quarta-feira, 31 de outubro de 2012

O ANARQUISTA



O ANARQUISTA / Pita Romero, Leandro
20 de Nadal de 1924
Lar, revista quincenal. Ano 1; número 2. Imprenta Moret, Marina 28 – A Cruña
34 páx. ; 15 cm.

O Anarquista, única novela do escritor e político Leandro Pita Romero, publicouse co número dous na colección de novela breve Lar, en decembro de 1924.

Os cinco primeiros números da colección, entre os que está O Anarquista, saíron das prensas de Moret porque Lar non dispuña aínda de imprenta propia. Non obstante, a administración da editorial xa figuraba no domicilio de Ánxel Casal, na rúa Real 36, 1º. (1)

As cromolitografías utilizadas nas portadas desta época presentan cores esluídas en comparación coas impresas posteriormente pola editorial Lar.

Leandro Pita, avogado, xornalista e membro da Irmandade da Fala da Coruña, formou parte da Federación Republicana Galega liderada por Casares Quiroga, coa que obtivo a súa acta de deputado en 1931. Nunha segunda xeira, en 1933, formou parte do goberno de dereita de Lerroux, actuando como ministro de Estado e posteriormente como embaixador diante do Vaticano.

Con todo, a primeira militancia política de Leandro Pita adscríbese no Partido Agrario Republicano, e será esta ideoloxía agrarista e anticaciquil a que impregnará a súa novela.

O Anarquista é unha novela costumista, que afonda con acerto no perfil psicolóxico individual e colectivo dos personaxes; dunha banda o cacique, continuador dos vellos señoríos fidalgos, agora substituídos pola burguesía comercial e a elite política; da outra o labrego acomodado, aspirante a deixar o agro e incorporarse ao progreso representado polos novos negocios.

Arredor destes dous actores, a comunidade aldeá constitúe un ente pasivo e submiso, incapaz de arrepoñerse diante da inxustiza; parapetado nunha sorte de escepticismo ontolóxico, herdanza dun tempo en que non había máis vontade que a do señor feudal.

Sinopse da obra

En Santo Xián de Lanzós todos os veciños, a excepción do crego, teñen alcume: “O nome de pila díctao o azar. O alcume díctao a persoalidade do que o leva. É o seu verdadeiro nome”.

Mariano de Vilar, labrego acomodado e pai de Marica a “Anarquista”, relea coa súa muller Marica Antona sobre a necesidade de afastar a filla do campo e darlle estudos. Claro que a muller non está de acordo:

“¿Quérela facer unha señorita? Ti estás en ti Mariano? Non tolées”.

Non obstante, a oposición de Marica Antona ha durar pouco. Cando a nai morre, Marica deixa a terra para acudir á escola. “a úneca faena que facía era a de ter conta do gando nos pastos, que era a labor dos nenos e dos vellos”.

Co tempo, Marica puxo unha escola na casa onde atendía os nenos da contorna.

Vendo cumprido o devezo, Mariano, xa vello, decide vender as terras e abrir unha tenda coa intención de deixarlle á filla un negocio próspero. Un establecemento onde os veciños atopasen todo o necesario.

“Dende a vela de sebo hastra a lata de pimentos, pasando pol-o novelo de lâ ou de bramante e o cuaderno de escribir, todas as necesidades humans de San Xian de Lanzós tiñan na casa de Mariano a sua oportuna panacea”.

Claro que no pobo xa había outra tenda propiedade de Andrés, un home de carácter raposeiro que tamén exercía como pedáneo e carrexador de votos para deputados e concelleiros.

El foi quen informou a Mariano que debía pechar a tenda por carecer de licenza de apertura “por uns días, hastra que veña o permiso, non sabes?”.

Pero o tempo pasaba e os papeis non se daban amañado, así que Mariano decidiu abrir a tenda polo día da feira. Decontado, Andrés notificoulle “unha multa que non podía pagar pol-o bárbara, pol-o inxusta, pol-o crudel”.

