sábado, 1 de maio de 2021

SOBRE A LOCALIZACIÓN XEOGRÁFICA DO SANT-GRIAL

 


SOBRE A LOCALIZACIÓN XEOGRÁFICA DO SANT-GRIAL
/ Xoaquín Arias Sanxurxo
Editorial Lar. A Cruña

1927

10 pp ; 23 Cm.

O estudo Sobre a localización do Sant-Grial escrito por Xoaquín Arias Sanxurxo foi impreso por Lar na Coruña en 1927.


As notas sobre a localización en Galiza do Santo Graal apareceron no primeiro tomo dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos e tamén como documento exento sen encadernar.

Xoaquín Arias exerceu como avogado, xornalista e político, de orientación agrarista, galeguista e republicana. Da nai herdou o título de marqués de Pardiñas, pero renunciou a el polas súas conviccións republicanas. Además foi membro do SEG e publicou traballos de investigación histórica en diversos medios, entre eles na revista Nós.

A orixe da vinculación do Cebreiro cunha das localizacións dos Santo Graal pode estar na tradición popular. A lenda conta que no século XIV un veciño da aldea de Barxamaior asistiu á misa do galo baixo unha forte nevarada, chegando á igrexa de Santa María no momento da consagración. Como premio polo esforzo, o pan e o viño transformáronse en carne e sangue e a imaxe da Virxe co Neno inclinou a cabeza para contemplar o milagre, ficando así para sempre.

Said Armesto e Ánxel del Castillo espallaron na prensa a opinión favorable sobre a localización do Graal no Cebreiro e Cabanillas dedicoulle os versos do Cabaleiro do Sant-Grial, publicado por vez primeira na revista Alborada en 1922.

(...)rube o nobre cabaleiro,
no seu soño a cabalgar,
a montaña milagreira
de Cebreiro-Monsalvat.
(...) Trasposto de amor divino
alzóu os ollos Galahad:
¡Milagreiramente ergueito
encol da ara do altar,
brilaba o lume sagro
o caliz do SANT GRIAL!
Rompéu o ceo na ermida,
e o misterio a renovar
de faguer o home divino
e faguer a Deus humán,
branca como as albas neves
véuse unha pomba baixar:
¡ô seu arredor, en circo,
doce estrelas a brilar,
ficou coas azas abertas
enriba do SANT GRIAL!


Xoaquín Arias sitúa a orixe da teoría sobre a localización do Graal no Cebreiro na publicación do libro De la diócesis del sacramento polo bispo Antolín López Peláez en 1907.

Ánxel del Castillo recolle a curiosidade de Said Armesto logo da publicación deste libro manifestada nunha conferencia no Ateneo de Madrid en 1911, creando un estado de opinión favorable á localización do Graal na Galiza en lugares tan diversos como O Cebreiro, a catedral de Lugo, Salvaterra e a Ribeira Sacra.

Del Castillo conecta a tradición oral galega co poema do Santo Graal divulgado no século XII, preguntándose:

El lejano país de Occidente ¿será Galicia?, ¿será el Cebrero el ignorado Montsalvato? Su templo ¿el de Titurel? No creo fácil contestar afirmativamente a estas preguntas, pero más difícil sería para mí negarlas en redondo.

Arias establece a coincidencia semántica entre os lugares onde transcorre o romance de Perceval atribuído a Chrétien de Troyes e a xeografía galega, como Monseibane por Montsalvaesch e Salvatur por Salvaterre, anotando ademais a coincidencia do bosque iniciático onde penetra o cabaleiro co bosque virxe da serra de San Mamede.

Tamén a tradición popular en varias parroquias da Ribeira Sacra recolle o roubo do cáliz mesturado con historias de mouros e cobras, e como a valentía do crego salvouno das súas gadoupas.

Por último, Arias expresa que a súa intención é a de aportar: “Unha nova conxetura sinceiramente exposta en col da determiñanza da localización do Sant-Grial na nosa terra. Un novo vieiro a engadir os que abriron López Peláez, Ánxel del Castillo, Said Armesto e Bonilla San Martín. Esta estrada está ainda por andar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario