domingo, 15 de janeiro de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 2



A segunda carta dirixida por Ramón Cabanillas a Enrique Peinador ten data do 20 de novembro de 1920 e está asinada no Porriño, onde o poeta reside mentres exerce a función de secretario no concello de Mos, posto que deixará no verán de 1921.

En xullo de 1920, Cabanillas pediu unha licenza no seu traballo para acudir a Madrid, onde contactou por mediación do arquitecto Antón Palacios (1) co editor Juan Pueyo para imprimir as súas obras completas en seis volumes.

De novo en Porriño, Cabanillas escribe a Enrique Peinador para darlle conta da viaxe.

Sr. D. Enrique Peinador

Meu querido Enrique: Dempois de mes e medio en Madrí, – estiven en Génova, 16 – pousei en Porriño. Ô topar as probas correxinas a escape e ahí van: a letra ê un primor e coido que sairá una cousa verdadeiramente preciosa. Calquera día iréi por esa pois teño moitas cousas de que falarche: fixen un contrato con Pueyo; cheguei a acordo cos fillos de Curros, etc.

Agora, estes primeiros días estóu moi atafegado.

Sabes canto te quere teu agradecido amigo do corazón,

R Cabanillas

20 – Nov. – 1920

¿Pódesme mandar dous exemprares de “Mondariz”, númaro que fala da Academia?


No número 16 da rúa Xénova de Madrid estaba unha das sedes da Compañía do tranvía de Mondariz a Vigo – a outra estaba na rúa Victoria, 2 en Vigo –, fundada polo pai de Enrique Peinador en 1914 coa intención de atraer visitantes ao balneario. (2)

Cabanillas alude tamén ás probas de imprenta que con toda seguridade corresponden á peza dramática A man de Santiña, editada na imprenta do balneario de Mondariz o 15 de xaneiro de 1921, e que foi representada por vez primeira no Pavillón Lino da Coruña en 1919. (3)

O poeta fala tamén do contrato asinado con Pueyo. Esta relación non acabaría en bos termos, como o poeta aclara nunha carta de abril de 1922 que comentarei noutra achega desta mesma páxina (4). Non obstante, e malia non imprimir as obras completas de Cabanillas, Pueyo deu ao prelo en 1921 a segunda edición de Vento Mareiro – a primeira foi impresa na Habana en 1915.

Tamén informa Cabanillas do acordo cos fillos de Curros Enríquez para facer o libreto dunha ópera sobre o poema A virxe do cristal.

O proxecto inicial para musicar o poema de Curros iniciouse en 1904, cando Xosé Baldomir (5) propuxo a Curros adaptar o texto para facer unha ópera galega, ofrecéndose a escribir el mesmo a música. Inicialmente, a persoa encargada de preparar o texto foi Víctor Said Armesto (6). Pero ao morrer este en 1916, Baldomir encargoulle a Cabanillas o libreto. (7)

Ao cabo e cando o traballo estaba rematado e listo para presentarse en público, os herdeiros de Curros negaron a autorización.

Finalmente, en 2002 Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín rescataron o texto.

Esta peza, de 1924, aparece, pois, como a primeira ópera literaria galega, anterior, por tanto, a O Mariscal, constituíndose nun fito importante no desenvolvemento teatral e musical do período das Irmandades, momento fundamental no proceso de recuperación nacional do noso país. (8)

O propio Cabanillas conta a peripecia da xestación da obra.

A ideia foi de Baldomir: esquirbino a toda presa e entreguéillo. Pasou tempo – anos –, e un día Antón Palacios Ramilo, o arquitecto, levóume a xantar con Amadeo Vives no Casino de Madrid. Vives quería faguer unha ópera gallega e quería un libreto: conteille o de Baldomir e o desarrollo que eu lle dera á obra; ó parecer gustoulle moito, convimos algunhas modificacións e fixen unha nova cópea, porque el quedou con Palacios en ir a pasar un mes de vran na nosa Terra pra ouir bailadas e alalás en adros e carballeiras, e falar con Baldomir. Morréu Vives e ó morrer Baldomir dixéronme que deixara esquirta a ópera. Estes choios musicaes teñen tan mala pata que tampouco teño copea do libreto: lembro que lle din unha a Rei Soto, o noso gran poeta, pero cando estalou o Movimento, anque por fortuna salvou a bibrioteca en Madrid, leváronlle os papés de toda crase, recordo ben que feito a máquina e sen puntuar. (9)

Por último, Cabanillas alude na súa carta á revista Mondariz, editada na imprenta do balneario entre maio de 1915 e xullo de 1922, que el mesmo chegou a dirixir, e nos momentos de maior esplendor tirou 5.000 exemplares.