Valéndose dos seus contactos políticos, Andrés decretou o peche definitivo da tenda e da escola rexentada por Marica, propoñéndolle a Mariano a compra da mercadoría a prezo de saldo. E diante da inxustiza, o pobo enteiro calou, amedrentado polo pedáneo, agás Mariano, quen decidiu revolverse contra aquela fada e tomar a xustiza pola man.

“Unha bomba! D’esas de Barcelona. Púxoa o señor Mariano. Está ahí, sen conocimento… Houberon de morrer todos”.

Pero os único dano causado foi a rotura dalgúns vidros e a morte dun porco como consecuencia da impresión que lle causou o estouro. “Aquelo era a caricatura d’un atentado, unha bomba en ridículo. Toda esa sorte tiña o enemigo. Toda esa impotencia tiña o vello ofendido”.

Convulso diante do xuíz, Mariano morre de súpeto. E o pobo, afeito á inxustiza, acepta resignado a morte do veciño.

“¡Que mundo este! – dixo unha veciña – Quen lle diría a un veciño honrado que había de romatar d’anarquista”.

Ao cabo, o alcume sería o único que había herdar Marica do pai.

“En San Xián de Lanzós, ao enterramortos que ten sesenta anos, chámanlle “Xaniño”, ao tendeiro cacique, “D. Andrés”, e a Marica a “Anarquista”.

E á esto que regula a vida dos homes na sociedade, chámanlle xusticia.”


(1)  Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Xosé Mª Dobarro Paz / Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro 2003. p. 48.


sábado, 27 de outubro de 2012

O CONSENTIMENTO



O CONSENTIMENTO / Luís G. Vicencio
Marzo de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 19. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
36 p ; 16 cm.

Luís G. Vicencio, pseudónimo do escritor Lois Galo Vicente Carré Alvarellos, irmán de Leandro Carré e membro da Academia Galega, publicou O Consentimento en marzo de 1926, facendo o número dezanove da colección de novela breve editada por Lar.

Lois Carré tamén publicou en 1928 a novela Alevamento, editada co número corenta na Biblioteca Lar e que había pechar a colección.

A maiores da dúas novelas curtas descritas, Lois Carré escribiu algúns textos históricos e un ensaio sobre a vida e a obra do poeta Curros Enríquez. Non obstante, os seus traballos máis celebrados atinxen o eido etnográfico e particularmente os estudos sobre a cultura popular.

O consentimento é unha novela de acción con trazos de relato de costumes, ambientada nun pobo mariñeiro a mediados do século XIX. O autor reflexiona no texto sobre o absurdo comportamento de quen pretende apoñer nos fillos as culpas dos pais, vingando neles as faltas que non cometeron.

Sinopse da obra

Marica vive no lugar de Xouba, un pequeno pobo de pescadores. Cidre e máis ela camiñan ao dereito da ría:

“É o mozo, quen principia á conversa preguntándolle:

-      Falache a teu pai?
-      Falei, mais, non quêr consentir.
-      Logo é que non che quêr.– dixo él – sinón, non sacrificaría tua felicidá ao seu egoismo.
-      Xúlgalo mal, Cidre, el é bon, quéreme, mais algo moi grave debeu ter cô teu pai – dixo con tristura – non quêr ouvirme falar de ti por seres seu fillo.”

Logo da presentación, a narración retrocede vinte anos até o día en que Nostramo fala con outro mariñeiro sobre un desembarco de contrabando por conta de don Estebo.

A seguinte escena sucede na tenda do Maragato. Nostramo espreita un fato de mariñeiros da veciña Vilavella. Cando os homes deixan a taberna, sae atrás deles na súa buceta acompañado por outros mariñeiros de Xouba, e xuntos deteñen a lancha de Vilavella.

“A terra – ordenou Nostramo – e cuidadiño con intentar resistir si queredes sair con ben.

Somos homes honrados, probes pais de familia, pescadores de oficio como dixemos.

