sexta-feira, 11 de janeiro de 2013

O XARDÍN DO CASTELO DE VIDRE


O XARDÍN DO CASTELO DE VIDRE / De las Casas, Álvaro María
Nadal de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 28. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
20 p ; 16 cm.


A peza dramática O xardín do castelo de Vidre, escrita por Álvaro das Casas e publicada en decembro de 1926, había facer o número vinte e oito da serie mensual de relatos editados por Lar.

Álvaro das Casas foi, principalmente, un autor dramático, que tamén cultivou o ensaio, a narrativa e a poesía. Case todos os seus libros foron publicados por Lar e Nós. Precisamente había ser Álvaro das Casas quen publicaría Mitin, último libro confeccionado pola editorial de Ánxel Casal en xuño de 1936 (1).

Ademais de autor teatral e colaborador e fundador de xornais e revistas, Álvaro das Casas foi tamén político – compartiu candidatura ás Cortes españolas en 1931 con Castelao, Paz-Andrade e Cabanillas – e dinamizador dos Ultreia, organización xuvenil do Partido Galeguista fundada en febreiro de 1932, onde militaron, entre outros, del Riego, Illa Couto ou Díaz Pardo (2).

O xardín do castelo de Vidre é a primeira das dúas obras publicadas por Álvaro das Casas na editorial Lar (3), e tamén será o primeiro texto dramático editado na colección dirixida a promover a novela galega.

Nós. Santiago, 23-06-1936
A peza está ambientada nos últimos anos do século XIX e narra o final dunha época, que o autor personifica na decadencia da fidalguía rural, reliquia do pasado. As árbores e outros elementos do xardín do castelo de Vidre cobran vida, para relear sobre o paso do tempo e a intranscendencia da gloria.

O texto, como sucede frecuentemente nesta colección, vai precedido dunha nota dos editores, a voltas coa ausencia dun canon léxico para o uso do idioma galego. A este respecto, cómpre recordar o importante labor desenvolto por Carré e Casal, como manifesta Lesta Meis desde as páxinas do Eco de Galicia en 1925:

(Lar) ha llegado a conseguir que escritores gallegos que escribían en gallego, pero con diferentes modos de emplear nuestro idioma se pusieran de acuerdo, llegando a la unificación precisa. Y eso que alguno pretendía fundar escuela. (4)

Deseguida reproduzo a nota dos editores, en resposta á carta dun lector anónimo:

Pouco a pouco a nosa labor constante vai dando froito posto que novos escritores contribuien â nosa literatura.

Din que LAR ten alguns enemigos: mais o non acreditamos. A labor de LAR que tende á crear prosa galega; que intenta tamén facer lêtores de libros galegos, non coidamos que poida dar nascimento á xenreiras ou enemistades.

Temos en troques grande confianza nos nosos amigos, nos nosos bôs amigos, que teñen atención e cariño para a nosa pubricación; que a miran con simpatía, que a propagan entre os seus conocidos, facendo así que LAR poida seguir adiante firmemente. Para eles o noso reconocimento.

Algunhas cartas dannos azos e estimúlannos. Outras aconséllannos. Unha recibimos tamén, anónima, que nos envía un lote de verbas para que purifiquemos no posíbele o léixico das novelas.

Agradécese a boa intención, mais debemos facerlle notar ao gallego do Ferrol, que moitas das verbas que indica empréganse xa nas obras pubricadas; algunha precisa d’unha comprobación, e outras por romate, veñen trabucadas, como a de Nadal que confunde con Xaneiro, Santos con Outono, espreguizar con estricar, moscar con fuxir, esparexer con ciscar, ceibar con encetar; alustro, tarima, guergullo, zume, carabela, aldraxar e algunhas mais veñen igualmente trabucadas.

Pode noustante o gallego do Ferrol nos enviare novas listas de verbas, como promete, na seguranza de que estimamos a sua axuda, posto que entre as parolas que envíe pode haber algunha aproveitabele.

En relación coa polémica anterior, os editores tamén dan conta da próxima publicación dun novo dicionario, obra de Leandro Carré, que acabaría editándose en dous tomos publicados en 1928 e 1931. Este dicionario reeditouse nun único volume en 1933 e sería o último libro editado pola Imprenta Lar:

Ante a necesidade, cada vez mais sentida nos tempos do actual florecimento das letras galegas, LAR quixo proporcionar aos seus lêtores un diccionario, e ten xa no prelo as primeiras páxinas.

Deste xeito non sômente compracemos aos moitos suscritores e amigos que adoito nos escriben e falan solicitando o sinificado de algunhas verbas pouco empregadas na conversa vulgar, senon que en xeneral faremos un grande servizo espallando o conocimento da fala galega.

