venres, 28 de setembro de 2012

O BENDITO SAN AMARO



O BENDITO SAN AMARO
Texto: Cabanillas Enríquez, Ramón
Debuxos: Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
1925
Edición Lar, Impreso en Mondariz-Balneario (imprenta do balneario)
28 páx. ; 22 cm.

O romance O bendito San Amaro, obra de Ramón Cabanillas, con debuxos de Castelao, foi editado por LAR e confeccionado na imprenta do balneario de Mondariz en 1925.

Ramón Cabanillas publicou boa parte da súa obra no balneario, propiedade de Enrique Peinador, empresario de ideoloxía galeguista que había exercer o seu mecenado co poeta despois de este perder o posto de funcionario no concello de Mos. Cabanillas traballou desde o ano 1923 no establecemento, e na imprenta do balneario tamén deu ao prelo a peza dramática A man de Santiña (1921) e os libros de poemas Na noite estrelecida (1926) e A rosa de cen follas (1927).

O romance publicado baixo o epígrafe: Estoria do bendito San Amaro que foi chamado no mundo o Cabaleiro de Arentéi, conta a lenda do cabaleiro don Amaro de Arentei, asasino fratricida que decide afastarse do mundo para facer penitencia e alcanza a santidade despois de trinta e tres anos de retiro.

Cabanillas exhorta os romeiros a visitar a ermida de Santo Amaro, enxalzando o carácter milagreiro do santo e o efecto benfeitor da romaxe, pois como afirma o poeta:

“O que San Amaro vaia
nunca lle perderá a lei
nin á fala de seus pais
nin á Terra onde nacéu.”

Deseguida reprodúcese o texto íntegro do romance, respectando a grafía histórica.

O bendito San Amaro

Estampas da vida e miragros do grorioso San Amaro que se venera na súa ermida do coto Salnés que o abade don Martiño do Reial mosteiro de Nosa Señora da Armenteira mandóu facer por canteiros na era de El Señor de Mil e CC Annos.

I

Lembrando días heroicos,
nos que de groria treméu
vendo miragros de santos
e cabalgadas de reis,
o Castrove está deitado
na campía de Salnés,
diante do mar arousano
a soñar e frorecer.

II

N-un rexo pazo do monte,
en onde a ermida se erguéu,
vivía ó tempo o Fidalgo
Don Amaro de Arentéi
que un Domingo de Pasión,
o peito cheo de fel,
a seu irmán dou a morte
por ciumes de unha muller.

III

O negro can do remorso
mordéndolle o corazón,
deixando casal e terras
fuxéu o mal matador
e n-unha cova sombriza
trintatrés anos pasóu
entobado como un lobo,
pregando ó ceo perdón.

IV

Todol-os anos, no adro
onde o morto se enterróu,
frorecen duas rosiñas
o Domingo de Pasión:
unha branca, como neve
baixo as raiolas do sol;
outra roxa, como sangre
saído do corazón.

V

Enriba da rosa branca,
as azas de ouro a bater,
unha abella miragreira
chucha resolio de mel;
encol da rosa bermella
un verme negro nacéu
que fai, roendo, roendo,
as follas apodrecer.

VI

O Domingo de Pasión,
a tempo que amañecéu,
o Abade de Armenteira
campanas manda tanguer.
Trintatrés anos pasados,
trintatrés anos a ren
a rosa outrora bermella
astora branca surdéu.

VII

Nobres, monxes e labregos,
descalzos, en procesión,
cara ó monte de Castrove
encamiñóuse o Prior.
A cruz do mosteiro alzada,
na cova, tremente, entróu
envolto en fíos de prata
de un divino resprandor.

VIII

O esprito de Don Amaro
voara a dar conta a Dios:
o corpo ficara ergueito,
as mans en adoración.
Trintatrés rosas bermellas
frorían ó seu redor,
unha abelliña doirada
enriba do corazón!

IX

Mariñeiros da Lanzada
que o trebón no mar colléu
chamaron por San Amaro,
do mar saíron con ben;
ceguiños que nunca viran,
na cova lograron ver;
tullidos que arrastro foron
volveron pol-o seu pé.

X

O bendito San Amaro
ten unha ermida en Salnés
n-un castro soave, redondo
como un peito de muller.
O que San Amaro vaia
nunca lle perderá a lei
nin á fala de seus pais
nin á Terra onde nacéu.

Aquí remate a estoria
do fidalgo de Arentéi.
Que El Señor nos guíe e vala
por sempre xamáis. Amén.


1 comentario: