quinta-feira, 16 de março de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 6

Despois da sentida carta enviada por Ramón Cabanillas a Enrique Peinador  o 16 de agosto dándolle conta da decepción logo de non obter o traballo que lle tiñan reservado en Madrid, o poeta agradece os azos transmitidos por Peinador.

Tanto Peinador como Cabanillas escriben Linés o segundo apelido no canto de Lines, como adoito se transcribe.

Madrí, o 24.08.1.921

Sr. D. Enrique Peinador Linés.

Fíxome moito ben a tua carta: pechóume a ferida e dóume a tranquilidade interior de ter feito o que debía faguer. ¡Dios cho pague! Cando se ten o corazón sán, sofrir un pouco ê bo: xa estóu como si nunca os vira: non borréi a conta porque lembrarme tamén ê bo, mais boteille unha raia por riba e de través.

¡Qué mais eu quixera que cair nesa o 27! Mais, non: non sairéi de Madrí sin deixar arranxado o dos meus libros. Teño conquerido a Pueyo e pubricaréi “Vento mareiro”, “Luar”, “O Mariscal” e, n-un libriño de horas, con dibuxos de Antonio Palacios, “O cabaleiro do Sant Grial”. ¡Quen sabe si inda mais! Anque as veces parezo entangarañado, espílome axiña. O que che prego con toda a alma ê que te lembres de falarlle de mín a Leonardo: ten corazón e sinte as nosas cousas e sei que si pode – debe de estar moi ben con Cambó. – faraio por riba de todo. Eu non lle esquirbín agora porque coido que axiña tornará.

Cebreiro mandóume uns poucos dibuxos, moi do meu gusto, que xa están en mas de Amat, o fotograbador que traballa para “Mondariz”: levóume alí e recomendóume con todo cariño o voso Marcial.

Do teu ofrecimento económico nada che digo: non atoparía verbas para agradecercho, porque endexamais soupen darlle xeito de espresión ôs sentimentos que me enchen a un tempo a cabeza e o corazón. Si chega o caso ¿a que porta chamaría eu que tivese a seguridade de ser mellor acollido?

Sabes que nadie te quere mais fonda e acesamente que teu irmán

R. Cabanillas

Aduana, 35, 2º.


No primeiro parágrafo, Cabanillas manifesta ter pasado folla logo da decepción por non poder optar ao traballo prometido e ser despachado con boas palabras polo deputado Luis Usera, como relata o poeta na carta anterior de 16 de agosto. Non obstante, esquecer no significa perdoar.

Non borréi a conta porque lembrarme tamén ê bo, mais boteille unha raia por riba e de través.

Peinador invita a Cabanillas a viaxar a Mondariz o día 27 de agosto, cando terá lugar a cerimonia de entrega dos premios do primeiro concurso sobre “Temas interesantes para Galicia”, instituído polo balneario, pero o poeta está en tratos co editor Juan Pueyo para imprimir varios libros. En parte por este motivo, e tamén por vergoña, como manifestou na carta anterior, non quere deixar Madrid. Facelo sería tanto como recoñecer o fracaso.

Dos libros que indica Cabanillas na carta, Pueyo unicamente editará a segunda edición de Vento Mareiro. De Luar non temos máis noticias que as referidas na correspondencia do poeta. O Mariscal, peza dramática escrita en colaboración con Antón Villar Ponte e con debuxos de Álvaro Cebreiro, foi publicada en agosto de 1926 pola editorial Lar. O cabaleiro do Santo Graal, aparecido por vez primeira en A Nosa Terra en agosto deste ano, foi editado como libro pola revista Alborada en maio de 1922, finalmente cun gravado de M. Méndez e non ilustrado polo arquitecto Antón Palacios.

Vento Mareiro (1921) - O Cabaleiro do Sant-Grial (1922) - O Mariscal (1926)

O poeta pide a Enrique Peinador que interceda por el diante do deputado besadista Leonardo Rodríguez, quen durante este mes de agosto está en Galiza e ten previsto visitar Mondariz, coa intención de pedirlle un traballo por encontrarse este en boa relación co tamén catalán Francesc Cambó, ministro de Facenda no goberno de Antonio Maura.

Os debuxos enviados por Cebreiro, agora en poder da imprenta, serviron para ilustrar as páxinas interiores da edición de Vento Mareiro.

Por último, Peinador ofrécese a axudalo enviándolle cartos. O empresario, admirador e amigo do poeta, actuou como protector durante anos editando varios dos seus libros e incorporándoo ao cadro de persoal do balneario á volta da aventura madrileña.

quarta-feira, 1 de março de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 5

O 19 de outubro de 1921, o pleno do concello de Mos reunido en sesión extraordinaria aceptou a renuncia de Ramón Cabanillas como secretario municipal.

As razóns deste acto que deixou ao poeta sen traballo e con seis fillos ao cargo, non están claras. O xornal vigués Galicia publicou unha nota en setembro de 1923 que pretende esclarecer os motivos:

Secretario rural, el autor “Da terra asoballada” dejó en libertad a los vecinos de Mos para que votasen a quien quisiesen y los árbitros conservadores y los mesnaderos del nuevo Torquemada vengaron su neutralidad, forzándolo, por excitación de su dignidad extrema, a presentar la dimisión. (1)

Non obstante, e a pesar destes probables problemas de conciencia ou presións directas, na carta dirixida en agosto de 1921 a Enrique Peinador, dous meses antes de facerse oficial a renuncia, o poeta dá conta da súa marcha a Madrid provisto dunha credencial que había permitirlle optar a un novo posto de traballo, animado, todo fai pensar, por unha decisión persoal.

Aquí comeza un novo desterro para Cabanillas que había durar case dous anos. Unha vez asentado en Madrid, envía esta primeira carta escrita no papel da compañía do tranvía de Mondariz a Vigo, propiedade de Enrique Peinador e que tamén tiña oficina na capital.

CONFIDENCIAL
TRANVÍA DE MONDARIZ A VIGO
Sr. D. Enrique Peinador Lines

Meu mais querido amigo:

Cubizoso de topar asento, en precuro do burato onde soñaba meterme, non quería porche esta primeira carta sin darche, ô mesmo tempo, a nova do meu destino, mais, correndo os días e cada un arríncame unha folla do arbre interior, anque o probe xa non era de follaxe moi espeso. Oxe, eiquí na vosa casa, enchéseme o corazón do teu recordo e non quero que voe un instante mais sin pórme a falar contigo.

Dende que cheguei púxenme â veira de Luis Usera, mais foi o caso que a credencial que me mandaran non sirvén: Luis díxome que non podía tomar posesión porque de eses destinos había, – eisí o vín no Decreto de creación – seis prazas para as que non se percisaba nin título nin condiciós fixas, e outras seis que somentes podían ser cubertas por Licenciados en Dereito; e que como as primeiras xa estaban esgotadas e nas derradeiras non tiña cabida, non se podía ir por esa vereda: con todo, rematóu co-estas verbas; “no se preocupe; eso corre de mi cuenta”. Días dempois, preguntóulle Wais, diante de min: “¿Y Cabanillas?” E él dixo: “Es cosa mía. Arreglaremos el asunto”. Wais díxome: “A éste no se le escapa nada. Puede V. estar tranquilo.” – Fai seis ou sete días tornéi a falar con Luís e no ir e vir da conversa saiéu de novo a seguridade do bo remate do meu deseio. – O feito ê que sairon do “Casino Orensano” como lle chamaba Antonio Casero o Ministerio da Gobernación – e estóu pior que o día que cheguéi. Eu non quero pensar que me deixen no medio da rúa: fáiseme forte o crer que sabendo que deixéi o de Mos ô amparo d-unha credencial que se me daba para porme en condiciós de outra cousa, teréi de voltar para a miña casa derrotado sin loita, despido e bulrado. Non abriréi a boca nin para ben nin para mal, – somentes ti saberás da miña ferida que nin ôs meus amostraréi, – nin siquera a eles lle deixaréi adiviñar a miña coita, mais, créme que na miña vida sufrín o que estóu sufrindo, porque ¡ti o verás! dentro de tres ou catro días sairán todos para a Terra e non me deixarán nin unha tarxeta de consolo. Que eu son pouca cousa, xa o sei; merecente d-eso, non.

Para o que non sei se teréi valor ê para tornar a Galicia: lería en todal-as caras e vería en todol-os ollos tales cousas que me non podería conter. Prégoche que a nadia fales do caso: podiera ser que esto non seian mais que cavilosidades miñas: de todas maneiras si non desafogase con alguén este meu dolor coido que morrería, e somentes a ti podía elexir como vítima porque soio ti me xuzgarás serea e cordialmente. Perdóame o laio, fillo da mais fonda das miñas amistades.

Do que non estou queixoso ê dos choyos dos libros: Pueyo pórtase moi ben conmigo e si tivera eiquí as portadas de Castelao e os dibuxos de Cebreiro xa tería escomenzado o emprentamento de “Vento Mareiro” e de “Luar”.

