sábado, 1 de abril de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 7



Seis días despois de ter enviado a carta anterior, Cabanillas contacta de novo con Enrique Peinador para pedirlle que interceda no seu favor diante do deputado Leonardo Rodríguez.

TRANVÍA DE MONDARIZ A VIGO

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique:

Recibín os teus partes. O primeiro c-un pouco de retraso, mais, de todas maneiras, coido que Leonardo non chegóu a vir porque no “Faro” e na “Zarpa” lin que andaba por Cuntis e que cairá por Mondariz. Non sei si, ô fin, chegarías a velo: fose o que fose, cando lle esquirbas non deixes de falarlle de mín, porque eu sei que te escoita.
O derradeiro parte enchéume de ledicia supondo que a festa estaría boa: o soio feito de sere premiados Pena Novo e Sobrino ê xa un trunfo outísimo porque ¡hai que ver a xentiña que se presentaba, até agora, a eses concursos! O de Pena Novo sei que ê unha cousa grande e os de Sobrino, ¡un artista que vale o que vale! de feito será cousa que encha o deseio galego de atopar o seu tipo de fogar.

Estóuche ben. Non me apuro. Dios e bo e os homes, a remate, non fan mais que o que él quere. Coido que de “O Cabaleiro do Sant Grial” farei unha edición que será unha monada. Xa teño clichés para “Vento mareiro” e “O Mariscal” sairá ben feito.

As cousas seique andan mal: en Larache déronos un pau que nos valdaron; ô redor de catrocentas baixas.

Dios nos teña da sua man. Amén.

Esquirbireiche con calma.

Sabes canto te quere teu irmán en vida e morte,

Ramón

Miña lembranza a todos: a teu irmán moi en especial.

Madrid
¡Terra a Nosa!

30 Agosto 1.921.


As novas aparecidas no Faro de Vigo e La Zarpa sitúan a Leonardo Rodríguez en Cuntis no canto de Mondariz. O deputado non puido acudir este ano ao balneario de Peinador como tiña previsto, porque desde Cuntis viaxou a Cádiz por motivos profesionais.

Do éxito de Lois Peña Novo (1) e Carlos Sobrino (2) temos información pola revista Mondariz. O número de outubro anuncia os resultados do primeiro concurso sobre “Temas interesantes para Galicia”, organizado por Enrique Peinador.

El renacimiento de Galicia se opera visiblemente sobre firme cimentación: la revista MONDARIZ creyó del caso y del tiempo inaugurar el presente año una serie de concursos anuales para que os bos e xenerosos diesen a su tierra los frutos de vigilias e investigaciones en torno a cuestiones de tanta importancia como son: los medios para crear la Mancomunidad económica de las cuatro provincias gallegas; la manera de recoger, conservar y difundir la música gallega y los aspectos aprovechables en la antigua arquitectura civil de Galicia para que sea pronto un hecho la casa moderna gallega. (Revista Mondariz, nº 44 – 20.10.1921)

No acto, celebrado o 27 de agosto de 1921, resultaron premiados Lois Peña Novo pola súa monografía sobre a Mancomunidade das provincias galegas, reclamando para Galiza a transferencia de impostos e competencias desde o Goberno Central, e o pintor Carlos Sobrino polo traballo sobre A Casa galega, describindo as calidades do fogar enxebre. O terceiro premio encol da difusión e conservación da música galega ficou deserto.

Como xa temos comentado en achegas anteriores, dos tres libros citados por Cabanillas na carta unicamente sairá da imprenta de Juan Pueyo a segunda edición de Vento Mareiro en novembro de 1921.

O poeta tamén alude aos últimos acontecementos da guerra do Rif. En concreto Cabanillas fala da ofensiva de Abd el-Krim logo da batalla de Annual, ocorrida en xullo deste mesmo ano.

Por último, Ramón Cabanillas envía un saúdo para a familia de Enrique Peinador e particularmente ao seu irmán Ramón, quen participou na xestión do balneario e no labor en prol da difusión do galeguismo cultural.

(1)    Lois Peña Novo. (Vilalba, 1893 – Outeiro de Rei, 1967) Membro da Irmandade da Fala e da comisión redactora do Estatuto de Autonomía de Galiza. Político na II República. Ensaísta e columnista en prensa.
  (2)  Carlos Sobrino Buhigas. (Pontevedra, 1885 – Vigo, 1978). Pintor e ilustrador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario