sábado, 4 de abril de 2015

NOTABLE GRUPO DE CÍRCULOS LÍTHICOS Y TÚMULOS DOLMÉNICOS DE LA CUENCA SUPERIOR DEL EUME



NOTABLE GRUPO DE CÍRCULOS LÍTHICOS Y TÚMULOS DOLMÉNICOS DE LA CUENCA SUPERIOR DEL EUME / Federico Maciñeira
12 de xunio de 1929
Nós Publicacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña.
38 p ; 24 Cm.

A separata exenta do segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos titulada Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume do autor Federico Maciñeira Pardo de Lama foi impresa por Nós en Compostela en xuño de 1929.

O traballo está escrito en castelán e foi dedicado polo autor a José Ramón Mélida, director do Museo Arqueolóxico Nacional. (2)

Maciñeira foi un político e arqueólogo autodidacta que investigou os castros e monumentos megalíticos nas comarcas do Ortegal e do Eume, recollendo as pescudas en numerosos traballos publicados entre os anos 1895 e 1947 que fixeron del o principal investigador da Prehistoria local no seu tempo.

O autor é consciente de vivir os primeiros pasos dos estudos arqueolóxicos e sente a responsabilidade de contribuír ao desenvolvemento da disciplina desde o día en que atopou no altiplano da comarca do Ortegal un interesante grupo de construcións prehistóricas, trinta e cinco anos antes da publicación da separata.

Este traballo dá conta do achado de dous círculos líticos ou cromlechs (de Kroum, círculo e Lech, pedra, en bretón) e cinco enterramentos megalíticos, tamén coñecidos como medoñas, no lugar da Mourela.

Os círculos investigados por Maciñeira, hoxe destruídos (3), estaban formados por chantos de escasa altura e próximos entre eles, a diferencia dos recintos de Francia e Gran Bretaña que reúnen grandes pedras separadas.

Bajo ningún concepto puede dudarse del carácter monumental de los círculos lithicos del alto Eume. Por su situación en una elevada y descampada cumbre (...) y por no observarse a sus alrededores restos algunos que pudieran inducirnos a suponer que hubiesen sido complemento de otras construcciones, unido a la significativa circunstancia de formar grupo con varias importantes mámoas.

Os achados de Maciñeira na cunca superior do Eume esténdense polo val das Pontes e a serra da Faladoira deica o porto de Bares e o camiño de Cheibán en dirección a Cedeira.

Esta estación venía a representar el núcleo central de una tribu, de donde irradiaban varios caminos, aun en uso, por las tumbas revestidos de carácter sagrado, que la ponían en comunicación con el mar.

Os monumentos megalíticos estaban situados a dous quilómetros da vila das Pontes, seguindo o vello camiño de Betanzos, nun lugar chamado popularmente Medoñas da Mourela, que indica os túmulos no lugar dos mouros, tamén chamado antigamente Pedras Chantadas. En concreto a estación formábana cinco mámoas e dous círculos líticos.

Nº 1. Ruínas dunha mámoa pequena esnaquizada.
Nº 2. Túmulo circular de dez metros de diámetro, escavado amplamente.
Nº 3. Círculo lítico menor de nove metros de diámetro, formado por penedos irregulares e bastos de cuarzo chantados e pexados os uns cos outros, sobresaíndo do terreo uns corenta centímetros e dispostos en dúas fileiras concéntricas, cunha entrada a xeito de corredor con xambas lixeiramente máis altas ca os outros chantos.
Nº 4. Túmulo circular situado entre os dous círculos. Ten vinte e catro metros de diámetro e pecha no seu interior un dolmen cunha cripta poligonal formada por laxes de xisto de dous metros e medio de diámetro e case dous metros de alto.
Nº 5. Círculo lítico de vinte metros de diámetro formado por penedos de cuarzo que sobresaen do terreo entre trinta e sesenta centímetros colocados en dúas fileiras concéntricas e unidas, cunha abertura de acceso como sucede no círculo menor, se ben máis monumental.
Debuxo Celtiberia.net
Nº 6. Gran túmulo circular megalítico. Mámoa cun diámetro de trinta e un metros, que ocupa o cumio do emprazamento. Maciñeira atopou intacto o monumento.