Deixádeme de andrómenas que vou vello; a terra, a terra, que n’hai tempo que perder.”

Don Estebo e don Bastián coñecéronse en México. Estebo foi comerciante e retirouse mozo e rico antes de volver a Xouba, onde comprou o pazo das Nogueiras. Bastián serviu como oficial no exército das colonias. Cando as tropas recibiron a orde de retirarse despois da Guerra de Independencia, el tamén volve a Xouba e, como antigo militar, obtén a encomenda de perseguir o contrabando.

Nostramo pídelle a Bastián que o siga.

“Hoxe, â media noite, debían desembarcar unha partida de tecidos ingleses e augardentes americanos, boa presa en verdá, que perdemos, mais en troques, caerán nas nosas mans os bribós”.

Na praia, deteñen a partida. Logo Bastián acode ao pazo das Nogueiras.

-      “¿Quén vai?
-      Eu, Bastián, abride; preciso falar con D. Estebo agora mesmo, pronto, abride. Seu falar era autoritario, despertara no vello militar o costume do mando na milicia.”

Dona María, a muller de Estebo, pídelle a Bastián pola súa filla e a memoria da esposa morta, que deixe marchar o seu home e “D. Bastián; por primeira vez na vida deixou de cumplil-o deber. Vaite – díxole a D. Estebo – fuxe, pronto, fuxe, logo será tarde, fuxe”.

Ao día seguinte a familia de Estebo deixa Xouba e Bastián renuncia ao cargo.

Vinte anos máis tarde, o pazo das Nogueiras ábrese de novo. O fillo de Estebo rolda agora a Marica contra desexo do pai, censurado polos veciños da contorna, que non entenden aquela teima de Bastián por impedir a relación.

Ao cabo, Cidre pregúntalle a Bastián por que non consente a voda coa filla.

“Tua nai, Cidre, tua nai sabe o motivo, e d’un pulo impropio da sua edade deixou soio no camiño ao mozo”.

A nai de Cidre acode a ver a Bastián. Non obstante, o vello négase a ceder: “É seu fillo, será seu igual”. Dona María retrúcalle entón que Cidre tamén é fillo dela.

“Qué non podes ceder, tí, que perdoache ao culpabre consentindo en deixalo fuxir, que non podes ceder, e coidas que sería xusto vingar no fillo unha falta que non cometeu?”

Convencido polas palabras de dona María, Bastián outorga o seu consentimento.


domingo, 21 de outubro de 2012

NO DESTERRO

No desterro / Cabanillas Enríquez, Ramón
30 de marzo de 1926
Biblioteca Lírica Lar
87 p ; 18 cm.

O libro de poemas No desterro, segunda edición da obra publicada por vez primeira o 10 de febreiro de 1913, saíu do prelo de Lar en marzo de 1926. Este volume de Ramón Cabanillas había facer o primeiro dos catro números editados na Biblioteca Lírica Lar.

Despois de emigrar a Cuba en 1910, Ramón Cabanillas publicou o seu primeiro libro de poemas na Habana na imprenta La Universal, propiedade de Avelino Pérez, natural de Vilagarcía e partidario de Acción Gallega como tamén Cabanillas. Esta primeira edición presenta algunhas diferenzas respecto do libro publicado en 1926 por Lar.

O título do libro fai referencia ao desterro voluntario de Cabanillas en Cuba por cuestións económicas, ao non querer someterse ás arbitrariedades caciquís para manter o seu posto de funcionario no concello de Cambados, personificadas polo marqués de Riestra.

A inspiración que motiva o libro revélase o día en que Cabanillas asiste en Vilagarcía a un mítin de Acción Gallega onde coincide por vez primeira con Basilio Álvarez en 1912. Un ano máis tarde o poeta participa activamente na recepción do líder dos agraristas na Habana, quen había prologar a primeira edición do libro, onde designa a Cabanillas sucesor de Curros Enríquez. Inmediatamente, Cabanillas abraza os postulados do movemento agrarista, antecedente da ideoloxía nacionalista.

No desterro foi impreso pola Imprenta Universal ao mesmo tempo que o libro de propaganda política Abriendo el surco, escolma dalgúns dos discursos de Basilio Álvarez.

Tanto este primeiro libro de Cabanillas, como o segundo (Vento mareiro, 1915), tamén publicado na Habana, revelan o compromiso do autor co agrarismo seguindo a liña marcada por Curros, poeta combativo na defensa da sociedade civil e a denuncia anticaciquil.

A maioría dos versos incluídos no libro foron publicados antes na Habana na revista Suevia, mentres que os máis combativos foron escritos expresamente para esta edición.

Sinopse da obra

A obra comeza cunha serie de poemas intimistas e saudosos, onde o poeta canta os primeiros sentimentos da infancia e a mocidade.

Quero rubir ôs penedos,
canta que te cantarás,
cand-o sol morno da tarde
doura os verdores do val,
e baixar, ô vir a noite,
camiño do meu fogar,
cando tocan a oracións
melancónicas campás…

Contra o final deste feixe de poemas, aparecen as primeiras composicións de denuncia recollidas no libro.

        Crego que che queira mal,
        alcalde no teu outeiro,
        escribano no portal
        e lume pol-o palleiro…
        salvarás si Dios che val.

O segundo feixe de poemas aparece agrupado baixo o título “Madrí”. Se os poemas anteriores teñen un recendo rural e neles florece a descrición paisaxística, os novos poemas reflicten a vertixe da metrópole, dotados dun ritmo narrativo máis acelerado.

        A xente vai e ven, rúas e rúas,
        co-a presa silenzosa da formiga
        que busca atrás e adiante
        e non dá co-a vereda coñecida.

Abandonado en Madrid, Cabanillas unicamente conta coa protección do deputado Leonardo Rodríguez e, na distancia, do seu amigo Enrique Peinador, logo de deixalo da man os supostos amigos que prometeran procurarlle traballo.
A crítica vólvese agora máis aceda, atinxindo boa parte das composicións deste segundo monllo de poemas.

        Morréu un home de eses
        con mais abós que días ten o ano.
        - Media provincia en terras
        e en diñeiro outro tanto,
        cruz de Carlos III,
        cadeira no Senado.
        escudo no «landeaux», e «hotel» na rúa
        de Goya ou de Serrano –

Cabanillas manifesta a incomprensión que producen nel as preocupacións da Corte, desde a perspectiva dun estranxeiro en Madrid.

Honor. Africa. Patria.
Loita. Trunfo. Diñeiro.
¡O Honor! ¡A Patria! (A sangre xenerosa
da mocedade, a regos)

Tamén entre os poemas hai lugar para a saudade producida polo afastamento da terra.

¡Ou pinos do Retiro
meus irmáns no desterro!

O terceiro grupo de poemas está precedido do título Apuntes. Os poemas herdan a estética modernista e, no meu xuízo, son os máis acertados de todo o libro.

Gaivotas brancas, como vellas tolas,
arredor da pulida regateira
que escabecha sardiña na ribeira
vóan do sol âs últimas raiolas.

Os últimos poemas agrúpanse baixo o título O cravo no corazón. Son composicións románticas que cantan o amor, a perda, o paso do tempo, a saudade; e mesmo hai un pequeno espazo para o humor.

Xa o sabes. ¡Crava o puñal!
sin ter compasión de min,
pero non-o enterres moito
porque te podes ferir!

Deseguida reproduzo un dos poemas incluído entre os Apuntes, onde Cabanillas rememora os primeiros tempos de farra cos amigos de Cambados.

NA TABERNA

Os mozos mariñeiros da fiada
lémbranse rindo alleos ao coidado:
cheira a aceite e pemento requeimados
rustido de xurés en caldeirada.
Conta o patrón n-un corro a trebonada
do ano setenta, - hestoria de afogados; -
e empuxándose, inando, entran mollados
os homes d-unha «lancha de enviada»
Pasa de man en man a xerra roiba
de alvariño, e namentras cai a choiva
e o vento fai tembrar a casa enteira,
detrás do mostrador crarexa o ceo
nas trenzas d-ouro, no mirar sereo,
na surrisa de luz da taberneira.

