sexta-feira, 1 de agosto de 2014

FRA VERNERO



FRA VERNERO / Otero Pedrayo, Ramón
19 de novembro de 1934
Nós, Rúa do Vilar, 15, baixo. Santiago.
Volume XLVIII
295 p ; 19 cm.

A novela Fra Vernero escrita por Ramón Otero Pedrayo foi impresa pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en novembro de 1934.

Otero dedicou este libro á revista Logos. (2)

O autor preséntanos nesta obra a cartografía espiritual do escritor alemán Zacharias Werner (1768-1823) e alén diso, como ten sinalado Álvaro Cunqueiro, achega unha visión das últimas décadas do século XVIII e os primeiros anos do XIX europeo e unha análise poética das correntes ideolóxicas que dominaron o continente.

Nun certo senso, e deixando aparte o feito de que se pode tratar neste libro dunha biografía de Werner, en Fra Vernero está a máis amplia, doorida e gozosa á vez, sabia e profunda, ollada de Otero Pedrayo sobre Europa, os pobos, as ideas, emocións e momentos que a formaron. E pode rematar ún estas poucas liñas perguntándose quén, no noso tempo, con tanta beleza, podería facer outro tanto. (3)

Ao longo das páxinas desfilan Napoleón, Mozart, Haendel, Voltaire, Rousseau, Stendhal, Goethe, Hölderlin, Schelling, Hegel, Locke, Kant, Spinoza, Hoffmann, Newton, Leibnitz...

Na introdución do libro Otero conta como sendo neno leu moitas veces “un artigo curto, mistura de adimiración e piedade encol de Zacarías Werner na vella revista europeizante «El Museo de la familias». Despois atopei a mesma figura e uns fragmentos dos seus dramas no sonado libro «De l’Allemagne» e non soupen apenas máis. Nas historias literarias é apenas Werner un nome entre duas datas”.

Impresionado pola desmesura desta figura romántica, decide narrar a peripecia vital do poeta e dramaturgo.

Werner tres veces divorciado, bardo dos cabarets e das mancebías, feio, cacarañado, sensoal, e xenial como un persoaxe rabelesián (Fra Vernero).

Otero Pedrayo ademira a grande vitalidade de Werner, ese desbordo de mente e de alma e corpo do escritor. Werner coas súas esmorgas, cos seus berros, coas súas paixóns como fogueiras, desmesurado sempre, é como unha tempestade. (4)

Werner foi un evocador, capaz de recrear con vitalidade a historia e nisto comparte a paixón con Otero: ninguén mellor ca el soubo narrar o ocaso da fidalguía rural que encheu a historia dos séculos XVIII e XIX na Galiza. Na súa obra mestra, Martín Lutero ou a consagración da forza, Werner reconstrúe a figura do reformador nun drama cheo de forza e viveza.

Pero a historia de Werner será narrada desde a evolución ideolóxica e non desde os feitos, prestándolle especial importancia á conversión do alemán ao catolicismo coroada pola ordeación como monxe. Xa que logo, a obra enfronta o rigor luterano coa relixión católica na súa vertente franciscana, no que resulta un fiel reflexo das inquietudes do autor.

As notas lúdicas e culturais enriquecen o texto, aínda que ás veces dificultan a lectura lineal dos acontecementos. Algunhas, como a que segue, non desmerecen das pasaxes fantásticas escritas por Risco ou Cunqueiro:

Na biblioteca do castelo de Koenigsberg hai un libro inédito de Paracelso que foi folleado pol-o demo chegado en figura de xesuíta: as follas gardan a impresión do cuspe do diaño mal educado, ao lles dar a volta, e todo o que respire encol do libro vólvese tolo.

Sinopse da obra

A novela comeza no cabaré La Ressource. Fidalgos e estudantes mestúranse nas primeiras páxinas coas chegada de Werner, silencioso e adusto.

Werner, o grande místico da sensoalidade, o pontífice de todol-os cabarets, o amante das esposas ardentes dos xiados burgueses, o Mefisto, o D. Xohán, o fáuno do Báltico con máscara de Templario, viva Werner! ¡Pois entr’os estudantes és popular de Koenigsberg ao Rhin!

Mais hoxe Werner agóchase baixo un silencio glacial e no medio da xolda pensa no último acto do seu Lutero.

Logo foi o autómata de todal-as mañáns e saíu a comprire a sua función de asesor no Tribunal. Dende a porta volveuse i-esfollou aos pés do leito, sen crebar o ritmo inocente do sono da dona, a frol que lle dera a xudea do prostíbulo.

Werner era o tolo, o bárbaro ouveador de primixenias intuiciós, un energúmeno de faciana de borracho indino de pousar o pé no xardín das Musas.

