domingo, 21 de outubro de 2012

NO DESTERRO

No desterro / Cabanillas Enríquez, Ramón
30 de marzo de 1926
Biblioteca Lírica Lar
87 p ; 18 cm.

O libro de poemas No desterro, segunda edición da obra publicada por vez primeira o 10 de febreiro de 1913, saíu do prelo de Lar en marzo de 1926. Este volume de Ramón Cabanillas había facer o primeiro dos catro números editados na Biblioteca Lírica Lar.

Despois de emigrar a Cuba en 1910, Ramón Cabanillas publicou o seu primeiro libro de poemas na Habana na imprenta La Universal, propiedade de Avelino Pérez, natural de Vilagarcía e partidario de Acción Gallega como tamén Cabanillas. Esta primeira edición presenta algunhas diferenzas respecto do libro publicado en 1926 por Lar.

O título do libro fai referencia ao desterro voluntario de Cabanillas en Cuba por cuestións económicas, ao non querer someterse ás arbitrariedades caciquís para manter o seu posto de funcionario no concello de Cambados, personificadas polo marqués de Riestra.

A inspiración que motiva o libro revélase o día en que Cabanillas asiste en Vilagarcía a un mítin de Acción Gallega onde coincide por vez primeira con Basilio Álvarez en 1912. Un ano máis tarde o poeta participa activamente na recepción do líder dos agraristas na Habana, quen había prologar a primeira edición do libro, onde designa a Cabanillas sucesor de Curros Enríquez. Inmediatamente, Cabanillas abraza os postulados do movemento agrarista, antecedente da ideoloxía nacionalista.

No desterro foi impreso pola Imprenta Universal ao mesmo tempo que o libro de propaganda política Abriendo el surco, escolma dalgúns dos discursos de Basilio Álvarez.

Tanto este primeiro libro de Cabanillas, como o segundo (Vento mareiro, 1915), tamén publicado na Habana, revelan o compromiso do autor co agrarismo seguindo a liña marcada por Curros, poeta combativo na defensa da sociedade civil e a denuncia anticaciquil.

A maioría dos versos incluídos no libro foron publicados antes na Habana na revista Suevia, mentres que os máis combativos foron escritos expresamente para esta edición.

Sinopse da obra

A obra comeza cunha serie de poemas intimistas e saudosos, onde o poeta canta os primeiros sentimentos da infancia e a mocidade.

Quero rubir ôs penedos,
canta que te cantarás,
cand-o sol morno da tarde
doura os verdores do val,
e baixar, ô vir a noite,
camiño do meu fogar,
cando tocan a oracións
melancónicas campás…

Contra o final deste feixe de poemas, aparecen as primeiras composicións de denuncia recollidas no libro.

        Crego que che queira mal,
        alcalde no teu outeiro,
        escribano no portal
        e lume pol-o palleiro…
        salvarás si Dios che val.

O segundo feixe de poemas aparece agrupado baixo o título “Madrí”. Se os poemas anteriores teñen un recendo rural e neles florece a descrición paisaxística, os novos poemas reflicten a vertixe da metrópole, dotados dun ritmo narrativo máis acelerado.

        A xente vai e ven, rúas e rúas,
        co-a presa silenzosa da formiga
        que busca atrás e adiante
        e non dá co-a vereda coñecida.

Abandonado en Madrid, Cabanillas unicamente conta coa protección do deputado Leonardo Rodríguez e, na distancia, do seu amigo Enrique Peinador, logo de deixalo da man os supostos amigos que prometeran procurarlle traballo.
A crítica vólvese agora máis aceda, atinxindo boa parte das composicións deste segundo monllo de poemas.

        Morréu un home de eses
        con mais abós que días ten o ano.
        - Media provincia en terras
        e en diñeiro outro tanto,
        cruz de Carlos III,
        cadeira no Senado.
        escudo no «landeaux», e «hotel» na rúa
        de Goya ou de Serrano –

Cabanillas manifesta a incomprensión que producen nel as preocupacións da Corte, desde a perspectiva dun estranxeiro en Madrid.

Honor. Africa. Patria.
Loita. Trunfo. Diñeiro.
¡O Honor! ¡A Patria! (A sangre xenerosa
da mocedade, a regos)

Tamén entre os poemas hai lugar para a saudade producida polo afastamento da terra.

¡Ou pinos do Retiro
meus irmáns no desterro!

O terceiro grupo de poemas está precedido do título Apuntes. Os poemas herdan a estética modernista e, no meu xuízo, son os máis acertados de todo o libro.

Gaivotas brancas, como vellas tolas,
arredor da pulida regateira
que escabecha sardiña na ribeira
vóan do sol âs últimas raiolas.

Os últimos poemas agrúpanse baixo o título O cravo no corazón. Son composicións románticas que cantan o amor, a perda, o paso do tempo, a saudade; e mesmo hai un pequeno espazo para o humor.

Xa o sabes. ¡Crava o puñal!
sin ter compasión de min,
pero non-o enterres moito
porque te podes ferir!

Deseguida reproduzo un dos poemas incluído entre os Apuntes, onde Cabanillas rememora os primeiros tempos de farra cos amigos de Cambados.

NA TABERNA

Os mozos mariñeiros da fiada
lémbranse rindo alleos ao coidado:
cheira a aceite e pemento requeimados
rustido de xurés en caldeirada.
Conta o patrón n-un corro a trebonada
do ano setenta, - hestoria de afogados; -
e empuxándose, inando, entran mollados
os homes d-unha «lancha de enviada»
Pasa de man en man a xerra roiba
de alvariño, e namentras cai a choiva
e o vento fai tembrar a casa enteira,
detrás do mostrador crarexa o ceo
nas trenzas d-ouro, no mirar sereo,
na surrisa de luz da taberneira.

 

Sem comentários:

Enviar um comentário