DICCIONARIO
GALEGO-CASTELÁN / Leandro Carré Alvarellos
Tomo I. Xullo de 1928
Tomo I. Xullo de 1928
Tomo II. 2 de xuño de 1931
Edición Lar. A Cruña
Edición Lar. A Cruña
473 e 447 pp ; 16 cm.
Leandro Carré Alvarellos editou os dous volumes do Diccionario Galego-Castelán sucesivamente en 1928 e 1931. O
primeiro tomo foi impreso no obradoiro da imprenta
Lar no número 34 da rúa da Franxa, na Coruña (2) e o segundo – tamén
incluído no catálogo da editorial, se ben esta cesou a actividade a todos os
efectos en 1928 – saíu do prelo na imprenta
Moret, tamén na Coruña.
En 1933 editouse unha segunda edición deste dicionario
nun único volume impreso na papelería
Zincke Hermanos da Coruña, que sería o último volume identificado coa imaxe
de Lar. (3)
Carré esforzouse por fixar a ortografía e o vocabulario da
lingua galega, recuperando as voces recollidas en dicionarios anteriores e
dando entrada ao novo léxico moderno.
Coa finalidade de ter
instrumentos técnicos para facilitar o uso do galego, a Irmandade editou o Compendio de gramática galega en 1919 e
un Vocabulario castelán-galego,
inicialmente por entregas (1922-1923), a autoría de ambos é de Carré. (4)
Segunda edición do dicionario |
Precisamente este Vocabulario das Irmandades da fala aclara o criterio escollido para seleccionar as
entradas:
Palabras de uso actual
que creemos no constituyen barbarismos, neologismos y maneras de dicción de
influencia ajena, especialmente castellana y aquellos términos excesivamente
comarcales. Pero en cambio procuramos esforzarnos en consignar todos los
vocablos que son netamente gallegos y que están inscritos en cuantos monumentos
literarios existen de los pasados siglos, hasta el XVI, en que, oficialmente,
comenzó a imponerse el castellano. (5)
A revista Nós
no número 59 de novembro de 1928 celebra a publicación do primeiro volume do
dicionario, destacando o carácter popular da obra.
Publicidade na revista Lar |
É unha obra
d’utilidade e destiñada ô gran púbrico; non é un diccionario d’autoridades,
com’o da Academia Galega, nin unha verdadeira enciclopedia de cousas de Galiza,
com’o que se vai principiar, d’Eladio Rodríguez González, nin unha obra
centífeca. Pro é moito mais que ningún dos diccionarios compretos que se levan
pubricado, e que ata d’agora, mais ben foron vocabularios estesos que non
diccionarios propiamente ditos. Ven encher unha necesidade que se faguía sintir
fondamente, e está por elo chamado a ter un grande éisito.
Este carácter popular fica tamén de manifesto desde as
primeiras noticias sobre o seu lanzamento na revista Lar, que no número 35, de
xullo de 1927, anuncia a pronta edición do Diccionario
Galego Lar – O máis compreto dos pubricados
hastr’o dàgora. E a partir do número 37 comezan a publicarse cupóns de
desconto na mesma revista: O que presente á
coleición de cupós pubricados en LAR, a partir de hoxe, recibirá un exemprar do
«Diccionario galego LAR» en condiciós ventaxosas.
Os catro cupóns de desconto aparecidos na revista Lar |
A lentitude coa que a Academia Galega acometeu a empresa de editar o seu dicionario,
finalmente abandonada en 1928 debido ás dificultades económicas –
interrompérono logo de publicar 27 cadernos, sen rematar a letra C (a última
entrada foi cativo) –, provocou a frustración dos escritores e intelectuais
galegos, para quen resultaba urxente encher o baleiro dunha lingua preservada fundamentalmente
na tradición oral. (6)
Despois dun longo
periodo en que a nosa língua ficou sômente agarimada nos sinxelos beizos dos
homildes, labregos, traballadores e mariñeiros, que tiveron a grandeza de a
conservaren na quentura melosiña dos seus fogares, hoxe volta á recobrare o seu
esprendor, e ainda á escintilar con novos resprandores, gracias ao xenio dos
nosos escritores que fixo rexurdir â vida literaria e culta, a desleixada,
desditosa, fala. (verbas limiares ao primeiro tomo do dicionario de Leandro
Carré).
E neste relativo ermo lexicográfico, axitado pola
expectativa da inminente publicación do dicionario de Eladio Rodríguez, que finalmente non se produciu até 1958, xorde o
primeiro tomo do dicionario galego-castelán de Leandro Carré.
Este primeiro tomo está dedicado a Manuel Portela Valladares. (7)
Leandro Carré non xulga necesario incluír no seu
dicionario as entradas comúns ao galego e castelán. Ademais incorpora un
prontuario ortográfico, que entre outras cousas inclúe as normas para a
formación do plural, o uso dos pronomes, infinitivos e acentos gráficos. Tamén
anexa a conxugación dalgúns verbos.
O primeiro tomo, rematado en xullo de 1928, acaba na
letra D.
O segundo tomo, publicado o 2 de xullo de 1931, non
inclúe limiar nin información ortográfica adicional e reúne as entradas que van
desde o E até o Z.
A última palabra recollida no dicionario é: Zuruxano s.m.
Cirujano. V. Ciruxán.
(1)
Imaxe de Leandro Carré Alvarellos: portada de
Enredos. Terra a Nosa. Bibrioteca Popular Galega. 1919
(2)
En agosto
de 1927, Leandro Carré trasladou o obradoiro da imprenta Lar á rúa da Franxa,
27 desde a rúa Real, 36, logo da separación de Ánxel Casal, quen fundou a
editorial Nós na antiga sé, onde tamén estaba o seu domicilio.
(3) O dicionario conta cunha terceira edición en 1954 impresa
na Litografía e Imprenta Roel da
Coruña e outra edición ampliada en 1972 na Imprenta
Moret. Logo editouse de novo en Compostela na Imprenta Velograf en 1979, chegando á octava edición en 1984.
(4)
Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso. Xosé Manuel Maceira Fernández. Alvarellos Editora. Santiago
de Compostela. 2014.
(5)
Vocabulario Castellano Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret. A Coruña. 1933.
(6)
Os dicionarios galego-casteláns de principios do século
XX. Benigno Fernández Salgado. USC. 2000
(7)
Manuel Portela Valladares. (Pontevedra, 1867 – Bandol (Francia), 1952). Político
de ideoloxía republicana e liberal, propietario e fundador de El Pueblo
Gallego, en Vigo, onde deu entrada aos intelectuais galeguistas. Exerceu como
presidente do goberno de España entre 1935 e 1936.
Ningún comentario:
Publicar un comentario