quinta-feira, 21 de março de 2013

HISTORIA SINTÉTICA DE GALICIA


HISTORIA SINTÉTICA DE GALICIA / Villar Ponte, Ramón
25 de santos do 1927
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – A Cruña
220 p ; 20 cm.

O ensaísta Ramón Villar Ponte inaugurou as publicacións da editorial Nós co libro Historia Sintética de Galicia, o día vinte e cinco de novembro de 1927.

O libro tivo unha segunda edición en 1932, tamén impresa por Nós (1).

Ánxel Casal puxo en marcha a editorial Nós logo de separarse de Leandro Carré. A primeira localización da imprenta estivo no domicilio familiar de Casal, na rúa Real da Coruña; no mesmo lugar que até xullo de 1927 foi sede da editorial Lar.

Para identificar a nova empresa, Casal elixiu a coñecida imaxe do hórreo deseñada por Castelao.

O hórreo é o emblema da editorial Nós. Un gravado dun perfil en negro que representa un hórreo con dous cativos. Unha rapaza que lé e un neno que, deitado á sombra, escoita. O gravado, deseñado por Castelao, corresponde a un cadro perdido deste, que se atopaba na editorial de Casal. O cadro tiña un pé, « fartura pr’o corpo e fartura pr’o espríto » que simbolizaban o hórreo repleto (víase por entre as ripas o millo) e os nenos a ler. (2)

E non resulta casual que para botar a andar a editorial, Casal escollese a obra de Ramón Villar: Historia Sintética de Galicia.

Ramón Villar Ponte foi un dos militantes galeguistas que serviu de ponte entre a vella xeración Rexionalista de Murguía e os Nacionalistas organizados arredor das Irmandades da Fala. Os novos galeguistas compartían o devezo da xeración anterior por recuperar a memoria colectiva e dignificar o uso do idioma; cerna da identidade nacional que estimaban diluída por causa da ignorancia e o desleixo do pobo.

Xa que logo, a Histórica sintética de Galicia, máis ca un manual didáctico, é un dos instrumentos doutrinais impulsados polos homes das Irmandades.

Editorial Céltiga
O autor tivo un papel destacado no impulso das Irmandades, fundando xunto a Xaime Quintanilla a agrupación de Ferrol e o seu órgano cultural: a editorial Céltiga, onde Villar ostentou o cargo de xerente.

Sobre a Historia sintética de Galicia temos dúas informacións fornecidas directamente por Ánxel Casal. A primeira delas nunha carta dirixida ao propio Ramón Villar e datada o 5 de xaneiro de 1928:

Pol-o d’agora non sei como vai a venda da Historia, pois o menos en tres meses non fago liquidazón cos libreiros. Ti xa vés por exemplo da venda de «Estebo» en Viveiro sei pol-o que ti me dixeches. Axiña sairá Zamora de viaxe e ao mesmo tempo visitará ôs libreiros e asi saberei como anda o choio. (3)

A segunda referencia atopámola na entrevista de Álvaro das Casas para El Pueblo Gallego en 1934.

Me separé de Leandro Carré y en 1927 inicié la editorial «Nós», con la publicación de la «Historia Sintética de Galicia» de Ramón Villar Ponte, de la cual tiré 500 ejemplares vendidos casi todos ellos entre maestros de escuela. Ya estoy con la segunda edición que va muy avanzada de venta. Sin embargo, es una vergüenza que, en una obra de esta naturaleza que debiera ser imprescindible para todo gallego, no estemos ya en la vigésima edición. (4)

De certo, o manual era unha obra necesaria nunha época en que a historia de Galiza, a pesar do enorme esforzo de investigadores como Murguía ou Vicetto (5), transitaba entre a escuridade e a lenda. Consciente desta misión, Ramón Villar introduce o libro cunha exhortación patriótica:

Aos meus, e moi singularmente aos que levan o meu sangue, para que lêndo istas páxinas se avive n-eles o imperativo patriótico, o berro da terra encadeada, e os force a feitos nobres e asiñalados que algún día poidan figuraren nas galegas historias que ainda terán de s’escribiren…

Sobre Ramón Villar cómpre, por último, citar a terrible información referida por Xosé Dobarro e Ernesto Vázquez no seu libro Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos:

Morreu na Coruña o 14 de setembro de 1953, aos 63 anos. Segundo nos informou súa filla Teresa Villar Chao a consecuencia dunha malleira propinada polos falanxistas na rúa do Orzán. (6)

Sinopse da obra

A obra vai precedida dun prologo escrito por Vicente Risco:

Ides ler unha sinxela, unha crara e xusta esposición de feitos, que comprende a vida toda de Galiza, dend’os tempos prehistóricos. Ides atopar, condensado en poucas páxinas, canto hai d’importante espallado en grosos volumes, en coleiciós de revistas, en libros esgotados, en manuscritos, en fontes de non doado achádego.

O libro encadea notas breves de carácter pedagóxico, encabezadas pola Prehistoria e a Idade Antiga. Seguindo as teses de Murguía, e logo dunha sumaria exposición sobre o substrato Neolítico e a Idade do Bronce, o autor debulla a Idade do Ferro identificada coa presenza dos Celtas en Galiza.

