Por máis que non teña
relación co tema principal tratado nesta páxina, que son os libros editados por
Ánxel Casal, primeiro conxuntamente
con Leandro Carré na editorial Lar e despois en solitario en Nós, durante algún tempo farei un
paréntese para presentar un feixe de vinte e cinco cartas inéditas dirixidas
por Ramón Cabanillas ao seu amigo Enrique Peinador Linés (1), propietario e tamén xerente
do balneario de Mondariz até 1933, cando deixou o cargo.
Carné do Partido Galeguista de Enrique Peinador asinado por Alexandre Bóveda |
As cartas abranguen o
período que vai desde xullo de 1920 até abril de 1933 e foron salvadas da
desfeita por Enrique Peinador despois do golpe de estado de 1936, cando temeu a
represión pola súa militancia galeguista e fixo correr a voz de que
tiña fuxido a América, pero deixou Vigo, onde residía, para refuxiarse en
Ponteceso na casa da súa filla Avelina (2),
quen estaba casada con Isidro Parga
Pondal, (3) e
alí depositou o arquivo.
Que Peinador puxese a
salvo as cartas neste momento turbulento dá idea do aprecio que sentía polos
documentos, onde podemos seguir os devezos e naufraxios do poeta ao longo
destes trece anos, algún dos cales, quizais os máis intensos a dicir da
correspondencia, pasounos exiliado en Madrid.
Desde a capital,
Cabanillas puxo ao servizo de Peinador a extensa rede de contactos que soubo
tecer, tanto para informalo dos rumores e movementos políticos na cidade, como
para levar adiante xestións nos ministerios en prol do balneario.
A primeira das cartas,
escrita nun papel coa cabeceira do poeta, trata sobre o acto de recepción de
Cabanillas na Academia Galega,
celebrado no balneario de Mondariz os
días 30 e 31 de agosto de 1920.
No tempo en que escribiu o
texto, Cabanillas residía no Porriño
– na pensión La Jerezana – e
traballaba como secretario no concello
de Mos, onde tomou posesión o 30 de setembro de 1917.
Ao longo da súa
correspondencia, o poeta utiliza indistintamente o galego e o castelán para
comunicarse con Peinador.
O texto da carta di o
seguinte:
Sr. D. Enrique
Peinador Lines
Mi querido
amigo:
Hace unos días
remití a la Academia mi trabajo. – unas páginas humildes sobre “A saudade nos
poetas galegos”. – No sé si el discurso será aceptado, pero, además, me parece
difícil mi recepción porque la prensa se adelantó (no se de quien habrá partido
la noticia) a señalar al Sr. Obispo de Tuy como encargado de la contestación y,
según me enteré ayer, el Sr. Obispo no puede o no estima oportuno hacerlo. Como
es una persona a quien respeto hondamente, espero su regreso para hablarle y
rogarle que lo haga: si no lo obtengo, dignamente no puedo solicitar ese honor
de ningún otro académico.
Le envío mi
retrato, porque eso es otra cosa: el honrado soy yo con que V. lo acepte.
Es siempre un
buen amigo y admirador,
R Cabanillas
Porriño
31. – Julio – 1.920.
Se ben resulta evidente a
confianza entre Cabanillas e Peinador, a quen o poeta chama: meu querido amigo,
a relación entre os dous nesta primeira carta resulta formal, a xulgar pola
espontaneidade do trato en cartas posteriores.
De feito, e se ben
Cabanillas levaba anos publicando textos na revista do balneario, a cerimonia de
recepción supuxo a súa entrada formal en Mondariz, estreitando a proveitosa relación
persoal con Enrique Peinador.
Con respecto ao texto da
carta, sabemos que ao cabo non foi Manuel
Lago González (4), bispo da diocese de Tui-Vigo en 1920 e membro do Seminario de Estudos Galegos, o
encargado da contestación, senón o académico Eladio Rodríguez González (5).
Cabanillas tardou ano e
medio en dar co tema do seu discurso de ingreso na Academia e cando os prazos
se acurtaban, alguén – probablemente Vicente
Risco – puxo nas súas mans “Os poeta
lusíadas” de Teixeira de Pascoaes (6), descubríndolle
o saudosismo e conectando así o seu discurso coas directrices das Irmandades,
partidarias do pangaleguismo. (7)
Cabanillas titulou o discurso: A saudade nos poetas galegos e o texto foi impreso posteriormente en
novembro de 1920 nun libro de pequeno formato no obradoiro do xornal coruñés El Noroeste, daquela dirixido por Eladio Rodríguez.
