domingo, 12 de janeiro de 2014

ENSAYOS Y POESÍAS



ENSAYOS Y POESÍAS / Viqueira, Johán Vicente
6 de agosto de 1931
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20 – Santiago
268 p ; 18 cm.

Ensayos y Poesías, libro póstumo de homenaxe dedicado á memoria de Johán Vicente Viqueira Cortón, foi impreso por Nós no obradoiro das Hortas en Santiago de Compostela en agosto de 1931.

Non obstante, o libro foi confeccionado dacabalo entre A Coruña e Compostela, pois se ben na presentación consta o enderezo de Linares Rivas, nº 50 na Coruña; o colofón indica que o libro saíu do prelo na rúa das Hortas, nº 20 en Compostela.
As cubertas, feitas con cartón duro, levan a inscrición de  Encuadernación Calleja, na rúa Campomanes, nº 3, en Madrid. Con toda seguridade, o texto impreso por Nós foi encadernado posteriormente polos patrocinadores da obra.

O libro de Viqueira sería un dos primeiros en ver a luz no novo local de Nós en Compostela. (2)

O 16 de maio de 1931, asina Casal un substancioso contrato co SEG para imprentar unha das obras cume da institución compostelá, o monográfico dedicado a Melide.
O contrato seguro dos 500 exemplares, e a probabilidade de redondear uns ingresos precisos, coa impresión de separatas e outras obras do SEG, pesa indubidablemente na súa marcha a Compostela.
(3)

Xa que logo, a proximidade ao Seminario de Estudos Galegos, organismo que daquela era o principal cliente de Casal e con quen tiñan xurdido algunhas tensións debido ás dificultades para comunicarse a distancia, influíron de xeito decisivo na súa decisión de mudar a localización da editorial. Así recordaba Isaac Díaz Pardo a chegada de Nós á rúa das Hortas.

Coido que desde que nacín tiven contacto con Casal. O meu pai era íntimo de Casal; colaboraba con Casal desde os anos 20. O meu pai facíalle as portadas dos libros. Había unha intimidade e compenetración grande entre os dous. Logo, cando meu pai no ano 1931 se vai co Coro de Ruada para América, e volve despois de abril, logo de se proclamar a República … Ben, nós daquela viviamos na rúa das Hortas número 20. E, logo meu pai alugou unha casa pequena na rúa de Carretas e fomos vivir para alá e a nosa casa das Hortas deixoulla a Casal para montar a imprenta. (4)

O volume que recompila parte da obra de Joan V. Viqueira, saído deste novo obradoiro, foi encargado e sufragado polos amigos e admiradores do escritor. Os trescentos volumes desta edición non estaban destinados á venda e foron impresos nominalmente para cada un dos patróns. O libro utilizado para esta recensión leva o número oitenta e tres dos editados e pertenceu a Luis García Bilbao; intelectual do Madrid dos anos trinta.

Unos cuantos íntimos de Juan Vicente Viqueira, al recoger en un volumen algunas de sus obras inéditas con otras dispersas, nos proponemos dedicar esta ofrenda a su memoria y acercar, cuando el autor nos falta, sus últimas páginas, a un círculo reducido de lectores amigos. Con ellas en la mano hemos de ver destacar, en su labor interrumpida tan pronto, las dotes de aquel espíritu señero.

Viqueira morreu no verán de 1924, antes de facer os trinta e oito anos. Doutor en filosofía e catedrático de psicoloxía, formou parte da Irmandade da Fala da Coruña e colaborou con A Nosa Terra. A súa prosa galega manifestou o seu compromiso coa lingua e coa necesidade de artellar un sistema educativo galego. Tamén adoptou o galego como lingua lírica, escribindo en galego case todas as súas poesías.

Sinopse da obra

Recoge este libro diversos legados de la actividad espiritual de Vicente Viqueira. Algunos son conferencias pronunciadas en La Coruña sobre cuestiones pedagógicas o artísticas; otros artículos de variada índole aparecidos en A Nosa Terra, órgano coruñés del galleguismo; otros son versos íntimos, sólo destinados a personas queridísimas; otros semejan fragmentos y bosquejos de trabajos que en vano han de esperar eternamente su último perfeccionamiento.

REFLEXIONES SOBRE NUESTRA ÉPOCA. Reflexión filosófica sobre a posición do espírito humano diante da vida, que Viqueira resume en tres actitudes: acción, coñecemento e fuxida.

LA FILOSOFÍA DEL PRESENTE. Análise das correntes filosóficas modernas que conforman o substrato da filosofía actual caracterizada por ser crítica e metafísica.

El hombre capaz de vivir con valor nuestra época lo ha de formar la educación. Nuestra época ansía cambio, actividad, creación, ir más allá, vivir con fuego infinito. No puede desear una vieja educación mecánica y pobre, de libros; se aprende por la vida, es aquí la palabra. Giner de los Ríos creador.
Y en este cambio incesante vamos al infinito. Representantes de la inquietud: Ortega. Vivamos con orgullo el presente.