 

sábado, 13 de outubro de 2012

O KALIVERA 30 H.P.



O KALIVERA 30 H.P. / Magariños Negreira, Xulián
Febreiro de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 18. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
30 páx. ; 16 cm.

O Kalivera 30 H.P
, novela humorística escrita por Xulián Magariños Negreira, foi publicada co número dezaoito na colección de novela breve editada por Lar.

O achegamento de Magariños ao galeguismo prodúcese nos anos en que cursou dereito en Compostela, cando en compañía dalgúns mozos como Bouza Brey, Filgueira Valverde ou Lois Tobío, entre outros, inspirados polo vicerreitor da universidade, Armando Cotarelo, participa na fundación do Seminario de Estudos Galegos en outubro de 1923, integrándose na sección de Filoloxía.

Amais de colaborar con outros membros do Seminario na edición do Vocabulario popular Galego-Castelán (1928), Xulián Magariños escribiu adoito na prensa e deixou as novelas curtas: O Kalivera 30 H.P. e O filósofo de Tamarica, ambas as dúas publicadas por Lar en 1926 cos números dezaoito e vinte e sete na colección de novela breve.

O 9 de abril de 1926, pouco despois de ver publicada a primeira delas, Ánxel Casal escríbelle unha carta dándolle conta, entre outras, das seguintes novas:

        “Distinto irmán:

Adxuntolle a coleición de Lar que me pagou cando nos vimos en Santiago e que lle non remitin antes por falla dos primeiros números; tamen acompaño 5 números do “Kalivera” por si lle fan falta.

Para que procuren aumentar a lista de suscritores a NÓS e A NOSA TERRA remito relación dos actuales, según quedáramos con Filgueira, Pardo e os demais do Seminario. (…/…)

¡Non se esqueza de nos mandar outra novela!”

Como se pode comprobar nestas liñas, a ausencia de orixinais en galego que tiña provocado o cambio de periodicidade da revista, pasando de quincenal a mensual, segue a limitar a capacidade da editorial. Xa que logo, o devezo por esporear os autores na procura de novos textos para as diferentes publicacións editadas por Lar e, máis tarde, por Nós, será constante na correspondencia de Ánxel Casal.

A novela á que fai referencia a carta, O Kalivera 30 H.P., é unha sátira sobre o amor desmedido dun mozo polo automobilismo, e a paixón descontrolada que nel produce o engado da publicidade. O Kalivera, escrita en clave de humor, tamén aporta un aire renovado á colección Lar, a miúdo centrada nos folletíns insubstanciais de contido amoroso, prolongación da literatura popular contemporánea en lingua castelá.

Sinopse da obra

Logo de cismar durante algún tempo, Xulio decide mercar un automóbil cando le a publicidade sobre os Kalivera no xornal:

“«O que tendo alguns cartos non merca un Kalivera 30 H.P. non é persoa decente». Eu curéi decote moito do meu creto”.

Despois de relear co seu tío Bieito, un home adiñeirado, con mentalidade conservadora e manifesto odio polos enxeños mecánicos, Xulio consegue un adianto de seis mil pesetas a conta da facenda que lle deixaron os pais e que el administra. Ao día seguinte Xulio estrea o Kalivera.

“O kalivera voaba pol-as costas abaixo inda que en principiando á rubir finábaselle o azo e rematábaselle a ardencia. Parescía que ía da-las boqueadas”.

E no primeiro paseo ha envorcar nunha leira de millo deixándolle a Xulio un brazo mancado, que un menciñeiro houbo de compoñerlle de novo. Xa é noite cando o coche entra de novo na cidade cos faros escachados. A multa que debe aboar por circular sen luces será de cincuenta pesetas.

