venres, 7 de setembro de 2012

BUSERANA



BUSERANA / López Abente, Gonzalo
18 de xullo de 1925
Lar, revista quincenal; número 11. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
29 páx. ; 16 cm.

A novela Buserana escrita por López Abente, apareceu publicada co número once na colección de novela breve Lar en xullo de 1925.

O autor, novelista, poeta e tamén dramaturgo, deu ao prelo catro novelas breves que tratan todas elas dos costumes e problemas dos pobos mariñeiros; en particular da Costa da Morte, lugar onde viviu López Abente e que utilizou decontino como marco e inspiración da súa obra.

O primeiro dos relatos en publicarse foi O diputado por Veiramar, editado na Coruña en 1919 na Imprenta Nova. Logo chegou O novo xuez, en 1922, aparecido no número catro da revista Céltiga. Búserana, en 1925 e Fuxidos, un ano máis tarde, foron as últimas obras da serie dedicada ás vilas mariñeiras, incluídas na Biblioteca Lar cos números once e vinte e seis.

A terceira das novelas, Buserana, pode considerarse como un conto tradicional tanto na formulación da historia como no desenvolvemento e na caracterización das personaxes. Non obstante, a obra adquire contra o final unha dimensión insólita, presentándonos un desenlace tan rápido como inesperado.

Sinopse da obra

Os feitos que narra Álvaro sucederon na súa mocidade, o ano en que viaxou desde Compostela deica a reitoral de Moraime para visitar a seu irmán Eduardo, o párroco.

O mesmo día da chegada, Álvaro acudiu a contemplar os cantís desde o outeiro da Carrúa: a medoñenta punta da Buitra e o forte Cachelmo amostrando nas suas entranas a boca aberta e temerosa da furna da Buserana”.

Loís Morandeira, o médico de Muxía (1), veu saudalo e no adro faloulle de Andreíña, unha moza fermosa que cantaba como un reiseñor, filla de Sabela, a criada de Eduardo.

Cando Álvaro coincidiu con Andrea na cociña da reitoral, contoulle que a noite pasada escoitou cantar unha moza preto da casa: “Xa sabes que as sirenas viven nas brancas escumas das ondas salgadas que se desfán marmuladoras nas fondas furnas das costas mariñas; e cando elas cantan, os mariñeiros que as ôn están perdidos”. Mesmo había, dixo, sereas que ás veces visitan Moraime: Algunha escapada das ardentias fumegantes da furna de lênda e misterio da Buserana, veu onte de noite á este lugar”.

Reunidas na cociña da reitoral Andrea, a súa nai Sabela e a tía Ramona, Álvaro contoulles a lenda da Buserana.

Ao castelo do señor das terras de Nemancos e Soneira chegou un día un trobador chamado Buserán. O mozo aproveitou a ausencia do conde para gañar coa axuda da música o corazón da súa filla Frolinda. Pero a reacción do conde foi terrible: mandou pechar a filla nun cuarto e ao trobador despenouno nunha furna da costa. Cando Frolinda saíu do encerro, toleou e desde entón vagaba pola costa procurando o amado.

Unha noite en que Frolinda esculcaba a furna na procura de Buserán, desde o fondo da cova sentiu chegar a voz do trobador. Decontado xurdiu do mar unha onda enorme onde podía verse a figura do mozo, que levou canda ela a moza. Desde entón, quen baixa á furna ve correspondido o seu amor.

Á mañá seguinte, Andrea non acudiu á misa oficiada por Eduardo como todos os días. Sabela e Ramona contaron que a moza faltaba da casa desde moi cedo e nunca tal sucedera. Os dous irmáns, Álvaro e Eduardo, saíron na procura dela e pouco máis tarde deron co corpo ensanguentado sobre as penas, a rentes do mar.

Andrea pasou varios días randeando entre a vida e a morte ao coidado de Loís Morandeira, ata que as feridas comezaron a sandar. En todo o tempo que durou a curación, Álvaro non abandonou a reitoral. Sentíase culpable por ter encirrado en Andrea para que arriscase a vida baixando á furna, e non se lle ocorreu mellor xeito de redimirse que ofrecerse a casar con ela, convencido de que el era a causa dos degoxos da moza.

Sentado no leito xunto a Eduardo, Álvaro contoulle a Andrea que a Buserana favorecéraa ao cabo e cando xa estaba a piques de comezar a explicarse: “un berro agudo interrompeu o meu discurso… Andreíña, lixeira coma un gato montés, brincara enriba do meu irmán e aprisoábao fortemente entre os seus espidos brazos. El, coa palidez da morte nos ollos, mudo e tremante loitaba por se libertare d’aquel lazo infernal.

Cando despois d’este acceso de febre, a doente caeu rendida e sen coñecemento no leito, quedámol-os dous mirándonos espantados e dôridos, cal duas pantasmas xurdidas do camposanto”.

    (1) Gonzalo López Abente, natural de Muxía, situou os catro relatos mariñeiros, ben explicitamente ou de xeito encuberto, na vila de Muxía e na súa contorna.


Ningún comentario:

Publicar un comentario