TRES NOTAS SOBRE LA RELIGIÓN.Para Viqueira a esencia da relixión é o rito: a acción que afirma a nosa comunicación coas potencias superiores.

Las religiones positivas pueden hacer sólo su misión reduciéndose al elemento propio religioso, a la comunicación con Dios (serían sólo diversos ritos) y abandonando toda preocupación extraña; por ejemplo, política…

INMORTALIDAD. Notas encol da historia do pensamento filosófico sobre a inmortalidade.

FILOSOFÍA Y VIDA. A filosofía como loita titánica por abranguer o Ser.
ACCIÓN. Invitación filosófica á loita diante das dificultades.

EXALTACIÓS (Prosas líricas). Baixo este apartado reúnense sete textos, algúns deles publicados en A Nosa Terra: Alma gallega, ¡Ser o no Ser!, A nosa Lingua, O campo e a cidade, Libertade, Autonomía, Esforzo.

Galegos, amade, cultivade o rico tesouro da nosa língua. So falando-a seredes libres, ja que o home sen raza é unha abstracción.

O QUE PRECISA A NOSA JUVENTUDE. O autor apela ás novas xeracións para que abracen o idealismo e tomen partido polo presente.

MIÑA GALICIA. “Miña Galicia non é a que foi, é a que será; non é a d’onte, é a de mañán”.

ALMA. Reivindicación da alma colectiva de Galiza.

DIÁLOGO TRASCENDENTAL. Serve a Galiza quen traballa pola súa prosperidade.

DIVAGACIÓS ENGEBRISTAS. Conferencia pronunciada durante a inauguración da exposición das obras de Castelao na Coruña en 1920.

PENSAMENTOS. Dedicado á memoria de Lois Porteiro Garea.

O NAZONALISMO JURDINDO. Proclama da morte do rexionalismo “d’orfeón e ripios”, que as Irmandades substitúen polo nacionalismo.

O DÍA DE MAÑÁN. O autor defende o federalismo republicano, afirmando que xa non cabe agardar nada do rexionalismo conservador.

NACIONALISMO E SOCIALISMO. O autor expresa o seu credo ideolóxico.

A NOSA ESCOLA. A escola debe ser o centro cultural galego e debe formar a base sobre a que asentar o progreso.

O GALEGO NA ESCOLA. Viqueira fala da necesidade de introducir o galego na escola. “O primeiro paso para que o galego apareza na escola ha de consistir en que o mestre non prohiba ôs rapaces ou rapazas a expresión do pensamento expontáneo”.

NOSOS PROBLEMAS EDUCATIVOS. Conferencia na Irmandade da Fala da Coruña en 1919.

POL-A REFORMA DA ORTOGRAFÍA. Viqueira defende o uso da ortografía que chama erudita, asemellando a escrita do galego á grafía portuguesa, para facer do galego unha lingua universal.

POESÍA

A poesía de Viqueira é intimista e a miúdo transcendental. Nela fálanos da natureza e dos seus degaros existenciais

De ouro e brilante pedrería / acugulado, / eu fixen un castelo, no que vivo / agachado (…) Non quero m’espertar. No meu castelo / misterioso e forte, / soñarei hastra que a min chegares / ou, negra morte!

A tristeza e a melancolía impregnan os versos apaixonados, nos que o poeta devece por transcenderse a si mesmo, sempre á procura dun destino superior.

E vagamente espertan os desejos / de loitar cal os héroes que foron. / Emergen do meu peito apaixonado / os enxamios d’os soños.

Por último, tamén hai poemas de amor cortés e ideal, e outros místicos.
DIEZ IDILIOS DE TEÓCRITO. O libro conclúe cunha tradución do grego efectuada por Viqueira.

(1)  Fonte da imaxe de Johán Vicente Viqueira: Real Academia Galega.
(2)  O traslado da editorial Nós a Compostela produciuse entre os meses de maio e xuño de 1931. O último libro impreso por completo na Coruña foi Vieiros, de Ricardo Carballo Calero (Vol. 44, 6 de maio de 1931). O primeiro que leva o enderezo da rúa das Hortas será O derradeiro amore, de Aurelio Ribalta (Vol. 45, 12 de xuño de 1931)
(3)  A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ernesto Vázquez Souza. Ediciós do Castro. 2003. Pp. 306-307
(4)  Isaac Díaz Pardo recorda a seu pai, Camilo Díaz Baliño, nunha entrevisa concedida á revista Murguía no ano 2005. Murguía. Revista Galega de Historia. Nº 7/8 maio-decembro 2005.


Sem comentários:

Enviar um comentário