sábado, 11 de outubro de 2014

LEMBRANZA BIOGRÁFICA DE DON MATEO SEGADE BUGUEIRO



LEMBRANZA BIOGRÁFICA DE DON MATEO SEGADE BUGUEIRO / Armando Cotarelo Valledor
1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
124 p ; 28,5 cm.

O traballo Lembranza biográfica de Don Mateo Segade Bugueiro (1605-1672) Arcebispo de México, obispo de Cartaxena e fundador do Colexo e Obra Pía de Melide escrito por Armando Cotarelo Valledor foi impreso pola editorial Nós na rúa das Hortas de Compostela en 1933.
Esta separata exenta tamén foi incluída no volume monográfico Terra de Melide (2), onde o Seminario de Estudos Galegos reuniu os traballos efectuados polos membros da institución entre 1929 e 1931 co obxecto de desvelar as circunstancias históricas, arqueolóxicas, xeográficas, etnográficas e folclóricas desta comarca.
A monografía de Cotarelo é a máis extensa das recollidas no volume e nela rescata do esquecemento a figura do melidense Mateo Segade Bugueiro, representante da aristocracia eclesiástica do seu tempo.
Inda que as descabaladas páxinas seguintes non cheguen â verdadeira biografía, sirvan ô menos pra relembrar piadosamente a lene soma de DON MATEO SEGADE BUGUEIRO, inmortalizado pol-a Obra piadosa de Melide.
A biografía laudatoria dá conta da carreira do arcebispo e analiza polo miúdo os anos pasados en México, revelando os conflitos que sostivo decontino coas autoridades civís tanto en América como en España.
Sinopse da obra
Mateo, fillo do capitán e escribán Mateo Segade e de Ana Bugueiro, naceu o 20 de outubro de 1605 no lugar de Trasigrexas, unha pequena aldea de oito ou dez fogares preto de Melide, onde había trasladarse a familia cando o neno ficou orfo de pai con sete anos.
Filla de crego, neta de crego, Ana Bugueiro tiña ben esprimentada a verdade – destoncias – do refrán “tella de igrexa, ouro gotexa”, e ansí, sin vacilar, incrinou o ánimo dos seus fillos â carreira do sacerdocio.
Segade mereceu unha das becas do colexio Fonseca (3) e ingresou con 24 anos na institución onde había graduarse no bacharel de Artes e doutorarse en teoloxía, ordenándose crego en Mondoñedo.
Desde entón non deixou de medrar na igrexa amparado por algúns valedores, entre os que contou principalmente coa protección do tamén galego Baltasar de Moscoso, arcebispo de Toledo, quen en 1654 conseguiu que Felipe IV promovese a Segade á dignidade de arcebispo de México cando contaba 49 anos.
O arcebispado chegaba de mar a mar, tendo a costa de Huasteca no do norte (Atlántico) e a de Acapulco no sul (Pacífico).
Durante os cinco anos en que exerceu como arcebispo non cesaron as liortas entre Segade e o vicerrei Alburquerque, quen procurou por todos os medios removelo do cargo. Os cruces de informes denunciando os agravios mutuos provocaron o cesamento dos dous, e mentres o vicerrei tomaba o mando da escuadra armada contra Portugal, Segade volveu a España para presentar o seu informe diante do Consello de Indias.
Así dou razón Don Mateo do que del se agardaba e satisfeitos deberon quedar tanto o Consello coma Felipe IV, pois nomeóuno este seu Capelán e seu Conselleiro.
Con todo, o máximo órgano de goberno do Novo Mundo determinou afastalo definitivamente da igrexa de México e procuroulle acomodo na diocese de Cartaxena en Murcia, onde tamén acabaría enfrontado co poder civil.
Don Mateo Segade Bugueiro falesceu, cuasi de repente, no seu pazo episcopal de Murcia na amanecida do 28 de agosto de 1672, contando 66 anos 10 meses e 8 días, e cando se cumprían oito aniversarios da sua entrada en Murcia-Cartaxena.
A Obra Pía de Santo Antonio de Melide
Apenas Don Mateo voltóu de México, quixo realizar o desexo de muito antes arelaba. Tratábase de dotar â sua patria de unha istitución tan piedosa como benéfica, mirando en especial a enseñanza, sempre fundamental pro ben púbrico e utilísima n-unha bisbarra desprovista d’ela estoncias.
A capela (4) e o edificio anexo da Obra Pía foron construídos sobre a casona propiedade dos antepasados do arcebispo coa intención de erixir un lugar de culto onde a maiores os mozos melidenses aprendesen gramática, teoloxía, artes e filosofía, dispoñendo tamén dun “maestro que enseñe a leer, escribir y contar, sin, por razón de ello, llevar cosa alguna”.

Obra Pía de Melide / Estatua orante de Mateo Segade

O arcebispo non chegou a ver rematada a Obra e consignou as súas propiedades para soster a fundación. Non obstante estes bens diminuíron logo da súa morte, enguedellados nos preitos interpostos pola igrexa e as autoridades civís contra o padroado e só unha pequena parte deles chegarían a empregarse na fundación, que mantivo a actividade docente até ben entrado o século XIX.
Actualmente o edificio está ocupado polas oficinas do concello de Melide.
O libro complétase coa documentación empregada por Cotarelo na investigación sobre a vida de Segade Bugueiro.
(1)    Fonte da imaxe de Armando Cotarelo: I.E.S. Armando Cotarelo Valledor.
(2)    Terra de Melide. Varios autores. Editorial Nós. Compostela, xuño de 1933.
(3)    Os requisitos establecidos para acceder a unha das vinte e dúas becas contemplaban ser galego, entre 18 e 25 anos, de boa vida e liñaxe, sen mal contaxioso nin raza de xudeu ou mouro, e con antepasados sen oficios viláns como zapateiro, serrador, pregoeiro, verdugo, coidador de porcos, carrexador de sardiña, carniceiro, etc. Non serían fillos de crego e traerían sabidos tres cursos de Artes.
(4)    Na capela da Obra Pía están as estatuas orantes de Mateo Segade e o seu sobriño Antón Varela Segade, primeiro padroeiro da institución.
(5)    Fonte da imaxe da Obra Pía de Melide: foros.xenealoxia.org
(6)    Fonte da imaxe orante de Mateo Segade: asociacionalverde.blogspot

Sem comentários:

Enviar um comentário