O diccionario galego que LAR está á imprentar conta c’un grande número de verbas perfeitamente revisadas e comprobadas e algunhas outras particularidades interesantísimas das que oportunamente falaremos.
Noustante a cantidade de páxinas que levará o seu prezo ha ser moi baixo e estará polo tanto ao alcance de todos. (5)

Sinopse da obra

O castelo de Vidre ten, ao rente, unha arboreda inmensa, e un belo xardín. Na arboreda xemen arbres vellos de todol-os séculos; no xardín hai roseiras, xeranios, cravés, e toda clás de frores, qu’as criadas do castelo regan todal-as noitiñas.

Na noite de San Silvestre, don Carlos agarda as doce badaladas que poñan fin ao ano. O fidalgo aldeán ten oitenta anos e conversa co Mordomo e con Xosé, o fillo do Mordomo, quen está a lerlle as traducións de Ovidio.

As árbores do xardín parolan entre elas. O Alcipreste relea co Piñeiro:

O ALCIPRESTE
-      Teño algo de fermoso; os paxaros choran en min. Ti somentes tes pegas.

O PIÑEIRO
-      Si soupeses cantar como eu, serías dino d’unha arboreda com’esta. Téñente eiquí de caridade.

O ALCIPRESTE
-      Eu no quero saber de cantos: penso.

Tamén o Castiñeiro despreza o Alcipreste

O CASTIÑEIRO
-      Nós damos cousa boa e ti ruins pensamentos. Ao teu rente somente vese xente á chorar; non sei que cousas lles dis. A miña sombra teño sempre cazadores.

O Limoeiro, o Eucalipto e outros residentes animados e inanimados do xardín, toman parte na relea.

        O ALCIPRESTE
-      Eu estou risoño, eu non teño medo: estou preparado sempre pr’a adversidade. Ti, fonte veciña, vives no recordo dos bôs tempos, parécete que no castelo ainda ha duquesas noivas e condes vinculeiros; pensas qu’ainda virán a verte ollos lindos de raparigas novas. ¡Coitada de ti! Eu teño meus pés nas cinzas dos mais grandes homes, e conozo o seu podre. E sei que todo, é isto: nada.

Un lóstrego cae sobre a torre do castelo anunciando a morte. As árbores calan. O vento derrubou o Carballo, árbore vedraña do xardín e símbolo dos vellos tempos.

Xosé, don Carlos e o Mordomo espreitan desde o balcón.

-      ¿Non vedes? ¿Non vedes? O vento arrincou o carballo groso, o que plantou meu quinto abó o marqués de San Albán.

Rosa entra na peza, desconsolada. Un lóstrego matou a Puriña, unha moza que agardaba un fillo do fidalgo.

DON CARLOS
-      Eu fun quen os perdeu. Fillo da miña alma: antes que viñese pol-o mal camiño, foi mellor así:
Un lóstrego acendeu todo no seu lume, e deixa ver esta lenda en col do escudo qu’há na torre mais alta do castelo de Vidre.

Antes morir que manchar su sangre.


(1)     Mitin. Das casas, Álvaro. Nós, Santiago. 23 de xuño de 1936.
(2)     "O centro editorial da rúa do Vilar (local da editorial Nós en Santiago de Compostela) non era só obradoiro de libros, de revistas e de periódicos. Naceron, asimesmo, alí, ideas e proxectos de organizacións culturais. Un deses proxectos foi o de Ultreya, concebido por Álvaro de las Casas, e discutido na tertulia que se reunía na imprenta (...). Xurdiu así unha agrupación de rapaces, de 10 a 20 anos, que se rexía por un decálogo. A finalidade era que concienciasen no sentimento e na comprensión de Galicia: na súa cultura, na súa lingua, na súa realidade xeográfica e histórica". O río do tempo. Unha historia vivida. Fernández del Riego, Francisco. Ediciós do Castro. 1990. pp. 56 e 57.
(3)     Álvaro das Casas publicaría tamén Ladaíña. Lar, revista mensual. A Coruña. Ano 4, xuño de 1927; número 34.
(4)  La editorial Lar. Lesta Meis, Jose. Eco de Galicia, 14 de xuño de 1925. Citado a partir de: A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto. Ediciós do Castro. 2003. p. 219 
(5)  Diccionario galego-castelán. Carré Alvarellos, Leandro. Lar. A Coruña. Volume I, xullo de 1928 (impreso en Lar). Volume II, xuño de 1931 (Imprenta Moret); cada un dos tomos vendeuse por catro pesetas. Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego. 2ª Ed. Lar. A Coruña, 1933 (Imprenta y papelería Zinke hermanos).


Sem comentários:

Enviar um comentário