sábado, 18 de outubro de 2014

BREVIARIO DA AUTONOMÍA



BREVIARIO DA AUTONOMÍA / R. Villar Ponte
29 de maio de 1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
Volume LV
122 p ; 18 cm.

O ensaio Breviario da Autonomía escrito por Ramón Villar Ponte
(2) foi impreso pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en maio de 1933.
A ilustración da portada é obra de Xurxo Lorenzo (3) e identifica un puño e un brazo portando o estatuto.
O libro está dedicado aos irmáns galeguistas que compartiron con Villar o devezo autonomista.
Aos irmáns Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Alfonso R. Castelao, tres faros xurdiamente lumiosos do roteiro que a Galiza anda a percorrere en procuro da sua liberdade.
Este ensaio foi publicado por Nós poucos meses antes de dar ao prelo o folleto de Banet Fontenla, A prol do Estatuto (4); dous documentos que exemplifican o intenso debate social que acompañou a elaboración e aprobación do Estatuto de Galiza entre 1931 e xuño de 1936, saídos á rúa nun momento de especial significación, poucos meses despois da aprobación do proxecto de Estatuto pola Asemblea de Concellos en decembro de 1932.
Xa que logo, a intención de Ramón Villar como tamén a de Banet, era a de argumentar a necesidade de aprobar decontado o estatuto de autonomía, enumerando as vantaxes que este texto había traer para o goberno dos galegos.
Como grau de area aportado â obra común do abranguemento das nosas liberdades, se presentan istas liñas divulgadoras, istas liñas que tencionan seren algo eisí como unha eiséxesis crara, rexa e contundente do que a autonomía é e do que a autonomía supón.
Este tempo histórico coincide coa recente aprobación do estatuto catalán e a próxima presentación nas Cortes republicanas do estatuto vasco, e os nacionalistas galegos, mirándose no espello de Cataluña e Euskadi, non quixeron deixar pasar a oportunidade de acadar un maior autogoberno para Galiza.
A ignorancia fomentada polas vellas taifas partidistas e a fobia a todo o que supoña modernización son, a xuízo de Villar, os motivos polos que os galegos non defenden o seu autogoberno. Por este causa o autor escribe o texto cunha intención didáctica, nun momento de especial importancia debido “ao derrubamento da apodrecida monarquía e o seu troque pol-o réximen repubricán, que posibiliza e fai doada unha nova estructuración estatal”.
O autor segue as teses federalistas de Pi i Margall (5) quen anticipou como a futura unidade europea había respectar o autodominio das partes diversas. No xuízo de Ramón Villar, este mesmo principio rexe a organización dun estado composto por pobos heteroxéneos, onde a riqueza do conxunto procederá do carácter vizoso dos seus membros.
Sinopse da obra
O texto comeza enxalzando as vantaxes da aprobación do estatuto catalán e reclama a instauración da República federal ou ben a Confederación das repúblicas ibéricas.
A feliz aprobación do Estatuto autonómico catalán, cô que a groriosa irmáa mediterránea ten de iniciare o vieiro da sua liberdade efectiva, foi como un toque de chamada â movilización xêral. Todos cantos vimos loitando decote pol-o milloramento e a libeiración das nazonalidades peninsuares en que fumos nados, ben podemos eiscramare que a nosa hora é chegada.
O autor analiza en primeiro lugar os grandes imperios da antigüidade, concluíndo que non constituíron unidades políticas ríxidas gobernadas por administracións centralizadas. A fin da Idade Media e o comezo da era Moderna deron inicio á fundación dos estados unitarios arredor das monarquías, que aproveitaron o apoio do pobo para acabar coa anarquía dos señores feudais, arrincándolle logo os seus dereitos.
Taes estados unitarios son obra da imposición, son froito do egoísmo, son consecoenza natural do afan dos monarcas de actuaren sen estorbos, ceibes de todo control e de toda soma de poder que non sexa o propio.