Dacabalo entre dous mundos, místico e dionisíaco, Werner chouta da taberna e o prostíbulo ás xuntanzas dos francmasóns.

Cando Chateaubriand pisaba as ruínas de Esparta e Werner cazaba o coturno da traxedia germánica, Napoleón soplou na Prusia e Prusia deixou de eisistir.

Os funcionarios prusianos perden os empregos e Werner colle a dilixencia botándose polos camiños de Europa: Roma, París, Venecia, o infindo Londres afumado. Otero evoca os grandes acontecementos do XVIII, rematado coa morte na guillotina do poeta André Chénier, “a derradeira vítima do Terror”.

Werner comeza a sentir o frío da relixión luterana que profesa, ordenada pola lóxica como un grande sistema pedagóxico onde todo está previsto. Por este tempo estrea o seu Lutero en Berlín, acadando sona e cartos. Despois viaxa ao sur, primeiro Suíza e logo Italia.

Zacarías Werner, afeito âs néboas do Báltico, aos arboredos de lonxâs perspeitivas vaporosas de brétemas e xiadas, ao son do vento cabalgando as landas, fortalecíase no sol latino, aquietaba sua paixón no folgo da enorme priguiza das campías.

Para entender a íntima realidade é preciso fuxir da patria e gozar noutra terra da arela de redimila. Lutero non quixo entender Roma e concibiu unha relixión triste e seria. En Italia Werner renega da Xermania intransixente, ceibándose do orgullo filosófico e étnico.

A conversión, bautismo e ordenación sacerdotal de Werner en Roma ergue en contra del un muro de incomprensión na súa terra. Os vellos amigos séntense traizoados.

Werner mantén en Salzburgo unha conversa co seu protector o príncipe Dalberg, a meirande figura do catolicismo político e eclesiástico da Mitteleuropa, desconfiado das conversións estéticas postas de moda polo goticismo. Werner confesa que baixo a entroidada das tabernas e esmorgas do pasado agromou baixo o sol franciscano o xerme do Zacarías neno.

E cada día Werner vai saindo da historia, da novela, da fantasía. En verdade dende o baptismo de Albano xa non perteñece â vida. Ten fuxido da novela como ao renascer neno e sacerdote. Ao rivés do Doutor Fausto o poeta Werner non tivo precisión de se entender co demo para recobrar a mocidade. Abondoulle con se abrazar â Crus.

(1)    Imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org
(2)    Logos, Boletín Católico Mensual, foi unha revista pontevedresa de pensamento e humanidades publicada entre 1931 e 1936 que procurou achegar a lingua galega ao culto católico. Entre outros contou coa colaboración de Risco, Castelao, Otero, Iglesia Alvariño, Álvaro das Casas, Cabanillas... (Xavier Castro Rodríguez. Publicado en GaliciaHoxe.com)
(3)    Zacharias Werner. Álvaro Cunqueiro. Grial nº 52, abril-xuño 1976. Editorial Galaxia, Vigo.
(4)    Ibidem anterior.


5 comentários:

  1. Moi boas:
    Cantos exemplares saíron dunha obra coma esta de Fra Vernero? E unha curiosidade: os libros presentados aquí son propiedade do dono do blog?

    ResponderEliminar
  2. Bo día, resulta difícil saber cantos exemplares tiraba Casal dos seus libros. Si sabemos que as novelas Lar tiñan unha tiraxe de 3.000 exemplares, pero neste caso, e tratándose unicamente dunha impresión persoal, non creo que chegasen nin sequerea por aproximación aos 1.000 libros.

    Por exemplo, sabemos que as separatas do SEG tamén editadas por Nós tiraban douscentos ou trescentos exemplares.

    Con respecto aos libros, teñen diversas procedencias.

    Un saúdo cordial

    Xabier Iglesias

    ResponderEliminar
  3. Odio este libro, paréceme un coñazo de ler, é bastante difícil de seguir o fío da historia e a trama é mooooooi lenta.

    ResponderEliminar
  4. Esta é unha das chamadas novelas culturais de Otero, escritas a mantenta para un público reducido e que, máis ca centrarse na acción, establecen cartografías mentais das personaxes. Si é certo que as disgresións empecen seguir o fío da historia. Eu tentei ler este libro con vinte anos e non fun quen de facelo. Anos máis tarde gocei coa lectura. Por outra parte teño comprobado que resulta complicado ler unha das obras culturais illada das outras e cómpre ler varias seguidas para entrar con mellor pé no universo do autor e comprender os seus mecanismos narrativos. En todo caso é literatura, e todo é cuestión de gustos.

    ResponderEliminar