O pobo celta é un pobo de raza e língoa indo-europea, que asegún as mais das opinións tivo o seu punto de orixe nas ribeiras do mar Báltico. Parece sere que iste pobo s’espallou pol-o centro e sul da Europa chegando á invadire á península a que pertenesce a Galiza e findando por se afincare de un modo permanente na terra galega.

O texto continúa cunhas breves notas sobre a dominación romana e o cristianismo, para deseguida tratar a herexía en Galiza: o Priscilianismo, poñendo fin á Idade Antiga.

O segundo apartado abrangue a Idade Media. O período comeza co esplendor da monarquía sueva e o seu ocaso a favor dos godos, para logo rexurdir convertida ao cristianismo. Após deles chega a época visigoda e a irrupción dos árabes. Capítulo á parte merece o mítico achado do bispo Teodomiro.

Hai un suceso d’enorme trascendenza pr’â terra galega qu’é o qu’en realidade escurece a todos para destacare él soiamentes. Iste suceso é a feliz descuberta do Corpo do Apóstol Santiago, ocurrida no bosque lo Libredón situado perto do chamado Burgo dos Tamariños ou Tamaricos, no sitio tiduado dende estonces Campo da Estrela.

O autor narra a xénese do reino ástur-galego, as incursións musulmás e normandas, e as loitas de poder que producen a integración das coroas galega e leonesa na castelá. Especial importancia teñen a narración dos feitos que atinxen a don García, a raíña Urraca e Xelmírez.

A Historia enumera a sucesión de monarcas posteriores e informa das liortas señoriais e populares, até o esmorecemento do poder real a favor dos señores feudais. Capítulo destacado merece a narración das dúas revoltas irmandiñas e os enfrontamentos posteriores entre o arcebispo Fonseca e os condes galegos, sometidos polo poder real de Isabel e Fernando.

(Deron en promulgar un) decreto polo que se ordeaba o emprego eiscrusivo do castelán como idioma oficial e, pol-o mesmo, o desbote da groriosa lingua do país até estonces usada pra todo, non trardaron n-ofresceren o resultado que se perseguía, ou sexa o escomezo da verdadeira castelanización galega que xa dimpois prosigueu cada vegada con forza meirande.

Coa incorporación definitiva de Galiza á coroa castelá, comeza a Idade Moderna.

Moi pouco intrés ofresce a Historia galega a partire dos sucesos que fincan relatados nos capítulos denantecedentes.

O autor narra brevemente a sucesión de reis casteláns até o reinado de Carlos IV, para estenderse polo miúdo na loita dos galegos contra a invasión francesa e os fitos locais desta revolta.

Deseguido, Villar consigna as loitas entre liberais e reaccionarios en Galiza, e con especial detalle a revolta galega do ano 46 e os sucesos de Carral.

Cos derradeiros ecos da groriosa revoluzón galega que fica someiramente relatada, pódese decire que rematan tamén os feitos que dende os escomezos dos homes tiveron como axeitado esceario â Galiza, sendo eiscrusivos e peculiares d’ela, e constituíndo en longa sucesión de anos e de séculos a honrosa executoria da persoalidade galega a través dos tempos, ou sexa a verdadeira e inesquecente Historia da Galiza.

Por último, o autor refire “a xeito de colofón” unha breve historia do galeguismo desde os Precursores até a fundación das Irmandades da Fala, poñendo especial énfase na publicación do libro do seu irmán Antón Villar: A nosa afirmación rexional, que para Ramón Villar marca o tránsito do galeguismo ao nacionalismo.

(1)  Historia sintética de Galicia, 2ª ed. Corr. Villar Ponte, Ramón. Editorial Nós. Santiago de Compostela, 15 de Nadal de 1932.
(2) A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto. Ediciós do Castro, 2003. p. 407.
(3) Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. p. 193. Unha nota dos autores aclara que Casal alude na carta a Federico Zamora Mosquera, representante de calzados Senra e a quen a súa profesión permitíalle establecer contacto cos libreiros, actuando así como corresponsal da editorial Nós. Esta mesma función acáelle tamén a Víctor Casas e sabemos pola carta que o mesmo Ramón Villar representa a Casal en Viveiro.
(4)  Ibidem nota 3. p. 347.
(5) Murguía consideraba pouco rigorosa a singular historia de Benito Vicetto, que ás veces transcende os feitos históricos e transcorre polos eidos da imaxinación. Tampouco Vicetto tiña en consideración as historias anteriores de Molina, Gándara ou Huerta. Como exemplo da historia de Vicetto, abonda con citar o delicioso comezo da obra: Al retirarse las aguas del Diluvio, cuando la última onda, turbia y perezosa, se desvaneció en el azul trémulo del mar de nuestras costas, por una de esas reacciones admirables en el orden da la naturaleza, los valles y las montañas comenzaron a cubrirse de verdor en poco tiempo (…) Las aguas del Diluvio absorbieran en sus olas bramadoras al mundo corrompido, según la voluntad de Dios; y por eso todo en la creación renacía a la nueva vida, de la manera más pura, virginal e inmaculada. Galicia era entonces un vergel acariciado del Creador.
(6) Ibidem nota 3. p. 193.



Sem comentários:

Enviar um comentário