domingo, 7 de julho de 2013

UNHA IMPRESIÓN DA GALICIA DO SUL NO DERRADEIRO ANO DO SÉCULO XVIII



UNHA IMPRESIÓN DA GALICIA DO SUL NO DERRADEIRO ANO DO SÉCULO XVIII/ Otero Pedrayo, Ramón
1 de xaneiro de 1929
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña

14 p ; 27,5 cm.

O traballo dedicado ao Seminario de Estudos Galegos, Unha impresión da Galicia do sul no derradeiro ano do século XVIII, escrito por Ramón Otero Pedrayo, director da sección de Xeografía do Seminario, inaugurou as publicacións da editorial Nós en 1929.

O folleto de catorce páxinas resume o documento gardado no arquivo da Deputación Provincial de Ourense titulado:

Itinerario facultativo del viage a Galicia que el Sr. Conde de Guzmán, del Consejo de S. M. en el de Hacienda, intendente del exército, Inspector General de Caminos y Canales de Navegación, etc, emprendió este año de 1799 con el motivo de inspeccionar la Carretera que solicitan las tres provincias de Santiago, Orense y Tuy.

Otero contrasta os datos do itinerario cos ofrecidos por Lucas Labrada no libro Descripción económica del Reyno de Galicia, publicado polo Consulado da Coruña en 1804.

O traballo ofrece tanto informacións técnicas sobre o trazado da vía, como outras paisaxísticas e etnográficas dos lugares por onde pasa a comitiva.

Dend’o día 18 de setembre ô 30 de Santos o diario do viaxe garda suxestivas lembranzas d’aquila Hespanha, en parte tradicional, en parte mordiscada pol-o esprito do signo do despotismo ilustrado.

Precisamente o carácter ilustrado dos viaxeiros determina as propostas, que procuran favorecer o desenvolvemento económico das terras visitadas. Non obstante, eles tamén son membros do goberno despótico e incapaz que ignora as demandas de progreso e condena os súbditos a vivir miseria. Non será até cincuenta anos despois deste informe cando comecen a trazarse as necesarias vías de comunicación.

Sinopse da obra

En compaña do Sr. Conde viñan o seu segredario D. Xohan Antonio Giranda, o facultativo D. Vicente de Ponte e mais un axuda de cámara de sua excelenza.

Os tres homes están ao servizo de Carlos IV e viaxan en cadeira de postas con dúas mulas desde Madrid até Galiza, dando conta do estado dos camiños e as casas de postas onde dormen.

De Valladolid indican que está rodeada dun terreo chan e enxoito, e nela os mellores edificios corresponden aos conventos (44) a maiores das parroquias, fundacións e ermidas.

Desde alí chegan a Benavente: “1.500 veciños, bó mercado semanal (todol-os prodoitos da terra especialmente trigo e cebada) rúas estreitas, encostadas, de croyo, sin casas de consideración”.

O conde afirma que Benavente debería o centro das futuras estradas entre Galiza, León e Asturias.

O enviado anota os tipos de cultivo e as industrias dos lugares que visita, concluíndo que a riqueza medraría sen dúbida no caso de construír unha estrada: “os veciños teñen d’abondo pra vivir fartos, soilo precisan estradas”.

O 12 de outono chegan a Lubián, centro comercial que comunica Galiza coas terras maragatas. Desde alí viaxan á Gudiña e Monterrei. O conde deixa breves anotacións sobre os lugares onde se detén a comitiva:

Navallo: 50 veciños, liño, gando, algún viño, casas de peisanos, bos xantares c’a carne superior de Galiza e moito ánimo de ousequiar (…) Barreira ten 24 veciños en chan lameirento. Logo terreo enxoito hastra Verín.

Verín é un lugar con “praza c’o oncello, 160 veciños, 2 boticas, carniceiría, tenda de panos” e tamén conclúe: “É necesario trazar estradas pra saída dos froitos fartos e variados do ademirabre val”.

En Monterrei non hai artesáns, senón funcionarios e soldados. As únicas industrias son os teares de lenzos. Desde alí chegan a Xinzo, un lugar con 160 veciños onde “a eirexa parroquial rinde ô crego de 90 a 100.000 reás de vellón”. En Xinzo ten lugar unha enchente memorable.

Se admiró aquella noche una cena tan expléndida y abundante con solas las producciones del país que no sería facil describirla aunque se intentara. La variedad de manjares quasi parecía confusión y solamente pudo advertirse que de todo comían aquellas buenas gentes sin que se notase fastidio ni alteración en su naturaleza fuerte y robusta.

Desde Xinzo viaxan a Allariz, lugar con 400 veciños, corrixidor, igrexa parroquial e convento dominico. Alí un boticario “tén estabrecida a soila fábrica de cristal tártaro de Hespaña, aproveitando o sárrio do viño”.
Logo chegan a Ourense, descrito do seguinte xeito:

Moitas rendas da Eirexa; 700 veciños con Correxidor e Concello; reximento de Milicias. Ruas mal empedreadas, porcas, esporentes e estreitas con casas de aparencia moi fea, incómodas e a maior parte ameazando ruína ou esboroamento.

Desde Ourense viaxan ao Carballiño, un pobo que o conde prevé acabará sendo importante polo seu clima e as augas termais, e solicita a construción dunha boa pousada. Logo fan a ruta do Paraño, Soutelo e Cerdedo e, máis alá, Pontevedra, vila con 3.675 veciños, a maioría dos cales traballan no mar. Deixando atrás Pontevedra, a comitiva visita Redondela e Vigo; un lugar que con camiños axeitados sería un dos mellores portos do reino.

A viaxe remata coa visita a Porriño e Tui, 1.800 veciños con Alcalde e Gobernador Militar.

O Itinerario do Sr. Conde de Guzmán amostra entre outras as seguintes particularidás: o esforzo galego en facer calzadas e pontes, o forte vivir de moitas terras, a ledicia e fartura dos nosos campos e sobretodo (xa que os viaxeiros eran demasiado neocrásicos pra apreciar os cantos populares, as eirexas medioevás, e os ceos da chuvia), a simpatía da xente e o prestixio gastronómico criado pol-a longa usanza de fidalgos e abades. Coarteles dos mais ilustres do novo brazón.
Ourense, 13 de Nadal do 1927.

(1)   Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org


Sem comentários:

Enviar um comentário