sábado, 16 de agosto de 2014

A ILLA DE ONS



A ILLA DE ONS / Das Casas, Álvaro
1934
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
18 p ; 27,5 cm.

O traballo sobre A illa de Ons do escritor Álvaro María Casas Blanco forma parte das publicacións do Seminario de Estudos Galegos e foi impreso como separata da revista Nós en 1934.

Álvaro das Casas foi un destacado difusor da ideoloxía galeguista e fundador dos Ultreia – mocidades do Partido Galeguista –. Tamén exerceu como ensaísta, narrador, poeta e, principalmente, dramaturgo.

A editorial Nós editou simultaneamente o traballo sobre a illa de Ons como separata exenta e tamén apareceu incluído no número dobre 131-132 da revista Nós, correspondente á xeira novembro-decembro de 1934.

Esta monografía constitúe con toda probabilidade o traballo de entrada de Álvaro das Casas no SEG e nela realiza o primeiro estudo etnográfico coñecido sobre Ons.

Revista Nós 131-132
A illa de Ons carez de bibriografía; apenas unha lixeira reprenza nos dizonarios e mais ren. Rivera e Vázquez non falan dela, moi pouco Murguía, Rodríguez González pouco mais fai que nomealas o mesmo que Gallego Armesto o mestre Otero Pedrayo, tan compreto sempre, adícalle uns comentarios casi telegráfecos; Xurxo Lourenzo adícallos brebísimos (sic) e Xoán Carballeira fáille uns reportaxes no Pueblo Gallego mais sen saírese do senso xornalísteco que os motivaba.

Tanto esquecemento dos estudosos move ao autor a ocuparse das illas, que cualifica como un dos recantos máis atraentes e interesantes do país, expresando o desexo de que este traballo sirva como punto de partida para outros estudos máis profundos.

A illa abránguese nunha ollada que conmove e apaixoa: verdecente como a Erín das lêndas, ergueita como un castelo, cinguida de escumas e salseiros pol-o crebar impoñente das ondas nos cantís esgrevios; semella unha nao mitolóxica a pregar o rosario das illas do poente.

Sinopse da obra

O estudo está dividido en dez apartados: xeografía, historia, habitación, xente, supersticións, lendas e contos, xantares, festas, relacións xocosas e cancioneiro.


Respecto da xeografía, o autor fala da situación da illa e da súa morfoloxía. Tamén sabemos que é propiedade de Didio Riobóo, quen reside nela logo de comprala por trescentas mil pesetas.

A metade N. da illa é probe, pouco habitada e tristeira; a do sul rica, fermosa, máis habitada e leda (...) moran na illa 59 veciños facendo un total de 418 habitantes que se xuntan en 64 casas. Non hai crego, nen médeco, nen botica, pero si escola (...) os veciños moran na illa de aluguer e pol-a terra teñen de pagar renta ao Sr. Riobóo; non teñen ren nen a casa en que moran. Recollen moi boas colleitas e axúdanse co peixe que abonda moito nestas costas.

Das Casas non manexa información histórica sobre o lugar. Recolle as novas de Xaquín Lourenzo, quen fala da presenza de dous castros e algunhas mámoas, e identifica un deles, o chamado Castelo dos mouros que o autor tiña visitado antes na xeira en barco dos mozos Ultreia. (2)

Cornide di que a Ons e a Onceta son as Insulae deorum de que fala Ptolomeo. Outros fánnas dúas das dez Casitérides de que fala Strabón, e Murguía quer amostrar que a Ons é a Aunios de que fala Plinio.

A illa estivo deshabitada até comezos do século XIX cando foi repoboada por tres familias chegadas de Loira apelidadas López, Piñeiro e Comesaña. Os colonos rebeláronse contra o propietario, o marqués de Valladares, quen quixo desaloxalos e a piques estivo de morrer na revolta.

As casas dos habitantes das Ons son de piso baixo, con planta rectangular e chan de terra.

O dono ten divididos aos veciños en duas castes asegún a casa que teñen e a renda que pagan: os mais antigos e ricos labouran uns cincuenta ferrados e ocupan un casal, os mais probes, fillos que se foron emancipando por casorio os mais deles, labouran de 15 a 20 ferrados e ocupan unha caseta.

Sobre as xentes indica que “son tristeiros, pechos en sí, receosos, desconfiados”.

As mulleres traballan a terra de sol a sol. Os homes érgense con noite e saen ao mar; voltan de pesca ao meio día; xantan unha caldeirada e vanse a labourar na terra; cean unha cunca de caldo e déitanse moi cedo. Os nenos teñen conta do gando e axudan aos pais na pesca e nos traballos da terra. Non cantan nen xogan: son tristeiros de seu.

O autor afirma que este é un dos lugares galegos onde persisten máis supersticións. Tamén anota varias lendas e contos e dá conta dos xantares típicos nos días sinalados como a compota, as filloas e o bandullo. A única festa importante é a de Pascua, cando a mesa fica posta desde a mañá até o solpor.

O traballo escolma por último as cantigas populares que Das Casas afirma son acompañadas polo son do pandeiro.

Ao pasar as illas de Ons
acórdacheme meniña,
agora que van pasadas
coma si nunca che vira.

Vai dehí pernas de cabra,
pantorrillas de carneiro;
si queres falar conmigo
busca fianza primeiro.

Bailador que andas bailando
sacude ben os calzóns,
que parece que traes neles
un ferrado de abellóns.

Adeus as illas de Ons
con ventanas e vidreiras,
non me pesa de mais nada
senón das mozas solteiras.

(1)    Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
(2)    A xeira dos Ultreia tivo lugar entre os días 1 e 13 do mes de xullo de 1932. O grupo viaxou a bordo do paquebote Xaquín Pérez, percorrendo as rías baixas desde Muros deica Vigo.


Sem comentários:

Enviar um comentário