xoves, 16 de marzo de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 6

Despois da sentida carta enviada por Ramón Cabanillas a Enrique Peinador  o 16 de agosto dándolle conta da decepción logo de non obter o traballo que lle tiñan reservado en Madrid, o poeta agradece os azos transmitidos por Peinador.

Tanto Peinador como Cabanillas escriben Linés o segundo apelido no canto de Lines, como adoito se transcribe.

Madrí, o 24.08.1.921

Sr. D. Enrique Peinador Linés.

Fíxome moito ben a tua carta: pechóume a ferida e dóume a tranquilidade interior de ter feito o que debía faguer. ¡Dios cho pague! Cando se ten o corazón sán, sofrir un pouco ê bo: xa estóu como si nunca os vira: non borréi a conta porque lembrarme tamén ê bo, mais boteille unha raia por riba e de través.

¡Qué mais eu quixera que cair nesa o 27! Mais, non: non sairéi de Madrí sin deixar arranxado o dos meus libros. Teño conquerido a Pueyo e pubricaréi “Vento mareiro”, “Luar”, “O Mariscal” e, n-un libriño de horas, con dibuxos de Antonio Palacios, “O cabaleiro do Sant Grial”. ¡Quen sabe si inda mais! Anque as veces parezo entangarañado, espílome axiña. O que che prego con toda a alma ê que te lembres de falarlle de mín a Leonardo: ten corazón e sinte as nosas cousas e sei que si pode – debe de estar moi ben con Cambó. – faraio por riba de todo. Eu non lle esquirbín agora porque coido que axiña tornará.

Cebreiro mandóume uns poucos dibuxos, moi do meu gusto, que xa están en mas de Amat, o fotograbador que traballa para “Mondariz”: levóume alí e recomendóume con todo cariño o voso Marcial.

Do teu ofrecimento económico nada che digo: non atoparía verbas para agradecercho, porque endexamais soupen darlle xeito de espresión ôs sentimentos que me enchen a un tempo a cabeza e o corazón. Si chega o caso ¿a que porta chamaría eu que tivese a seguridade de ser mellor acollido?

Sabes que nadie te quere mais fonda e acesamente que teu irmán

R. Cabanillas

Aduana, 35, 2º.


No primeiro parágrafo, Cabanillas manifesta ter pasado folla logo da decepción por non poder optar ao traballo prometido e ser despachado con boas palabras polo deputado Luis Usera, como relata o poeta na carta anterior de 16 de agosto. Non obstante, esquecer no significa perdoar.

Non borréi a conta porque lembrarme tamén ê bo, mais boteille unha raia por riba e de través.

Peinador invita a Cabanillas a viaxar a Mondariz o día 27 de agosto, cando terá lugar a cerimonia de entrega dos premios do primeiro concurso sobre “Temas interesantes para Galicia”, instituído polo balneario, pero o poeta está en tratos co editor Juan Pueyo para imprimir varios libros. En parte por este motivo, e tamén por vergoña, como manifestou na carta anterior, non quere deixar Madrid. Facelo sería tanto como recoñecer o fracaso.

Dos libros que indica Cabanillas na carta, Pueyo unicamente editará a segunda edición de Vento Mareiro. De Luar non temos máis noticias que as referidas na correspondencia do poeta. O Mariscal, peza dramática escrita en colaboración con Antón Villar Ponte e con debuxos de Álvaro Cebreiro, foi publicada en agosto de 1926 pola editorial Lar. O cabaleiro do Santo Graal, aparecido por vez primeira en A Nosa Terra en agosto deste ano, foi editado como libro pola revista Alborada en maio de 1922, finalmente cun gravado de M. Méndez e non ilustrado polo arquitecto Antón Palacios.

Vento Mareiro (1921) - O Cabaleiro do Sant-Grial (1922) - O Mariscal (1926)

O poeta pide a Enrique Peinador que interceda por el diante do deputado besadista Leonardo Rodríguez, quen durante este mes de agosto está en Galiza e ten previsto visitar Mondariz, coa intención de pedirlle un traballo por encontrarse este en boa relación co tamén catalán Francesc Cambó, ministro de Facenda no goberno de Antonio Maura.

Os debuxos enviados por Cebreiro, agora en poder da imprenta, serviron para ilustrar as páxinas interiores da edición de Vento Mareiro.

Por último, Peinador ofrécese a axudalo enviándolle cartos. O empresario, admirador e amigo do poeta, actuou como protector durante anos editando varios dos seus libros e incorporándoo ao cadro de persoal do balneario á volta da aventura madrileña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario