Esta nova carta de Ramón
Cabanillas non leva data, pero tanto polo contido como polo papel empregado
podemos situala entre novembro e
decembro de 1920.
O texto di o seguinte:
R. CABANILLAS
Querido
Enrique:
Estou tolo c-o
rayo das eleuciós. Con todo, intresame mais o noso choyo que os votos.
Mandoche as
probas: troca o que ti vexas que gusto e sentido para elo tes abondo, e esto xa
ê unha cousa tan túa com-o miña.
Unha forte
aperta
Ramón
TERRA A NOSA
Cabanillas está a falar con toda probabilidade das
eleccións xerais celebradas o 13 de decembro de 1920, onde foi elixido
Presidente do Goberno Eduardo Dato,
líder do Partido Conservador, quen había ser asasinado nun atentado anarquista
en marzo de 1921.
En 1909, Cabanillas amagou
con presentarse como candidato a concelleiro en Cambados e as forzas caciquís fixérono desistir. Desde entón seguiu
sen moito entusiasmo as sucesivas eleccións (1).
Esta actitude estremouse cando pasou a ostentar o posto de secretario no concello de Mos, tempo en que escribiu
esta carta, porque a súa ideoloxía nacionalista, ademais de resultar
minoritaria, non estaba ben vista entre os representantes da política
tradicional.
Orixinal manuscrito de A man de Santiña |
Un dos poucos actos
políticos protagonizados por Cabanillas foi a conferencia ditada o 8 de
febreiro de 1919 no Círculo de Artesanos
de Pontevedra baixo o título “Nacionalismo
Galego”, onde fixo un repaso da historia de Galiza desde o tempo dos
romanos e defendeu o uso do idioma, tanto por razóns prácticas, de utilidade,
como por tributo á beleza. (2)
Xa que logo, non resulta estraño o comentario que dá
inicio á nota, confesándolle a Enrique
Peinador que está menos interesado nos votos ca na edición da peza
dramática A man de Santiña, editada
na imprenta do balneario de Mondariz o 15 de xaneiro de 1921.
Enrique Peinador gardou no seu arquivo persoal o orixinal
manuscrito da peza e por medio desta carta sabemos da súa implicación
persoal na edición do libro.
(1)
En 1931,
non obstante, formou parte da candidatura galeguista ao congreso pola provincia
de Pontevedra, malia non obter a designación como deputado.
(2)
Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
Ningún comentario:
Publicar un comentario