sábado, 19 de janeiro de 2013

A PECADENTA SILENZOSA


A PECADENTA SILENZOSA / Bergueiro López, Manuel
Xaneiro de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 29. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
44 p ; 16 cm.


A pecadenta silenzosa, novela breve escrita por Manuel Bergueiro López e publicada co número vinte e nove na colección mensual de Lar, saíu do prelo en xaneiro de 1927 inaugurando o cuarto ano desta publicación.

Manuel Bergueiro foi mestre, xornalista e tamén escritor, e deixou dúas obras escritas en galego: A pecadenta silenzosa, editada por Lar en 1927, e a comedia teatral Ollo cos estudantes, publicada na Imprenta do seminario de Santiago, en 1930. Despois de 1936 había publicar tamén algúns pequenos opúsculos como por exemplo as Quintillas galegas.

A pecadenta silenzosa é un relato de carácter desigual que narra a desgraciada relación amorosa entre Maruxiña e Manoel Alfonso, adubada con escenas sacadas da vida dos estudantes universitarios; cadros que o autor había desenvolver monograficamente na comedia Ollo cos estudantes. O papel da muller, caracterizado no título da obra, non resulta favorecedor e responde ao estereotipo feminino vixente na época en que foi escrita a novela, asignándolle a condición de pecadenta a Maruxiña e exculpando o home.

O libro presenta evidentes defectos de impresión na súa portada, con toda seguridade provocados pola precariedade dos medios utilizados na imprenta Lar. O mesmo Ánxel Casal revélalle estas dificultades a Álvaro das Casas na entrevista que lle fixo para El Pueblo Gallego, en setembro de 1934, falándolle da maquinaria da imprenta: “una minerva de mala muerte que nos hacía sufrir lo indecible” (1).

A maquinaria que tiña Ánxel Casal era escasa pero moi aproveitada. Fundamentalmente tiña unha pequena Minerva Vitoria de dobre folio, diversas caixas de tipos case todas de segunda man, unha perforadora alemá, unha cosedora de man, si, manual nada de automática, e unha guillotina Krause, realmente boa. Este foi o material máis utilizado. (2)

Pese a precariedade dos medios e as dificultades para levar adiante o labor – registros frecuentes de la policía, letras que llegaban como balazos y que no había forma de pagar, la angustia de los libreros que no liquidaban ni a tiros (3) , Ánxel Casal teimou até os últimos días da súa vida en promover a literatura galega. E ninguén mellor ca el mesmo para explicarnos os motivos:

No olvidemos esta gran verdad: política aparte, una literatura hay que mantenerla, por decoro, por vergüenza, por propia estimación.

Sinopse da obra

A acción desenvólvese no val de Abeiro, nas terras que antes foron de don Xavier Feixóo de Castro e agora volvéronse cen mil leiras.

Por todo iste suxestivo val hai ciscadas unhas cantas dúceas de casiñas, albas coma pombas, que semellan ovellas d’un rebaño espallado por un lobo famento, e no meio da eisuberante chaura, érguese chea de ledicia a rexurdente vila de Conles.

Prácido Feixóo, médico e fillo de don Xavier, foi discípulo de Robert Koch en Berlín. Morto o pai, casou con Xenerosa, unha criada do pazo e logo habían nacer as dúas fillas, Maruxiña da Consolazón e Ampariño.

Tamén por aquel tempo naceu Manoel Alfonso, fillo do Petapouco, taberneiro de Conles.

Maruxiña da Consolazón e mais o fillo de Petapouco foron xuntos â escola do mestre de Montagudo, un escolante que insinaba a ler nun silabario de que era autor, nomeado “Carta de cristos”.

Manoel Alfonso era un rapaz espelido e o mestre aconsellou os pais darlle unha carreira. Ao cabo, o Petapouco, encirrado pola nai, levou o rapaz a Santiago para que estudase para crego. Claro que o rapaz non tiña vocación e anos máis tarde deixou o seminario, licenciándose como avogado.

Cando o fillo do Petapouco estudaba o primeiro ano de carreira maor emprincipiou a cortexar a Maruxiña da Consolazón.

Tres anos máis tarde, o mozo había obter unha praza na carreira diplomática, con destino na Habana. Daquela Maruxiña comezou a murchar “púxose fraca, desecorida”.

O gandulo de Manoel Alfonso logo iba faguer tres meses que se fora e ainda non lle escribira mais que unha carta.

Maruxiña agardaba un fillo de Manoel Alfonso e marchou na súa procura, deixando unha carta atrás dela.

fuxía porque quería sufrir soia o seu pecado, porque non quería ser aldraxada pol-a xente de Conles, porque iba en busca da honra perdida, do amor aldraxado.

En Cuba traballou como modista nunha tenda de roupa. Nese tempo non falaba con ninguén e as compañeiras alcumárona a “Silenzosa”.

Cando ao cabo atopou a Manoel Alfonso na rúa, o mozo non a recoñeceu. Ela tampouco deuse a coñecer.

O día en que a Pecadenta silenzosa tropezou na esquina de Monte a Eixido con aquel xoven que coidou fora o seu noivo, iste, voltaba a Conles dende Boenos-Aires.

Ao chegar a Conles preguntou por Maruxiña e soubo que desaparecera. Tempo despois obtivo a praza de rexistrador, primeiro en Conles e despois en Barcelona. Manoel Alfonso xa estaba en Cataluña cando Maruxiña volveu ao pobo, deixando na Habana un fillo de oito anos, adoptado polo dono da tenda onde traballou.

Dimpois que Nazario chegou a ser mozo entergo, aqueles siñores que o querían coma fillo mandaronno a ademenistrar unha sucursal que tiñan en Barcelona, onde por casualidade chegou a casar c’unha filla do Rexistrador de referenza.

Hoxe é o día que Nazario non sabe que está casado c’unha meia irmán; hoxe e o día que Manoel Alfonso non sabe que o seu xenro é o seu fillo.

(1)          Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. A Galiza de Ánxel Casal. Murguía, revista galega de historia. Nº 7/8, maio-decembro de 2005. p. 73.
(2)          Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 416. Entrevista realizada a Antón Mateo Pena, empregado de Ánxel Casal.
(3)          Ibidem, p. 347. Entrevista realizada por Álvaro das Casas a Ánxel Casal en 1934.
(4)          Ibidem anterior, p. 349.


Sem comentários:

Enviar um comentário