quarta-feira, 14 de novembro de 2012

NA NOITE ESTRELECIDA


NA NOITE ESTRELECIDA
Texto: Cabanillas Enríquez, Ramón
Debuxos: Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
1926
Edición Lar, Impreso en Mondariz-Balneario (imprenta do balneario)
60 p ; 22 cm.

Na noite estrelecida; sagas de Ramón Cabanillas, con debuxos de Castelao, foi editado por Lar e impreso no balneario de Mondariz en 1926.

A obra, dedicada a Enrique Peinador, propietario do balneario e mecenas de Cabanillas, terceiro dos catro libros do autor compostos en Mondariz (1), reúne por vez primeira as sagas que maioritariamente foron publicadas entre agosto de 1921 e xaneiro de 1926 nas revistas Nós, La temporada, Alborada e Terra, e o semanario A Nosa Terra (2).

As composicións seguen o ronsel do celtismo iniciado por Murguía no primeiro volume da Historia de Galicia (1865), onde ofrece a súa particular interpretación da orixe da raza galega propoñendo un referente mítico dese brumoso tempo, ao servizo da rexeneración cultural de Galiza.

A narración debulla algunhas das lendas máis populares do ciclo artúrico, que Cabanillas sitúa en territorio galego. Así, lugares como a illa de Sálvora e o Cebreiro fican asociados ao descubrimento da espada Escalibor e á lenda do Santo Graal.

As sagas, cheas de forza descritiva, flutúan entre o relato épico e a saudade exquisita para referir un mundo atemporal, onde os feitos perden claridade afastados polo paso do tempo, até se converter en mitos.

O devezo por acadar a xustiza e a paz que emanan do bo goberno, toma corpo na figura de Artur; paladín das causas nobres e amado do pobo. Diante da inxustiza, os súbditos evocan o mito, agardando que a súa volta poña fin á escuridade.

Sinopse da obra

A ESPADA ESCALIBOR

Caerleón, a cibdade das pedras milenarias ergueitas pol-os dioses vencidos das pregarias…

A cidade de Caerleón (Compostela) acolleu o pobo que “atravesóu a canle do bravo mar de Atlante e arribóu ôs rochedos que o misterio druida siñalara por lindes da terra prometida”.

A multitude reunida na catedral celebra o Nadal. Ao saíren da igrexa, os habitantes de Caerleón escoitan abraiados as palabras do bardo adiviño.“É Merlín o profeta, o celta armoricán”, falando da existencia dunha illa encantada:

amada dos vellos dioses,
mortos e esquecidos xa,
que Sálvora lle chamaron
afeitos n-ela a topar
repouso doce e tranquío
de celestiaes afáns.

Nunha furna exposta ás ondas do mar, o druída anuncia o descubrimento da espada Escalibor:

Que seia nobre ou pecheiro
o que a espada poida erguer,
en trunfo e groria da raza
cinga a coroa de Rei.

Os homes máis fortes de Caerleón procuran erguer a espada do chan, pero o único que consegue facelo é Artur, o mozo da caste dos Pendragón, a quen o pobo celta coroa como rei na catedral.

Alborada. 1922. O cabaleiro do Sant-Grial
O CABALEIRO DO SANT GRIAL

        No castelo que se alza nun rochedo da serra,
        onde esquece os traballos e os estrondos da guerra,
        Rei Artur, fazañoso, xunta os seus cabaleiros,
        en virtude os mellores e na loita os primeiros,
        amparo dos homildes, espellos de lealtade,

        sonados e valentes en toda a cristiandade.

Artur pídelles que saian na procura do Santo Graal.

        A aquel lle será dado conquerir o SANT GRIAL
        que o corazón enxerga puro e limpo de mal.

Galahaz, o Esperado, rexeita a espada, o escudo e máis as esporas que lle ofrece Artur e marcha desarmado á procura do cáliz místico. Tempo despois chega deica o mar, onde “unha barca, senlleira, no areal atracaba”. Galahaz embarca nela e a nave deixa a praia rumbo ao levante.

E a barquiña envolveita nun craror de luar,
        vai avante, en silenzo, de vagar… de vagar…

Cando Galahaz desembarca, do ceo baixa unha espada que o cabaleiro cingue “e Galahaz trunfante e cheo de ledicia entróu camiño adiante, en terras de Galicia”.

Despois de superar as probas de valor e pureza, Galahaz chega ao Cebreiro, onde rende a espada no altar da ermida. Entón prodúcese o milagre.

        ¡Encol da ara do altar,
        â luz infinda, relumbra
        o cáliz do SANT GRIAL!

O SONO DO REI ARTUR

         A paz tornara ô mundo. Deica ô ceo tranquío
        rubía o fume albeiro do fogar campesío.
        Esquecidos, prisados pol-a pouta da edra,
        os menhires durmían o seu sono de pedra.

A espada de Artur fica en repouso na vella catedral de Caerleón. Acabaron as guerras e nos “casales ceibados dos espantos das loitas, caían das alturas, como diviño orballo, ledicias do sosego, farturas do traballo”.

Galahaz leva con el o Graal a Caledonia e preséntallo a Artur, afundido nun sono espiritual, que agarda a chegada do sinal anunciador do novo destino e, cheo de saudade, despídese do pobo.

¡Tremelucen na altura as raiolas da estrela
fado e guía da raza! ¡É de forza ir tras d-ela ó esquecido fogar!

¡A terra bretemosa onde durma o meu sono
terá de ver un día o renascer d-un trono nas pedras d-un altar!

Deica a ribeira chega unha barca enloitada, coa vela moura e rodeada de cisnes negros, portando cada un deles o brasón dun paladín da Táboa Redonda caído en combate: Tornadal, brazo de ferro; Sordirán, aza de corvo; Roiriz, o do cabo Nerio; Atamor, vido das illas escuras; Tor da montaña; Lionel, o mozo belido; Sir Gawain, quen chorou durante vinte anos a morte da amada; Galuan, señor de Faxildre; Sagramor, escudo dos feridos en combate; Damatal, o vello lobo “e Mandas a quen dixeron «o da alxuba mal tallada» e Arnalac e Brioberis e Bafa e Estor e Semala e tantos e cantos foron honor da irmandade sagra!”.

Artur sabe que atrás da vitoria sempre chega a morte. O rei subido na barca escoltada polos cisnes “e do misterio levada, alónxase mar afora, rumbo da ribeira sagra”.

A alma voadora fuxitiva do mundo,
Rei Artur esvaera n-un repouso profundo,
e nas azas d-un sono de escura vaguedade
caíra alén dos tempos na infinda soedade,
mais do rubí da chaga que no seu peito ardía
ledizosa fragancia nos ares recendía.

(1)  Estes foron, ademais de Na noite estrelecida, publicada en 1926: A man da Santiña (1921); O bendito San Amaro (1925); A rosa de cen follas (1927).
(2)  Na noite estrelecida. Biblioteca das letras galegas. Xosé Ramón Pena. Edicións Xerais de Galicia 1988. p. 13.


Sem comentários:

Enviar um comentário