quinta-feira, 23 de agosto de 2012

MARTES D'ANTROIDO


MARTES D’ANTROIDO / Herrera e Garrido, Francisca
9 de maio de 1925
Lar, revista quincenal; número 6. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
34 páx. ; 16 cm.

Martes d’Antroido, obra da escritora coruñesa Francisca Herrera, foi o sexto título da colección de novela breve Lar e o primeiro dos impresos pola propia Imprenta Lar. Os cinco números anteriores foron confeccionados no obradoiro das Gráficas Moret, tamén na Coruña (1).

O evento é anunciado pola dirección da publicación neste mesmo número:

“¡Terra a Nosa!
Este é o berro de ledicia e de amor que nos brota dos beizos ao dar feita nos propios talleres esta noveliña, realizando o noso proyeito.
Xa temos imprenta, inda que en dala montada tardamos mais do que contabamos; xa podemos novamente nos poñer en contacto cos nosos lêtores, nosos irmans, que sinten o mesmo amor que nós pol-a fala galega, pol-as letras d’esta nosa Terra que  quixéramos ver frorecentes e groriosas.”

O texto da novela comeza cunha frase introdutora a continuación do título, que pretende xustificar as evidentes eivas do texto:

                “Noveliña da que quizais un día derivarase unha novelaza”.

Trátase dunha traxedia moralizante continuadora da tradición folletinesca do século XIX e, máis ca unha obra definitiva, semella unha colección de apuntamentos e informacións expostas non sempre con criterio narrativo, que deberían constituír a estada dunha obra maior.

Sinopse da obra

O primeiro capítulo narra o velorio da moza Anuca e a desesperación dos pais; o tío Xan e a tía Colasa. A intimidade da parella revélanos outra pena máis fonda: tempo atrás, o tío Xan vendeu un fillo chamado Lois cando este tiña seis anos. Os cartos da venda habían procurar un bo casamento para Anuca e redimir de quintas a Xan, o morgado da familia. Perdidos os cartos e mortos Xan e Anuca, a tía Colasa reclama a volta do fillo perdido.

O segundo capítulo preséntanos á condesa Xosefina Heredia de Mendía e a súa amiga, Rosario Montalvo. Unha xeira da parella por Madrid o martes de Entroido conclúe coa accidental separación no rebumbio da celebración. Daquela, un enmascarado que resulta ser Lois Méndez, afillado do banqueiro Méndez de Brigo, ofrécese a acompañar a Xosefina. Tamén sabemos que Lois, ademais de mozo de Xosefina, é un pintor prometedor.

No terceiro capítulo fálase de Lois Méndez, criado sen privacións pola familia adoptiva pero que non deixa de pensar nos seus verdadeiros pais, que el pensa están mortos. Noutra escena da noite de Entroido, Lois pretende acendido que Xosefina cee con el a soas, pero a moza oféndese e xa de volta na casa escríbelle unha carta de ruptura.

O cuarto e último capítulo preséntanos un Lois arrepentido, que ao chegar a casa atopa o pai morto. Unha carta deixada polo banqueiro dá conta do lugar onde vive a súa familia natural. 

A fortuna do pai adoptivo de Lois resulta non ser tal e, pagadas as débedas, apenas quedan cartos. Lois deixa Madrid e viaxa ao alto de Cobo, en Oleiros, onde atopa a tía Colasa. Nai e fillo fúndense nunha aperta.

Tempo despois, Lois recibe unha carta de Xosefina. A moza viaxa a Oleiros e casa con el.

1. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. X. Mª Dobarro Paz / Ernesto Vázquez Souza.

Sem comentários:

Enviar um comentário