martes, 1 de maio de 2018

A REVISTA LAR


Novembro de 1924 – Xaneiro de 1928
Lar, revista de periodicidade variable. Editada no nº 36 da rúa Real e no 34 da rúa da Franxa. A Coruña
40 números.
Portada de Camilo Díaz Baliño


O primeiro exemplar da Revista Lar saíu do prelo o 29 de novembro de 1924 culminando a vella arela dos membros da Irmandade da Fala da Coruña, e particularmente de Antón Vilar Ponte e Xoán Vicente Viqueira, por presentar unha publicación literaria periódica en lingua galega.

Ao cabo foron os mozos Ánxel Casal e Leandro Carré os encargados da edición desde o local situado no primeiro andar do número 36 da rúa Real da Coruña, domicilio familiar de Ánxel Casal e María Miramontes.

A colección comezou coa novela curta A miña muller, do escritor e xornalista Wenceslao Fernández Flórez. Os editores incluíron unha nota neste primeiro número:

Co’a humorística e fermosa novela de Wenceslao Fernández Flórez, escrita espresamente para Lar pol-o admirado amigo, encomenzamos hoxe a pubricación d’esta revista, na que poñemos todo o noso cariño e toda a nosa vontade.
Queremos que no limiar da nosa obra figuren unhas verbas de agradecimiento para o insine ironista que, desinteresadamente, ofreceunos a sua colaboración, como o tamén celebrado Paco Camba, demostrando así estes grandes escritores á para que o amor á Terra nai, o seu desexo de contribuir co prestixio das suas firmas e a valía das suas obras, ao enriquecemento da nosa Literatura rexional, que rexurde agora renovadora e vizosa coma froito en sazón.
E sexan tamén as nosas verbas primeiras un saúdo de irmandade para cantos colaboran con nós, para a prensa galega, para os letores. A todos rogámoslles acollan con agarimo esta pubricación que procuraremos mereza o seu favor.

Casal e Carré non puideron adquirir a maquinaria de imprenta en propiedade até maio de 1925 e os cinco primeiros números da revista foron editados pola imprenta Moret, no obradoiro da rúa da Mariña, 28 da Coruña.

O primeiro exemplar impreso íntegramente por Lar foi Martes d’Antroido, da escritora Francisca Herrera Garrido.

Este é o berro de ledicia e de amor que nos brota dos beizos ao dar feita nos propios talleres esta noveliña, realizando o noso proyeito.
Xa temos imprenta, inda que en dala montada tardamos mais do que contabamos; xa podemos nos poñer en comunicación cos nosos lêtores, nosos irmans, que sinten o mesmo amor que nós pol-a fala galega, pol-as letras d’esta nosa Terra que quixéramos ver frorecentes e groriosas.

Pero este sempre foi un negocio deficitario, acometido máis polo compromiso ideolóxico dos impulsores que polo carácter rendible, como eles mesmos proclaman na nota editorial incluída no número 26: “...proporcionándolles aos nosos leitores novelas interesantes e ben escritas que lles den prena satisfaición, ainda impoñéndonos sacrificios; porque a nosa empresa non é industrial, senón patriótica”.

E sempre apremados polas dificultades para cubrir os gastos do proxecto, o número 12 expresa a necesidade de ampliar o número de subscritores para manter a publicación:

Rogamos a vostede nos axude
O noso intento foi o mais grande que se fixo hastra o d’agora para conseguir a creación da novela galega “en galego”. Pretendíamos que os nosos escritores adicases â prosa, â novela, o interés que merez, e queriamos que os galegos amantes da sana lêtura tivesen unha pubricación axeitada.
Se os nosos lêtores quixeran axudarnos na nosa labor recomendado a pubricación LAR entre as suas amistades, ademais de nos favorecer contribuindo a afianzar esta nosa querida novela, farían unha obra de cultura, de patriotismo, e asegurarían a vida da pubricación que precisa de todos para se soster e mellorar.

A novela Lar seguía o modelo de éxito da época onde numerosas editoriais publicaban de xeito periódico novelas curtas en idioma castelán, con grande éxito de difusión.

Tamén en galego naceron diversos proxectos entre os que destacan: Terra a Nosa, Céltiga, Alborada e Libredón. De todos eles, e a pesar das dificultades, Lar foi o máis lonxevo.


Pero este non deixou de ser un acto voluntarista e xeneroso, como reiteran os editores nunha nova nota que encabeza o número 25 da colección, en setembro de 1926.

Rogamos a vostede nos axude
   Coa presente son 25 as novelas que levamos pubricado. Ninguén ata o de agora fixo un esforzo tan grande para arrequentar a prosa galega; un esforzo que vai dando seu froito, pois non sômentes algúns vellos escritores escribiron novas obras, senon que un númaro non pequeno de literatos mozos acodíu ao campo das letras cunha importante engadega de páxinas ben trazadas.
   O noso esforzo, en troques, anúlase ante a indiferencia dos libreiros, salvo honrosas esceicións, que non atenden as nosas pubricazons nin as espoñen nas suas vidreiras, impedindo así que os lêtores poidan saber cando aparez un novo número das novelas LAR. Esto réstanos difusión; a difusión que por comenencia de todos convén que teñan as novelas galegas.
   Por esto rogamos aos nosos lêtores, aos nosos amigos, que propaguen as pubricacions Lar antre as suas amistades e parentes, cô que farán unha obra de cultura e patriotismo contribuíndo ao espallamento e progreso da literatura galega.
   As novelas Lar póñense â venda o derradeiro sábado de cada mes.