(1)    Antonio Palacios Ramilo. (Porriño, 1874 – Madrid, 1945). Arquitecto.
(2)    Ao cabo, e despois de moitos atrancos industriais e cambios na composición dos accionistas da compañía, completouse unicamente o traxecto Vigo-Porriño, ao longo de 19 Km. O treito Porriño-Mondariz non chegou a executarse. A liña inaugurouse o 14 de marzo de 1920 e permaneceu aberta até o 13 de febreiro de 1967. Fonte: Juan Peris Torner. Euroferroviarios.net
(3)    A primeira representación tivo lugar o 22 de abril de 1919, con escenografía a cargo de Camilo Díaz Baliño e acompañamento musical por conta de Lois Braxe. O cadro de declamación estaba formado por:
·         Santiña » Carmiña Meléndez
·         Mari-Rosa » Loisa Castelo
·         Rosario » Esther Carballo
·         Misiá Manoela » Carmen Chao
·         Don Salvador » Lois Lafuente
·         Don Pedro » Fernando Osorio
·         Ricardo » Baltasar Edreira
·         O Alcalde » Manoel Roel (Guísamo, 1898 – Betanzos, 1968)
·         Un criado » Víctor Casas (A Coruña, 1900 – Poio, 1936)
(4)    “Abóndache saber que o Pueyo ê un disgraciado, que estivo a dous dedos da quiebra (e inda coido que non tardará moito en presentala) e que eu inda non vin un real do libro (nin o veréi, pol-as trazas) e que até me custou traballo arrincarlle 50 exemprares para os amigos”.
(5)    Xosé Baldomir Rodríguez. (A Coruña, 1867 – 1947). Músico.
(6)    Víctor Said Armesto. (Pontevedra, 1871 – Madrid, 1914). Escritor e profesor.
(7)    Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(8)    A Virxe do Cristal. Lenda de Curros Enríquez axeitada para ópera. Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín Rei. Introdución, edición e notas. A Coruña. Biblioteca-Arquivo Teatral ‘Francisco Pillado Mayor’. 2002.
(9)    Ramón Cabanillas, citado a partir da nota 7.

segunda-feira, 2 de janeiro de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 1



Por máis que non teña relación co tema principal tratado nesta páxina, que son os libros editados por Ánxel Casal, primeiro conxuntamente con Leandro Carré na editorial Lar e despois en solitario en Nós, durante algún tempo farei un paréntese para presentar un feixe de vinte e cinco cartas inéditas dirixidas por Ramón Cabanillas ao seu amigo Enrique Peinador Linés (1), propietario e tamén xerente do balneario de Mondariz até 1933, cando deixou o cargo.

Carné do Partido Galeguista de Enrique Peinador asinado por Alexandre Bóveda
As cartas abranguen o período que vai desde xullo de 1920 até abril de 1933 e foron salvadas da desfeita por Enrique Peinador despois do golpe de estado de 1936, cando temeu a represión pola súa militancia galeguista e fixo correr a voz de que tiña fuxido a América, pero deixou Vigo, onde residía, para refuxiarse en Ponteceso na casa da súa filla Avelina (2), quen estaba casada con Isidro Parga Pondal, (3) e alí depositou o arquivo.

Que Peinador puxese a salvo as cartas neste momento turbulento dá idea do aprecio que sentía polos documentos, onde podemos seguir os devezos e naufraxios do poeta ao longo destes trece anos, algún dos cales, quizais os máis intensos a dicir da correspondencia, pasounos exiliado en Madrid.

Desde a capital, Cabanillas puxo ao servizo de Peinador a extensa rede de contactos que soubo tecer, tanto para informalo dos rumores e movementos políticos na cidade, como para levar adiante xestións nos ministerios en prol do balneario.

A primeira das cartas, escrita nun papel coa cabeceira do poeta, trata sobre o acto de recepción de Cabanillas na Academia Galega, celebrado no balneario de Mondariz os días 30 e 31 de agosto de 1920.

No tempo en que escribiu o texto, Cabanillas residía no Porriño – na pensión La Jerezana – e traballaba como secretario no concello de Mos, onde tomou posesión o 30 de setembro de 1917.

Ao longo da súa correspondencia, o poeta utiliza indistintamente o galego e o castelán para comunicarse con Peinador.

O texto da carta di o seguinte:

Sr. D. Enrique Peinador Lines

Mi querido amigo:

Hace unos días remití a la Academia mi trabajo. – unas páginas humildes sobre “A saudade nos poetas galegos”. – No sé si el discurso será aceptado, pero, además, me parece difícil mi recepción porque la prensa se adelantó (no se de quien habrá partido la noticia) a señalar al Sr. Obispo de Tuy como encargado de la contestación y, según me enteré ayer, el Sr. Obispo no puede o no estima oportuno hacerlo. Como es una persona a quien respeto hondamente, espero su regreso para hablarle y rogarle que lo haga: si no lo obtengo, dignamente no puedo solicitar ese honor de ningún otro académico.

Le envío mi retrato, porque eso es otra cosa: el honrado soy yo con que V. lo acepte.

Es siempre un buen amigo y admirador,

R Cabanillas

Porriño
31. – Julio – 1.920.




Se ben resulta evidente a confianza entre Cabanillas e Peinador, a quen o poeta chama: meu querido amigo, a relación entre os dous nesta primeira carta resulta formal, a xulgar pola espontaneidade do trato en cartas posteriores.

De feito, e se ben Cabanillas levaba anos publicando textos na revista do balneario, a cerimonia de recepción supuxo a súa entrada formal en Mondariz, estreitando a proveitosa relación persoal con Enrique Peinador.

