sábado, 30 de maio de 2015

A EIREXA DE SANTA MARÍA DE VIVEIRO



A EIREXA DE SANTA MARÍA DE VIVEIRO / Luís Tobío Fernández
1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Santiago.
5 p ; 27,5 Cm.

A separata A eirexa de Santa María de Viveiro escrita por Lois Tobío Fernández foi impresa por Nós en marzo de 1933 como documento exento do número 111 do boletín Nós, onde tamén apareceu publicada.

Algúns dos textos incluídos na revista Nós entre os anos 1931 e 1934 tamén foron impresos como cadernos independentes, probablemente coa intención de facer medrar o catálogo de publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Os traballos preséntanse encartados nunha cartolina e tanto a tipografía como o papel empregado nas reimpresións é idéntico ao usado na revista.

Tobío foi un dos nove mozos fundadores do SEG en 1923, e durante os anos vinte e trinta forneceu o catálogo do Seminario con varios traballos publicados no boletín Nós (2), ademais dunha colaboración no primeiro volume dos Arquivos do Seminario (3).

Revista Nós nº 111. 15 mar 1933
O pequeno estudo sobre a igrexa de Santa María do Campo comeza enumerando os conventos e igrexas instalados en Viveiro durante o século XIX, entre os que a igrexa de Santa María ficou como único templo románico logo da desaparición da igrexa de Santiago, que foi derrubada debido ao mal estado de conservación.

Chámase Santa María ou Nosa Señora do Campo coido que pol-o adral ampro e sombrizo e verdecente que a cingue.

A igrexa probablemente foi edificada na segunda metade do século XII e presenta tres naves, con bóveda de canón sobre a central e cuberta de madeira. O presbiterio ten planta semicircular e accédese a el a través dun arco de medio punto peraltado. O muro de cabeceira luce un rosetón circular e remata nunha espadana, mentres que a portada presenta tres arquivoltas de medio punto co tímpano liso, sen ornamentación, coroado por un novo rosetón.

 

Á unha e outra banda da portada principal hai duas torres, postas en data moi posterior; a da dereita, que é a do rilós, construéuse sobor da obra románica, mail-a das campás (que é a máis recente) fíxoa un sobrestante que tiróu a parte da obra vella, pondo entroques un adefesio que botóu a perdel-a eirexa.

A capela de San Gregorio, tamén chamada de Doce pola misa organizada tradicionalmente a esa hora instituída por doazón, ergueuse no século XV abrindo o muro para engadila ao corpo principal. É unha construción modesta edificada con arcos oxivais que agocha dous sartegos. Nun deles pode verse a seguinte inscrición:

lope afonso de gaymonde y aldonca: a su muger: fyzieron esta capilla era myl e cccc e vi anos
 
Na capela tamén está exposto un grupo escultórico primitivo en madeira policromada representando a Angustia coa Madalena e o San Xoán, que pode datar do século XV.

A sancristía é obra do século XVI e foi edificada en 1562 por doazón de Pero Pardo de Cela e a súa muller Leonor Vizoso de Baamonde.

Por último, na capela do Rosario, medianeira coa de San Gregorio, recóllense parte dos bens do desaparecido convento de San Domingos e particularmente unha imaxe da Virxe e un óleo do santo.

(1)    Fonte da imaxe de Lois Tobío: igadi.org
(2)    Unhas moedas castelás atopadas no Valadouro (Nós 22), A ladaíña de Santa Trega (Nós 93), Poñelo Santo. A verba “Farxácola” (Nós 93), Refreisións encol do momento aitual da Galicia (Nós 95), A eirexa de Santa María de Viveiro (Nós 111).
(3)    Aportazóns ó estudo da historia da pesca da balea nas costa da Galiza (Arquivos do SEG I, 1927)
(4)    Fonte das imaxes da igrexa de Santa María do Campo: 1. Turgalicia.es; 2. Guiacompleta.com/viveiro
 

Sem comentários:

Enviar um comentário