O mozo pasou dous meses co brazo enxesado. Logo de deixar unha chea de cartos no médico, de novo sae ao campo co Kalivera. Pero desta volta tampouco han saír ben as cousas, pois ao velo chegar un home bótase ao chan afirmando que o tiña atropelado e, para evitar un escándalo, Xulio ten que indemnizalo con vinte pesos.

O contacto co Kalivera fai mudar aos poucos o carácter do mozo: “eu non era o de antes; Aquil rapás calado e obedente, aquil mozo traballador e ordeado, suxeto de cote aos consellos do meu tío Bieito, non era o de agora derrochón, foupeiro e nugallán”.

Xulio deixa de acudir ao traballo na ferraxería e a súa noiva decide abandonalo porque agora dedica todo o tempo ao Kalivera.

Ao cabo e despois de padecer outras aventuras grotescas, Xulio sofre un novo accidente. Dous días máis tarde acorda cheo de mazaduras na casa do tío. Do coche, no que gastara máis en composturas do que pagou por el, non quedan máis que algúns ferros retortos:

“Hai que vendelo por ferro vello. Ninguén o quer mercar d’outro xeito”.

Aquel mesmo día o xornal publica a carta que Xulio asinou por indicación do comercial dos Kalivera no momento da compra:

“Ao representante do automóvil Kalivera.

Meu apreciado amigo: Quero facer púbrica a miña satisfaición polo adequerimento do seu automóvil. Dendes que o merquei non tivo o mais pequeno tropezo. Cada día háchome mais satisfeito de empregar os cartos n-il.

E alí a miña firma dando fe de tamaña mentira”.

Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Xosé Mª Dobarro Paz / Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro 2003. pp. 185-186.


quarta-feira, 10 de outubro de 2012

MANECHO O DA RÚA


MANECHO O DA RÚA / Lesta Meis, Xosé
Xaneiro de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 17. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
39 páx. ; 16 cm.

A novela realista
Manecho o da rúa, obra de Xosé Lesta Meis, narra as vivencias do autor desde os primeiros traballos na aldea de Eirís, preto da Coruña, ata chegar ás plantacións de azucre en Cuba.

O relato, sen chegar a ser autobiográfico, transmite os feitos de primeira man, falando con autenticidade sobre a pobreza que empurra os galegos cara a emigración e o duro traballo dos expatriados.

Lesta Meis, un dos mellores narradores xurdidos no núcleo das Irmandades da Fala, colaborou con diferentes xornais cubanos e galegos durante a segunda metade dos anos vinte e tamén publicou tres novelas, todas elas editadas por Ánxel Casal. As dúas primeiras: Manecho o da Rúa (1926) e Estebo (1927), na imprenta Lar; e a colección de contos: Abellas de ouro (1930), saída do prelo pouco antes de el morrer prematuramente, editada por Nós.

As novelas foxen da ficción considerada como un simple divertimento, para se converter en instrumento de denuncia da inxustiza provocada pola pobreza e a desigualdade. Non obstante, Lesta Meis non toma unha actitude redentora, senón que o seu traballo consiste en manifestar as consecuencias devastadoras que a falta de xustiza produce nos máis débiles; e particularmente nas mulleres, como sucede nas Abellas de ouro, relegadas por outros narradores contemporáneos ao papel de protagonistas pasivas dos lances amorosos.

Manecho o da rúa comeza coa xustificación do autor por tratarse da súa primeira novela: “Non tendo eu firma literaria como non teño, non se me podía pedil-a novela como axuda á Empresa. Mais que d’axuda podía servirlle de perxuicio. E a min de motivo para que me deran unha falerpa pol-o atrevimento”. Con todo, non pide a misericordia dos lectores: “Zoupe en min canto queira o que crea que o merezo. Si é amigo non perde a miña amistade. E si non é amigo ten o meu respeto”.

Sinopse da obra

“Nunha pequena aldea que hai cerca da Cruña vivía unha familia que lle chamaban «a da rúa»”.