De Madrí soio che diréi que atopo moi axustado o dito de Benavente: “Cuando esté terminado tal vez sea habitable”. Toros, verbena de la Paloma, 40° a la sombra e os buracos da nova liña do “metro” e os perigosos atracos das mulleres do mundo.

Xa Ramón te diría que estiven co-él. ¿Cando faredes o do concurso? Antón Palacios estará ehí nos derradeiros días do mes. Supoño que terás ehí a Leonardo a quen non me foi facedeiro falar eiqui porque saiéu no outro día do meu arribo camiño de Sigrás.

          Sabes canto te quere e a devoción que che ten, teu mais firme irmán,

R Cabanillas
Madrid

16-8-21
A tua casa: Aduana, 35, 2º


Cabanillas revela no primeiro parágrafo que se encontra nas oficinas do tranvía de Mondariz. Resulta improbable que estea a referirse á casa de Avelina Linés, nai de Enrique Peinador, porque non alude á familia do empresario.

O poeta fala deseguida dos seus contactos con Luís Usera Bugallal (2), deputado en cortes polo distrito de Xinzo de Limia e xenro do conde de Bugallal, (3) membro dunha das familias que, apoiadas nos caciques locais, procuraron exercer en beneficio propio as súas influencias na capital.

Como desvela o poeta, Usera promete mediar para concederlle un dos traballos creados ad hoc para os protexidos dos políticos, sostén da súa forza electoral. A definición do Ministerio da Gobernación como un “Casino Ourensán” pon de manifesto a cadea de favores que está na cerna do caciquismo. (4)

Polas explicacións de Cabanillas, sabemos que cando deixa o concello de Mos faino porque conta desempeñar un novo traballo en Madrid deixéi o de Mos ô amparo d-unha credencial que se me daba para porme en condiciós de outra cousa – pero ao chegar á capital, o posto está ocupado e agora non se atreve a volver a Galiza coas mans baleiras, recoñecendo así o seu fracaso.

O poeta, desesperado, constata a indiferenza dos paisanos que en agosto deixan Madrid sen procurarlle sustento nin o traballo prometido. “Que eu son pouca cousa, xa o sei; merecente d-eso, non”, manifesta un amargado Cabanillas.

Unicamente é quen de baleirar o corazón co seu amigo Peinador. Nin sequera a familia debe saber a humillación pola que pasa.

Si non desafogase con alguén este meu dolor coido que morrería, e somentes a ti podía elexir como vítima porque soio ti me xuzgarás serea e cordialmente.

Por outra parte, Cabanillas mantén aínda unha boa relación co editor Pueyo e, desbotada a idea inicial de publicar a súa obra completa en seis volumes, mantén a intención de dar ao prelo a segunda edición de Vento Mareiro e outro libro titulado Luar, do cal sabemos pola correspondencia con Álvaro Cebreiro que había reunir algúns poemas publicados anteriormente, cousa habitual nas edicións de Cabanillas destes anos, pero que non chegou a editarse.

Con respecto á composición de Vento Mareiro e se ben Castelao era o debuxante habitual de Cabanillas, con motivo da fanada edición da súa obra completa o poeta encargoulle ao mozo Álvaro Cebreiro os debuxos que habían acompañar os novos libros. Estas pequenas viñetas ilustraron finalmente o interior do libro, mentres foi Castelao o encargado de deseñar a capa.

Ilustracións de Cebreiro para Vento Mareiro

Por último, Cabanillas informa a Peinador que non tivo ocasión de falar con Leonardo Rodríguez (5), deputado conservador por Chantada, próximo á ideoloxía das Irmandades da Fala e quen será no futuro un dos seus valedores na capital.

(1)   Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(2)   Luís Usera Bugallal. Deputado en cortes polo Partido Conservador entre 1921 e 1922. Tamén foi presidente do Real Madrid entre 1930 e 1935.
(3)   Gabino Bugallal Araujo. Deputado conservador e monárquico. Foi ministro en cinco ocasións e ocupou interinamente a Presidencia do Goberno logo da morte de Eduardo Dato.
(4)   En agosto de 1921 era Ministro de Gobernación Rafael Coello Oliván, sucesor do ponteareán Gabino Bugallal.
(5)   Leonardo Rodríguez Díaz. (Lleida, 1877 – 1932) Deputado por Lugo e Chantada entre 1915 e 1923. Político besadista, adscrito aos ideais políticos de Augusto González Besada. Porén a súa ideoloxía, mantivo certa proximidade cos políticos galeguistas debido á súa inclinación rexionalista.