de Enredos. Terra a Nosa. Bibrioteca Popular Galega. 1919
(2)   O Corazón d’un pedaneo. Leandro Carré Alvarellos. Imprenta Lar, A Cruña. 1925 (comentada neste mesmo lugar en outubro de 2012)
(3)   Reparto da representación: Rosa - Consuelo Boto. Xila - Xulia Pérez. Chinto - Xosé Amor. Roque - Cándido Durán. Bras - Ánxel García.
(4)   Citado a partir de: Leandro Carré un século de cultura e compromiso. Xosé
Manuel Maceira Fernández. Alvarellos Editora, 2014
(5)   Carta de Leandro Carré a Xesús Alonso Montero. 16 de decembro de 1975. Ibidem nota 4.
(6)   Evaristo Correa Calderon, 1926. Ibidem nota 4.