Con respecto ao texto da carta, sabemos que ao cabo non foi Manuel Lago González (4), bispo da diocese de Tui-Vigo en 1920 e membro do Seminario de Estudos Galegos, o encargado da contestación, senón o académico Eladio Rodríguez González (5).

Cabanillas tardou ano e medio en dar co tema do seu discurso de ingreso na Academia e cando os prazos se acurtaban, alguén – probablemente Vicente Risco – puxo nas súas mans “Os poeta lusíadas” de Teixeira de Pascoaes (6), descubríndolle o saudosismo e conectando así o seu discurso coas directrices das Irmandades, partidarias do pangaleguismo. (7)

Cabanillas titulou o discurso: A saudade nos poetas galegos e o texto foi impreso posteriormente en novembro de 1920 nun libro de pequeno formato no obradoiro do xornal coruñés El Noroeste, daquela dirixido por Eladio Rodríguez.

Segundo se deduce da correspondencia entre ambos, foi editado a medias, distribuído de balde entre amigos e medios de comunicación e non chegou a se poñer á venda. (8)

O discurso ten un fondo contido lírico, como exemplifica o seguinte parágrafo.

A saudade nos poetas gallegos de hoxe, así nos poetas consagrados, que son lus de realidade, coma nos poetas novos, que teñen alumeos d’espranzas, é o rezo diario dos nosos amores a canto é noso; é o himno maxestoso e trunfal dos nosos sentimentos fondos; é a cántiga íntema que vai sempre con nosco cando nos imos da terra; é, n’unha palabra, a forza segreda que nos anima nos nosos traballos e que nos dí a todas horas, pensando na Terra, Oremus Laboremus.

Os últimos parágrafos do discurso están dedicados aos irmáns Peinador.

E agora, xa que eu teño que poñer fin a estes dous actos académicos que pra groria de Galicia e pra honra e argullo da Real Academia Gallega celebramos n’este Pazo da Saúde, que é laboratorio das almas porque ô mesmo tempo que cura as doenzas físicas tamén precura satisfacel-as necesidades espirtoales, permitídeme que as miñas derradeiras palabras sean un canto de gratitú pra estes irmaus Peinador, que por lei da herencia e do sangue son unha representación viva de engadante simpatía e de compenetración co traballo, e son ademáis encarnación lexítima d’amor â terra.

Pr’os que somos gallegos, e gallegos de corazón, o nome de Peinador tén que merecernos todal-as consideraciós e todal-as gabanzas e hastra todol-os agradecementos. Non solasmente tivo a virtú de facer vir á Galicia á moitos que soio sabían de Galicia pol-a sona que de curral de vacas e de frágoa de segadores e de mozos de cordel tiña esta nosa meiga terra, sinón que inda quixo dar probas do seu fondo e sinceiro galleguismo, creando o Museo gallego de Pías, no que hai que entrar coa devoción con que s’entra n’un santuario homilde, n’unha d’esas ermidas pequeniñas que s’esconden entr’o prodixio dos nosos campos.

E pra compretal-a obra d’enxebrismo d’aquel patrucio de verdá, traballador incansable e loitador firme, que se chamou Don Enrique Peinador Vela e que soupo descobrir pra imperecedeira groria sua a fonte santa d’este santo milagre de Saúde, o seu fillo D. Enrique Peinador Lines creou aquí o coro Agarimos da Terra, que con tanta mestría canta a nosa música popular, alegre unhas veces, tristeira outras, sempre soave e sempre doce, na que rebule tod’a yalma da nosa raza. ¡Quen nos dera en Galicia moitos Peinadores pra trocal-as nosas forzas mortas en forzas vivas!

Por eso n’esta ocasión memorable soio sei decirlle ôs irmaus Peinador: ¡Gracias, moitas gracias! ¡Dios vol-o pague!

(1)    Enrique Peinador Linés. (Pontevedra, 1880 – Vigo, 1940). Fillo de Enrique Peinador Vela, impulsor xunto co seu irmán Ramón do uso medicinal das augas de Mondariz desde 1872. Peinador Linés exerceu como xerente do balneario entre 1907 e 1933.
(2)    Avelina Peinador Porrúa. (A Coruña, 1904 – Laxe, 1976). Filla de Enrique Peinador e Giorgina Porrúa.
(3)    Isidro Parga Pondal. (Laxe, 1900 – A Coruña, 1986). Xenro de Enrique Peinador. Químico, especializado en xeoquímica e membro do SEG.
(4)    Manuel Lago González. (Tui, 1865 – Compostela, 1925). Bispo de Tui e arcebispo de Compostela.
(5)    Eladio Rodríguez González. (San Clodio, 1864 – A Coruña, 1949). Xornalista e escritor, presidente da Academia Galega entre 1926 e 1934.
(6)    Teixeira de Pascoaes. (Amarante, 1877 – Gatão, 1952). Pseudónimo de Joaquim Pereira Teixeira de Vaconcelos, poeta portugués representante do Saudosismo.
(7)    Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(8)    Ver nota 7.