Comencé a roturar la gran Medoña da Mourela por la cumbre, hallándome con tierra limpia y a los setenta centímetros de profundidad tropezamos con los extremos superiores de las cuatro grandes piedras verticales que formaban el recinto, invirtiendo tres días con cuatro peones en poner por completo al descubierto la megalítica construcción.

No interior das laxes dispostas de xeito trapezoidal Maciñeira atopou refugallos de carbón vexetal mesturados con terra queimada, sen que houbera outros vestixios relevantes.

Nº 7. Túmulo circular que agocha un dolmen. Resulta idéntico ao número 4, de vinte e catro metros cuberto pola mesma terra arxilosa que agocha unha cámara formada por cinco soportes de xisto e cuarzo. Do interior da cámara ocupada por carbón e terra calcinada Maciñeira recadou un machado de pedra puída de trece centímetros de longo e partida pola metade, que o arqueólogo interpreta como un obxecto cerimonial.

O autor conclúe diante da estrañeza que lle producen estes círculos líticos únicos na comarca, que el data no eneolítico, e dada a súa semellanza cos cromlech da Bretaña e as Illas Británicas, que “parece haber mantenido nuestra región en edades remotas determinados contactos, conforme he intentado demostrar, apoyándome no solo en los vestigios que por esta parte del país se conservan, sino en razonamientos de orden náutico” (4). O investigador identifica a coincidencia entre os recintos funerarios de Galiza e os achados de restos cerámicos semellantes (vasos campaniformes), cos de alén mar, delatando no seu xuízo a existencia de culturas emparentadas no occidente de Europa.

Por último, Maciñeira aventura o simbolismo relixioso dos círculos rodeados por mámoas e novela unha posible cerimonia celebrada neles servíndose das informacións achegadas por Tácito e Estrabón.

Por la abertura que hacía oficios de ingreso al templo, penetraría el clam al sagrado recinto, desfilando por ella de manera ceremoniosa, conforme a las fórmulas ritualistas de la tribu o tribus confederadas. Una vez dentro, iríanse colocando los concurrentes formados en semicírculo, sentándose quizá en el suelo respaldados contra los pedruscos del cerco, efectuándolo los de mayor categoría frente a la entrada. El maestro de ceremonias, pontífice, sacerdote o jefe actuaría sin duda desde el centro del recinto o entre los hitos de la puerta, cara al sol naciente, celebrando los sacrificios si ellos entraban en las prácticas religiosas de aquella cultura.

(1)    Fonte da imaxe de Federico Maciñeira. diariodeferrol.com
(2)    José Ramón Mélida Alinali (1856-1933). Impulsor do estudo da arqueoloxía en España. Dirixiu as escavacións de Numancia e Mérida.
(3)    Os seixos de cuarzo foron utilizados como grava para asfaltar o camiño veciñal das Boliqueiras durante os anos 40. Anos máis tarde, a construción da Autovía Ferrol-Vilalba ao seu paso por As Pontes sepultou a mediados de 2006 os restos do círculo lítico no tramo As Pontes-Cabreirós ao atravesar a necrópole prehistórica da Mourela. Foi daquela cando os arqueólogos Andrés Bonilla e Ramón Fábregas publicaron no ano 2009 unha polémica investigación na editorial Andavira (Círculo de engaños: Excavación del cromlech de A Mourela) onde afirman que os círculos son os restos dun alboio medieval e un curro para animais.
Para saber máis sobre os círculos da Mourela consulta a ligazón: O círculo que foi: A Mourela no seu contexto histórico. Xosé Ignacio Vilaseco. 
(4)    Maciñeira publicou no boletín da Academia Galega de abril-xuño de 1924 o traballo: Relaciones marítimas entre el Norte de Galicia y las Islas Británicas en tiempos prehistóricos.


Sem comentários:

Enviar um comentário