Non obstante, a colección non desapareceu por causa das dificultades económicas senón debido á separación de Leandro Carré e Ánxel Casal, quen deixou Lar no mes de agosto de 1927 para fundar en solitario a editorial Nós.

Carré aínda había publicar cinco novos títulos no local da rúa da Franxa 34, tamén na Coruña, antes de dar cabo á colección.

RELACIÓN DE TÍTULOS DA REVISTA LAR

Nº 1. A miña muller. Wenceslao Fernández Flórez. 29 de novembro de 1924. 32 pp.
Nº 2. O anarquista. Leandro Pita Romero. 20 de decembro de 1924. 32 pp.
Nº 3. O pastor de doña Silvia. Aurelio Ribalta. 3 de xaneiro de 1925. 30 pp.
Nº 4. Naiciña. Leandro Carré. 17 de xaneiro de 1925. 25 pp.
Nº 5. Os probes de Deus. Luís Amado Carballo. 31 de xaneiro de 1925. 32 pp.
Nº 6. Martes d’Antroido. Francisca Herrera Garrido. 9 de maio de 1925. 32 pp.
Nº 7. Antón Piruleiro. Xesús Fernández e González. 23 de maio de 1925. 24 pp.
Nº 8. Pantelas, home libre. Ramón Otero Pedrayo. 6 de xuño de 1925. 20 pp.
Nº 9. A terra chama. Uxío Carré Aldao. 20 de xuño de 1925. 29 pp.
Nº 10. O lobo da xente. Vicente Risco. 4 de xullo de 1925. 25 pp.
Nº 11. Buserana. Gonzalo López Abente. 18 de xullo de 1925. 29 pp.
Nº 12. A dona das torres. Ánxel del Castillo. 22 de agosto de 1925. 21 pp.
Nº 13. Ana María. Xoán Xesús González. Setembro de 1925. 21 pp.
Nº 14. A propia vida. Leandro Carré Alvarellos. Outubro de 1925. 26 pp.
Nº 15. Cabalgadas en Salnés. Fermín Bouza Brey. Novembro de 1925. 20 pp.
Nº 16. Anxélica. Florencio Vaamonde. Decembro de 1925. 29 pp.
Nº 17. Manecho o da rúa. Xosé Lesta Meis. Xaneiro de 1926. 39 pp.
Nº 18. O Kalivera 30 H.P. Xulián Magariños Negreira. Febreiro de 1926. 30 pp.
Nº 19. O Consentimento. Luís G. Vicencio (Lois Galo Vicente Carré Alvarellos). Marzo de 1926. 36 pp.
Nº 20. Desengano. Xan Pla Zubirí. Abril de 1926. 46 pp.
Nº 21. O home que deu vida a un morto. Leandro Carré Alvarellos. Maio de 1926. 36 pp.
Nº 22. A Coutada. Vicente Risco. Xuño de 1926. 26 pp.
Nº 23. Xelo, o salvaxe. Felipe Fernández Armesto. Xullo de 1926. 23 pp.
Nº 24. O karma de Farruco Filgueira. Ánxel Romero Cerdeiriña. Agosto de 1926. 40 pp.
Nº 25. A filla da patrona. Xuan Xesús González. Setembro de 1926. 21 pp.
Nº 26. Fuxidos. Gonzalo López Abente. Outubro de 1926. 51 pp.
Nº 27. O filósofo de Tamarica. Xulián M. Magariños Negreira. Novembro de 1926. 26 pp.
Nº 28. O xardín do castelo de Vidre. Álvaro María de las Casas. Decembro de 1926. 20 pp.
Nº 29. A pecadenta silenzosa. Manuel Bergueiro López. Xaneiro de 1928. 44 pp.
Nº 30. O Vigairo. Xosé Filgueira Valverde. Febreiro de 1927. 22 pp.
Nº 31. Morta! Celestino Noya. Marzo de 1927. 20 pp.
Nº 32. Escrito na néboa. Ramón Otero Pedrayo. Abril de 1927. 26 pp.
Nº 33. Loita. Rafael Fernández Casas. Maio de 1927. 36 pp.
Nº 34. Ladaíña. Álvaro María de las Casas. Xuño de 1927. 23 pp.
Nº 35. De como claudicou Xaquín Quiroga. Xacobe Casal. Xullo de 1927. 23 pp.
Nº 36. O xornal de Mavi. Leandro Carré Alvarellos. Agosto de 1927. 29 pp.
Nº 37. O ilustre Cardona. Wenceslao Fernández Flórez. Setembro de 1927. 42 pp.
Nº 38. Contos. Alfredo Canalejo. Novembro de 1927. 27 pp.
Nº 39. Contos de Nadal. Armando Cotarelo Valledor. Decembro de 1927. 30 pp.
Nº 40. Alevamento. Luís G. Vicencio. Xaneiro de 1928. 46 pp.


Ningún comentario:

Publicar un comentario