sábado, 1 de julho de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 13



Un ano despois de ter chegado a Madrid, Cabanillas volve a Cambados de vacacións xunto ao pintor Francisco Lloréns (1), coa intención de homenaxear a Asorey (2).

CASINO DE CAMBADOS

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique:

¿Recibiche a miña carta? O banquete a Asorey será o día 20, domingo, e eu tiña moito intrés en que viñeras. Como o númaro de tarxetas e limitado, dime si che reservo algunha: coido que estará moi ben, anque o custo non é mais que de tres pesos, e que virá boa xente. Podes matar dous paxaros d-un tiro, pois o mesmo dia âs 5 da tarde escomenzarán as regatas de Vilagarcía que din serán unha cousa moi linda. ¿Que che parecéu o númaro derradeiro de “As Roladas”? Lloréns tamén tería unha grande legría en verte. ¿Si non poidera vir o día 20, non podes chegarte un día calquera a xantar con nos? ¡Cantas ganas teño de che dar unha aperta!

Pol-o demais temos de falar moitas cousas.

Póme duas letras

Teu de cote

Ramón
5 agosto – 1922


Cabanillas anuncia a Peinador a celebración da homenaxe a Asorey en Cambados, o 20 de agosto de 1922. Tradicionalmente pensábase que este acto tivo lugar o día 22, pero ese día coincidiu en martes e non en domingo, como si foi día 20, polo cal e máis tendo en conta a carta de Cabanillas, quen foi o organizador, temos que dar por boa a data do domingo día 20.

Cabanillas comezou a preparar en Madrid os actos en honra do escultor e non lle debía ser moi difícil ter a complicidade do concello de Cambados, pois na altura exercía de tenente de alcalde o seu amigo Xaquín Sánchez Peña. A homenaxe a Asorey era de recoñecemento pero tamén de desagravio porque, en opinión de Cabanillas e de case toda a colectividade artística galega, o terceiro premio que o xurado da Exposición Nacional de Bellas Artes decidira outorgarlle á obra do escultor cambadés non se correspondía cos máis altos merecementos de Naiciña e, de feito, Asorey rexeitara a medalla. (3)

Naiciña é unha das obras costumistas executadas por Asorey nos anos 20. Trátase dunha talla en madeira policromada de trazos realistas relacionada con outras obras do mesmo autor e que pretenden representar a vida popular galega, amosando a identidade esencial da raza.

Asorey presentou a obra na Exposición Nacional, onde obtivo o terceiro premio consistente nunha bolsa de viaxe que había servirlle para percorrer España.

O acto de desagravio organizado por Cabanillas en Cambados contou coa presenza de representantes políticos e boa parte da elite cultural galega, entre os que estaban os alcaldes de Cambados e Santiago, e tamén Portela Valladares, Vicente Risco, Basilio Álvarez, Castelao, Francisco Lloréns, Francisco Camba, Eladio Rodríguez, Euxenio Montes, Enrique Peinador, Fernández Mazas, Bouza-Brey, Valentín Paz-Andrade e Antonio Magariños, entre outros, unidos todos eles pola amizade con Cabanillas. (5)

O poeta leu os “Versos á présa”, escritos para a ocasión.

Cando vin que en Castela foi premeada
“Naiciña”, polos cutres na inxusticia,
maxinei teu cicel honrosa espada
redentora dos aies! de Galicia.

E entón dixen: traballando decote,
co numen enxendrado, neste rueiro,
chegará a ganar premeos a pote
que che tendrá que da-lo mundo enteiro.

E esquírboche ca miña musa tola
e sin ter un anaco de trobeiro,
a fin de que coroes a cachola
con estes ramalliños de loureiro.

Quedo namentras: afiando a fouciña
con que os cortei na nosa “Terra Santa”,
aprand-os premeadores de Naiciña
Que a croalos tamén... pola graganta...

I agora que lle vou mandar a Paquiño?
Voulle mandar os loureiros... i a fouciña...

(1)  Francisco Lloréns Díaz. (A Coruña, 1874 – Madrid, 1948). Pintor paisaxista, cun estilo próximo ao impresionismo.
(2)  Francisco Hipólito Asorey González. (Cambados, 1889 – Santiago de Compostela, 1962). Escultor.   
(3)  Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(4)  Naiciña (1922). A peza, desaparecida durante anos, foi localizada en 2014 nun museo de Santa Fe (Arxentina), probablemente repintada e sen conservar a policromía orixinal. Fonte da imaxe: Faro de Vigo.
(5)  Franciso Asorey, escultor galego. Maribel Iglesias Baldonedo. Tese de doutoramento. Santiago de Compostela. 2015.

Sem comentários:

Enviar um comentário