sábado, 13 de outubro de 2012

O KALIVERA 30 H.P.



O KALIVERA 30 H.P. / Magariños Negreira, Xulián
Febreiro de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 18. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
30 páx. ; 16 cm.

O Kalivera 30 H.P
, novela humorística escrita por Xulián Magariños Negreira, foi publicada co número dezaoito na colección de novela breve editada por Lar.

O achegamento de Magariños ao galeguismo prodúcese nos anos en que cursou dereito en Compostela, cando en compañía dalgúns mozos como Bouza Brey, Filgueira Valverde ou Lois Tobío, entre outros, inspirados polo vicerreitor da universidade, Armando Cotarelo, participa na fundación do Seminario de Estudos Galegos en outubro de 1923, integrándose na sección de Filoloxía.

Amais de colaborar con outros membros do Seminario na edición do Vocabulario popular Galego-Castelán (1928), Xulián Magariños escribiu adoito na prensa e deixou as novelas curtas: O Kalivera 30 H.P. e O filósofo de Tamarica, ambas as dúas publicadas por Lar en 1926 cos números dezaoito e vinte e sete na colección de novela breve.

O 9 de abril de 1926, pouco despois de ver publicada a primeira delas, Ánxel Casal escríbelle unha carta dándolle conta, entre outras, das seguintes novas:

        “Distinto irmán:

Adxuntolle a coleición de Lar que me pagou cando nos vimos en Santiago e que lle non remitin antes por falla dos primeiros números; tamen acompaño 5 números do “Kalivera” por si lle fan falta.

Para que procuren aumentar a lista de suscritores a NÓS e A NOSA TERRA remito relación dos actuales, según quedáramos con Filgueira, Pardo e os demais do Seminario. (…/…)

¡Non se esqueza de nos mandar outra novela!”

Como se pode comprobar nestas liñas, a ausencia de orixinais en galego que tiña provocado o cambio de periodicidade da revista, pasando de quincenal a mensual, segue a limitar a capacidade da editorial. Xa que logo, o devezo por esporear os autores na procura de novos textos para as diferentes publicacións editadas por Lar e, máis tarde, por Nós, será constante na correspondencia de Ánxel Casal.

A novela á que fai referencia a carta, O Kalivera 30 H.P., é unha sátira sobre o amor desmedido dun mozo polo automobilismo, e a paixón descontrolada que nel produce o engado da publicidade. O Kalivera, escrita en clave de humor, tamén aporta un aire renovado á colección Lar, a miúdo centrada nos folletíns insubstanciais de contido amoroso, prolongación da literatura popular contemporánea en lingua castelá.

Sinopse da obra

Logo de cismar durante algún tempo, Xulio decide mercar un automóbil cando le a publicidade sobre os Kalivera no xornal:

“«O que tendo alguns cartos non merca un Kalivera 30 H.P. non é persoa decente». Eu curéi decote moito do meu creto”.

Despois de relear co seu tío Bieito, un home adiñeirado, con mentalidade conservadora e manifesto odio polos enxeños mecánicos, Xulio consegue un adianto de seis mil pesetas a conta da facenda que lle deixaron os pais e que el administra. Ao día seguinte Xulio estrea o Kalivera.

“O kalivera voaba pol-as costas abaixo inda que en principiando á rubir finábaselle o azo e rematábaselle a ardencia. Parescía que ía da-las boqueadas”.

E no primeiro paseo ha envorcar nunha leira de millo deixándolle a Xulio un brazo mancado, que un menciñeiro houbo de compoñerlle de novo. Xa é noite cando o coche entra de novo na cidade cos faros escachados. A multa que debe aboar por circular sen luces será de cincuenta pesetas.

O mozo pasou dous meses co brazo enxesado. Logo de deixar unha chea de cartos no médico, de novo sae ao campo co Kalivera. Pero desta volta tampouco han saír ben as cousas, pois ao velo chegar un home bótase ao chan afirmando que o tiña atropelado e, para evitar un escándalo, Xulio ten que indemnizalo con vinte pesos.

O contacto co Kalivera fai mudar aos poucos o carácter do mozo: “eu non era o de antes; Aquil rapás calado e obedente, aquil mozo traballador e ordeado, suxeto de cote aos consellos do meu tío Bieito, non era o de agora derrochón, foupeiro e nugallán”.

Xulio deixa de acudir ao traballo na ferraxería e a súa noiva decide abandonalo porque agora dedica todo o tempo ao Kalivera.

Ao cabo e despois de padecer outras aventuras grotescas, Xulio sofre un novo accidente. Dous días máis tarde acorda cheo de mazaduras na casa do tío. Do coche, no que gastara máis en composturas do que pagou por el, non quedan máis que algúns ferros retortos:

“Hai que vendelo por ferro vello. Ninguén o quer mercar d’outro xeito”.

Aquel mesmo día o xornal publica a carta que Xulio asinou por indicación do comercial dos Kalivera no momento da compra:

“Ao representante do automóvil Kalivera.

Meu apreciado amigo: Quero facer púbrica a miña satisfaición polo adequerimento do seu automóvil. Dendes que o merquei non tivo o mais pequeno tropezo. Cada día háchome mais satisfeito de empregar os cartos n-il.

E alí a miña firma dando fe de tamaña mentira”.

Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Xosé Mª Dobarro Paz / Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro 2003. pp. 185-186.


Sem comentários:

Enviar um comentário