Xaquín e Xoana viven na aldea de Eirís cos seus catro fillos; o terceiro deles é Manoel, un mozo de dezasete anos con sona de palanquín, coñecido por Manecho o da rúa.

“un día foi â Cruña, enterouse como había que facer para meterse de polisón n-un barco e desapareceu”.

Xa en Cuba, as autoridades envíano xunto con outros emigrantes pobres ao enxeño Feliz, un lugar esbandallado onde pretos e galegos traballan como escravos.

“Como se acomoda un a todo cando lle non queda remedio, Manecho foise afacendo tamén. Os primeiros días pensou traballar moito e aforrar canto mais poidera para volver para a sua aldea e vivir sempre á pé dos seus pais. Pero como o xornal era pequeño íbaselle en comer, e vestir, e pagal-a lavandeira. Foise resinando. Un pouco hoxe outro pouco mañán acabou por coformarse con aquela vida”.


Manecho é un rapaz observador: “A primeira cousa que notou foi que os galegos alí eran moi mal mirados pol-o descoidados que viven no vestir e na limpeza… A Manecho dáballe lástima porque sabía que o tiñan que facer así si querían mandar unhas pobres pesetas as suas casas para que comeran pan os fillos e pagal-as débedas”. El, en cambio, decide comportarse como un cubano: “daba a roupa a lavar sempre, andaba limpo, comía na fonda e iba ao barbeiro unha vez todal-as semanas”. Este comportamento favorece que os cubanos acepten o mozo como un máis do fato. Non obstante, algúns problemas nos que se ve envolto obrígano a cambiar o enxeño pola Habana.

Alí acólleno dous vellos toneleiros coa encarga de facer tapóns de madeira para as pipas. Ao carón do obradoiro tamén viven Xosé e Gorecho, dous burgueses cultos que infunden en Manecho o amor polos libros:

“Gustáballes Manecho porque era da mesma corda; faltáballe cultura, pero tiña grandes sentimentos e moitos deseos de saber; era franco, leal, xeneroso e humilde”.

Manecho le todo canto lle cae nas mans, e mesmo chega a publicar algún conto escrito por el. Pero aquela teima literaria habíalle dar sona de home fantasioso, impedíndolle atopar un traballo digno. A falta de cartos, xunto coa enfermidade que mirra o seu corpo, obrígano a volver a Galiza, onde tampouco é quen de afacerse.

“¿Qué iba facer? Ir outra vez ao monte? Traballar co gadaño ou ca aixada? Non podía facer nada desto. Nin valía xa pra elo nin lle gustaba. Ademais sentíase estrano alí. Estrano no seu pobo e entre os seus, que lle querían de verdá.”

Os veciños da aldea trátano agora con distancia: “mirábano como a un americano e coidábanse obrigados a falarlle en castelán, cando él sempre se adiantaba a falarlles en galego”.

Cando Manecho estaba en Cuba botaba en falta a súa terra, e agora que está en Galiza non deixa de pensar no Caribe. O mozo esmorece aos poucos, ao tempo que avanza a enfermidade e ao cabo perde toda esperanza.

“Tembrando de emoción, e como quen bota a man á unha cousa deseando mais que nada toda a vida, pillou do peto un canuto de cristal, e sacou unhas boliñas de morfina. Púxoas na man. Xa de pé botou a vista pol-o ceo e todo por alí arredor. Despois, cheo d’un íntimo e inespricabre pracer tragounas c’un pouco de auga do regacho.

E alí quedou”.

sexta-feira, 5 de outubro de 2012

COUSAS


COUSAS / Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
23 de xaneiro de 1926
Editorial e imprenta Lar, A Cruña
45 páx. ; 23 cm.
 

Os relatos reunidos baixo o título Cousas constitúen o recurso utilizado por Daniel Rodríguez Castelao, artista gráfico aplicado á narración, para reflexionar sobre algúns conceptos esenciais mediante a descrición de pequenos sucesos.

