mércores, 15 de febreiro de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 4



Ramón Cabanillas diríxese de novo a Enrique Peinador en febreiro de 1921:

27 de febreiro de 1921

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique: Os de Vigo queren que ti e Ceferino Maestú tomedes a parte principal na seución do Ateneo que se terá de ocupar da Editorial galega: como él está faguendo de Alcalde e sen maneira de botar man do “presuposto do Concello” para abrir o “capital inicial” do choyo, farano presidente e préganme che pida con toda alma que prestes asentimento a que te nomeen vice-presidente.

O meu sentir ê que chegóu a hora de poñelo lombo e empurrar. ¿Quen sabe? Poida que d-esta demos no cravo e o Ateneo sexa a primeira pedra do noso resurximento.

Sempre teu, de todo corazón,

Ramón Cabanillas

¡TERRA A NOSA!
27 febº. 1921.

Teño no (ilexible) unha cousiña moi bonitiña: unha cousa do Rei Arthur relacionada co Cebreiro y-o Sant Graal: será, como ti querías, unha cousa relixiosa: inda non sei o que sairá mais o asunto e moi fermoso.


Ceferino Maestú Novoa (1) foi un avogado e político progresista, membro de Izquierda Republicana, que exerceu como alcalde de Vigo entre 1920 e 1921.

Por unha carta dirixida a Enrique Peinador pola Xunta Organizadora do Ateneo de Vigo o 8 de marzo de 1921, sabemos que este aceptou decontado o cargo de vicepresidente, tal e como lle pediu Ramón Cabanillas.

Con el fin de dar a V. Posesión del cargo para que ha sido aclamado, esta Junta le invita a concurrir al acto que en el salón de la sociedad “LA OLIVA”, se celebrará el próximo Jueves, a las siete y media de la tarde.

Meses máis tarde, en maio, Cabanillas foi nomeado presidente da sección de Literatura e Historia do Ateneo, creado ese mesmo ano.

Finalmente, a Editorial galega dependente da institución da que fala Cabanillas non chegou a constituírse.

Si apareceu publicado, en cambio, o texto sobre o Santo Graal, escrito a instancias de Vicente Risco, quen nunha carta dirixida a Antón Losada Diéguez – datada por Joaquim Ventura en xaneiro de 1922 – revela a xénese do proxecto:

Eu fixen o seguinte: comprometín ó Cabanillas para que me fixera un poema sobre cada unha destas 4 cousas: o Corno de Breogán, a Estrela do Apóstolo, A Espada del Rei Artur e a Copa do Sant Graal, sobre as lendas que eu fixen e que el adornará ó seu xeito. Logo eu escribirei uns comentarios longos co obxecto de adoptarmos estas lendas e facer con elas definitivamente o noso ciclo épico relixioso. (2)

Ao cabo, o ciclo épico-relixioso concibido por Vicente Risco e que había contribuír á “creación dun marco simbólico que axudase ao labor do apostolado nacionalista” (3) foi interpretado libremente por Cabanillas, situando as lendas do ciclo artúrico en territorio galego. Lugares como a illa de Sálvora e o Cebreiro ficaron así asociados ao descubrimento da espada Escalibor e á lenda do Santo Graal.

O Cabaleiro do Sant-Grial, primeiro poema das sagas, apareceu en A Nosa Terra, nº 145 (01.08.1921), poucos meses despois da data en que Cabanillas redactou a carta. O texto editouse de novo no primeiro volume da revista Alborada en maio de 1922 e nas revistas La Temporada e Terra, en 1923.

Anos máis tarde, os versos foron recollidos xunto con dúas novas sagas  - A espada Escalibor e O sono do rei Artur – no volume Na noite estrelecida, editado por Lar en 1926 na imprenta do balneario de Mondariz.

(1)    En xuño de 1936 aceptou o cargo de gobernador civil de Huelva e malia ter renunciado ao posto antes do golpe de estado, foi fusilado ao comezo da sublevación polas tropas de Regulares chegadas do Rif.
(2)    Doutrina e ritual da Moi Nobre Orde Galega do Sancto Graal. Vicente Risco. (Ed. Joaquim Ventura). Xunta de Galicia. Santiago de Compostela. 1999.
(3)    Xosé María Millán Otero. Citado a partir de Historia da Literatura Galega III. Xosé Ramón Pena. Xerais. Vigo. 2016.

Ningún comentario:

Publicar un comentario