Segundo se deduce
da correspondencia entre ambos, foi editado a medias, distribuído de balde
entre amigos e medios de comunicación e non chegou a se poñer á venda. (8)
O discurso ten un fondo contido lírico, como exemplifica
o seguinte parágrafo.
A saudade nos
poetas gallegos de hoxe, así nos poetas consagrados, que son lus de realidade,
coma nos poetas novos, que teñen alumeos d’espranzas, é o rezo diario dos nosos
amores a canto é noso; é o himno maxestoso e trunfal dos nosos sentimentos
fondos; é a cántiga íntema que vai sempre con nosco cando nos imos da terra; é,
n’unha palabra, a forza segreda que nos anima nos nosos traballos e que nos dí
a todas horas, pensando na Terra, Oremus Laboremus.
Os últimos parágrafos do discurso están dedicados aos
irmáns Peinador.
E agora, xa que eu
teño que poñer fin a estes dous actos académicos que pra groria de Galicia e
pra honra e argullo da Real Academia Gallega celebramos n’este Pazo da Saúde,
que é laboratorio das almas porque ô mesmo tempo que cura as doenzas físicas
tamén precura satisfacel-as necesidades espirtoales, permitídeme que as miñas
derradeiras palabras sean un canto de gratitú pra estes irmaus Peinador, que
por lei da herencia e do sangue son unha representación viva de engadante
simpatía e de compenetración co traballo, e son ademáis encarnación lexítima
d’amor â terra.
Pr’os que somos
gallegos, e gallegos de corazón, o nome de Peinador tén que merecernos todal-as
consideraciós e todal-as gabanzas e hastra todol-os agradecementos. Non
solasmente tivo a virtú de facer vir á Galicia á moitos que soio sabían de
Galicia pol-a sona que de curral de vacas e de frágoa de segadores e de mozos
de cordel tiña esta nosa meiga terra, sinón que inda quixo dar probas do seu
fondo e sinceiro galleguismo, creando o Museo gallego de Pías, no que hai que
entrar coa devoción con que s’entra n’un santuario homilde, n’unha d’esas
ermidas pequeniñas que s’esconden entr’o prodixio dos nosos campos.
E pra compretal-a
obra d’enxebrismo d’aquel patrucio de verdá, traballador incansable e loitador
firme, que se chamou Don Enrique Peinador Vela e que soupo descobrir pra
imperecedeira groria sua a fonte santa d’este santo milagre de Saúde, o seu
fillo D. Enrique Peinador Lines creou aquí o coro Agarimos da Terra, que con
tanta mestría canta a nosa música popular, alegre unhas veces, tristeira
outras, sempre soave e sempre doce, na que rebule tod’a yalma da nosa raza.
¡Quen nos dera en Galicia moitos Peinadores pra trocal-as nosas forzas mortas
en forzas vivas!
Por eso n’esta
ocasión memorable soio sei decirlle ôs irmaus Peinador: ¡Gracias, moitas
gracias! ¡Dios vol-o pague!
(1)
Enrique Peinador Linés. (Pontevedra, 1880 – Vigo, 1940). Fillo de Enrique
Peinador Vela, impulsor xunto co seu irmán Ramón do uso medicinal das augas de
Mondariz desde 1872. Peinador Linés exerceu como xerente do balneario entre
1907 e 1933.
(2)
Avelina Peinador Porrúa. (A Coruña, 1904 – Laxe, 1976). Filla de Enrique
Peinador e Giorgina Porrúa.
(3)
Isidro Parga Pondal. (Laxe, 1900 – A Coruña, 1986). Xenro de Enrique
Peinador. Químico, especializado en xeoquímica e membro do SEG.
(4)
Manuel Lago González. (Tui, 1865 – Compostela, 1925). Bispo de Tui e arcebispo
de Compostela.
(5)
Eladio Rodríguez González. (San Clodio, 1864 – A Coruña, 1949). Xornalista e
escritor, presidente da Academia Galega entre 1926 e 1934.
(6)
Teixeira de Pascoaes. (Amarante, 1877 – Gatão, 1952). Pseudónimo de Joaquim
Pereira Teixeira de Vaconcelos, poeta portugués representante do Saudosismo.
(7)
Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(8)
Ver nota 7.
Ningún comentario:
Publicar un comentario