A maioría dos textos recollidos nos dous volumes de Cousas; o primeiro publicado en Lar en 1926 e o segundo na editorial Nós en 1929, apareceron antes en diferentes xornais e revistas acompañados dos debuxos creados para a ocasión. Os libros escolman os traballos, dotados dunha certa unidade formal e de concepto.

En conxunto, Cousas representa a crónica dos desfavorecidos retratada por un debuxante: non se trata de propoñer solucións senón de evidenciar as eivas sen adoptar actitudes moralizantes. A misión de Castelao consiste en denunciar a inxustiza e remover a conciencia dos lectores. Eles son os que deben tirar as súas propias conclusións e actuar.

Podes ampliar esta breve información sobre o libro consultando o excelente texto recollido na Galipedia:


Alén da calidade desta obra singular na historia da literatura galega, cómpre destacar que o libro saído do prelo o vinte e tres de xaneiro de 1925, había facer o número vinte dos publicados por Lar, superando o catálogo da editorial Céltiga; experiencia editorial parella pero de menor duración, fundada pola Irmandade da Fala de Ferrol en 1922.

A Editorial e Imprenta Lar materializa a arela dos vellos galeguistas das Irmandades da Fala, expresada por Antón Vilar Ponte en 1921 no prólogo da novela de López Abente: O diputado por Veiramar.

“Si a nosa terra desexa que xurda unha cultura propia, ten que termar de espallala e afincala, enraigándoa fortemente, e percisa entón d’unha boa Casa Editora, estabrecida con arregro a todol-os adiantos das de maior releve na Hespaña…

Unha das cousas mais patrióticas que se pode facer na nosa Terra, é ista a d’axudar á imprantación da gran Casa Editorial.”

Quen sabe se animados por estas palabras e outras semellantes, Leandro Carré e Ánxel Casal decidiron dar corpo ao degaro de Vilar Ponte tres anos máis tarde, converténdose nos editores que precisaba a emerxente literatura galega.

Sinopse da obra

A marquesiña: o relato trata a pobreza como un estigma transmitido de pais a fillos e denuncia o trato cruel da sociedade cos desfavorecidos.

A aldea esquecida: expresa a saudade polo pasado que non chegamos a vivir, ao tempo que fala da culpa colectiva de toda unha comunidade.

Os cruceiros: descubre a particular sensibilidade dos artistas da pedra.

O rifante: o personaxe deste conto caracterízase polo exceso de fachenda e o sentido da honra, único patrimonio da súa familia.

A procesión: presenta a relixión como fonte de consolo nos adultos e un territorio misterioso e aterrador para os nenos.

A ponte vella: o relato debulla a saudade deixada polos amores de xuventude.

Martiño: trata da crueldade pura que aniña nos nenos e nos espíritos simples.

Un casamento: fálanos do medo ao descoñecido.

A dona encantada: conto de medo que pescuda nos arrepíos producidos pola imaxinación.

Novela: os emigrantes fracasados son un tema recorrente na obra de Castelao.

O alquilador: tratamento agarimoso das habilidades enxeñadas polos pobres para sobrevivir.

Na vellez: é o relato tenro do amor dunha parella que durou tanto como as súas vidas e a incomprensión groseira do resto do mundo.

A siña Sinforosa: este relato fálanos dos que morreron sen deixar memoria do seu paso.

O profundador: Castelao presenta aquí un home que vive ensumido, incapaz de chegar a ningures por si mesmo e pechado ao mundo exterior.

A tola do monte: a traxedia descoñecida, agochada atrás da tolemia dunha moza.

O aparello dos apóstolos: o relato enxalza a actitude das persoas que avellentan con dignidade.

O ichaviño: narra con acerto o desarraigo dos emigrantes; estraños no país onde viven e tamén no lugar onde naceron.

Os nenos: Castelao suxire a fenda que afasta as xeracións, cando os novos deixan de seguir as tradicións por acomodarse á modernidade.