quarta-feira, 31 de outubro de 2012

O ANARQUISTA



O ANARQUISTA / Pita Romero, Leandro
20 de Nadal de 1924
Lar, revista quincenal. Ano 1; número 2. Imprenta Moret, Marina 28 – A Cruña
34 páx. ; 15 cm.

O Anarquista, única novela do escritor e político Leandro Pita Romero, publicouse co número dous na colección de novela breve Lar, en decembro de 1924.

Os cinco primeiros números da colección, entre os que está O Anarquista, saíron das prensas de Moret porque Lar non dispuña aínda de imprenta propia. Non obstante, a administración da editorial xa figuraba no domicilio de Ánxel Casal, na rúa Real 36, 1º. (1)

As cromolitografías utilizadas nas portadas desta época presentan cores esluídas en comparación coas impresas posteriormente pola editorial Lar.

Leandro Pita, avogado, xornalista e membro da Irmandade da Fala da Coruña, formou parte da Federación Republicana Galega liderada por Casares Quiroga, coa que obtivo a súa acta de deputado en 1931. Nunha segunda xeira, en 1933, formou parte do goberno de dereita de Lerroux, actuando como ministro de Estado e posteriormente como embaixador diante do Vaticano.

Con todo, a primeira militancia política de Leandro Pita adscríbese no Partido Agrario Republicano, e será esta ideoloxía agrarista e anticaciquil a que impregnará a súa novela.

O Anarquista é unha novela costumista, que afonda con acerto no perfil psicolóxico individual e colectivo dos personaxes; dunha banda o cacique, continuador dos vellos señoríos fidalgos, agora substituídos pola burguesía comercial e a elite política; da outra o labrego acomodado, aspirante a deixar o agro e incorporarse ao progreso representado polos novos negocios.

Arredor destes dous actores, a comunidade aldeá constitúe un ente pasivo e submiso, incapaz de arrepoñerse diante da inxustiza; parapetado nunha sorte de escepticismo ontolóxico, herdanza dun tempo en que non había máis vontade que a do señor feudal.

Sinopse da obra

En Santo Xián de Lanzós todos os veciños, a excepción do crego, teñen alcume: “O nome de pila díctao o azar. O alcume díctao a persoalidade do que o leva. É o seu verdadeiro nome”.

Mariano de Vilar, labrego acomodado e pai de Marica a “Anarquista”, relea coa súa muller Marica Antona sobre a necesidade de afastar a filla do campo e darlle estudos. Claro que a muller non está de acordo:

“¿Quérela facer unha señorita? Ti estás en ti Mariano? Non tolées”.

Non obstante, a oposición de Marica Antona ha durar pouco. Cando a nai morre, Marica deixa a terra para acudir á escola. “a úneca faena que facía era a de ter conta do gando nos pastos, que era a labor dos nenos e dos vellos”.

Co tempo, Marica puxo unha escola na casa onde atendía os nenos da contorna.

Vendo cumprido o devezo, Mariano, xa vello, decide vender as terras e abrir unha tenda coa intención de deixarlle á filla un negocio próspero. Un establecemento onde os veciños atopasen todo o necesario.

“Dende a vela de sebo hastra a lata de pimentos, pasando pol-o novelo de lâ ou de bramante e o cuaderno de escribir, todas as necesidades humans de San Xian de Lanzós tiñan na casa de Mariano a sua oportuna panacea”.

Claro que no pobo xa había outra tenda propiedade de Andrés, un home de carácter raposeiro que tamén exercía como pedáneo e carrexador de votos para deputados e concelleiros.

El foi quen informou a Mariano que debía pechar a tenda por carecer de licenza de apertura “por uns días, hastra que veña o permiso, non sabes?”.

Pero o tempo pasaba e os papeis non se daban amañado, así que Mariano decidiu abrir a tenda polo día da feira. Decontado, Andrés notificoulle “unha multa que non podía pagar pol-o bárbara, pol-o inxusta, pol-o crudel”.

Valéndose dos seus contactos políticos, Andrés decretou o peche definitivo da tenda e da escola rexentada por Marica, propoñéndolle a Mariano a compra da mercadoría a prezo de saldo. E diante da inxustiza, o pobo enteiro calou, amedrentado polo pedáneo, agás Mariano, quen decidiu revolverse contra aquela fada e tomar a xustiza pola man.

“Unha bomba! D’esas de Barcelona. Púxoa o señor Mariano. Está ahí, sen conocimento… Houberon de morrer todos”.

Pero os único dano causado foi a rotura dalgúns vidros e a morte dun porco como consecuencia da impresión que lle causou o estouro. “Aquelo era a caricatura d’un atentado, unha bomba en ridículo. Toda esa sorte tiña o enemigo. Toda esa impotencia tiña o vello ofendido”.

Convulso diante do xuíz, Mariano morre de súpeto. E o pobo, afeito á inxustiza, acepta resignado a morte do veciño.

“¡Que mundo este! – dixo unha veciña – Quen lle diría a un veciño honrado que había de romatar d’anarquista”.

Ao cabo, o alcume sería o único que había herdar Marica do pai.

“En San Xián de Lanzós, ao enterramortos que ten sesenta anos, chámanlle “Xaniño”, ao tendeiro cacique, “D. Andrés”, e a Marica a “Anarquista”.

E á esto que regula a vida dos homes na sociedade, chámanlle xusticia.”


(1)  Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Xosé Mª Dobarro Paz / Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro 2003. p. 48.


Sem comentários:

Enviar um comentário