Xa que logo, o estado unitario é unha fase da evolución histórica destinada a reorganizar a autoridade e debe dar paso a outro modelo de estado. Se o século XIX foi o tempo dos dereitos individuais, o XX será o tempo dos dereitos colectivos en que os estados tenderán á forma federal.
Os estados descentralizados son máis eficientes. A convivencia entre as rexións autónomas resulta natural e para sometelas á uniformidade é preciso utilizar a violencia, e os estados asentados na forza son efémeros.
A estructuración do Estado en países autónomos é algo que pón á íste á cuberto do soerguimento de poderes facciosos e ilexítimos. N-efecto, dentro dos perigos que un Estado unitario pode correre se atopa en pirmeiro termo, e cicáis como único asiñalado, o do militarismo (...) entón abonda pra que o movimento trunfe conque o centro fique en poder dos sediciosos.
As vantaxes da Autonomía resúmense no seguintes puntos:
  • As rexións autónomas deberán tomar noción da súa propia responsabilidade.
  • Os cidadáns han interesarse máis polas cousas que lles afectan porque os esforzos contribúen a mellorar o entorno inmediato.
  • Cada rexión organizará un parlamento propio co obxecto de atender os problemas sen diluílos nas Cortes xerais, das que como moito agárdase que non empezan as iniciativas rexionais.
  • Os cidadáns terán acceso doado aos representantes, debendo axustarse estes ao cumprimento do deber para conservar os poderes.
  • Os parlamentos centrais do estado han dedicarse a cuestións superiores alén dos localismos.
Os inimigos da autonomía temen que con ela prenda a semente do arredismo. Tamén apoñen que un caciquismo de novo cuño substituirá o vello caciquismo, utilizando o espello da mala administración das deputacións e estendendo os comportamentos caciquís ás novas administracións autonómicas. Outra crítica afirma que na autonomía non hai persoas preparadas para atender as funcións públicas.
As diputacións proviciaes son algo falso, tan falso como o é ista división da Hespaña en provincias, cuio fundamento e xustificación se non atopan por parte algunha.
Villar cita en apoio da autonomía a Montesquieu, Tocqueville, Proudhon, Vandervelde, Pi i Margall, Nicolás Salmerón, Emilio Castelar e Xaquín Costa.
A restauración das rexións puidera sere unha de isas fontes cegadas, onde algúns fíos de auga corran subterráneos e agarden o golpe do sacho restaurador que lles achae o vieiro da superficie. Xaquín Costa. (6)
Galiza é un país de personalidade plena, con alma propia manifestada na súa lingua e para ela un estado centralista e ensimesmado non é máis ca unha rémora, incapaz de dar respostas ás demandas do pobo.
Os autonomistas somol-os bos, somol-os millores, e á pouco que faigamos, a Galiza enteira, ista Galiza da que tanto levan abusandol-os logreiros de toda traza, virá acarón de nós, disposta á conquerire, sexa como sexa, a degoirada e indispensábel autonomía.
(1)    Fonte da imaxe de Ramón Villar Ponte: realacademiagalega.org
(2)    Antón Villar morreu na Coruña o 14 de setembro de 1953 con 63 anos. Segundo nos informou súa filla Teresa Villar Chao a consecuencia dunha malleira propinada polos falanxistas na rúa do Orzán. A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto. Ediciós do Castro, 2003. p. 193.
(3)    Xurxo Lorenzo Fernández. Etnógrafo e debuxante, irmán de Xaquín Lorenzo, “Xocas”. Ourense, 1910 - Zaragoza, 1934.
(4)    A prol do Estatuto. Manuel Banet Fontenla. Editorial Nós. Compostela. 1933. Este folleto foi comentado nos Libros de Ánxel Casal en febreiro de 2014.
(5)    Francesc Pi i Margall (1824-1901) Presidente da Primeira República Española e partidario do federalismo.
(6)    Joaquín Costa Martínez (1846-1911) Representante do rexeneracionismo decimonónico.

 

Sem comentários:

Enviar um comentário