segunda-feira, 12 de agosto de 2013

ARQUIVOS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS II


 ARQUIVOS DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS II / Varios autores
23 de xuño de 1929

Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. A Cruña. Volume XXV
283 p ; 23,5 cm.

O segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos saíu do prelo de Nós o día de San Xoán de 1929, na Coruña.

Os Arquivos do SEG constitúen un resume da actividade do grupo durante o ano. Tamén a carta de presentación en sociedade do SEG co obxecto de achegar os traballos aos lectores e dar publicidade aos benfeitores da institución, atraendo novos colaboradores. (1)

Ánxel Casal foi o editor habitual das publicacións do Seminario, como indican Dobarro Paz e Vázquez Souza:

Por estas datas (1926) tamén se aprecia a vinculación de Casal co Seminario de Estudos Galegos, institución á que sempre se sentiría moi vinculado, tanto persoal como profesionalmente, mesmo atendendo, con trato de favor, a impresión das súas obras ata que no ano 1933 a virada política da dirección motivou o afastamento por mor da vinculación da imprenta de Casal cos grupos republicanos e esquerdistas composteláns cos que o Seminario non estaba interesado en verse relacionado. (2)

O 9 de marzo de 1929, Ánxel Casal dirixe unha carta a Salvador Cabeza de León, Presidente do Seminario de Estudos Galegos, durante o proceso de impresión do segundo volume dos Arquivos. (3)

Non teño o contrato dos “primeiros Arquivos”, pois como cousa de “Lar” quedouse Carré coil. Teño idea de que vostedes contribuían â impresión con mil e cincocentas pesetas en tres plazos, quedando a edizón propiedade de “Lar” para descontarse do resto coa venda, dándolles a vostede un número de exemprares. Para estes póden facer o mesmo, anque sería máis correcto por parte de NÓS que o Seninario fose dono da edición pagándoa integra e sendo pol-o tanto o producto que houbese para él, encarregándose directamente da venda ou por mediazón de NÓS, cousa ista mais doada pra vostedes anque de maior traballo pra min. En fin vostede dirá xa que vostede ben sabe que estou plenamente as ordens do Seminario e ô servizo da Terra, inda que pol-as trazas istes “Arquivos” son unha cousa allea pol-o idioma ¿Cando han ir todos na nosa lingoa?

Según as indicacións de Martinez tiraránse 400 exemprares dos “Arquivos”.

Tendo en conta as dificultades de Nós para vender os seus libros, (4) os ingresos estables representados polas publicacións do SEG eran todo un salvavidas para a editorial. Unha nova carta cruzada entre Casal e Cabeza de León con data 8 de maio de 1929 abonda nesta interpretación:

Velahí o estado de contas do Seminario con NÓS, do que resulta un saldo a favor de NÓS de 42,60 que agradezo me reembolse â maior brevedade, pois teño uns vencimentos a comenzos da semana proisima que me obrigan a recadar fondos con toda urxencia, por esta mesma razón lle agradecerei tamén me remita ô mesmo tempo o primeiro plazo dos “Arquivos”, que había vir ô comenzalos e inda non chegou apesares d’irmos na páxina 200. (5)

Orde dos traballos

Sobre la presencia de la pirrotina en Galicia. Análisis de la pirrotina de la Mañoca (Santiago)
Isidro Parga Pondal
Da Universidade de Santiago de Galicia
Pp. 7-9

Estudio químico de la nontronita de Chenlo (Pontevedra). Mineral nuevo para España
Isidro Parga Pondal
Pp. 13-18

El mecanismo de acción de la dihidroxiacetona en el organismo humano
José María García-Blanco Oyarzabal
Isidro Parga Pondal
Da Universidade de Santiago de Galicia
Pp. 21-25


Os oestrimnios, os saefes e a ofiolatría en Galiza
Florentino L. Cuevillas (Presidente da Seizón de Prehistoria)
Fermín Bouza Brey
Pp. 29-193



Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume
Federico Maciñeira e Pardo de Lama
Pp. 197-230




Cotos e Xurisdicións de Galicia. Pazo de Santa Mariña do castro de Amarante
Antón Taboada Roca
Pp. 233-242

Cotos y Jurisdicciones de Galicia. Villar de Ferreiros. El pazo, sus poseedores, inventarios de la casa en el siglo XVII
Antonio Taboada Roca
Pp. 245-264 

Ribadeu baixo o señorío dos seus condes
Francisco Lanza Álvarez
Pp. 267-283

O primeiro volume dos Arquivos complétase coa listaxe dos membros do Seminario, indicando os seus traballos de entrada na institución e tamén inclúe a relación das persoas e Administracións que contribuíron á edición do libro.

(1)  O segundo volume dos arquivos inclúe a seguinte nota contra o final do libro: Contribuiron â impresión de este II tomo de “Arquivos” coas suas subvencións e con cuotas extraordinarias: Diputacións da Cruña, Ourense, Lugo e Pontevedra. Concellos de Santiago, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Pontedeume, Verín, Melide, Ortigueira, Lalín e Betanzos. Señora Condesa del Valle de Oselle, Florentino L. Cuevillas, Fermín Bouza Brey, Francisco Lanza.
(2)  Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 51.
(3)  Ibidem anterior. Pp. 209-210. O orixinal do contrato entre Leandro Carré e os SEG pode consultarse neste mesmo blogue na entrada sobre os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I.
(4)  “De Os Camiños da Vida inda non teño datos fixos pero onde mais se vendeu despois d’Ourense foi na Cruña e Santiago ¡12 exemprares mais ou menos en cada sitio! Craro que das outras obras vendense 6 ou 7” Carta dirixida por Ánxel Casal a Otero Pedrayo en agosto de 1928. Ibidem anterior. P. 207.
(5)  O 16 de maio temos a resposta de Casal a Cabeza de León: “Recibín o seu xiro de cincocentas pesetas que deixo abonadas na conta do Seminario. Moito lle agradezo esta remesa porque me librou d’un conflicto, e pol-a molestia que lle ocasionei”. Ibidem anterior. P. 213.
(6)  Fonte da imaxe de Isidro Parga Pondal: www.concellodelaxe.com
(7)  Fonte da imaxe de J. García-Blanco: www.culturagalega.org
(8)  Fonte da imaxe de Florentino López Cuevillas: La Voz de Galicia, 14 de maio de 2012
(9)  Fonte da imaxe de Fermín Bouza Brey: www.carloscallon.com
(10)   Fonte da imaxe de Federico Maciñeira: www.celtiberia.net
(11)   Fonte da imaxe de Antón Taboada Roca: www.farmacialopezrio.com



3 comentários:

  1. Vendería usted el ejemplar nº2-1929?

    ResponderEliminar
  2. Lamento non poder compracelo, pero este blog non ten unha finalidade comercial.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  3. Grazas pola súa resposta. O imaxinaba. É un libro detrás do cal ando dende fai unos anos, pero non consigo atopalo. Grazas de todos modos.

    ResponderEliminar